Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


ANTÓN CORTIZAS: Ós nenos gústalles a poesía, entenden as metáforas e os ritmos
Diario de Ferrol - 2011-12-24

ENTREVISTA DE M.J. RICO


Vaia tropa!”, é un proxecto recente?
—Este libro leva feito dez ou once anos pero non sei que fado ocorreu que quedou así, sen editar... foi un traspapeleo destes que se dá. Ultimamente, pegueille un repaso.
—É poesía para nenos.
—Son poemas moi breves todos eles, de cinco versos, aínda que longos, de situacións absurdas, do “nonsense”. Pretendía que provocase unha maneira diferente de poñerse a ler. Por iso interprétase tamén como un xogo.
—Que teñen en común?
—A liña que os une é a estrutura do verso. O verso é ó estilo dos limericks, que son uns poemas de tradición oral populares en Irlanda. Proveñen desa cidade e divulgounos moito Edward Lear no século XIX. Non coinciden exactamente porque os limericks son cinco versos de menos sílabas, e os últimos, algúns, son de pé quebrado. Estes non, fíxenos todos iguais. Son poemas do absurdo e moitos deles situaban en cidades ou localidades a tipos curiosos, cun detalle bárbaro, estraño. Os meus, en común con eles teñen que vai sendo así, personaxes que viven nalgún sitio. E ese sitio procurei que fose o noso país. E logo teñen algún transfondo, evidentemente, entre liñas hai lecturas claras.
—Por exemplo? Algunha referencia social?
—Pois entre elas, algunha referencia vai á lingua. Tamén hai un que fala do país das merendas, que é o noso: “Coñezo unha terra, un país de lenda, que chea de festas ten a súa axenda”.... Son dese estilo, cunha dobre lectura.
—As ilustracións, de María Reyes Guijarro, axudan ó xogo.
—A miña idea, cando presentei o proxecto, era que algúns destes limericks fosen ilustrados de forma anamórfica. Son ilustracións que se teñen que mirar a través dun espello cilíndrico, están deformadas de tal maneira que ó colocar un espello cilíndrico en determinado lugar na páxina vense ben. É unha técnica pictórica que existe desde hai séculos e que lle dá tamén unha certa variación. E outras ilustracións van acompañadas de peculiaridades do propio texto. Unhas en curva, outras ó revés, hai que lelas a través do espello tamén. Hai propostas de lectura diferentes porque tamén os versos lense ó revés, outros ó dereito, outros de arriba a abaixo, outros hai que lelos de esguello, é dicir, poñendo o libro en horizontal e poñendo os ollos ó nivel da páxina.
—Hai déficit de poesía para os nenos?
—O déficit vén dado polo que se edita e polo que non se edita, nada máis. O que sobra é poesía, e teatro e narrativa. Se hai oportunidade de editar e a xente le a capacidade creativa de calquera lugar do mundo desenvólvese. Foi o que nos pasou a nós. En canto a lingua, tenta lograr o estatus que merece e que lle corresponde por natureza, empeza a desenvolverse a literatura e outras cousas máis. A lingua é unha riqueza que non podemos negar ninguén, crea postos de traballo, permite exportar os autores, tradúcense os libros... en tódolos aspectos é unha riqueza a nosa lingua, é unha pena que a xente non o comprenda así e a destrúa. Pero, como dicía, se hai a oportunidade de editar a xente escribe. En poesía, o problema é que se vende menos, non sei cal é a razón pero a xente le máis narrativa. Ó ser máis difícil editar, pois hai menos. Co teatro pasa outro tanto, aínda hai menos. Pero cando hai concursos literarios de teatro preséntase xente. O que pasa é que logo, ó mellor, dese certame edítase unha obra, dúas ou ningunha. Ó mellor é iso da oferta e da demanda.
—Porén, a poesía semella moi axeitada para lerlles ós nenos ou para que canten e lean contigo.
—Ós nenos gústalles a poesía, e son moi capaces de comprender as metáforas e os ritmos. A poesía é ritmo sobre todo e iso entra moi ben para a lectura, a lectura con ritmo é preciosa.
—Agora mesmo, ten algún proxecto editorial pendente?
—Eu espero que para o próximo ano saia o libro que se vai chamar “Tastarabás”, que ten Xerais en maquetación.
—¿Tastarabás?
—É o nome da carraca na zona norte de Cedeira e por aí. É un libro sobre o xoguete e o brinquedo tradicional que máis ben van ser dous ou tres tomos. Levo traballando nel desde o ano 2004, que foi cando empecei a sistematizar e a organizar. Estendeuse, estendeuse, estendeuse... ata ser necesarios varios volumes. Levará moitísimas fotografías, máis de 2.000. E tamén a descrición de como se fabrican, algúns xogos que se fan con eles, referencias literarias que hai sobre ese tipo de brinquedo.
—Polo que comenta, sería como unha referencia para o xogo tradicional, case unha enciclopedia.
—Si, por aí vai a cousa. Entre unhas cousas e outras sobrepasa as mil entradas. É que dentro dunha mesma entrada hai variantes ou varias posibilidades de fabricación.
—Que ámbito abarca, Ferrolterra?
—Toda Galicia, dentro das miñas posibilidades. Houbo moita colaboración e moita axuda de compañeiros do traballo, da escola. A algúns lugares ós que fun por isto da literatura presenteilles unhas fichas para ver se me facían o favor de que os nenos preguntasen na casa e iso enriqueceu moito o traballo. E logo hai tamén moita bibliografía, eu creo que da que está publicada no noso país, case toda, porque toda nunca o podes dicir. E logo, comparando con outros países e con outros lugares, hai bibliografía do noso ámbito cultural europeo. Ó final, a conclusión é que todos temos a mesma cultura lúdica e todos procedemos da mesma orixe.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-12-2011 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal