| Páxina sobre os traballos e actividades arqueolóxicas do Castro de Zoñán (Mondoñedo -Lugo-) |
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Ano 2005: Unha visión ampla do poboado. |
|

Na campaña do 2005 comezouse a desenvolver o plan de traballo plasmado no Plan Director, que se redacta no ano 2004. Para este ano estaba prevista a escavación en área e a apertura dunha sondaxe.
Durante a execución dos mesmos a escavación da área presentouse moi interesante e amosou unha gran potencia arqueolóxica vendo que será preciso ampliar a zona aberta cara ao oeste e norte. Na sondaxe tamén se documentou un muro que nos indica que o espazo habitado continúa cara ese lado do castro.
Os traballos de campo revelaron unha vivenda (Vivenda n.º5) complexa constituída por varias estancias e que presenta un estado de conservación moi bo, plasmado en muros cunha altura de máis de 1,10m, chegando nalgún caso ao 1,40m, e na constatación de dúas ventás, unha delas tapiada e outra que dá á cociña que se presenta anexa ao espazo de habitación.
Ao redor desta vivenda constatouse un lastrado e o comezo de tres estruturas, que serán definidas en anos vindeiros como vivendas n.º6, 7 e 8 respectivamente.
A ausencia de alteracións posdeposicionais fixo que se conservase unha gran cantidade de información sobre a cultura material: cerámicas rotas in situ coas que se puideron reconstruír cacharros, concentracións de cerámicas coas que se recuperaron perfís interesantes, dúas fíbulas anulares de bronce, unha moeda de bronce, varios muíños, diversos anacos de ferro,...
Neste ano, o mesmo que nos anteriores, obtivéronse datos estratigráficos que permiten formular a hipótese de varios niveis de ocupación, mantendo a cronoloxía xeral para esta última etapa de ocupación entre os séculos II a IV d. C. e constatando, na zona suroeste da área aberta unha serie de restos cerámicos que poderiamos asociar ao cambio de era (séculos I a. C. – I d. C.) dadas as características que reúnen. |
|
|
|
|
| Ano 2004: Deseño das liñas de investigación globais do xacemento. |
|

A campaña do ano 2004 supuxo unha ampliación da zona cara ao norte do xa aberto ata o 2003. Ademais, acabouse de valorar unha zona da Vivenda n.º2 que quedara do ano anterior –unha pequena parte contra un muro baixo a que atopará un banco corrido e unha lareira-.
Os resultados de campo son bastante escasos na zona nova, posto que se presenta moi alterada debido a que estivo afectada por traballos agrícolas e porque, ademais, presenta unha potencia arqueolóxica mínima, o que acrecenta os danos derivados das labouras agropecuarias. Nesta campaña só se puido identificar unha vivenda (Vivenda n.º4), definida unicamente por dous muros e por unha lareira.
Pola contra, na cultura material, recuperáronse, por así dicilo, os obxectos máis vistosos ata ese momento, do que temos que destacar un lingote planoconvexo de ouro, prata e cobre.
Cronoloxicamente seguimos no mesmo horizonte cultural.
Un aspecto fundamental foi que tras o remate desta campaña se elaborou un Plan Director para o castro, posto que xa había unha zona ampla aberta, co que xa tiñamos a experiencia para afrontar unha gran diversidade de zonas diferentes, con e sen alteracións, e de complexidade e potencia arqueolóxica variable.
Así, con este plan plasmábase por escrito a liña xeral de investigación e fixábanse as pautas para continuar as valoracións arqueolóxicas na Croa para a súa posta en valor, deseñando e proxectando prazos de escavación, restauración definitiva e, incluso, pasarelas para colocar en caso preciso, así como as plataformas de acceso ao recinto visitable. No mesmo mantíñase, por suposto, o proxecto de colocar paneis de campo na liña dos instalados antes do comezo da campaña do ano 2004.
Nas valoracións arqueolóxicas propostas combínanse valoracións (sondaxes) con escavacións en área. De forma que antes de abrir unha área en concreto xa se ten feito, ao menos, unha sondaxe que nos avance o que hai na seguinte zona. Os planos das áreas e sondaxes están indicados, con números as sondaxes e con letras as áreas, pero non teñen por que ir de forma correlativa, senón que se irá ampliando a área xeral de escavación segundo vaia ditando o xacemento, posto que non sabemos como se van ir desenvolvendo os achados das estruturas nin podemos precisar que áreas van ser máis interesantes.
Este plan de traballo a desenrolar a longo prazo e deberase de ir concretando a medida que avancen as investigacións. |
|
|
|
|
| Ano 2003: Primeiros Resultados Claros. |
|
A campaña do ano 2003 supuxo a continuación dos traballos realizados na área do ano anterior, posto que non se rematara a potencia arqueolóxica da área aberta, e ampliouse a mesma a seguir desta, ata acadar unha superficie duns 275 m2 co que se conseguiu obter un volume de información significativo que nos permitiu facer unha valoración clara da zona.
Nesta campaña identificáronse claramente tres vivendas e un espazo de usos múltiples. Estes identificáronse cos nomes Vivenda n.º1, Vivenda n.º2, Vivenda n.º3 e Espazo n.º1. Estas construcións, salvo a Vivenda n.º1, están conformadas por varios muros. A máis complexa asociación de estruturas ten lugar no caso da Vivenda n.º2.
Constatouse que o muro perimetral era claramente posterior ao abandono do castro, posto que estaba asentado enriba do derrubo das estruturas da área e incluso se asentaba sobre unha das portas da Vivenda n.º2.
Tamén se comprobaron varios momentos de ocupación derivado da superposición de pavimentos e definiuse dunha vez por todas a zona afectada polos traballos de Villaamil. Así mesmo, púidose comezar a constatar alteracións derivadas de traballos agrícolas naquelas zonas con menor potencia arqueolóxica, o que afecta á potencia das diversas UE e tamén á conservación das estruturas, quedando algunha nunha soa fiada.
Na zona sur da superficie apareceron concentracións de escouras de ferro procedentes dun forno de sangrado. Pero non se poderá valorar a zona ata anos máis tarde (2005), posto que neste ano na zona sur non queda espazo físico para poder traballar debido a que remata nun pico que se ve complicado pola existencia de restos de árbores.
En canto á cultura material recuperáronse restos de cerámica, metal (bronce e ferro), lítica, vidro, e recolléronse mostras de carbón e terra para futuras analíticas.Neste ano segue aparecendo TSH, pero tamén se recuperou un morteiro –de cerámica– e varios fragmentos de cerámica “Gris Cociña”. Cabe destacar a aparición de dúas moedas en bronce.
Cos restos de cultura material recuperados pódese comezar a establecer o catálogo da cerámica local, falar da vida cotiá da zona e concretar máis a última cronoloxía de uso, baseándonos nas cronoloxías tipolóxicas dos materiais. Así estariamos a falar dun asentamento de época claramente romana, que se movería entre os séculos II a IV d. C. para esta etapa final de asentamento en Zoñán.
Neste ano enviáronse a datar restos de carbón recuperados en 2002 e 2003 polo método do carbono-14 ao Instituto Química-Física “Rocasolano” do CSIC, en Madrid. As datacións foron realizadas polo Dr. D. Antonio Rubinos Pérez e teñen resultados sorprendentes, se os contrastamos só coa cultura material recuperada, posto que esta nos leva a datas d. C., mentres que as datacións radiocarbónicas falan de datas a. C. e de cambio de era. |
|
|
|
|
| Ano 2002: Primeira Toma de Contacto |
|

Para este ano proxectouse un traballo triple: un levantamento topográfico detallado da Croa, unha prospección da zona e unha escavación en área.
O levantamento topográfico planifícase como traballo previo á escavación para poder poñer en marcha toda a metodoloxía propia destes traballos, xa que todo vai referenciado espacialmente e relacionado coas medidas que se ian establecer.
A prospección da zona levouse a cabo durante o verán cun percorrido total da área. A partir desta comprobáronse as diversas zonas que xa tiñamos identificadas pola toponimia, constatando que poderían pertencer ao castro, co que acadamos unha área de 7,8 ha, que se dividía en catro espazos diferenciados: Croa, Croa Pequena, Castro e Castro de Abaixo.
Na escavación en área buscábase valorar unha estrutura que estaba á vista dende antigo e o muro perimetral da Croa, así como ter un achegamento á cultura material do xacemento e unha primeira estimación cronolóxica de ocupación. Para iso escolleuse unha superficie de aproximadamente 160 m2 no contorno desa estrutura citada.
Os resultados globais desta campaña podemos cualificalos só como unha toma de contacto co xacemento. Nos traballos levados a cabo descubríronse as zonas afectadas pola investigación de Villaamil e comezaron a destaparse tres estruturas.
No referente á cultura material puidéronse recuperar restos de cerámica (entre a que se recuperaron diversos anacos de TSH), lítica e metal (bronce e ferro). Tamén se recolleron mostras de terra e carbón.
Con todo isto puidemos establecer unha cronoloxía de ocupación, seguindo a tipoloxía da TSH, que se movería arredor dos séculos II – III d. C. |
|
|
|
|
| Historia das Investigacións. Século XXI. |
|
No ano 2002 comeza unha nova etapa no Castro de Zoñán. É neste momento cando dan comezo os traballos de posta en valor deste xacemento.
A iniciativa parte do Excmo. Concello de Mondoñedo que adquire unha parte dos terreos do castro, entra en contactao coa Universidade de Santiago de Compostela -Departamento de Historia I- e busca o finanzamento preciso para poder executar traballos arqueolóxicos.
Para a execución desta iniciativa a USC aporta un equipo para a dirección científica encabezado polo Prof. Dr. D. Fernando Acuña Castroviejo, a Prfa. Dra. Dna. Raquel Casal García e a Profa. Dra. Dna. Josefa Rey Castiñeira e, ademáis diso, aporta alumnos de arqueoloxía que veñen a colaborar coas escavacións na modalidade de prácticas en empresas. A dirección técnica dos traballos arqueolóxicos corre a cargo do Dr. D. Abel Vigo García. |
|
|
|
|
| Historia das Investiagacións. Século XX: Francisco Mayán Fernández. |
|
FRANCISCO MAYÁN FERNÁNDEZ
A obra de Francisco Mayán Fernández, persoeiro da vida cultural mindoniense e actual Cronista Oficial de Mondoñedo, versa sobre multitude de temas históricos baseados na súa formación académica: Licenciado en Filosofía e Letras e Doutor en Historia.
Os seus estudos adícanse a temas de Historia Antiga (o emperador Traxano), sobre o Medievo (Pardo de Cela) ou de carácter xeral como a súa Historia de Mondoñedo (entre outras moitas obras). Pero tamén se centrou en estudos sobre a prehistoria mindoniense, dende o punto de vista prehistórico-arqueolóxico e dende o punto de vista etnográfico, coa recollida dunha gran cantidade de lendas na zona.
Os traballos arqueolóxicos levados a cabo en Zoñán por el redúcense a unha prospección da zona, posto que non consegue acadar un acordo cos veciños e propietarios dos terreos para poder levar adiante investigacións baseadas en escavacións.
Froito destes traballos son un plano topográfico da Croa de Zoñán e o descubrimento dun machado de talón e aneis fracturado. Ambos publicados na súa Historia de Mondoñedo (Mayán 1994)
Este é o último investigador que traballa directamente en Zoñán ata o ano 2002 no que comezan os actuais traballos arqueolóxicos. |
|
|
|
|
| Historia das Investigacións. Século XIX: José Villaamil y Castro |
|
JOSÉ VILLAAMIL Y CASTRO.
Villaamil é un pioneiro da investigación arqueolóxica en Galicia e desenrolará os seus traballos na Mariña Lucense, sobre todo en Mondoñedo. As súas investigacións na comarca baséanse na prospección e no estudo de materiais illados, como norma xeral; pero tamén levará a cabo diversas intervencións en lugares como o o Castro de Zoñán, o Castro de Riotorto (As Rodrigas), o Castro de Vilamar (Barreiros) e nas covas de Furada dos Cas e Rei Cintolo (Mondoñedo).
As sondaxes na Croa de Zoñán (1867), constituense na primeira escavación realizada en Galicia nun xacemento castrexo, e as intervencións nas covas de Rei Cintolo e Furada dos Cas en 1869 serán, tamén, as primeiras intervencións en covas en Galicia.
O plano que publica nos resultados dos seus traballos en Zoñán resúltanos moi interesante, posto que nos permitirá asociar a súa intervención coa zona escavada durante a campaña arqueolóxica do ano 2002, xa que os dous planos presentan unhas semellanzas importantes.
Ademais disto, nunha das esquinas, aparece un elemento redondo debuxado (pode que se trate dos restos dun muíño circular de man). Isto fainos pensar que, polo menos nesa zona, chegou moi abaixo na súa escavación; o que explica o feito de que, durante o transcurso da escavación, nesa área non se achasen restos do derrubo dos muros.
|
|
|
|
|
| Chegada ao castro de Zoñán |
|
 Para chegar ao Castro de Zoñán dende Mondoñedo hai que coller a antiga N-634 (hoxe Travesía de Carlos Flogueira) e tomar o desvío cara ao Mosteiro de Os Picos.
Unha vez que se chega alí hai que seguir recto pola mesma estrada na que imos ata atoparnos con un desvío á esquerda. Logo no primeiro cruce hai que seguir recto e no seguinte voltar a coller á esquerda. Dende aquí todo recto e xa chegamos ao Castro.
Unha vez pasado o mosteiro e chegado ao primerio desvío á esquerda o camiño é de terra polo que convén facer o último tramo a pé. É un paseo curto e agradable baixo árbores.
Arrriba vai un pequeno plano esquemático de como chegar ao castro. |
|
|
|
|
| Bibliografía relacionada co Castro de Zoñán |
|
López Cuevillas, F. e Bouza Brey, F. (1929), “Os Oestimnios, Os Saefes e a Orfiolatría en Galiza”, Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, Vol. II, Santiago de Compostela.
López Cuevillas, F. (1932), “Os Torques no Noroeste hispánico”, Arquivo do Seminario de Estudios Galegos, Vol. IV, Santiago de Compostela.
López Cuevillas, F. (1947), “Armería Posthalstática del Noroeste Hispánico”, Cuadernos de Estudios Gallegos, VIII, Tomo II, Santiago de Compostela.
Martín Seijo, M. (2005), “A xestión dos recursos forestais no Castro de Zoñán (Mondoñedo, Lugo)”, Gallaecia, n.º 24, paxs. 169-179, Dep. Historia I, USC. Santiago de Compostela.
Mayán Fernández, F. (1962), “Castros gallegos Elaneobrigenses” XXVI Congreso da Associaçâo portuguesa para o progreso da Ciencias, Porto.
Mayán Fernández, F. (1994), Historia de Mondoñedo, Diputación Provincial de Lugo, Lugo.
Monteagudo, L.(1977), Die Beile auf der Iberischen Halbinsel, (PBF), Tomo IX, Sección 6, München.
Trapero Pardo, (1954) “Una joya de la orfebrería prehistórica lucense. El torques de Burela”, Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo, Lugo.
Vázquez Seijas, M.(1943), Lugo en tiempos Prehistóricos, Junta del Museo Provincial de Lugo, Lugo.
Vigo García, A. (2004a), “Xacementos do Concello de Mondoñedo” Boletín do Museo do Museo Provincial de Lugo, n.ºXI, Lugo.
Vigo García, A. (2004b), “Noticia de escavación arqueolóxica no Castro de Zoñán (Mondoñedo –Lugo-). Campañas 2002-2003”, Gallaecia, n.º23 , Departamento de Historia I, USC, Santiago de Compostela.
Vigo García, A. (2004c), “Patrimonio Arqueolóxico Mindoniense” Mondoñedo n.º61 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”- páxina 7, xuño.
Vigo García, A. (2004d), “A Cultura Material do Castro de Zoñán (I). A Cerámica” Mondoñedo n.º62 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”- páxina 11, agosto.
Vigo García, A. (2004e) “A Cultura Material do Castro de Zoñán (II)” Mondoñedo, n.º63 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 9, outubro.
Vigo García, A. (2005a) “As Vivendas do Castro de Zoñán” Mondoñedo, n.º65 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 4, febreiro.
Vigo García, A. (2005b) “Hachas de bronce del valle de Mondoñedo. Una nueva aportación”, Lancia n.º5, paxs. 251-256 Universidade de León.
Vigo García, A. (2005c) “Dúas Moedas de bronce aparecidas no Castro de Zoñán” Mondoñedo, n.º66 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 8, abril.
Vigo García, A. (2005d) “Un lingote planoconvexo de ouro, prata e cobre”, Mondoñedo, n.º68 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 8, septembro.
Vigo García, A. (2005e) “Os adornos de cerámica”, Mondoñedo, n.º69 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 8, outubro.
Vigo García, A. (2005f) “Unha fíbula anular en omega aparecida en Zoñán”, Mondoñedo, n.º70 –xornal bimensual editado pola asociación “Amigos de Mondoñedo”-, páxina 6, decembro.
Vigo García, A. (2005g), “Escavacións no Castro de Zoñán (Mondoñedo), 2002-2003”, Minius n.º. XIII, Dep. de Historia, Arte e Xeografía, Servizo de Publicacións, Universidade de Vigo, Vigo.
Vigo García, A. (2006) “Castro de Zoñán (Mondoñedo-Lugo). Campaña 2005. Avance de resultados”, Gallaecia n.º25, Dep. de Historia I, USC, Santiago de Compostela.
Vigo García, A. (2007), O Castro de Zoñán (Mondoñedo -Lugo-). Escavacións 2002-2004. Excmo. Concello de Mondoñedo.
Villaamil y Castro, J. (1873), Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, Imprenta de Soto Freire, Lugo.
Villaamil y Castro, J.,(1874), Adornos de oro encontrados en Galicia, (separata de) Edad Antigua. Arte Pagano. Orfebrería.
Villaamil y Castro, J. (1876), “Los Castros y las Mámoas de Galicia”, Museo Español de Antigüedades, VIII, paxs.195-237.
Villaamil y Castro, J. (1878),“Pobladores, Ciudades, Monumentos y Caminos Antiguos del Norte de la Provincia de Lugo”, en Boletín de la Real Sociedad Geográfica de Madrid, Tomo V, páxs 81-139, Madrid.
Villaamil y Castro, J. (1885), Exposición organizada por la Sociedad Económica de Amigos del País. Objetos que expuso el Sr. D. José Villaamil y Castro, Imprenta del Seminario Conciliar Central, Santiago.
Villaamil y Castro, J. (1887b), Memoria sobre la creación de un museo arqueológico en la ciudad de Santiago, Imprenta del colegio nacional de sordo-mudos y ciegos, Madrid.
Villaamil y Castro, J. (1892), Catálogo de los objetos de Galicia, (exposición históico-europea), Sucesores de Ribadeneyra, Madrid.
Villaamil y Castro, J. (1900),“Armas, utensilios y adornos de Bronce recogidos en Galicia”, Edad Antigua-Arte pagano-Instrumentaria-Panoplia-Indumentaria.
Villaamil y Castro, J. (1907), Productos de la metalurgia gallega en tiempos remotos, Ourense. |
|
|
|
|
|
|