Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NO DÍA DAS LETRAS 2014
Algunha das recomendacións literarias e iniciativas editoriais para o mes de maio e con motivo das Letras Galegas:

A LUA DA COLLEITA de Anxos Sumai un libro aclamado pola crítica que vén de recibir diversos galardóns: Premio García Barros, Premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) e o Premio da Narrativa AELG 2014. Esta obra e a súa autora estarán con nós proximamente no Club de Lectura do mes de xuño.

O TRASNO DAS LETRAS trae tamén un traballiño debaixo do brazo que vén de saír coincidindo coa celebración das Letras Galegas. Trátase dun libro de cancións en CD e DVD: BRINCA VAI de Paco Nogueira que xa estamos estudando poder presentar en Vilagarcía coa presenza do seu autor nos próximos meses. Aquí deixamos un vídeo, un dos seus contidos audiovisuais:



Non quixeramos rematar sen invitar a ler ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras, Xosé M. Díaz Castro por exemplo na edición da súa Obra completa en edición de Armando Requeixo. Deixamos aquí tamén un audiovisual feito cos versos do autor no IES de guitiriz que leva o seu nome:

Comentarios (0) - Categoría: O TRASNO DAS LETRAS - Publicado o 18-05-2014 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
QUE VÉN O TRASNO
Este ano 2010 xuntámonos o Colectivo CASAESCOLA e máis as ANPAS e mesmo un representante da Concellaría de Educación do noso Concello para que non houbese centro de Infantil e Primaria que non lese libros en galego e poder así esperar a visita do TRASNO DAS LETRAS.

Pero que é un TRASNO?

O trasno é un ser ao que lle gusta remexer nas cousas da casa ou da escola, pois prefire os ambientes domésticos ou familiares. O trasno bate cos pratos, cisca grans e sementes no chan, non deixa cousa no seu sitio. Pero iso si, actúa sempre de noite, de día desaparece... Non causa grandes desgrazas, pero incordia moito. Os trasnos non son demos, aínda que se parezan. Dise que os tranos teñen unha man furada polo que hai quen adoita poñerlle pola noite unha cunca de grans de millo. O trasno, en canto a ve, tíraa e ponse a recollela porque lle gustar contar e ten a curiosidade por ver cantos grans tirou. Pero ten un problema só sabe contar ata dez, e despois trabúcase e volve a empezar, e así pasa toda a noite. Se é dos trasnos que sabe contar, que sonche ben poucos, como teñen a man esquerda furada, cáelle o gran polo burato e trabúcase na conta. Váiselle a noite en recomezar a contar de novo.

Cando son ben tratados os trasnos procuran colaborar con algo. Quizás sexa por iso que o noso Trasno como é o das Letras deixa sempre un agasallo para os lectores de galego no día no que vai polos colexios e algunhas casas, ese día, mellor sería dicir esa noite, é a noite anterior ao Día das Letras Galegas que se celebra todos os 17 de maio.

Para mellor coñecer os seus gustos citaremos a continuación algunhas das súas palabras que deixou espalladas polas aulas da nosa vila. As mensaxes que deixou escritas nas pizarras dos centros de Vilagarcía dicían cousas como esta:

Aquí estivo o trasno por primeira vez
seguro que atopades todo do revés.

Aquí estivo o Trasno este ano outra vez,
deixándoo sempre todo, todiño do revés.


Ler en galego
é unha cousa natural,
como a chuvia no inverno
e a calore no verán."


Aínda que pareza un terremoto
ou a outros unha bomba,
foi o Trasno das Letras
pra que leas no noso idioma
.

Aprendede a nosa lingua,
que é unha lingua moi moderna,
nas escolas e nas casas,
nas cidades e as aldeas.


Anque fales todo o día
non che pode sentar mal
nin dá mocos, nin dá febre.
Fai a proba e xa verás!
Comentarios (11) - Categoría: O TRASNO DAS LETRAS - Publicado o 13-05-2010 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
A crise do Trasno
Este mes de maio a Concelleira de Educación esqueceu chamar ao Trasno das Letras para que viñera visitar os centros de Infantil e Primaria de Vilagarcía. Coa crise andache todo tan revolto que o Trasno das Letras, como bo trasno que é,pasou desapercibido de novo para moitos centros. Houbo outros que o botaron de menos e mesmo houbo algún no que, como sempre e porque xa é tradición alí, chegou o Trasno revolvéndoo todo, mesturando cadeiras e mesas, abrindo os paraugas e cambiando o esqueleto e os xogos de lugar... mais tamén coma sempre deixando como agasallo un lote de libros en cada aula para aqueles nenos e nenas que lles gusta ler en galego. Este ano non foi tan espléndido como o ano pasado, cousa da crise que tamén debe afectar ao bolso do Trasno. Debeu pensar que para o próximo curso sería máis espléndido e máis notorio.Oxalá que así sexa.CASAESCOLA deu xa pasos certeiros para que o próximo ano non haxe ningún colexio e ningún neno en Vilagarcía que non saiba que a noite do 16 ao 17 de maio vén un trasno a revolvelo todo ás aulas, mesmo ás casas dos nenos que falan galego, e a deixar contos e libros na nosa lingua como agasallo, por iso se lle coñece o Transo das Letras.
Comentarios (0) - Categoría: O TRASNO DAS LETRAS - Publicado o 21-05-2009 05:36
# Ligazón permanente a este artigo
O TRASNO DAS LETRAS 2008
Hoxe chegará a todos os centros de Infantil e Primaria de Vilagarcía (e tamén a moitas casas) O TRaSNO DaS LETRaS.

Un trasno amigo da lectura que revolve as cousas
da casa ou da escola, pero deixa libros en galego
para favorecer o seu uso.


É unha iniciativa do Colectivo Casaescola que, recollendo unha innovadora experiencia que o ANPA do CEIP ?A ESCARDIA? leva realizando varios anos, propón realizar para todos os centros de Infantil e Primaria do noso Concello e mesmo para calquera casa que queira recibilo.

Esta iniciativa conta no caso dos centros escolares co importante patrocinio da Concellería de Educación que dirixe Susana Camiño e é a segunda ocasión na que se leva a cabo para o conxunto dos centros de Infantil e Primaria de Vilagarcía.

Ao longo desta mañán do 16 de maio chegarán aos centros un lote de libros para que ben o ANPA, ben os docentes clasifiquen por ciclos (infantil, 1º, 2º e 3º ciclos) e para que cada aula teña un agasallo de tres ou catro libros para a súa Biblioteca de Aula. Este agasallo virá rodeado dunha presentación especial que ten que preparar cada centro ao seu gusto. Como é un agasallo do TRASNO DAS LETRAS e os trasnos gustan de revolver as cousas, o próximo luns día 19, cando entren os rapaces nas aulas en lugar de atopalas recollidas e ordenadas atoparán a aula toda revolta (cadeiras e mesas en total desorde, a papeleira ciscada, na pizarra unha nota do trasno en prosa ou verso, ou simplemente unha sinatura ?aquí estivo o trasno das letras, revolvendo as vosas mesas?) pero tamén atoparán un pequeno lote de libros envoltos en papel de agasallo para darlle maior relevancia ao feito e diferencialos dos outros que poida haber na clase. O mestre ou mestra explicará o que está a pasar: ?Houbo unha vez un trasno que como todos os trasnos gustaba de facer trasnadas e revolver nos sitios por onde pasaba. Pero este Trasno noso tiña, entre outras manías, a de aparecer só na noite do Día das Letras Galega na procura de lugares onde se lera moito e como sentía moito pracer ao escoitar ler contos e historias, alí onde pasaba deixaba sempre varios libros para que alguén os lese en voz alta e puidese así gozar el tamén coa lectura deles?

Esta iniciativa pretende ser unha máis de axuda a que os libros das bibliotecas de aula viaxen dos centros a todas e cada unha das casas para que cada noite o Trasno, alí onde se atopen estes libros que deixa, poida gozar coa súa lectura. É por iso que tamén animamos dende Casaescola a que nais e pais se animen a participar desta noite máxica anterior ao Día das Letras ( do 16 ao 17 de maio) porque a pouco que gusten de ler libros en galego, seguro que o Transo deixa nas súas casas algún libro.

NOTA: Fagamos posible a chegada do Trasno das Letras en cada centro contando cun grupo de pais e de docentes nun plis-plas poderedes poñer patas arriba cada aula e deixar os libros envoltos en papel de agasallo. Sería recomendable facelo ao longo da tarde do 16 de maio para que a primeira hora do 19, cando se reanudan as clases todo estea preparado. Un último aviso, o ano pasado foi a prensa a varios centros, non descartamos que este ano volvan a aparecer, non todos os días chega o trasno á escola.

Un saúdo e que todo saia ben!
novas nun blog amigo do Trasno da Escardia
Comentarios (0) - Categoría: O TRASNO DAS LETRAS - Publicado o 16-05-2008 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0