Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Antonio García Teijeiro nos III Encontros

Onte foi a segunda xornada desta terceira edición dos ENCONTROS CASAESCOLA, era unha xornada dedicada á poesía nas aulas e na casa. Poucas persoas en Galicia pode ilustrar mellor o que se pode e se debe facer coa poesía nas escolas como Antonio García Teijeiro. Unha docente lembraba case ao comezo da xornada de onte que el fora a persoa que impartira un obradoiro sobre este tema había dez anos en Vilagarcía. Efectivamente a traxectoria e o compromiso de Antonio coa palabra e os versos é incuestionable.
Foi tamén por iso moi doado atopar entre os docentes de Vilagarcía dous exemplos que ilustraran ante o público asistente,(nesta ocasión maioritariamente de ensinantes, aínda que non faltaron pais e nais interesad@s) que é o que se está a facer día a día hoxe nas aulas con textos e as propostas de poesía para nen@s deste autor, poeta e tamén docente. Foron o CEIP A Escardia a través de Pilar Rodríguez Otero, mestra dos nenos de 3 anos e Laura Real Goenaga mestra do CEIP Vilaxoán e ademais unha das directivas de Casaescola. Pilar trouxo un Powerpoint encantador e agarimoso para amosar como a poesía pode ser unha práctica habitual nas aulas dos máis pequen@s. Laura nun emotivo e á vez lírico texto relatou o traballo que se realizaba cos versos de Teijeiro de libros como Ventos.
Tomou a palabra Antonio seguidamente para indicar que non tiña moito sentido a súa presenza nos Encontros cando había xa docentes, pais e nais tan convencidos de que a poesía era necesaria. Non era preciso convencer da validez da ferramenta na escola aos alí presentes ao ter xa escollido este tema. Manifestouse agradecido polo ben arroupado que se sentía e pola asistencia dado que a poesía non é habitualmente un tema que mobilice á xente, por iso el ten por costume neste tipo de actos convencer aos que o escoitan da importancia desta ferramenta entre os escolares. O seu último libro titúlase así "A poesía necesaria. Lectura e creación poética dentro da aula". Mais el -recoñeceu- nas súas charlas non gusta usar dos seus versos, procura recitar, mesmo cantar poemas doutr@s autor@s. Efectivamente Antonio adoita a cada chisco ler moitos versos e mesmo cantar en varias ocasións usando por exemplo a música de Paco Ibáñez:
Érase una vez un lobito bueno
al que maltrataban todos los corderos...
As citas de Celaya a quen tamén cantou ? poesía necesaria como el pan de cada día? e a quen lle debe o título do seu último libro, de Fran Alonso para descartar que a poesía sexa cousa de tolos ou para asegurar que as palabras na poesía son coma o chicle porque estiran e Juan Mata reclamando que as aulas permitan o contacto coa linguaxe poética foron o punto de arranque do seu relatorio no que desvelou cal é a súa palabra favorita e a que cre el que podería ser unha boa definición para a poesía ?a alma das palabras? dixo. Axiña afirmou con contundencia que a poesía debe lerse en voz alta e debe contaxiarse e filtrarse, palabras nas que fixo fincapé para indicarnos que nas aulas nunca se debe preguntar aos rapaces que é o que di aquí tal poeta, non, debe ser ao revés temos que interrogarmos á inversa ? que o que che di este poema, o importante da poesía é cales son as cousas que che comunica a ti cada poeta, o que ademais nunha aula enriquecerá en gran maneira cada lectura. Fagamos nosos os poemas, esa é a clave.
Como non podía ser doutro xeito insistiu despois na necesidade de que nas casas, nas aulas haxa libros, libros abundantes e no salón ou na mesiña de noite, mellor en ambos lugares, un libro de poemas, que os retratos dos poetas estean pousados entre os libros, porque Rosalía ou Dylan son da familia e que se lea un poema diario, a cotío aos nen@s na casa e que mesmo que se cante cando sexa o momento, que se procure ese espazo é moi importante. Esa fórmula provocará un mellor coñecemento da realidade ao asomarmos ao corazón dos poetas. Fixo despois unhas recomendacións á hora de seguir un proceso aconsellable na gradación da lectura de poemas. Primeiro a poesía tradicional e popular, as adiviñas, as cantigas de roda? e leu exemplos. Logo unha boa selección de poetas que escriben para nen@s, entre os que reivindicou de xeito moi especial a Pura Vázquez e a Manuel María por ser capaces de crear poesía para @s máis cativ@s sendo xa poetas consagrados nun momento en que non había quen apostase por este tipo de poesía en Galicia. O seguinte paso pode ser o dos romances que funcionan moi ben entre os rapaces. Recoñeceu finalmente que en rapaces cos que se traballa coa poesía nunca verán como unha cousa estraña aos poetas, como unha linguaxe allea a lírica. Reclamou o afecto e o crer no seu valor para contaxiar aos que nos escoitan ler versos.
Os últimos versos foron seus, os que lera en Medellín emocionado ante milleiros de persoas, versos que encabezaba coa cita doutros dous de Bernardino Graña sobre as palabras e as follas perdidas. Tamén para pechar realizou unha lectura básica para el sobre que é a poesía. O conto de Frederick de Leo Lioni ( ed. Kalandraka) que sempre leva consigo aos obradoiros, que sempre aconsella aos pais, nais e mestres, non se canse de facelo porque, sabedes, Antonio como o rato do conto, como Frederick é un poeta ( e el o sabe).

Graciñas, pois, Antonio CASAESCOLA tamén sabe da súa disposición, que pode contar con el para que nun futuro próximo poidamos abordar a cuestión da poesía nas casas e nas escolas como tema central dunha experiencia didáctica na que estean tamén os seus protagonistas: nenos e nenas.
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 02-12-2009 06:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0