Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ORELLAPENDELLA, unha fermosísima iniciativa
Trátase dunha páxina web sobre a literatura de tradición oral infantil en galego que ademais está aberta á participación de quen queira ir engadindo novos ditos, recitados e cancións infantís. Dende CASAESCOLA recomendamos vivamente a tod@s os interesad@s a súa visita ou consulta e estamos moi contentos de que xurdan iniciativas como esta, por esa razón colocamos máis abaixo un enlace para poder entrar nela sen máis demora. Boa viaxe!
ENTRAR EN ORELLAPENDELLA
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 31-10-2008 08:11
# Ligazón permanente a este artigo
FEDERICO MARTÍN CLAUSUROU OS II ENCONTROS CASAESCOLA
Federico Martín na súa condición de mestre da palabra, clausurou os II Encontros CASESCOLA cunha fermosísima intervención que comezou con contos de hoxe, impresionantes relatos con Bagdag como espazo a redescubrir para adolescentes e adultos, para impedir a debilidade da memoria do presente, tamén do pasado, que a desinformación enfraquece. No Bagdag polo que agora corre un río negro coma o alcatrán onde a morte aboia sobre as augas que onte eran verdes e fértiles coma as palmeiras.
Unha reflexión sobre a identidade a través da descuberta do espello, nun candoroso relato e do mito de Narciso portentosamente narrado deron paso a diversas reflexións acerca de como contar.

Federico explicou como a narración do conto parte do rostro, da voz do narrador e vai cara o alto o aire, e cando está creada a atmosfera propicia por parte do relator, cando os que escoitan están prendidos do fío das palabras, as mans ocultan o rostro para reafirmar o poderoso tecido do que se está a contar (non esquezamos que a palabra texto significa tecido). A importancia do rostro engurrado polos ríos da vida porque así era nos primeiros tempos cando ao caer a noite os homes da tribo, postos en círculo, escoitaban para escorregar o medo, á persoa que contaba para os demais, aquel que tiña facilidade para contar, porque tiña memoria. Para contar hai que ter memoria, hai que contar de memoria o que non se sabe non se pode contar. A literatura é un refuxio do home, mais tamén é a que fai posible outra forma de vivir, porque é capaz de imaxinar e crear mundos novos antes insospeitados.

O conto require, en definitiva, estar sedentes, é dicir, sentados arredor daquel que conta. Contar é un fenómeno de socialización dos sedentos seres humanos, seres culturais por excelencia, capaces de pórse a pé, ese que lles permite contemplar os astros dun xeito moi diferente ao dos restantes animais.
Federico finalmente púxose el tamén a pé para facer unha pequena e sentida homenaxe a Ana Pelegrín, unha fervorosa activista do verbo e da memoria, recentemente falecida recitando versos encadeados por criterios cronolóxicos.

O epílogo foi un conto galaico, unha recreación do soño profundo e case eterno do Santo Ero de final inesperado e sorprendente, aínda que non chegara o lobo.
PARA SABER MÁIS DE ANA PELEGRÍN
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 25-10-2008 06:21
# Ligazón permanente a este artigo
QUICO CADAVAL NOS II ENCONTROS CASAESCOLA
Onte recibimos a desexada visita de Quico Cadaval que pretendía intentar cubrir unha faceta que é a de como contar a rapaces de Secundaria. Quico Cadaval ofreceu a súa visión do porque el non é capaz de contar aos máis cativos. Simplemente, dixo, era culpa da súa facilidade para a ironía. Os rapaces pequenos non entenden a ironía, percíbena máis ben como unha agresión ou perigo por parte dos maiores. Pola contra contar para adolescentes é difícil porque un adolescente ten ese conflito co adulto-profesor que o leva a non interesarse, en principio, por nada que lle veña dese mundo dos máis vellos, non saben que todos pasamos pola súa idade e polas súas preocupacións, de aí que haxa que utilizar estratexias, que Quico ten dabondo experimentado e que funcionan, que podemos resumir en contar cousas que lle interesen: a morte o sexo (temas universais).
Antes xa nos deixara dito que un dos segredos está no pracer de contar, mesmo de non preocuparse á hora de contar de facelo "ben", pois no momento en que ti te preocupes por iso, alá vai o o conto ao perderse a verdadeira razón de contar que é o pracer de narrar. Recomenda para quen non o faga ben que diga que o que di está sacado dun libro, isto é moi honesto e necesario , como tamén o é subliñar as frases máis bonitas do texto para logo non usalas de ninguna maneira á hora de contar.
Quico Cadaval é un espléndido contador que herdou do seu pai, en paz estea, o pracer por contar. Lembrou acontecidos contados e aprendidos en Carreira, na súa aldea de Ribeira, dos que lle contaba seu pai, historias que podemos atopar mesmo nas Mil e unha noites ou en Xeorxia, pero que viven aquí entre nós contextualizadas na nosa terra, protagonizadas mesmo polo meu curmán, ou outros personaxes próximos, que fan que pareza una historia ben distinta. Así podemos atopar a historia das tres mentiras como un conto africano ou en versión galega de Betanzos. A recorrencia da tradición oral á hora de contar foi outro dos elementos implícitos que mellor evidenciou Quico no transcurso do seu relatorio fluído, áxil e por veces desbordante, botando man da peculiar ironía que fixo, como podedes imaxinar, moi amena a sesión, como se dunha charla distendida se tratase e en permanente diálogo cos asistentes. Porque houbo tempo mesmo para resolver dúbidas e escoitar comentarios e tamén, para referir, ademais de palabras agarimosas cara Federico Martín por parte do que se considerou un alumno seu, de incluír como estratexia, o curioso caso de por que vai sempre cuberto dende neno Federico e como unha palabra, como "xipixapa" ( así se escribe no seu lugar de procedencia)provocou na memoria, momentos antes de comezar a sesión en conversa particular, un recordo que o propio Federico ampliou para todos os asistentes. Grazas a esta anécdota do día soubemos que en cada historia hai algo que brilla con luz propia ou grazas ao caso dunha das viaxes de Quico fixo a Cuba na que lle falaron dun escravo chinés que traballou na construción dun teatro que despois de morto segue asistindo ás representacións.
Moitas cousas máis poderíamos comentar do que Quico transmitiu, pero é preferible invitar a escoitalo en calquera ocasión que se vos presente. Para rematar tres breves referencias máis. Lembrar o excelente relato da súa avoa que asistiu á Romaría da Nosa Señora da Guía coa súa tía, que tan ben enmarcou no misterio da noite no dormitorio da casa, coa esencia máis tradicional da visión da morte que temos os galegos e a fermosísima afirmación de que a literatura só fala da familia, Edipo Rei, Hamlet ou calquera, como unha das reflexións iiciais que non sei xa se tivo ou non que ver con aquela outra mención que fixo acerca dos Simpson que levan anos de éxito grazas aos grandes temas e tramas que a literatura universal atesoura. A última referencia é o cariño con que nos describiu Quico o que herdara á hora de contar da súa nai: a capacidade pola enumeración de xentes e lugares, a creación dos espazos, das paisaxes e paraxes facendo uso, como non podía ser doutro xeito, da lembranza do chío dos carros en Ribeira transmitida só a través da palabra.
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 24-10-2008 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
RODORÍN PARA MESTRES E PAIS
Rodorín ofreceu na tarde de onte na sesión para docentes, nais e pais o seu "Retablillo de títeres y cuentos".
Comezou por explicar que as mans espidas sen nada máis que os seus cinco dedos eran xa un espazo escénico ideal para contar ( non sen antes lembrarnos que na tradición oral, no canto dos "cinco lobiños", xa estaba latente esta uso). A sesión transcorreu nun fluído cúmulo de exemplos prácticos, manipulando todo tipo de obxectos e salferido de citas alusivas a libros e autores que inspiran a inmensa capacidade artística de Rodorín. Comezando co mundo dos títeres e facendo un repaso aos distintos modelos de bonecos existentes dende a nosa península cos seus títeres de cachiporra ata a mesma China cos seus sofisticasdos títeres ou marionetas, pasou logo a construír espazos de papel, falar das sombras chinesas ou proxectar nun microcine o conto de don Crispín. Na recta final da sesión entrou xa nos procesos de creación, desentrañando para os numerosos asistentes as claves do proceso de creación dun conto con obxectos. Da inspiración en textos, por exemplo de textos que comezan todos pola mesma letra, ata contos que invitan a coñecer de que aninal é este rabo...
Impresionounos mesmo con adiviñas recitadas e a súa asociación a elementos mitolóxicos ou con refugallos convertidos en marabillosas figuras que nas súas mans tomaban vida para contar fermosos romances como o da morte e o namorado.
Tamén os maiores rematamos dicindo "outra vez...outra vez..."


Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 23-10-2008 07:02
# Ligazón permanente a este artigo
RODORÍN NOS COLEXIOS DE VILAGARCÍA
J.A. López Parreño é "Rodorín" nome que adoptou como homenaxe a Gianni Rodari,o famoso e innovador mestre,escritor e pedagogo italiano.
Rodorín estivo onte no CEIP da Escardia e realizou tres sesións que xa formar parte desa maleta chea de tesouros que os nosos nen@s reciben en ocasións tan fabulosas como esta nas que un experto na manipulación de obxectos para contar visita un centro escolar. Os máis cativos compartiron cos mestres e algúnhas nais, presentes tamén nas sesións,este día tan singular cargado do bo facer e da moita capacidade para crear personaxes e microcosmos para contar que Rodorín ten.

A maxia de contar con obxectos do autor levouna hai uns anos a un conto, unha versión moi creativa da Ratiña Presumida que se editou ademais en galego. Mais o capacidade de sorprender e a destreza á hora de contar en vivo é, sen dúbida, a mellor forma de gozar da arte de Rodorín. Volveremos a reclamar a súa presenza porque os nen@s de Vilagarcía, como ben nos advertíu Federico Martín, estánnos dicindo "outra vez...outra vez..."
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 23-10-2008 06:25
# Ligazón permanente a este artigo
FEDERICO MARTÍN E O XOGO DA OCA
O xogo da oca, un camiño eterno
A segunda sesión dos II Encontros CASAESCOLA levounos da man de Federico Martín e cun enorme taboleiro do xogo da oca a través dunha viaxe simbólica que é a viaxe dos contos. Dixo chegar por segundo ano consecutivo a Vilagarcía para celebrar o San Simón, o padrón das ocas, esa ave que domina a terra, a auga e mais o aire e lume, esa oca protectora dos viaxeiros, mesmo dos peregrinos nun Camiño de Santiago no que se pode converter o propio taboleiro do xogo da oca. Descifrounos as claves numéricas do xogo e asegurou que algo de misterioso debería haber se é capaz de nos atrapar, como o fai o conto, e ao xogar cadanseu coa súa ficha por ver de chegar ao final feliz que representa esa casiña 63, un verdadeiro paraíso acuático, evocador da época neolítica.

Non deixou Federico de sorprendernos coa súa poderosa facilidade para contar e realizar outras viaxes históricas como a que realizou cos naipes e que partía de Lobeira e baixaba polo río do Con, para achegarse por lugares próximos a Pontevedra e a Hio.

Federico Martín xa pola mañá compartira unha xornada de contacontos no CEIP o Piñeiriño, namentres que o relator que hoxe intervirá nos Encontros J.Antonio López Parreño, máis coñecido como "Rodorín" levaba a cabo tamén unha sesión matinal no CEIP de Vilaxoán.
CAMIÑO DE SANTIAGO E O XOGO DA OCA
PARA XOGAR A OCA
Comentarios (1) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 22-10-2008 07:02
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA OFICIAL DOS II ENCONTROS CASAESCOLA

Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 21-10-2008 05:41
# Ligazón permanente a este artigo
PRIMEIRA SESIÓN DOS II ENCONTROS CASAESCOLA
Eliximos que ler ( pensando sempre en que contar e como contar)

Baixo este título Manuela Rodríguez da prestixiosa Editora Kalandraka inaugurou onte os II Encontros CASAESCOLA que levan o título xenérico de "que contar, como contar e que ler".

Manuela Rodríguez, mestra de Primaria e asesora especialista en literatura infantil e xuvenil, seleccionou tres das últimas novidades de Kalandraka para explicar, ao case un centenar de docentes e pais presentes, que as lecturas poden ser escollidas en función dos problemas e das situacións cotiás que vivimos moi presentes na actualidade.

"A viaxe do bisavó" un libro para ler, un libro que invita a reflexionar sobre o fenómeno da emigración, tan galego e tan actual.
"Orellas de bolboreta" un título que nos leva ao tema tan traído e tan levado, tan de moda e tan presente en tantas ocasións entre os nosos nen@s como é o da intolerancia e que vén da mao doutro tan importante como é o da autoestima. Finalmente con "Cerca", hai tan só uns días galardoada co Premio Compostela, o primeiro convocado en Galicia para un álbum ilustrado, pensouse en como contar. Manuela Rodríguez narrou o conto acampañada dun pequeno grupo de marabillosos músicos noviños que puxeron unha banda sonora ao relato que ademais fíxose en versión bilingüe ao contar coa colaboración de Xabier Marqués, pais e docente de inglés.

Unha xornada encantadora, que comezara cunha breve alocución de Susana Camiños, Concelleira de Educación de Vilagarcía, un dos patrocinadores do evento, que con esta primeira sesión na que se lle concedía a palabra a unha editorial abre por segunda vez en anos consecutivos este encontro entre as casas e as escolas do municipio coa intención de mellorar ese labor transcendental que é a educación dos nosos nen@s.

Temos que rematar dando as grazas a Kalandraka e grazas a Manuela polo seu apoio a esta iniciativa humilde de CASAESCOLA que co seu aporte se vén enriquecendo día a día e que sabemos non remata aquí, porque temos a ocasión de ir anunciando que Kalandraka Editora e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta van facer realidade no mes próximo en Vilagarcía outra iniciativa marabillosa desta editorial, un proxecto titulado "Cantar e Contar. Ler na nosa lingua" do que se benificiará tamén o conxunto da Comunidade Escolar docentes, nenos e familias do noso municipio e do que xa nos faremos eco neste blog pois o noso colectivo tamén colabora na súa posta en marcha.
Comentarios (1) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 21-10-2008 04:34
# Ligazón permanente a este artigo
PARA VER, PENSAR E OBRAR

Se tes un minuto...

utilízao pinchando o enlace que che propoñemos máis abaixo. ANIMAIS SALVANDO O PLANETA, son como fábulas audiovisuais modernas de carácter ecolóxico. Descrifra as 11 mensaxes e apúntate aos seus consellos!

PARA VER, PENSAR E OBRAR
Comentarios (0) - Categoría: DEBATES - Publicado o 19-10-2008 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
PRESÉNTANSE OS II ENCONTROS CASAESCOLA

QUE CONTAR, COMO CONTAR, QUE LER

Con este título presentáronse onte ante a prensa a segunda edición dos Encontros Casaescola que se van realizar do 20 ao 24 de outubro en Vilagarcía.
O I Encontro "Da casa a escola animar a ler é cousa de tod@s" realizouse por estas datss no curso escolar pasado. daquela a o noso Colectivo aínda non era unha asociación legal e fora a organización Escola Viva quen colaborara cos xestores de Casaescola na posta en marcha deste evento. Se o ano pasado "Cantar, Contar e Xogar" foran o noso centro de interese centrándonos dun xeito especial na infancia e os primeiros anos da escolarización dos nosos nen@s, este ano pais, nais e docentes xuntarémonos de novo para estudar como asentar neles ese hábito da lectura, atendendo ao que se debe contar e como de pode contar. Seguiremos especialmente interesados nos que agora cursan a Primaria da mao dun gran coñecedor dos mecanismos da animación á lectura, Federico Martín que xa fora un dos relatores do ano pasado, ao que acompañará un especialista en usar todo tipo de obxectos para contar, J.Antonio Lopez Parreño "Rodorín", mais non quixemos que esta edicición dos Encontros non tivera algo que ofrecer aos pais , nais e docentes dos adolescentes da Secundaria e por iso invitamos a participar a todo un experto nas estratexias para contar, o actor e director galego Quico Cadaval.
A terceira parte do lema cuberta en parte pola presencia de Federico Martín que sen dúbida vai dar resposta, como xa o ano o fixo a pregunta "que ler", este ano tamén quixemos que as editorias se fosen sumando aos nosos encontros e aínda que non deixaremos de presentar libros noutras ocasións ao longo do curso, contaremos coa tan coñecida e prestixiosa editora Kalandraka que realizará a presentación de varias novidades baixo o suxestivo título "Eliximos que ler, pensando sempre en que contar e como contar".
na Voz de Galicia
no Diario de Arousa
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 12-10-2008 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0