EMBAIXADA DO MAR


Blog da CEMMA no que poderás coñecer os movementos e informacións sobre o arroaz GASPAR
Este blog da CEMMA funciona grazas á colaboración de todas as persoas que nos ides aportando datos (localizacións e fotografías) do arroaz Gaspar. Grazas pola vosa colaboración.

GASPAR é un amigo que preside a EMBAIXADA DO MAR, a través dela trata de achegarse aos seres humanos dende un pé de igualdade, amosándonos un espello no cal reflectirnos diante da natureza e do mar. Trátase dun arroaz macho de máis de 300 cm e 400 Kg.

PODO COPIAR, DISTRIBUIR E COMUNICAR O CONTIDO DESTE BLOG?
Este blog está baseado no principio de recoñecemento-compartir por igual. Os seus contidos e materiais poden ser difundidos se se amosa a súa referencia nos créditos e coa condición de que a obra esté baixo os termos de licencia que o orixinal.
Calquera outro uso ou manipulación da información incurre en ilegalidade.
Este blog está rexistrado baixo a licenza de CREATIVE COMMONS-COMPARTIR POR IGUAL. Código de rexistro en Safe Creative:0810151108780. Licencia / dereitos de uso: Creative Commons Recoñecemento-Compartirigual 2.5


O meu perfil
localcemma@arrakis.es
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O verán de GASPAR
Hai un par de semanas, a principio de xuño, un aviso en Ponteceso alertou á Unidade Móbil da CEMMA. Da ponte para dentro teñen aparecido golfiños que tenden a varar ao buscar augas tanquilas e sen ondaxe.

Neste caso os responsables da Unidade Móbil da CEMMA confirmaron que se trataba de Gaspar que visitaba a zona, aínda descoñecida para el. Logo dese aviso non tivemos máis que datos difusos da súa presenza sin garantía de que fóra el, na Ría de Ferrol. Nestes días veñen de chegar novas dende Lorbé.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2009 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR EN PONTEDEUME
Como xa lle quedan poucos sitios para visitar, o GASPAR entrou o xoves 28 de maio en Pontedeume causando moita espectación ao pensar que se trataba dun golfiño que ía varar. Non é a primeira vez que a Unidade Móbil da CEMMA axuda a sacar a un cetáceo da Foz do Eume para evitar que vare nese lugar de baixos de area.

Neste caso, foi observado por vez primeira no espigón da Praia de Cabanas polos alertantes, que interpretaron que se trataba dun animal aparentemente enfermo e con intención de varar.

O primeiro aviso é das 18:20 e a partir deste primeiro momento foi visto de xeito continuado ata a chegada da Unidade Móbil da CEMMA-SGHN desde Ferrol. Para recoñecer ao animal os membros do equipo de rescate embarcan nunha lancha de Protección Civil que tentaba afastar ao animal fora da zona do porto, nese momento cheo de nenos con canoas, pero o animal volve unha e outra vez cara a zona de embarcadeiro.

Algunhas persoas tentan atraelo desde os seus barcos usando chicotes e outros utensilios.

Cando os observadores abandonan o lugar, GASPAR continúa na zona deambulando entre as dúas pontes (ferrocarril e estrada) e achegándose a ratos aos barcos atracados.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-05-2009 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Confusión ao redor de GASPAR
Nos últimos días dous varamentos diferentes de arroaces (Tursiops truncatus) sementaron a confusión entre a veciñanza, considerando que se trataba do arroaz solitario Gaspar.

1.- Varamento dunha femia adulta de arroaz de 3 metros na praia de Arealonga do Vicedo, neste caso unha femia preñada cun feto de 120 cm, case a piques de nacer, e con evidentes síntomas de mala saúde xa que presentaba unha forte parasitación pulmonar e úlceras estomacais, ao que se lle sumaron complicacións na xestación.

2.- Varamento dunha femia xuvenil de arroaz de 2 metros en San Amaro, na Coruña, con evidencias de desnutrición, aínda que o seu corpo non puido ser examinado polos técnicos debido á retirada da praia por parte do servizo de limpeza do Concello.

2.- Varamento dunha femia xuvenil de arroaz de 2,7 metros en Barrañán, que foi levada polo mar e reapareceu novamente en Arteixo. As causas da morte están aínda por determinar.

Nos tres casos o varamento causou moita expectación na veciñanza atribuíndoo ao arroaz solitario, mais, os biólogos da CEMMA confirmaron en base as súas características corporais de que non se trataba do arroaz Gaspar, sobre todo porque é un macho.

Colaboración cidadá
Resulta fundamental a colaboración cidadá para a detección e a análise destes animais vararos xa que a nosa costa ten un total de 1195 km de lonxitude e resulta imposible ser controlada polos nosos propios equipos. Tamén para a localización do arroaz, para o cal poden ser tramitadas as alertas a través do teléfono de SOS-GALICIA 112 ou do da Unidade Móbil da CEMMA 686 98 90 08.

Hai que agradecer a colaboración das agrupacións de Protección Civil, SEPRONA e das Policías locais que transladan polos avisos, apoio e colaboración.

Desde o ano 1999 a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA) é a entidade responsable diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do rexistro, asistencia, recuperación e liberación das tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Este traballo atópase enmarcado na colaboración que ambas entidades levan adiante para o establecemento da Rede de Varamentos de Galicia coordinada pola CEMMA.

Unidade de atención
As Unidades Móbiles da CEMMA están preparadas para a recollida de datos e mostras biolóxicas dos animais varados, co obxecto de esclarecer a causa da morte. Un equipo de biólogos asisten aos casos de varamentos tratando de rexistralos todos e esclarecer as causas da morte, a unidade de emerxencia mantívose durante os festivos asistindo aos animais varados e aplicando o protocolo de recollida de mostras e avisos ás autoridades municipais.

A recollida de mostras biolóxicas realízase coa finalidade de levar a cabo investigacións científicas sobre a ecobioloxía das especies coas que colaboran entidades como a Universidade escocesa de Aberdeen, a portuguesa de Aveiro e as galegas de Vigo e Santiago, o Instituto de Investigacións Mariñas e o Instituto Oceanográfico. Para levar esta actividade a cabo a CEMMA é a única entidade que conta con autorización expresa e cun Banco de Mostras Biolóxicas que aporta os tecidos biolóxicos aos equipos de investigación.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-05-2009 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR de novo por Lorbé
Logo do paso por Ferrol GASPAR voltou a Lorbé, onde acompañou a Maria Reparaz en varias ocasións.

Desta vez, amosounos unha chea de xiros e pinchacarneiros novos. Estes días traballamos cun catamarán, e tiñas que velo como se colocaba entre as quillas e xiraba como unha hélice máis.

Mais, o seu novo paso por Lorbé foi breve e días despois voltaba ao porto do Vicedo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-05-2009 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR SEGUE EN FERROL
O domingo 5 de abril recibimos unha comunicación de Elena dende Ferrol:

Opaí!! acabo de chegar a casa despóis de vir do porto de ver a Gaspariño...

Xa fai unhas semanas q anda pola ría de Ferrol pero eu era a primeira vez que o vira e flipei.
Hoxe contra as 18:30 no porto de Ferrol había moita xente mirando ao mare, e de súpeto me decato de que miran para o arroaz... si, era o Gaspar!!! e estaba a xogar, andaba a golpear coa súa impresionante cabeza, un remo que un nacho dunha especie de dorna pequena movía para atraelo. Cada vez que petaba no remo facía sons como peidos.

A xente dende arriba ficaba abraiada (eu incluida) e algúns aplaudían cando o arroaz saltaba ou petaba no remo, outros dicían "está amaestrado", e outros "é o arroaz Gaspar e é un cachondo" uns cativos baixaron ao pantalán para velo máis preto...

Despóis dunha hora máis ou menos, a embarcación atracou no pantalán e Gaspar desapareceu...

A xente o ve como unha atracción e isto non sei ata qué punto pode ser benificioso para él, de momento o embaixador do mare parece sano e feliz...

Saúdos e saúde!!


GASPAR NA RADIO GALEGA
Entrevista co presidente da CEMMA na Radio Galega
Radio Galega á carta
Buscar Extrarradio as 10: 05, pulsar sobre o altofalante e buscar o minuto 13:30.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR en Ferrol
O xoves día 2 de abril o teléfono da Unidade Mobil da CEMMA da unha chamada de alerta ás 6:00 h AM. Un golfiño aparenta dificultades nos pantaláns do porto de Mugardos. Pouco despois aclárase o asunto concluíndo de que se trata de GASPAR que descansa ao pé do peirao.

Uns días antes a lancha da Guardia Civil avisa de ser escoltada por un arroaz que os acompaña nos seus percorridos entre A Coruña e Ferrol. O Gaspariño non para de visitar e acompañar as embarcacións que frecuentan a boca da Ría de Ferrol.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2009 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Crónica dende Lorbé
A amiga María García envíanos unha crónica de GASPAR en Lorbé e unhas fotos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-03-2009 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Félix renomeu ao arroaz de NINO a NINA
Alá polo ano 1971 un arroaz saltou aos medios de comunciación por afincarse no porto de Lorbé e establecer unha especial relación con algúns dos seus usuarios.

O caso deseguida correu como a pólvora chegando as novas aos oídos de Félix Rodriguez de la Fuente que dispuxo un equipo para poder estudar e filmar ao golfiño.

O porto de Lorbé contou coa presenza de Félix e de Cousteau, sendo un dos primeiros golfiños solitarios estudados a nivel mundial.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2009 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR volta ao Golfo Ártabro
Logo dunha tempada dura de inverno entre os portos de Cariño e o Burela, o Gaspariño voltou cara ao Sur dando un salto dende o porto do Vicedo, o día 7 de marzo, ata Sada, o día 9. Outra volta a dar con novos amigos.

Desta xeira visitou o porto de Lorbé, famoso por protagonizar unha das máis sonadas esceas mundiais por un arroaz solitario chamado NINA.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2009 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR segue entre nós
Posiblemente o inverno sexa unha tempada aburrida para GASPAR, non ten tanta diversión como cando todo o mundo anda pola costa ou no mar.

El pola súa banda vai deixando pasar os malos tempos, sobre todo chuviosos e ventosos, e aproveita para visitar cada recuncho fai a costa, alí atópase con novos amigos que saben apreciar o seu ser, mais, tamén con algúns aos que non lle gostan nda as trasnadas.

Desta volta o equipo da Unidade Móbil do norte da CEMMA localizouno ao norte da provincia da Coruña, nas frías augas da volta do mundo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2009 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR capea o temporal
Con tantos varamentos non damos prestado a atención suficiente a GASPAR, a pesar diso, mantemos o seu control de reollo, atendendo a que todo lle vaia ben.

Dende mediados de decembro o GASPAR mantense no norte de Galicia, entre A Coruña e Lugo. Visita os diferentes portos da Mariña e non soprepasa a Estaca.

Antes do nadal mantivo un pequeno e dificultoso encontro cun piraguista, non se entedenron e o rapaz rematou na auga cun susto xa que non agardaba semellante elemento acuático ao seu arredor.

A máis dese encontro o golfiño mantese discretamente refuxiado do temporal.

Un avistamento en Baiona parece que foi o causante da alarma de que voltara cara ao sur, pero novamente foi confirmada a súa presenza no norte.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2009 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Máis dun ano entre nós
Na noite do día 13 cumpriuse un ano dende que a CEMMA recibiu o primeiro aviso da presenza de GASPAR nas nosas costas, daquela foi localizado no porto de Cangas e días despois en Riveira.

Desta volta o Gaspar está de viaxe polo norte. A principios de decembro visitou Malpica e depois parou varios días no mesmo porto da Coruña, visitando a dársena e o Parrote, o sábado día 6 de decembro foi o último día que foi observado por alí.

Días despois foi localizado no porto de Cudillero, en Asturias, onde chegou de madrugada e pasou un par de días a semana do 8 ao 12.

Neses días houbo un forte temporal, chegando o frío e as neves. O Gaspar refuxiouse no porto de Burela na mañá do sábado día 13.

Feliz aniversario de estancia para GASPAR.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un susto por GASPAR
O
pasado xoves día 27 recibiuse un aviso dun arroaz morto aboiando frente ao porto de Riveira. Unha vez recuperado o corpo a Unidade Móbil da CEMMA desprazouse ao lugar para a recollida das mostras biolóxicas rutineiras e para a coordinación da retirada dos restos.

Os medios de comunicación, e mesmo a veciñanza, de Riveira comezaron a preocuparse por se fóra o GASPAR, xa o botaban de menos nestas últimas semanas e a aparición do corpo deste arroaz causou preocupación.

Unha vez comprobado que non se trataba do GASPARIÑO, nós nunca o dubidamos, todo o mundo respirou aliviado.

Mentres o GASPAR navegaba
polas augas de Corme.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2008 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR DEIXA AS RÍAS BAIXAS
Logo dun breve paso pola Ría de Muros, onde visitou o porto de Muros e o de Portosín, o GASPAR continúa a súa estancia na Costa da Morte.

As malas línguas trataron de implicar ao Gaspariño no afundimento dun barco no porto de Portosín. Coitado. Xa se sabe: a can fraco todo son pulgas. Afortunadamente a rápida actuación da Guardia Civil foi quen de aclarar o tema e tirarlle o morto de riba do seu lombo. Decatámonos que hai moita xente interesada en botarlle enriba mortos a este amigo, que se está entrenado, que se impoide o traballo dos mergulladores, que se funde barcos, quen sabe que lle dirán mañá....

A semana pasada visitpou o porto de Lira e o de Fisterra, o mércores 26 o porto de Santa Mariña, en Camariñas.

A cada porto novas experiencias e novos sustos, a xente non está afeita a ver durmir a un arroaz nunha esquina do peirao e pensa que está magoado ou atrapado por un cabo.

O caso é que todos os avisos son de madrugada. É como ter un neno pequeno que esperta pola noite!!!.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2008 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Gazpar fai as maletas
Despois de tres meses estacionario na Ría de Vigo, o GASPAR deixou a ría para desprazarse á Ría de Arousa. Alí visitou o porto do Grove brevemente o sábado día 1 de novembro, e outros da zona sur da Ría nos seguintes días, pero rapidamente deixou a ría para continuar viaxe cara ao norte.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2008 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Últimas novas de Gaspar na Ría de Vigo
O venres día 24 de outubro chámanos un mariñeiro telefonicamente dende Bouzas as 11 da noite, poñéndonos ao teléfono co Gaspariño!!. Literalmente oímos a súa respiración xa que navegaba entre os pantaláns do porto deportivo, un ratiño antes de ir durmir.

O xoves día 30 de outubro Gaspar visitaba o porto de Cangas as 11 da mañá, mentres os compañeiros da CEMMA compartían uns momentos de traballo cos mariñeiros do Morrazo, o arroaz entraba na proa dun barco da volandeira pola boca do porto.

O venres día 31, despois de tres meses completos de estancia, o Gaspar deixa a Ría de Vigo e da un tremendo salto a outro porto
das Rías Baixas.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2008 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR saúda as escolas de vela
Recibimos documentación sobre un novo avistamento de GASPAR. O pasado sábado 11 de outubro, durante a primera xornada da concentración de escolas de vela Galicia-Catalunya organizada polo Real Club Nautico de Vigo-Caixanova, os participantes tiveron a oportunidade de disfrutar da agradable compaña de GASPAR, que os deleitou con saltos e demais cabriolas durante uns 15 minutos.

Seguramente todos os participantes, pero sobre todo os cataláns, levaron un inolvidable recordo da Ría de Vigo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Novos documentos sobre Gaspar
Seguen chegándonos novas gráficas sobre a presenza de Gaspar.

Recibimos unhas fotografías de Orlando Fiel no que se pode ver como seguindo a embarcación non perde detalle do que pasa na cuberta.

Tamén unha referencia de vídeo da estancia en Baiona. Nel podedes ver o divertimento que lle produce liar cabos e cadeas e como manifesta os cabreos que se colle.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O GASPAR gosta da Ría
Despois dos apuros do verán, onde todo o mundo quería ver, estar, controlar ao GASPAR, parece que a situación está máis tranquila. Con menos xente na costa, menos xente no mar, menos embarcacións deportivas, etc, o arroaz mantén un comportamento moito máis discreto.

Segue a frecuentar os portos da Ría e a chamar a atención dos paseantes polas instalacións portuarias, sen ir máis lonxe, o venres día 10 as 20 h causou a alarma de varias persoas no porto deportivo de Moaña que pensaron que se trataba dun animal atrapado nunha rede. En realidade o GASPAR estaba descansando entre unhas lanchas e ao ser descuberto empezou a protestar para que o deixaran tranquilo, o que interpretou a xente que o viu era que mantiña un comportamento agonístico por mor de estar atrapado.

E que hai que entendelo....so lle falta falar.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2008 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GASPAR a voltas no porto de Vigo
Novas informacións e GASPAR na Ría de Vigo. O luns 22 a última hora da tarde estaba facéndose o morto no espigón exterior do Club Naútico de Vigo. Nesta fermosa imaxe, captada por Juan Retolaza, apunta ao sol.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-09-2008 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2] [3] [4]
© by Abertal