Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CONFUSAS ENQUISAS SOBRE O GALEGO
O Colectivo CASAESCOLA quere manifestar publicamente a súa preocupación polo que aparentemente aparece presentarse como un exercicio de liberdade e de procura da opinión das nais e dos pais por parte da Consellería de Educación da actual Xunta de Galicia. As enquisas sobre a utilización das linguas no ensino que se están enviando ás casas en realidade ocultan unha interesada e touticeira operación de confusión polas “eivas” que presenta. A consulta carece de rigor ao propoñer opcións de resposta enganosas e ambiguas aos pais e nais que na súa maioría son descoñecedores da distribución de materias que cursan os seus fill@s. Prevalece pois a propaganda mediática e as intencións máis políticas e partidarias que educativas. Denunciamos a escasa fiabilidade da mesma pola falta de rigor e de criterios elementais de sociolingüística e porque ademais se prohiben dende a administración educativa, a través de cartas ben explícitas enviadas a todos os centros de ensino, debates ou achegas de informacións aos pais e nais que exercerán unha opinión cuxos resultados “ serán tidos en conta á hora de deseñar as futuras políticas lingüísticas no ámbito da educación non universitaria de Galicia”.

Analizando as enquisas enviadas aos centros e reiterando os chamamentos e denuncias realizadas xa entre outros por todos os Sindicatos da Ensinanza e a Coordinadora de Equipos de Normalización dos propios centros, comprobamos que efectivamente presentan preguntas ambiguas e imprecisas. Por exemplo, cando un pai/nai queira manifestar que desexa que o seu fill@ reciba o 50% das materias en galego, deberá escoller unha opción que na enquisa aparece como “todas en galego”(enunciado que, como é evidente, pode ser interpretado de xeito ben distinto por aquelas persoas que non coñezan a fondo a distribución actual das materias impartidas nos centros, que lamentablemente é a maioría da poboación).

Por outra parte, é sabido que o conxunto da sociedade, como recollen numerosos estudos de sociolingüística, está aínda moi condicionado polos prexuízos históricos que moitos galeg@s presentan cara a que é a lingua propia de Galicia. Por iso lamentamos que, para unha vez que se di consultar ás familias, se leve a cabo unha consulta tan irregular, precipitada e sen ningún valor científico, onde a información brilla pola súa ausencia e prohibindo o debate nos centros, necesario ante un tema complexo e de evidente transcendencia para o futuro do galego. Ten ademais esta consulta outras carencias democráticas como a de negar a opción a que nunha familia haxa dúas opinións diversas (volvemos a tempos pasados onde só era válida a opinión do cabeza de familia) e mesmo o carácter secreto non está plenamente garantido. Parece que esta consulta carente de rigor na distribución e no procesamento dos datos está supeditada ao interese político e partidario de xustificar un cambio na política lingüística que está alimentando a confusión, o conflito e a crispación arredor da lingua que nos une a todos os galegos.

CASAESCOLA como colectivo que intenta promover a comunicación entre os docentes e as familias sabemos que neste momento hai centros na nosa localidade onde debido a prohibición da inspección educativa impediuse unha achega de información ás familias por parte dos docentes ou ANPAS, creando unha vez máis unha maior distancia entre as casas e as escolas.

Este é o motivo de que o noso colectivo invite ao todos os pais e nais de Vilagarcía a participar nun acto informativo sobre estes cuestionarios que unha boa parte da Comunidade Escolar xa recibiu este venres e outra seguramente recibirá o próximo luns. O acto terá lugar o próximo luns día 15 ás 20 horas na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía. No mesmo participarán membros de distintos Equipos de Normalización dos centros de ensino do municipio.

Dende CASAESCOLA desexamos que se escoite ao conxunto da Comunidade Educativa, mesmo aos docentes e aos sindicatos ensino cando reclaman que o que realmente se debería facer chegar á sociedade (no seu conxunto, non só os pais ou as nais) unha proposta de implicación á hora de garantir na educación a competencia lingüística nos dous idiomas oficiais en Galicia, ademais da incorporación máis decidida de linguas como o inglés ou o portugués.


Vilagarcía de Arousa 11 de xuño de 2009
no Faro de Vigo
na Voz de Galicia
Opinión dos ANPAS de GALICIA
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS - Publicado o 13-06-2009 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 Comentario(s)
1 Parabéns a este colectivo pola organización do acto, espero que o movades moito na prensa e nos centros e que a xente que se achegue ao auditorio saia informada do que está ocorrenndo. Coidado cos boicoteadores, cos#blgtk08# intolerantes, que seguro que se achegan para rebentar o acto. Vós tedes na vosa man os argumentos, vós sumades, vós queredes o mellor para os nosos fillos, transmitídeo con firmeza e claridade, o galego non sobra.
Comentario por Lois (14-06-2009 16:33)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
 
Ligazóns dende outras webs
© by Abertal