Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Nacín muller, este foi o meu destino, pero no meu contrato de nacemento non vén escrito que me vistan de rosa nada máis nacer ou que me furen as orellas para levar pendentes, que deba xogar necesariamente ás bonecas cando sexa unha nena e que teña que ver como o meu irmán sen querelo e sen certeza no seu resultado, faga unha carreira universitaria e pola contra eu deba convencer aos meus pais de que podo rematala e con éxito. Tampouco aparece por ningures que eu teña que poñer a mesa sempre, ou facer as camas nas que dormen outros na miña casa, ou que sexa a min a quen, por ser muller, me toca de por vida facer a compra e a comida ou fregar a louza. Non considero parte substancial das miñas ensinanzas que eu teña que aprender a tecer e a coser, aínda que son destrezas que non están mal como habilidades útiles para calquera persoa. Por ningures está que deba pasar o ferro e tender a roupa eu, namentres o meu pai ou o meu home, se é que algún quixer casar, len o xornal ou miran a televisión.




Non debo ser tampouco amante submisa e calada, debo negarme a calquera tipo de relación que implique violencia ou discriminación. Non serei nunca un obxecto posuído ou prostituído. Por iso será que me sinto pola miña condición de muller fondamente pacifista, tolerante e non violenta.
Non, non atopo tampouco ningunha cláusula pola que me vexa obrigada a asumir en solitario o feito de coidar dos meus futuros fillos ou fillas, se é que desexara compartir vida con alguén e ter descendencia, nin que me negue a posibilidade de procurar a miña independencia e buscar un traballo digno. As dúas posibilidades que esta vida me ofrece, son factibles e lexítimas, mesmo se as quero experimentar a un tempo. Por outra parte, non vexo ningunha conexión especial do meu sexo co feito de cobrar un salario distinto e máis baixo ao dun home que faga o mesmo traballo ca min; e está descartada, por completo, a letra pequena na que diga que ningún empresario vai escoller antes a un varón, polo feito de selo, que a min por ser muller. Nin sequera está contemplado que eu renuncie, se ese é o meu desexo, a calquera tipo de traballo: mineira, matemática, camioneira ou mecánica, eses que habitualmente ninguén asocia coa miña condición feminina porque só aparece escrito en libros e dicionarios en masculino.
Mais si que hai algo establecido á hora de nacer, unha consigna deste contrato que asina todo ser humano no seu nacemento: a de loitar porque os homes e as mulleres teñan as mesmas oportunidades, e a de defender a igualdade entre xéneros para que sexa lei, costume e norma e algo máis que boas palabras no papel, facela realidade nunha sociedade mellor e máis xusta. É por todo iso polo que hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día Internacional da Muller en todo o mundo.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DELICIOSO SUICIDIO EN GRUPO de ARTO PAASILINNA
Para a seguinte sesión do club de lectura de CasaEscola, escollimos como lectura unha obra do recoñecido autor finés Arto Paasilinna, "Delicisioso suicidio en grupo", unha mostra de maestría e fino sentido do humor deste escritor, unha novela que podedes ler en galego ou castelán xa que está editada en ambas linguas.

O día do encontro queda emprazado para o venres 5 de marzo, no Auditorio de Vilagarcía, ás 20.00.

Aquí podes ler unha entrevista que lle fixeron no diario El País

E na rede ademais circulan entre outras entradas interesantes e relacionadas co tema do libro
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 18-02-2010 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A ESCARDIA con HAITÍ
O CEIP A ESCARDIA realizará hoxe unha xornada de portas abertas coa venda de postres típicos de Entroido para recaudar fondos para Haití. Unha iniciativa loable e solidaria, ademais de didáctica e que procura implicar ao conxunto da Comunidade Escolar de Vilagarcía.
Nova en TV Salnés
tamén podemos ver esta nota de hoxe no Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 09-02-2010 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CHEO ABSOLUTO NO AUDITORIO CONTRA AS MENTIRAS SOBRE O GALEGO

Onte PROLINGUA Vilagarcía presentou o libro 55 mentiras sobre o galego, fíxoo á vez que en Cambados, Caldas de Reis ou no Grove e que outras 70 localidades de Galicia ou terras de lingua galega como O Bierzo ou San Martiño de Trebello (Cáceres) pero tamén do mundo ( Barcelona, Madrid, París, Londres e un longo etc...)
Os vilagarciáns alí presentes sabíanse partícipes dunha actividade histórica e respostaron coa mesma contundencia que días antes o fixeron os ensinantes, alumn@s e pais/nais cunha folga no Ensino contra as bases do Decreto do Plurilingüísmo da Xunta do PP.
Foi un acto que evidenciaba que o galego une a xentes de diversas idades, nen@s, adolescentes ou xubilados, persoas de ideoloxías diferentes, pero que sentimos o galego como un sinal da nosa identidade que non queremos perder e estamos dispostos a defendelo sen acritude, pero con firmeza; esa diversidade e á vez esa unánime defensa do noso idioma era algo que os organizadores desexaban que evento transmitise, máis alá de centrar as mensaxes no combate ás falacias que sobre o galego circulan.
A presentación correu a cargo de Cruz López, Héctor Silveiro, Xan Guíllén e Carlos Blanco. despois de ler un texto que PROLINGUA destinaba á introdución do acto. Lembrouse logo outro importante documento catalogable de histórico que se complementa co libro que se estaba a presentar; o importante documento que veu a luz o pasado 16 de xaneiro, asinado pola Academia Galega, outra ferramenta útil e eficaz no debate que se está a dar. Pasouse axiña a comentar os contidos e apartados do libro coordinado por Henrique Costas e editado por Laiovento que aborda moitos dos tópicos e moitas falacias habituais que sobre o galego se adoitan escoitar, procurando tocar os máis diversos ámbitos onde se producen, mesmo tendo moi en conta falsedades que amplificaron os medios de comunicación de fóra de Galicia recentemente.


Interviñeron no acto 7 "mentireiros" en dúas tandas. Na primeira falaron a escritora vilagarciá, Susana Sánchez Aríns, Vítor, un mariscador a flote da Illa, residente en Vilagarcía e Xaquín Chaves, o artista plástico. Na segunda dirixíronse a unha sala abarrotada Ramón Díaz "Raio", empresario emerxente e deseñador das camisolas Caramuxo, Pedro Montero investigador oceánográfico, Andrés o propietario da cafetería A Mariña e finalmente Serxio González xornalista do que podemos ler unha crónica que hoxe publica na Voz de Galicia. Nesta crónica non se citan algunhas das anécdotas curiosas que el mesmo utilizou na súa alocución cargada de ironías como a de que o galego conta cunha nova palabra, estraña simbiose do xaponés co galego, que naceu nunha viaxe ao Xapón (aló polos anos 90)na que certo emisario do goberno Fraga empregou por vez primeira a expresión "agaratiño".

Houbo ademais dúas intervencións moi especiais. A de Xabier Marqués, recoñecido director de curtas. Presentou para esta ocasión unha titulada "Boca a boca" que en formato de documental entrevista e con moito humor confeccionou coa colaboración de moitos espontáneos que foron os que responderon a unha serie de cuestións, máis ben despropósitos, hipotéticos que se poderían dar atentando contra sinais de identidade da nosa cultura: a bandeira, o himno, o pórtico da Gloria ou mesmo o galego.
O remate do acto correspondeulle ao grupo Borderline 79, un grupo de mozos que traballaron arreo para poñer esta nota musical. Xa ao comezo interpretaron o tema Lela, un texto de Castelao seguindo os arranxos realizados por Dulce Pontes,



e escolleron para o final unha versión do coñecido tema Miña terra galega coreada e acompañada de aplausos pola totalidade dos asistentes e deixando o estreo dunha nova versión musical feita polo grupo para a ocasión do poema de Celso Emilio "Deitado fronte ao mar" de novo moi aplaudida pola emotiva interpretación que fixeron. O numeroso público, unhas 250 persoas, estivo en todo momento moi atento e agradeceu a fluidez do acto, que a pesar da cantidade de elementos que o conformaron resulto áxil e moi ameno.



Finalmente os 55 libros que se puxeron á venda, esgotáronse en cuestión de minutos. Menos mal que as librarías de Vilagarcía teñen xa nos seus escaparates exemplares abondo!

Para quen queira saber como foron outras presentacións tanto en Galicia como polo mundo adiante consultar en PROLINGUA
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 06-02-2010 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
PROLINGUA PRESENTARÁ O LIBRO DAS 55 MENTIRAS SOBRE O GALEGO
O próximo día 5 de febreiro ás 20,30 no Auditorio de Vilagarcía haberá unha presentación doblemente interesante. Por un lado, presentarase a Plataforma plural e apartidaria PROLINGUA en Vilagarcía e dita presentación virá acompañada dun libro titulado 55 mentiras sobre a lingua galega, un ensaio que promete e que vén a alimentar con argumentos o debate na sociedade galega que provocou o goberno actual da Xunta ao anunciar as denominadas Bases para o decreto do plurilinguismo, que ademais de facer medrar o conflito (lémbrese a folga no ensino do pasado 21 de xaneiro) xa recibiu unha contundente resposta de organismos tan prestixiosos como a propia Academia Galega que como poderedes consultar a súa análise califica destas bases como de inaceptables e invita ao goberno do PP a que retome o consenso que el mesmo abandonou por intereses electorais desatando un conflito ata o de agora inexistente arredor da nosa lingua. O escrito da RAG podes consultalo aquí.
Para saber máis sobre Prolingua Vilagarcía podes facer uso dos enlaces que activamos aquí coas reseñas en prensa


A día de hoxe tamén o Consello da Cultura Galega vén de facer públicas as súas críticas as bases do Decreto do Plurilingüismo. Aquí podes ler enteiro o ditame do Consello da cultura Galega. Ademais o goberno da Xunta está recibindo milleiros de alegacións e mesmo o pronunciamento en contra dalgún alcalde do seu mesmo Partido.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 30-01-2010 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ROSA ANEIROS e RESISTENCIA
Espéranos Rosa Aneiros e o seu libro Resistencia o próximo venres 29 de xaneiro como o novo libro do CLUB DE LECTURA. Un libro de amor e de liberdade. Un libro apaixoado e seductor. Un libro que para a pena ler.
Rosa Aneiros estivo presente nesta tertulia de escritoras onde podemos escoitala e tamén neste vídeo explícanos cal é a súa razón para escribir:



Comentarios (1) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 26-01-2010 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A biblioteca dixital mundial á nosa disposición!
Trátase dunha iniciativa moi interesante e curiosa á que podemos acceder en sete idiomas grazas á internet. Nela están os tesouros culturais das máis coñecidas bibliotecas do planeta. É por iso que vos invitamos a que entredes. Aquí está a dirección: www.wdl..org
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 21-01-2010 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os mellores libros galegos do 2009
Podedes botarlle unha ollada a esta selección de títulos e temas, de estilos e autores que destacaron ao longo do ano 2009 segundo diversos críticos literarios e que aparece na páxina do Consello da Cultura Galega: Culturagalega.org
Congratulámonos de que estea entre elas a da nosa compañeira e vilagarciá de nacemenento Susana Sanchéz Aríns coa súa obra [de]construçom.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 15-01-2010 00:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
RECOMENDACIÓNS DE NADAL TERCEIRO e SEGUNDO CICLO

O grupo de traballo das Bibliotecas Escolares de Vilagarcía remíntennos estas RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS PARA O NADAL:

TERCEIRO CICLO

“GENEALOGÍA DE UNA BRUJA”
Perez, Sébastien
Lacombe, Benjamin
Ed: Edelvives

Caixa regalo que contén dous libros belamente ilustrados. Un álbum no que Lisbeth, unha nena normal que ten o don de acabar as frases que din os demais, descubre na casa da súa avoa un libro que lle desvelará quen é en realidade.
A caixa tamén contén o libro que atopa Lisbeth: unha orixinal xenealoxía de bruxas que percorre lendas, mitos, feitos reais e tradicións ao longo da historia.


“LAS BRUJAS”
Roald Dahl
Ed: Alfaguara

As bruxas de todo o mundo, baixo a aparencia de señoras correntes, están celebrando a súa convención anual. Decidiron aniquilar a todos os nenos. Pero o protagonista desta historia e a súa avoa conseguirán vencelas grazas ao ratonizador máxico.


“HISTORIA DE GALICIA”
Pepe Carreiro
Ed: A Nosa Terra


Para coñecer os acontecementos máis importantes da nosa historia, dunha forma amena e cunhas ilustracións moi divertidas.

OS MEGATOXOS 3 títulos:
1. Os megatoxos e o aprendiz de druída.
2. Os megatoxos e espada esmeralda.
3. Os megatoxos e os templarios da luz.
Anxo Fariña.
Ed: A Nosa Terra

Unha novela xuvenil con moita acción e intriga escrita e ilustrada por Anxo Fariña.

“LA CLAVE SECRETA DEL UNIVERSO”
Lucy & Stephen Hawkings
Ed: Montena

Aventuras de George, o estudante de bacharelato machacado pola panda de “matonciños” ignorantes, e Annie, a filla de Eric, científico que posúe o máis potente ordenador do mundo ─chamado Cosmos─ teñen o privilexio de saír ao espazo exterior e coñecer a través dunha fantasía moi científica, como é ese lugar tantas veces visitado pola mente deste gran sabio que é Stephen Hawking.

“QUERIDO HIJO:
ESTÁS DESPEDIDO”
Jordi Sierra i Fabra
Ed: Alfaguara

Pode unha nai despedir o seu fillo? Pois iso foi o que lle ocorreu a Miguel por desordenado, por traveso e por desobediente. Transcorrido o prazo de trinta días que lle deron, ten que deixar a súa casa.


“EL ASESINATO DE LA PROFESORA DE LENGUA”
Jordi Sierra i Fabra
Ed: Anaya

A profesora de Lingua, Soledad, está farta de que os seus alumnos no se esforcen na clase. A súa desesperación chegou a tal límite, que lles comunica unha seria noticia: antes de rematar o día, asesinará a un deles, se no consiguen detela antes.

AIRE SONORO
Antonio García Teijeiro
Ed: Ir Indo Edicións

Os instrumentos da orquestra interpretan a súa melodía: o violín, a viola, o violonchelo, o piano, a harpa, a guitarra; a trompeta, o trombón, o saxo, a frauta, o oboe, a tuba, a gaita ou o timbal. Todos eles participan (nalgúns casos, como o piano, en varias partituras-poema) nesta sinfonía na que os olores e as cores combinan sinestesicamente co ritmo deste aire con son a xeito de canto coral.


“EL VIAJE DE DOBLE P”
Fernando Lalana
Ed: Bambú

Doble P é un extraterrestre que vive moi aburrido no seu asteroide Jijo. O seu planeta favorito é a Terra. Así que un bo día decide lanzarse ao espazo e dirixirse cara alí, xa que a súa curiosidade polos humanos lle atrae moitísimo. ¿Poderá facerse amigo de eles?. ¿Serán amigos realmente divertidos?. Cando aterre no noso planeta atopará unha sorpresa maiúscula....

SEGUNDO CICLO


“MODALES”
Aliki.
Ed: Juventud.

Mediante ilustracións os nen@s teñen que adiviñar as formas correctas de comportarse na casa, en sociedade e cos seus amigos.

“29 HISTORIAS DISPARATADAS”
Úrsula Wölfel
Ed: Kalandraka

Unha das virtudes literarias de Úrsula Wölfel é o sentido do humor co que aborda as pequenas historias cotiás, nas que os personaxes - animais e persoas - son protagonistas de situacións cómicas e sorprendentes.

“NO CORAZÓN DO BOSQUE”
Agustín Fernández Paz
Ed: Xerais

Aquela sería unha excursión inesquecible para Raquel: a viaxe en autobús, a fraga inmensa, as bravas augas do río, o vello mosteiro... e, sobre todo, o descubrimento dun estraño personaxe no interior da súa mochila.

“SOPA DE SOÑO E OUTRAS RECETAS DE cocoCIÑA”
José Antonio Ramirez Lozano.
Ed: Kalandraka

Aquí está o mellor fogón! Cociña das palabras que se come polos ollos sen culler nin garfo.

“CANDO O REI POR AQUÍ PASOU”
Palmira G. Boullosa
Ed: Xerais


Recolleita dun rico material de lírica infantil composto por arrolos, fórmulas de xogo, adiviñas, fórmulas para botar a sortes ou saber quen panda, trabalinguas, cantigas de roda, mentiras, maios e formuliñas para falar cos animais.

“FAUNA EN PELIGRO” (2 títulos):
-La tortuga.
-La salamandra
Ed: Combel


Unha colección amena e chea de sorpresas para concienciar aos máis pequenos da necesidade de protexer as especies de animais en perigo de extinción do noso entorno.

“TAN SÓ CON LERES
UN LIBRO” CD música.
Grupo “Mamá Cabra”.

Mamá Cabra é un grupo de música infantil formado por sete músicos.
O seu repertorio de cancións baseáse en poemas de autores como Gloria Sánchez, Ana Mª Fernández, Concha Blanco, Antonio G. Teijeiro…aínda que tamén teñen cancións propias ou temas que adaptan do noso flocklore.

“ADIVIÑAS DE
ANIMAIS”
Gloria Sánchez
Ed: Alfaguara

Conxunto de 25 adiviñas en verso breve e áxil con forte sabor popular. Os protagonistas son animais diversos (dende o mosquito á balea, dende o can á bolboreta...), grandes e pequenos, bos e malos, de terra, mariños e aves... Todos eles forman parte da cultura tradicional ou móvense no territorio común da infancia.


“ELIGE EL VERDE”
Jessie Eckel
Ed: Combel

A reciclaxe, o quentamento global do planeta e o coidado do noso entorno son cuestións de actualidade que tamén interesan aos nenos e nenas. Este título as pon o seu alcance para que poidan coñecelas e poñer o seu graíño de area para lograr un mundo máis verde.


GRUPO DE TRABALLO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE VILAGARCÍA:
CEIP Arealonga
CEIP A Lomba
EEI Vagalume
CEIP Vilaxoán
CEIP Rubiáns
CEIP A Escardia.

Comentarios (0) - Categoría: Maleta de Libros - Publicado o 20-12-2009 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
RECOMANDACIÓNS PARA NADAL PRIMEIRO CICLO
O grupo de Traballo das Bibliotecas Escolares de Vilagarcía RECOMENDAS ESTAS LECTURAS PARA NADAL

PRIMEIRO CICLO

O APALPADOR
Xoán G.
Ed: Biblos

O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

“UN CUÍÑO INDEPENDENTE”
José Luis Cortés
Ed: SM

O cuíño gordiño de César Pompeio está farto de recibir tantos azoutes. Por iso, un día o cuíño marcha e o neno queda sen el. E claro, xa podes imaxinar que estar sen traseiro vai orixinar situacións un pouco complicadas. ¡Que mal o vai pasar César Pompeio!

“MARCELA EN NAVIDAD”
Ana García Castellano
Ed: Anaya

Marcela conta as súas festas navideñas, un bo marco
para que a pequena viva moitas aventuras diferentes. Está formado por catro historias, que inclúen o belén viviente da escola, a cea de Noiteboa, unha pequena aventura en Nadal e a carta aos Reis Magos.


“LA VACA GORDITA”
David Paloma
Ed: Combel

Como todos a chamaban gordiña creuno e empezou a facer dieta ata que tivo un aspecto deporable para unha vaca. Menos mal que se deu conta da súa insensatez e volveu comer.
“INÉS DEL REVÉS”
Anita Jeram
Ed: Kókinos

Inés é terca, desobediente e posúe un sólido espírito de contradición coma calquera nen@. Por iso fai todo ó revés. Afortunadamente a súa nai imaxinativa e cariñosa sabe como poñer as cousas do dereito.

“EL REGALO PERFECTO”
Gillian Shields
Ed: Kókinos

¿Ser un oso de peluche perfecto, elegante, con caixa de música no peito é mellor que ser un oso desgastado e deslucido polos xogos e abrazos de unha nena cariñosa? ¿É mellor a admiración ou o amor?
O osiño deste conto descubrirá a resposta.

“O MEU PEQUENO
ANIMALARIO”( 4 títulos):
-A montaña e o bosque.
-Mares, ríos e lagos.
-As crías dos animais salvaxes.
-Os animais da granxa.
BAÍA EDICIÓNS

Esta nova colección de Baía Edicións para público Infantil-Xuvenil (a partir de 4 anos), caracterízase por ser unha "obra interactiva e divertida para comprender a vida dos animais, con xogos pedagóxicos para nenas e nenos".

“EL ARCA DE NOÉ”
Editorial Combel

Libro despregable con ilustracións de cores vivas e cheas de detalles. ¡Nunca se vira un barco tan colosal!

“O GRÚFALO”
Julia Donaldson
Ed: Macmillan

Mentres o rato pasea polo bosque atópase coa raposa, o bufo e á serpe. Todos quérenno comer. O rato dirálles que está esperando a un grúfalo. ¿E que é un grúfalo? Un ser monstroso ao que todos temen... ¿Pero de verdade existe o grúfalo ou é unha invención do rato?

“A CASA DE HABÍA UNHA VEZ”. Poesía.
Ana Mª Fernández
Ed: Xerais.

Ana María Fernández e o ilustrador Enjamio convídannos a realizar unha viaxe ó eterno mundo dos contos a través duns poemas nos que se entrecruzan dragóns e leóns, trasniños, raíñas e princesas, fadas encantadas e ras enmeigadas.

“SETE CASAS, SETE BRUXAS E UN OVO”.
Gloria Sánchez.
Ed: SM

Sete bruxas espantosas, que viven aniñadas nunha árbore seca, enfróntanse por un príncipe e desde aquela non só non se falan, senón que ademais procuran facerse todas as maldades de que son capaces.

“GRISELA”
Anke de Vries.
Ed: Faktoría K de Libros

Un día Grisela sentiuse moi triste,
tan triste coma a súa pel gris.
« Teño que facer algo », pensou.
Colleu un bote de pintura vermella e dixo:
-Se me pinto dunha cor alegre,
seguro que me poño contenta...
Relato sinxelo sobre a importancia de ser un mesmo.


GRUPO DE TRABALLO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE VILAGARCÍA:
CEIP Arealonga
CEIP A Lomba
EEI Vagalume
CEIP Vilaxoán
CEIP Rubiáns
CEIP A Escardia.






Comentarios (0) - Categoría: Maleta de Libros - Publicado o 20-12-2009 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal