Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Preescolar na Casa 'deixará' 4.000 familias en agosto se a Xunta non a financia
RETIRÁRONLLE TODAS AS PARTIDAS

Rexistra unha iniciativa lexislativa popular para reclamar apoio e evitar o desemprego de 42 traballadores.


O comité de empresa de Preescolar na Casa rexistrou este martes unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para reclamar á Xunta que "reconsidere" a súa decisión de deixar sen financiamento este servizo porque, pola contra, a súa "data de caducidade" será "agosto de 2012".

Explicouno aos medios nos corredores da Cámara o portavoz do comité, José Expósito, quen explicou que a ILP, para cuxa tramitación parlamentaria deberán solicitar 15.000 firmas, ten por obxecto demandar ao Goberno galego que "incorpore" o programa Preescolar na Casa "dentro dos servizos propios da Administración galega no ensino público".

Iso, ante a "negativa" da Xunta a "apoiar economicamente" este servizo, tal e como apuntou Expósito, despois de precisar que a achega da Xunta "está a cero". "Fóronsenos retirando sistematicamente todas as partidas", denunciou, para detallar que a Consellería de Traballo "non achegou" os 200.000 euros comprometidos e que a Secretaría Xeral de Política Lingüística "xa comunicou" que retirará a súa partida dos orzamentos para o ano próximo.

Así, este programa "unicamente" conta con "pequenos apoios" de deputacións provinciais e outras institucións, segundo sinalou o portavoz do comité de empresa, xunto cunha achega de 500.000 euros do Ministerio de Sanidade. "Pero se non conseguimos outros medios de financiamento, non poderemos darlle continuidade ao servizo", remarcou.

4.000 FAMILIAS SEN SERVIZO

A suspensión deste programa suporía, en palabras de Expósito, que "4.000 familias quedarán sen atender". "Desexamos que a decisión se poida reconsiderar e que as familias galegas poidan seguir gozando dun servizo que se desenvolve desde hai 35 anos", solicitou.

Porque, como explicou preguntado polos medios, este servizo é "único". "Non somos unha gardaría itinerante, senón un programa de formación de pais con nenos de até seis anos", puntualizou, para deixar claro, a continuación, que non existen servizos similares "a nivel Galicia nin a nivel nacional". "Non hai resposta a nivel público que cubra este servizo", avisou.

42 EMPREGADOS SEN TRABALLO

O peche deste servizo suporía tamén, como dixo, o despedimento de 42 persoas, das que 18 xa sufriron unha redución de xornada ao 50 por cento debido a un ERE que deixou en estado de suspensión a outros 20 traballadores.

"Esta situación está planificada cun orzamento de 400.000 euros da Consellería de Traballo", explicou, para advertir de novo de que, se non atopan novas vías de financiamento, a achega do Goberno central unicamente permitirá "dar continuidade ao programa até fin de curso".

E é que os seus orzamentos se dedican integramente ao pago das nóminas, de modo que "non hai de onde aforrar". "Se non hai medios para custear a parte laboral, non podemos aforrar doutros conceptos", recalcou.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-12-2011 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal