Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Recordámoste de Antía López
RECORDÁMOSTE...

Porque sorrías sempre
Aínda que fosae o luns ou fose tarde ou foses canso.

Porque as túas mans eran innumerables
E podían estar á vez en todas partes.

Porque sabías facer breve o desencanto
E argallar historias
Para vencer mil e unha noites.

Porque non marchabas ata deixalo todo en orde
A a túa paciencia era desesperante, incorrixible, interminable...

Poeque se non estabas é que andabas entre bastidores:
Preparabas focos, altavoces,decorados...
E anunciabas despois que “ a vida é soño”.
E soñar era unha obriga para todos.

Porque co maino azul das túas acuarelas
Sabías namorar.
Como cantiga de amigo.

Porque volcaches en nós un desconcerto
Como arrepío
E precisamos máis que nunca das certezas:
De pensar que o que non está tamén existe,
De pensar que sen estar con nós
Segues sendo nós
E sendo noso.


Antía López

Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras para Meizoso - de Antón Cortizas
PALABRAS PRA MEIZOSO

Tiñas a paciencia do resío
A calma do horizonte
A serenidade dos crepúsculos...

Cando eu te coñecín
Engadín nova palabra aos dicionarios:
Dende entón na miña fala,
Meizoso é un sinónimo perfecto de bondade.

Falaches e ensinaches nunha lingua que é metáfora
Moumeácheslle ao vento
Esrúxulas e graves voces,
Agudos sons e os pronomes
Persoais que habitaban
En cada un dos rostros
Que con doce mestría educaches.

Un día decubriches
Que sabías chorar luz con acuarelas
E saíron dos teus ollos
As cores necesarias
Coas que escribiches as verdes paisaxes
Que o teu idioma azul aloumiñaba.

E fúcheste moi cedo
Quizabes por pensares
Que ías chegar tarde
Ao cálido infinito que xa eras.



Tras – das- Sebes, 20 de abril do 2006

Con este agarimo que aínda teño

Antón Cortizas.
Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do acto por Melba Couto
Boa tarde a todos e a todas.

Grazas por arroupardes coa vosa presenza este acto sinxelo pero emotivo que en honor de X. Carlos Meizoso organizan as E.N.L. das que el foi membro activo desde a súa fundación, traballando intensamente no desenvolvimento das actividades que estas Equipas veñen realizando cada curso académico ( ano tras ano), coa única finalidade de recuperar ámbitos de uso para anosa lingua entre os máis novos.


Grazas polo afecto que deborda esta sala ateigada , o que define sen necesidade de palabras a figura de Meizoso.

As E.N.L queremos a través desta pequena pero merecida homenaxe, expresar o noso afecto polo compañeiro ausente e ademais, deixar constancia pública do importante labor que Meizoso desenvolveu, no ámbito da Normalización Lingüística, e contribuir a que o seu nome teña o lugar que sen ningunha dúbida merece na memoria histórica.

Grazas de xeito especial a Luisa ( as úa dona) e ás súas fillas Laura e Teruca que nos aportaron o material máis persoal, facilitándonos así o traballo organizativo.

Para min é moi dificil estar falando de Meizoso porque non só foi un compañeiro de traballo nas E.N.L. senón que ademais compartimos ( durante 16 anos) o centro de traballo ( IES “ Sofía Casanova”) e concretamente o Departamento de Lingua.
Comprenderedes pois, que as emocións se me agolpen impedindo a fluidez das palabras.

Quen coñeceu a Meizoso sabe que era un home bo, especialmente bo, alegre, especialmente alegre, calmo ( sempre andaba ás presas pero nunca tiña presa), traballador, amable... e así até un sinfin de adxectivos que el desbordaba de contido. Mais, a partir de hoxe, eu definirei a Meizoso coa palabra “ Orballo” esa chuvia tan nosa, tan fina ( que parece que non molla), tan persistente ( que vai enchoupando) e acaba por deixarnos nos ósos unha dolor perenne; do mesmo xeito, Meizoso foi anegándonos coa súa estadía cotiá e a súa inesperada ausencia deixanos unha chaga profunda no fondal da alma.

Era un deses seres pouco habituais aos que é ben dificil enfadar e aos que é imposibel non querer, por iso a súa presenza permanece en cada recuncho do Sofía Casanova ( a súa segunda casa) e a,oitos dos que alí traballamos, resúltanos ben difícil acetar que esa presenza xa non é posible visulizala. Particularmente, sinto señardade do alegre compañeiro ausente. Por sio foi que escribín pensando nel unhas palabras que non chegan a versos pero que son puro sentimento.

Para Meizoso ( Mei como lle chamábamos, agarimosamente, as súas compañeiras de Departamento).

“ IN MEMORIAM”

Mei-compañeiro e amigo-
Neste día da primavera que xa agroma,
Pese ás ráfagas violentas que te ocultan,
Permaneces abalado no aire,
Por encima de todas as tormentas.

Agora, es vento, libre e silandeiro
Que nos convida a seguir resucitando
Esta lingua túa e nosa
Pese á galería de vidros rotos
Que de cotío nos esgana.

Anfitrión bo e xeneroso que nos anima
A non ser espectadores mudos
Dun espolio permanente.

A túa loita amable non ha quedar en terra erma
Porque o teu vigor incansable e a túa sabiduría calma
Han ser para nós facho constante.

Ti, Mei, fuches, es lingua viva que triunfa
E que nos chama a insistir nesta conquista
Que por máis que se demore ha ser victoria certa
Porque o tempo xa está andando
E ha ir esmacelando aramios, lavando farrapos,
Trocando a cor dos prados.

O tempo, ha ir xermolando
E ha brillar o setestrelo onde houbo noitébrega
E arelas de luz onde houbo sombras dondas
Porque xa non doe o medo
Porque hai lumieiras no cume dos soños
E imos furendo paseniño
Esmiuzando os penedos
Escorrentando os espectros.

O onte xa declina nun mañá
Que esgaza un longo inverno de silencio;
¡ Habemos de erguer a esperanza !

E ti e Nós diremos : Meu
Diremos: Noso
E xa non nos han pesar as pálpebras
E non camiñaremos en terra escura
E hanos sorprender o outono
Dicindo lóstrego e non relámpago
Castiñeiro e non castaño
E haberá por fin cerdeiras, paxaros e liñeiros.


Viaxaremos sen disfraces
Seguros de nós mesmos

SEMPRE SOLIDARIOS

Daquela ¡ Mei ! Has estar para celebrármolo
Cantaremos a Pondal e seguro has pintar un cadro.



Melba Couto Pedreira
Ferrol 22 de abril 2006


Comentarios (1) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
Agradecemento aos colaboradores no acto
Sigamos sendo follas deste carballo cheo de vida e busquemos no seu seo mil primaveras mais para a nosa lingua.
X.C.Meizoso. Ferrol 1997

Moitas grazas pola túa colaboración neste acto, agardamos continuar atopándonos no camiño dunha lingua normalizada.

Un saúdo
A Secretaria: Carme Rodríguez Tizón
O Presidente: Xosé Manuel Pazo
Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 19-05-2006 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Invitación cursada para o acto de homenaxe ao compañeiro Meizoso
A rúa seguía encostada, a terra de embaixo así o demostraba, a casa no seu sitio estaba e o choro verdecente a medrar continuaba, non calaba e non calaba. Naquela terra interior o carballo afortecía e medraba; mais a cidade... murchábao, necesitaba zoar anos de silencio...

El era da terra e nela había de chantarse, fose como fose, e así enxertou nun pequeno outeiro para poder ver o esteiro que ía levando a historia, a ciencia, a esencia e a expresión primixenia de quen en principio o traballaba.
E Caranza ... goreceuno no seu centro cultivándoo con orgullo


X.C.Meizoso.4º certame de Recitado de Poesía Ricardo Carvalho Calero, Ferrol 1997



El sempre estivo connosco aportando esforzos no camiño da normalización da nosa lingua ... Sempre estivo connosco dende aquel 7 de outubro de 1992 no que 17 centros da comarca decidimos formar a COORDINADORA DE EQUIPAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Permitídenos que remate coas palabras do noso editorial no ano 1998 :

Amamos a lingua, e a lingua é o que amamos. É por iso que non pretendemos de ningún xeito que ninguén fique fóra da nosa actividade, que ninguén se vexa privado de emocionarse coas metáforas que unha vez máis foi posíbel arrincar da gorxa a nosa mocidade, ben que nos gustase arrincarllas dos recunchos máis sinceros e duradeiros dos seus pensamentos

É unha honra convidarte ao acto de homenaxe a Meizoso.


Gostaríamos que o vindeiro 21 de abril de 2006, ti estiveses connosco homenaxeándoo.

Un saúdo


A Secretaria: Carme Rodríguez Tizón


O Presidente: Xosé Manuel Pazo
Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 19-05-2006 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Meizoso
Cartel utilizado para a homenaxe ao compañeiro José Carlos Meizoso, membro fundador deste Coordenadora e motor de moitas das actividades celebradas por ela.
Comentarios (1) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 18-05-2006 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal