Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUICO CADAVAL NOS II ENCONTROS CASAESCOLA
Onte recibimos a desexada visita de Quico Cadaval que pretendía intentar cubrir unha faceta que é a de como contar a rapaces de Secundaria. Quico Cadaval ofreceu a súa visión do porque el non é capaz de contar aos máis cativos. Simplemente, dixo, era culpa da súa facilidade para a ironía. Os rapaces pequenos non entenden a ironía, percíbena máis ben como unha agresión ou perigo por parte dos maiores. Pola contra contar para adolescentes é difícil porque un adolescente ten ese conflito co adulto-profesor que o leva a non interesarse, en principio, por nada que lle veña dese mundo dos máis vellos, non saben que todos pasamos pola súa idade e polas súas preocupacións, de aí que haxa que utilizar estratexias, que Quico ten dabondo experimentado e que funcionan, que podemos resumir en contar cousas que lle interesen: a morte o sexo (temas universais).
Antes xa nos deixara dito que un dos segredos está no pracer de contar, mesmo de non preocuparse á hora de contar de facelo "ben", pois no momento en que ti te preocupes por iso, alá vai o o conto ao perderse a verdadeira razón de contar que é o pracer de narrar. Recomenda para quen non o faga ben que diga que o que di está sacado dun libro, isto é moi honesto e necesario , como tamén o é subliñar as frases máis bonitas do texto para logo non usalas de ninguna maneira á hora de contar.
Quico Cadaval é un espléndido contador que herdou do seu pai, en paz estea, o pracer por contar. Lembrou acontecidos contados e aprendidos en Carreira, na súa aldea de Ribeira, dos que lle contaba seu pai, historias que podemos atopar mesmo nas Mil e unha noites ou en Xeorxia, pero que viven aquí entre nós contextualizadas na nosa terra, protagonizadas mesmo polo meu curmán, ou outros personaxes próximos, que fan que pareza una historia ben distinta. Así podemos atopar a historia das tres mentiras como un conto africano ou en versión galega de Betanzos. A recorrencia da tradición oral á hora de contar foi outro dos elementos implícitos que mellor evidenciou Quico no transcurso do seu relatorio fluído, áxil e por veces desbordante, botando man da peculiar ironía que fixo, como podedes imaxinar, moi amena a sesión, como se dunha charla distendida se tratase e en permanente diálogo cos asistentes. Porque houbo tempo mesmo para resolver dúbidas e escoitar comentarios e tamén, para referir, ademais de palabras agarimosas cara Federico Martín por parte do que se considerou un alumno seu, de incluír como estratexia, o curioso caso de por que vai sempre cuberto dende neno Federico e como unha palabra, como "xipixapa" ( así se escribe no seu lugar de procedencia)provocou na memoria, momentos antes de comezar a sesión en conversa particular, un recordo que o propio Federico ampliou para todos os asistentes. Grazas a esta anécdota do día soubemos que en cada historia hai algo que brilla con luz propia ou grazas ao caso dunha das viaxes de Quico fixo a Cuba na que lle falaron dun escravo chinés que traballou na construción dun teatro que despois de morto segue asistindo ás representacións.
Moitas cousas máis poderíamos comentar do que Quico transmitiu, pero é preferible invitar a escoitalo en calquera ocasión que se vos presente. Para rematar tres breves referencias máis. Lembrar o excelente relato da súa avoa que asistiu á Romaría da Nosa Señora da Guía coa súa tía, que tan ben enmarcou no misterio da noite no dormitorio da casa, coa esencia máis tradicional da visión da morte que temos os galegos e a fermosísima afirmación de que a literatura só fala da familia, Edipo Rei, Hamlet ou calquera, como unha das reflexións iiciais que non sei xa se tivo ou non que ver con aquela outra mención que fixo acerca dos Simpson que levan anos de éxito grazas aos grandes temas e tramas que a literatura universal atesoura. A última referencia é o cariño con que nos describiu Quico o que herdara á hora de contar da súa nai: a capacidade pola enumeración de xentes e lugares, a creación dos espazos, das paisaxes e paraxes facendo uso, como non podía ser doutro xeito, da lembranza do chío dos carros en Ribeira transmitida só a través da palabra.
Comentarios (0) - Categoría: ENCONTROS CASAESCOLA - Publicado o 24-10-2008 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0