Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Marcelino Fernández Mallo - As matemáticas de Feijóo
Vieiros


A lingua galega non vale para aprender Matemáticas, Física, Química ou Tecnoloxía. Velaí o corolario do aniversario. En Brasil van ter un problema, e así tamén en Portugal. Iralles Feijóo co decreto e as Ciencias, a partir de entón, en castelán. Se non serve acó tampouco non servirá acolá. Seica no canto de fonemas e sintaxe, estes manexan prexuízos, servidumes e miserias persoais.

Ei-lo logro principal do Partido Popular: demostrar que soamente a través dunhas linguas elixidas se poden trasladar coñecementos complexos. Non é o caso da lingua galega, non. Como explicar límites ou derivadas en galego? Será porque, cando se pilla un galego no medio dunha ecuación, non se sabe se suma ou resta. As linguas, din os científicos, multiplican. Algúns gobernos dividen. Este, ademais de incapaz e miserable, saíunos cateto. Sumamente cateto. Multiplicadamente cateto. E será, tamén en galego, o cadrado da hipotenusa igual á suma do cadrado dos catetos?

Ei-lo mérito fundamental do Partido Popular: contentar a ABC, a COPE, El Mundo e a Rosa Díez, por máis que ela disimule. Feijóo, o pexorativo. Meteu a Falanxe en Presidencia e o Opus na Comunicación. Como nos anos 50. E foi visita-lo Papa. Non era Pío senón Bieito, ou sexa, Benedicto. Benedicto sabía da existencia da lingua galega. Feijóo fai todo o posible pola súa inexistencia. E como non levaría a Rosa Díez? Abondaríalle con poñerlle unha cruz dourada no peito.

Ei-lo obxectivo esencial do Partido Popular: convence-los galegos do seu fado pexorativo. Porén, non condenan o franquismo. Todo o contrario, louvan a Millán Astray. Quen son os pexorativos? O un de Ferrol, o outro da Coruña, este d’Os Peares. Quere mandar á cadea os profesores de matemáticas que impartan a materia en galego, por nacionalistas. Aquí, ou nacionalista galego ou nacionalista español. E que Viva la Guardia Civil!

Ei-las matemáticas básicas do Partido Popular: os votos outorgan o dereito a facer e desfacer, sobre todo a desfacer. Agora, medidas contra a crise económica, cero, conxunto baleiro. Quizais queiran coa-las edificacións no litoral e nas reservas naturais. A destrución do medio polos votos cidadáns. Coma Hitler, que tras gaña-las eleccións, provocou unha guerra mundial. Ou Bush, que invadiu Irak. Ou Chavez, a quen o monarca mandou calar. A cousa é sumar máis votos. Despois, a gobernaren como sempre fixeron. E como aprendeu Feijóo se cadra dende a escola; en castelán.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-03-2010 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Desde hoxe mesmo podemos rexistrar un galiza.gl, nación.gl ou calqueracousa.gl
[GZnación / Redacción]18 de Marzo do 2010

DOMINIOS NA REDE

Tal e como vén de anunciar a empresa promotora da iniciativa, Dinahosting, todos os particulares, colectivos, institucións e empresas que o desexen poderán rexistrar sen calquera tipo de restrición e desde hoxe mesmo unha extensión .GL.

Desde Dinahosting afirman que tanto pola súa proximidade fonética cos xentilicios "Galego"/"Galego" e os topónimos "Galicia"/"Galiza", como pola enorme cantidade de nomes de dominio aínda dispoñibles para rexistro se tratase dunha oportunidade inmellorable para que "valoricen e sitúen" os seus proxectos na rede.

A pesar de que a extensión .GL é un dominio vinculado a Groenlandia, grazas ao acordo entre Tele-Post (principal empresa de telecomunicacións de Groenlandia) e Dinahosting, o público galego poderá acceder case en "exclusiva" a un novo activo co que crear unha marca distintiva de alto valor engadido; mentres que a comunidade groenlandesa, composta por nos 57 mil habitantes, beneficiarase da obtención de recursos adicionais para o seu desenvolvemento.

O uso comercial de extensións xeográficas pola súa afinidade fonética é habitual na rede, e é posible atopar paralelos nos dominios .TV (o ccTLD das illas Tuvalú, usado para referir proxectos orientados ao audiovisual), .ME (o ccTLD de Montenegro, usado para facer composicións cos pronombres de primeira persoa en castelán, galego, inglés, italiano e portugués) e máis recentemente os .CO O (o ccTLD de Colombia, que explota o seu concomitancia con CO, abreviatura de "company", en inglés).

Dinahosting responde deste xeito á demanda dos seus usuarios e usuarias disponibilizando, desde xa mesmo, o rexistro de dominios .GL. Segundo a empresak deste xeito "redúcense os custos que levaba ata hoxe unha contratación internacional", e a automatización notoria de todos os procedementos administrativos e de xestión para o cliente final, conclúen.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-03-2010 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Anxo Lorenzo contradí a Jesús Vázquez ante os editores
Mentres, o conselleiro asegura que “haberá liberdade lingüística no uso do material escolar”

CRISTINA DÍAZ PARDO - O Xornal 18/03/2010 - 01:27 h.

Educación non se aclara. O conselleiro Jesús Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, non fan as mesmas declaracións no que ten que ver coa suposta “liberdade” que terán os alumnos para adquirir o material escolar na lingua que desexen. Se ben no anteproxecto se especifica que “os materiais e libros de texto nas materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”, o conselleiro asegurou onte nunha entrevista que “a liberdade lingüística do alumnado se estenderá á compra dos libros no seu idioma de preferencia”. Non obstante, de xeito paralelo a estas declaracións, Lorenzo asegurou no día de onte aos editores galegos que non se debían “preocupar” xa que os libros de texto “na aula” deberían estar na lingua na que se impartise a materia correspondente.

No marco dunha reunión de carácter privado, o secretario xeral de Política Lingüistica mantivo un encontro coa Asociación Galega de Editores. Este colectivo manifestoulle a Lorenzo o seu malestar polo “dano” que ao seu entender o decreto fará no mundo editorial galego. “Preocúpanos especialmente o feito de que os alumnos poidan adquirir o libro en calquera lingua. En principio, xa nos parece mal pedagoxicamente porque é inviable que un profesor dea as clases en galego mentres un alumno le un libro en castelán e se dirixe a el en castelán. Por outro lado, se alguén quere un libro en castelán terá que acudir a unha editorial de fóra de Galicia, co que o material escolar non estará adaptado aos currículos escolares da comunidade”, explicou Francisco Alonso, vicepresidente da Asociación Galega de Editores.

Ante a preocupación dos editores, Lorenzo asegurou, contradicindo a Vázquez, que na clase os alumnos deberían ter o seu material adaptado á lingua da materia. “Lorenzo díxonos que os pais eran libres para comprar un libro de texto noutra lingua pero para traballar na casa, non para levar á aula”, asegurou Alonso.

Por se xa había poucas declaracións contraditorias na xornada de onte, a consellería de Educación aclarou que “a concesión de axudas ás familias para a adquisición dos libros de texto entre o alumnado estará condicionada a que o material escolar estea redactado no idioma de cada materia, aínda que os alumnos poderán utilizar o material escolar na súa lingua de preferencia”.

Educación asegura que aínda que se “fomentará” que os estudantes utilicen o material escolar na lingua na que se imparta a clase, “non se obrigará” ao alumno a utilizar os libros de texto nunha lingua determinada e haberá “liberdade de elección”.

A dualidade de noticias non é ben acollida polos editores que demandan ao Goberno galego “que se aclare”. “Insistimos moito en que é necesario que a consellería se coordine porque senón con este tema dos libros vaise crear moito conflito”, dixo Alonso, quen incidiu en que “no anteproxecto non se di que os familias poidan escoller o idioma do material escolar, por iso non entendemos que logo, os cargos fagan manifestacións que contradin a normativa”.

O feito de que os alumnos poidan escoller tamén o idioma dos seus libros de texto tampouco convence aos sindicatos. “Esta é unha consellería totalmente despilfarradora, e isto é unha mostra máis diso. Por outro lado, é unha concesión máis que se fai a Galicia Bilingüe porque isto non está no anteproxecto”, asegura Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino.

A respecto deste tema hai aínda moitas incógnitas, xa que o actual sistema de préstamo determina que ata dentro de dous anos non se poderán cambiar os libros e con eles o seu idioma.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2010 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Lingüistas consideran que o plurilingüismo ten que partir do galego
A Nosa Terra

Europa Press . Filólogos e lingüistas de todo o Estado advertiron hoxe de que o 'equilibrio absoluto' entre galego e castelán exposto no anteproxecto de decreto do plurilingüismo da Xunta non implica un 'trato igualitario', a partir do postulado erróneo de que parten da mesma situación.


Así o sinalaron no marco do 'Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galiza', coordinado polo sociolingüista galego Henrique Monteagudo e que se celebra na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago. "Trátase dun seminario que vén celebrando desde decembro do ano pasado e que neste caso é sobre política lingüística e educación", explicou o filólogo en declaracións aos medios.

Monteagudo remitiuse ao ditame do CCG respecto das bases do decreto –presentadas pola Xunta a finais de decembro– ao considerar que "practicamente pode aplicarse ao cento por cento" ao actual anteproxecto de decreto da Xunta, presentado o pasado sábado.

En concreto, recordou que o presidente da institución cultural, Ramón Villares, considerou que non se lles pode tratar igual a ambas as linguas" ao estar "en situación diferente". "O galego necesita unha protección especial, un apoio e esta é a filosofía do ditame do Consello".

Nesta liña e ao prever o texto unha redución da presenza do galego no ensino, sinalou que a súa aplicación implicará "un retroceso" evidente, "polo menos naqueles centros en que está superado o 50 por cento de acordo co decreto vixente", en alusión á norma 124/2007 impulsada polo bipartito.

"Unha filosofía de suposto equilibrio, de trato idéntico. E nós diciamos que ese trato idéntico non é trato igualitario. As linguas que están en situación diferentes, o xusto é tratalas de xeito diferente", concluíu.

Favorece o monolingüismo

Pola súa banda, o experto da Universitart de València, o profesor Ángel López García-Molíns, enmarcou a realidade galega como parte dunha engrenaxe estatal onde a política lingüística "non existe". "Existe un ordenamento constitucional e o Estado aprovéitao para favorecer un modelo, en xeral, monolingüe".

"Mentres non se entenda que hai catro linguas no conxunto do Estado, mentres non asuma –o Goberno central– como obrigación súa específica implementar o uso destas linguas no conxunto do Estado, pois a cousa non ten arranxo", lamentou.

En concreto, referiuse a que nas Comunidades Autónomas nas que alcanzan o poder partidos políticos de carácter estatal e "de implantación xeral", devandito Executivo "tende a favorecer a visión monolingüe" do Estado.

Neste caso, o partido autonómico non se desvía dos postulados da súa entidade a nivel estatal xa que, se o fai, os representantes doutras CCAA "o van cuestionar e vai perder votos. E ningún partido está en disposición de perder votos".

"Estase facendo moita demagoxia e estase facendo desde diferentes sectores. O espírito centralista é algo que se coce longamente na historia do Estado e emerxe unha e outra vez cando menos o esperas", aclarou.

Ante esta situación, entendeu que expor unha "equiparación" entre unha lingua "desfavorecida" e a "lingua vehicular" do sistema educativo do Estado, "á hora da verdade", non supón unha igualdade. "Entendo que os conflitos vingan de aí e enténdoos perfectamente", sinalou.

Modelo integrador

Devandito sistema, segundo engadiu, provoca que no conxunto da cidadanía se pense "que non vale a pena estudar galego" e, "inevitabelmente, as capas sociais ás que lles vai mellor, optarán pola lingua xeral".

Por iso, incidiu na necesidade de "crear un organismo que fomente a cultura do plurilingüismo no conxunto español". "Propoño un modelo no que sexa normal que en TVE un se exprese en galego, porque se entende".

Finalmente, o profesor da Universidade de Santiago Bieito Silva, afirmou que se debe "articular un plurilingüismo en Galiza, desde o galego". Nesta liña, asegurou que o actual anteproxecto da Consellaría de Educación "non axuda" e "o camiño que abre" o texto "non é o máis adecuado para ir sumando linguas".

"Un plurilingüismo inclusivo ten que partir do galego, porque é a lingua propia e é a lingua minorizada. Non é posíbel construír un onde se engadan outras linguas se non se parte da lingua que está en inferioridade no territorio", concluíu.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-03-2010 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O anteproxecto de decreto do galego irá a Mesa Sectorial o 25 de marzo
Galicia Hoxe 18.18h.

A Xunta trasladará o anteproxecto de decreto do plurilingismo no ensino para a súa discusión en Mesa Sectorial o xoves 25 de marzo e ó Consello Escolar de Galicia o próximo 7 de abril, segundo confirmou hoxe o departamento autonómico a Europa Press.

E.P. . SANTIAGO


Ambos os organismos representan os seguintes pasos a seguir antes de que o documento chegue ó trámite do Consello Consultivo, aínda que con anterioridade deberá ser discutido xunto cos voceiros das organizacións sindicais que integran a Mesa Sectorial do ensino.

En concreto, CIG-Ensino, CC.OO-Ensino, FETE-UXT, STEG e ANPE rexeitaron que o anteproxecto de decreto do idioma no ensino recoñeza o carácter "vinculante" da consulta ás familias sobre a lingua predominante en educación infantil e de determinadas materias de primaria e secundaria.

O voceiro de Ensino Público de CC.OO, José Fontes asegurou que para a súa organización "non vale" esa formulación, que considerou "un erro" ó carecer de criterios pedagóxicos e que debe ser a Administración autonómica quen estableza o idioma das materias.

Nesta liña, o sindicato ANPE-Galicia criticou que a Administración "non pode deixar ó arbitrio dos pais propostas de repartición distintas ás previstas no decreto". "Isto non supón nin flexibilidade nin autonomía de centro", advertiu o sindicato.

Pola súa banda, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, considerou que o borrador de decreto reflexa a "fobia" e "obsesión enfermiza" do Goberno autonómico contra o "idioma propio" da comunidade.

Por iso, asegurou que o sindicato estará "á altura das circunstancias" á hora de "combater" o anteproxecto de decreto do galego presentado pola Xunta o pasado sábado.

En relación ó "equilibrio" entre galego e castelán que expón a norma, o secretario xeral de FETE-UXT, Marcelino Brea, considerou que a proposta da Xunta suporá "irremediablemente un retroceso" e "volver cara atrás", na medida en que "desmonta" o decreto 124/2007 impulsado pola Xunta do bipartito. "Non axuda nada", lamentou.

Finalmente, STEG alertou de que a norma "rebaixará a competencia lingüística do galego" entre o alumnado, para aclarar que o idioma necesita medidas de discriminación positiva e advertir de que apoiará "a todo o profesorado que exerza a obxección de conciencia ante esta prohibición para ensinar en galego".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-03-2010 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Xabier P. Docampo: Carta aberta a don Anxo Lorenzo
(Cómplice necesario da afrenta que se lle vai facer á lingua galega)

Vieiros 18:12 15/03/2010


Sr. Lorenzo: Acabo de ler as súas desafortunadas declaracións en Faro de Vigo e La Opinión. Por certo, constato que ou fai estas declaracións á prensa en castelán ou non é capaz de esixir, como cómpre tendo en conta o seu cargo, que sexan publicadas en galego; se cadra, ten que facer méritos para lle demostrar a ben sabemos quen, que xa é un bo converso. Logo de lelas, debo dicirlle que vostede mente; ou sexa, di algo que sabe que non é certo co ánimo de enganar aos galegos e ás galegas. E antes de continuar, voulle demostrar que isto é así.

Di vostede que “El problema es que no existe cobertura legal para obligar a nadie a hablar o escribir en gallego. Esto ya lo advirtió el Consello Consultivo en 2007”. Vostede coñece, é imposíbel que o ignore, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, rexeita o ditame do Consello Consultivo de Galicia e declara que é perfectamente legal que “Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.” Por non falar das numerosas ocasións en que o Tribunal Constitucional avalou a pertinencia desta utilización nas aulas, como vía para a súa aprendizaxe.

Dicir o contrario é mentir e, por aquilo de que quen fai un cesto fai un cento se lle dan varas e tempo, dedúcese que dun mentireiro pouco máis podemos agardar que mentiras.

Di vostede “La ley no permite obligar a hablar gallego”. Pode, daquela, a lei obrigar a aprendelo nas clases de galego? Pode obrigar a lei a aprender a táboa de multiplicar? O que se aprende e usa na escola ten que estar explicitamente escrito na Constitución? Se a competencia nunha lingua só se adquire utilizándoa, como a han adquirir logo? Acaso por ciencia infusa? Son vostedes un fato de mentireiros e uns trapalleiros. Entregaron a súa alma ás minorías negacionistas cunha obscenidade escandalosa.

O seu decreto está envolto na mentira, na falsidade dos datos e das expectativas. Está feito sabendo que os alumnos e alumnas de familias castelán falantes nunca acadarán unha competencia mínima en galego. Está, pensado desde os privilexios de clase, feito para satisfacer os desexos antigalegos dun sector dos pais do alumnado do ensino privado (o de concertado non é máis que un uso indebido de medios públicos, mentres obriguen por vía de achegas “voluntarias” a pagar unha cantidade mensual complementaria).

Sr. Lorenzo, vostede, ao se facer reo voluntario da política etnocida do Sr. Feijoo, saberá canto lle pagou a pena botar pola xurreira abaixo unha carreira profesional merecente de todo respecto. Agora só fica para vostede a indignidade de ser, en complicidade con Falange Española de las JONS (vostede escribiu este decreto ao ditado do que eles demandaron en Compostela en febreiro de 2009), quen pasará a historia como a persoa que defendeu o maior ataque legal contra a lingua propia de Galicia desde Francisco Franco (que tamén era “gallego y de Falange”). Lamento moito ter que dicilo, pero a súa traizón cóbreo de indignidade. O seu cometido e desexo non foi nunca, agora o entendo, o de estabelecer un marco legal que substituíse ao mesmo decreto 124/2007 que defendeu publicamente; vostede foi encargado de lle dar unha aparencia científica e legal á mentira, o engano, a traizón. Non teño xa que escoller ningún cualificativo para lle aplicar, dedúcense doadamente do seu proceder.

Pero, de todos os xeitos, permítame que lle diga que aínda podería recuperar en boa parte a dignidade perdida (só os que nunca a tiveron non poden recuperala). Dimita. Abandone o barco onde xa só fican ratas. Déixeos sos. Dígalles que vostede non pode amparar semellante barbaridade, que non pode traizoar unha institución que, antes ca vostede, ocuparon outros e, uns máis e outros menos, todos foron facendo cousas, sempre avanzando por pouco que fose. Dígalles que non quere ser lembrado como único responsábel de Política Lingüísitca que fixo retroceder o galego nos seus dereitos. Que o fagan eles se queren, non se suicide socialmente, regrese á comprensión dos seus que, máis tarde ou máis cedo, sempre han entender que foi capaz de ter dignidade á última hora. Destes só pode agardar que o deixen tirado na cuneta (estilo falanxista) cando pensen que xa non lles serve. É difícil, pero mentres non estea o decreto no DOG sempre estará a tempo de merecer o respecto dos galegos e das galegas de hoxe e de mañá.

Despois xa nunca o poderá ter. Máis tarde ou máis cedo o seu decreto tamén será derrogado, cambiase por outro e deste só ficará a ignominia.

En calquera caso, non siga a mentir, que nin vostede nin eu nacemos onte.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-03-2010 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Valoración do texto definitivo do Decretazo contra o galego que proximamente se debaterá na Mesa Sectorial
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-03-2010 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Milleiros de persoas piden a retirada do decreto
Redacción A Nosa Terra.

Milleiros de persoas participaron este luns en diversas concentracións simultáneas celebradas en 15 localidades galegas e convocadas pola plataforma Queremos Galego, para protestar contra o proxecto de decreto do plurilingüismo impulsado pola consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

16.03.2010 | 07:54


O acto central tivo lugar en Santiago de Compostela ás 20h00, onde centos de persoas -2.000 segundo a organización- percorreron parte da Rúa Senra e a Praza de Galiza para rematar na Praza do Toural, tras unha pancarta na que se lía 'paremos o decretazo contra o galego' e na que os participantes entoaron consignas como 'en galego, na Galiza' ou 'Anxo Lorenzo, dimisión'.

O voceiro da plataforma, Carlos Callón, sinalou que o devandito acto evidencia a "resposta rápida ante o decretazo" que impulsa a Xunta e realizou un chamamento a "seguir demostrando no día a día" a necesidade da lingua galega.

En concreto, denunciou que o texto impulsado polo Goberno autonómico pretende relegar o galego como idioma "extraescolar", ademais de non garantir a súa presenza na etapa de educación infantil.

Finalmente, avanzou que "en próximos días" a plataforma en defensa do idioma presentará "un calendario de mobilizacións" coa fin de continuar a resposta social e demostrar que a presentación do anteproxecto por parte da Xunta "non significa o desenlace de nada".

Entre os asistentes atopábanse representantes do BNG como Carlos Aymerich, Ana Pontón, Rubén Cela ou Xosé Manuel Beiras; o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao; a cineasta Margarita Ledo; ou o sociolingüista Henrique Monteagudo.

'Temos unha lingua propia'

Na rúa do Príncipe en Vigo, unhas 200 persoas concentráronse ante a sede do MARCO co lema 'Temos unha lingua propia, queremos vivir nela'.

Entre os asistentes ao acto atopábanse os representantes do BNG na corporación local, ademais da deputada no Congreso Olaia Fernández Davila e o secretario comarcal da CIG en Vigo, Serafín Outeiro.

Durante a protesta, os participantes entoaron unha versión de 'A saia da Carolina' na que criticaban que o Executivo autonómico considere unha "barbaridade" que se fale en galego e destacaban que o idioma é "a clave" para "abrirse ao mundo".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-03-2010 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Queremos Galego sae de novo á rúa en protesta pola política lingüística da Xunta
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL

Ao igual que fixo a raíz da presentación das bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, dado a coñecer polo goberno galego o 30 de decembro en plenas vacacións da comunidade educativa, a plataforma Queremos Galego saíu onte de novo á rúa para protestar contra o borrador dun documento no que se introducen uns cambios con respecto ás devanditas bases que, segundo a propia Consellería de Educación, respostan “ás suxestións e observacións realizadas polas preto de trinta entidades que o Goberno galego escoitou no trámite de audiencia de comezos deste ano”.

Unhas modificacións que, sen embargo, non satisfacen aos integrantes de Queremos Galego -plataforma cívica na que se integran diferentes asociacións do eido educativo, social e cultural, sindicatos, e outras organizacións-, que onte convocaron concentracións en diferentes localidades galegas. En Ferrol, a cita tivo lugar diante do Edificio Administrativo da Xunta, na praza de España, onde se procedeu á lectura dun manifesto no que de novo quedou patente a postura de rexeitamento total da plataforma ante o que consideran unha “ameaza do PP de reducir a presenza do galego no ensino”.

O coordinador da plataforma na comarca de Ferrolterra, Carlos Outeiro, criticou o feito de que, de novo, a Xunta presentase o documento o pasado sábado aos medios de comunicación antes de que se puidese ter acceso ao anteproxecto do plurilingüismo, que onte foi trasladado á mesa sectorial para o seu estudo. “Este tipo de accións rexeitámolas”, comentou. Outeiro engadiu que “non podemos entender que os nenos se eduquen sen ter contacto co galego ata os seis anos”. “Son os propios galegos os que nos están a dicir que non podemos educar en galego; o PP está a provocar unha fractura social”, argumentou.

Pola súa banda, a directora do CPI de Atios de Valdoviño e voceira de Queremos Galego na comarca, Delfina Bañobre, manifestou que logo dos avances que pouco a pouco se foron dando o borrador do decreto do galego supón un retroceso moi grande.

Con respecto ás primeiras bases presentadas en decembro, nas que a Xunta deixaba en mans das familias a elección do idioma para as materias instrumentais en Primaria e Secundaria, o goberno galego fai agora un reparto destas materias do seguinte xeito: en Primaria impartirase Coñecemento do Medio en galego e Matemáticas en castelán, mentres que en secundaria propón que se dean en galego Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía, e en castelán Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. Sen embargo, “no caso de que a metade máis unha das familias do alumnado matriculado na etapa amose unha opinión diferente respecto da proposta de repartición prevista no decreto, prevalecerá a opinión dos pais”, apuntan desde a Consellería.

O centro educativo decidirá, cada catro anos, a lingua en que se impartirán o resto de materias de cada curso, “garantindo en todos os casos que as materias en galego e en castelán se distribúan na mesma porcentaxe das horas semanais”, segundo se informou.

Na etapa de Infantil, serán as propias familias as que determinen a lingua predominante na aula, “de acordo coa opinión maioritaria expresada nunha consulta que se lles fará antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo”. Neste caso puntualízase tamén que “se procurará que os nenos adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia”.

A diferenza das bases iniciais, nas que a Xunta propoñía que un terzo das horas se impartisen en galego, outro en castelán e o último terzo en linguas estranxeiras, no novo documento dáselle un tratamento diferenciado a estas últimas, cuxo proceso de introdución nas aulas será, segundo o propio conselleiro, “gradual, progresivo e voluntario”.

Tras ser analizado pola Mesa Sectorial, o anteproxecto pasará despois polo Consello Escolar e polo Consello Consultivo antes da súa aprobación. A Xunta quere poñelo en marcha o vindeiro curso 2010/2011.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-03-2010 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Seguirei dando as clases en galego, iso que o teñan ben claro
Docentes de varios centros de Galicia cualifican de “trapallada” a nova norma e cren “un insulto á intelixencia” impor o castelán en Matemáticas ou Física
M. PARDO / D. LOMBAO / A. GARCÍA O Xornal - 16/03/2010 - 00:56 h.

“Desfeita”, “barbaridade”, “insulto á intelixencia”, “trapallada”, “atraso”, “imposición”... Son só algúns dos adxectivos que empregan os profesores para definir o anteproxecto do decreto do galego no ensino feito público onte. A participación dos pais na elección do idioma, o monolingüismo en Educación Infantil e a determinación de que materias se poden impartir ou non en galego indignan os mestres.

É esta última cuestión a que máis doe aos docentes, especialmente aos de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía que empregan o galego nas súas materias e que agora deberán usar o castelán “por tradición”, como argumenta o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.

“Levamos dando aulas en galego desde hai moitos cursos, cun esforzo moi importante para adaptar o vocabulario; estamos moi sorprendidos de que se nos obrigue a cambiar o idioma e vivímolo como 
unha imposición dunha lingua na que non estamos afeitos a traballar”, reflexiona Paulo Rendo, profesor de Matemáticas e director do IES Terra de Xallas de Santa Comba. Fala no seu nome e no de moitos compañeiros afectados. Algo semellante ocórrelle a María Loureiro, profesora de Tecnoloxía no IES Primeiro de Marzo de Baiona, que emprega un blog en galego como ferramenta de traballo e que leva doce anos preparando materiais na súa lingua propia. “Vanme obrigar a traducir todo? Vanme expedientar se non o fago?”, pregúntase.

“Nunca tiven un só problema pola lingua e non sei a que vén todo isto; é unha barbaridade querer politizar o ensino”, engade Loureiro, que prefire agardar a que o decreto sexa definitivo para decidir a súa postura, aínda que prevé rebelión por parte de moitos mestres. “Isto só o poden levar a cabo a golpe de expedientes”, asegura.

“Continuarei dando matemáticas en galego, síntoo moito”, di Carmen Sueiras, profesora no IES Rafael Dieste da Coruña, que aclara que polo menos o 60% dos seus alumnos responden os exames nesta lingua e que “nunca” tivo problemas. “Seguirei impartíndoas na miña lingua, iso que o teñan ben claro”, insiste outra docente que resume o sentir de moitos que non dubidan en desobedecer a norma da Xunta e que solicitan rigor e igualdade.

“Hai cantidade de centros onde non se cumpre o mínimo de materias que se dan en galego, así que se comezan a mandar a Inspección, que o fagan con todos”, engade María Loureiro. Cre que o farán? “Os primeiros vixiados seremos os que damos as aulas en galego”, di. “Que me manden a Inspección que queiran, eu seguirei empregando a miña lingua, polo menos ata que o bilingüismo social sexa real”, insiste Sueiras, que prevé “rebelión” entre moitos mestres. “O ambiente está moi quente nos centros e vanse atopar con contestación”, advirte.

Moitos cren tamén que a “falacia” da imposición do galego que empregou o PP en campaña é agora real en sentido contrario. “Agora si que impoñen a lingua para certas materias”, aclara Juan Filgueiras, profesor de Eduación Física no CEIP de Nebra, en Porto do Son. “Quérese dar máis valor ao castelán coas matemáticas porque as consideran máis importantes”, di sobre algo que indigna aos mestres. “Asocian as materias de ciencias cunha idea de maior prestixio ou importancia, que non é correcto, pero queren transmitir unha imaxe á sociedade de que o galego é un idioma que non vale como o castelán”, engade Rendo, resumindo unha declaración común en todos os profesores consultados. A ridícula mentira do “dous ao caldeiro” callou entre o Goberno.

“É un intento de desprestixiar o galego, un prexuízo total; disque é por tradición, pero desde cando houbo opción historicamente de dar as matemáticas en galego? O que fan é un menosprezo intelectual, un insulto á intelixencia dos galegos”, asegura Miguel Mato, escritor e profesor de Literatura Galega no Rafael Dieste coruñés. Para el, o do decreto é só “unha pinga máis”, nunha estratexia “de moito máis calado”. “Dígoo así de claro: é un desprezo e unha limpeza étnico-cultural da identidade galega; isto non é cuestión de dar unha materia máis ou non en castelán, van moito máis aló, é a negación dunha cultura que se ve en moitas máis decisións deste Goberno cun aire ao movemento do tea party dos Estados Unidos”, reflexiona.

Os profesores ven tamén neste decreto un argumento para que a maioría das materias se dean en castelán, pero insisten en algo que, por lóxico, non debería estar en cuestión. “Hai que potenciar a lingua que está en situación de desigualdade; unha das funcións da escola é equilibrar as desigualdades, pero deste xeito o galego vai retroceder”, lembra Filgueiras. “Parten da base de que en Galicia hai bilingüismo, cando o que hai é unha diglosia clara”, remarca Mato, que xa puido comprobar como alumnos “belixerantes” co galego teñen agora posturas máis “intransixentes” ao sentirse apoiados polas decisións políticas.

O fondo da norma preocupa, pero a forma na que se aplique si que ten o profesorado en tensión. “É unha trapallada, van conseguir que os pais acaben a labazadas”, di Emilio Ballesteros, secretario do Colexio Andersen de Vigo, que cre que o decreto “vai ser moi problemático nas aulas porque desmontará algo que non creaba problemas”. “Unha desfeita”, resume.

Na mesma cidade, Xabier Balsa, coordinador de Normalización Lingüística do Martín Códax, considera que a Xunta “descontenta a todos ao querer contentar a todo o mundo” e pregúntase como se van articular as consultas aos pais.

“Que tipo de votación será: a man alzada, en urna, votará o pai, a nai? E que ocorre se nunha clase de 25 sae un 13 a 12? Que facemos daquela?”, cuestiona Ballesteros. “É un absoluto atraso e un insulto á comunidade educativa porque deixa en último lugar a opinión do profesorado, que xa non tiña moita”, engade Balsa. Todos, sen excepción, coinciden en que involucrar os proxenitores na elección de idioma “é un erro” que provocará “conflitos e enfrontamentos”, ademais da futura “rebelión” de moitos docentes.

Ademais, á problemática da elección de idioma engádeselle tamén a lea que arrodea os libros de texto, sobre todo despois das contradicións que se aprecian entre o que asegura o Goberno autonómico e o que di o anteproxecto do decreto.



AS CONTRADICIÓNS DE ANXO LORENZO

“Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”, di o anteproxecto do decreto no seu artigo 13. No entanto, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, declarou onte nunha entrevista que “cada familia, se o considera oportuno, poderá dispor do libro que queira na lingua que queira”. Unha incógnita máis para unha norma que agoira moitos problemas.

Bieito Lobeira, voceiro de Lingua do BNG, teno claro e cre que o decreto “retrocede ao postfranquismo” e prevé “tempos difíciles”. “Moitos docentes serán expedientados por dar aulas en galego, sendo tratados como estranxeiros no seu propio país”, di aludindo a uns versos de Rosalía. Visto o visto, a conflitividade chegará. E ben cedo.

Mentres, os mestres advirten de que o verdadeiro problema seguirá. “Os rapaces teñen cada vez menos competencia en galego”, aclaran. A posibilidade de que en Infantil só teñan contacto co castelán agrava a cuestión. “Cando cheguen a Primaria, o galego será como o inglés ou o francés”, rematan.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2010 09:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra



ÁLBUMES FOTOGRÁFICOS
DA COORDENADORA





PESQUISA NO e-ESTRAVIZ





>

Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal