Colectivo Casaescola


Da casa á escola, animar a ler é cousa de tod@s

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Nova Lectura de Luis Sepúlveda
>"Un viejo que leía novelas de amor"

Luis Sepúlveda



Nesta última reunión do CLUB DE LECTURA a obra elexida entre varias foi esta deste autor chileno. Trata da vida de Antonio José Bolívar Proaño un vello que vive nun pobo remoto da selva amazónica "o Idilio", refuxiado nos recordos e na lectura de novelas de amor para illarse dun mundo que se derruba pola codicia do home branco e a súa falla de respecto pola natureza tan afastada das ensinanzas dos indios shuar.

O encontro será o xoves 24 de xuño ás 20.00 na cafetería "Villa Aurora"



Boa lectura...

Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 13-06-2010 07:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
QUE VÉN O TRASNO
Este ano 2010 xuntámonos o Colectivo CASAESCOLA e máis as ANPAS e mesmo un representante da Concellaría de Educación do noso Concello para que non houbese centro de Infantil e Primaria que non lese libros en galego e poder así esperar a visita do TRASNO DAS LETRAS.

Pero que é un TRASNO?

O trasno é un ser ao que lle gusta remexer nas cousas da casa ou da escola, pois prefire os ambientes domésticos ou familiares. O trasno bate cos pratos, cisca grans e sementes no chan, non deixa cousa no seu sitio. Pero iso si, actúa sempre de noite, de día desaparece... Non causa grandes desgrazas, pero incordia moito. Os trasnos non son demos, aínda que se parezan. Dise que os tranos teñen unha man furada polo que hai quen adoita poñerlle pola noite unha cunca de grans de millo. O trasno, en canto a ve, tíraa e ponse a recollela porque lle gustar contar e ten a curiosidade por ver cantos grans tirou. Pero ten un problema só sabe contar ata dez, e despois trabúcase e volve a empezar, e así pasa toda a noite. Se é dos trasnos que sabe contar, que sonche ben poucos, como teñen a man esquerda furada, cáelle o gran polo burato e trabúcase na conta. Váiselle a noite en recomezar a contar de novo.

Cando son ben tratados os trasnos procuran colaborar con algo. Quizás sexa por iso que o noso Trasno como é o das Letras deixa sempre un agasallo para os lectores de galego no día no que vai polos colexios e algunhas casas, ese día, mellor sería dicir esa noite, é a noite anterior ao Día das Letras Galegas que se celebra todos os 17 de maio.

Para mellor coñecer os seus gustos citaremos a continuación algunhas das súas palabras que deixou espalladas polas aulas da nosa vila. As mensaxes que deixou escritas nas pizarras dos centros de Vilagarcía dicían cousas como esta:

Aquí estivo o trasno por primeira vez
seguro que atopades todo do revés.

Aquí estivo o Trasno este ano outra vez,
deixándoo sempre todo, todiño do revés.


Ler en galego
é unha cousa natural,
como a chuvia no inverno
e a calore no verán."


Aínda que pareza un terremoto
ou a outros unha bomba,
foi o Trasno das Letras
pra que leas no noso idioma
.

Aprendede a nosa lingua,
que é unha lingua moi moderna,
nas escolas e nas casas,
nas cidades e as aldeas.


Anque fales todo o día
non che pode sentar mal
nin dá mocos, nin dá febre.
Fai a proba e xa verás!
Comentarios (0) - Categoría: O TRASNO DAS LETRAS - Publicado o 13-05-2010 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Firmin de Sam Savage
A próxima lectura do noso CLUB DE LECTURA DE ADULTOS será Firmin de Sam Savage, para o xoves 13 de maio na cafetería "Villa Aurora" ás 20 horas. Unha novela e algo máis que a historia dun rato que vive e crece nunha librería, que desde o principio aliméntase de libros e non deixará de facelo aínda que doutro xeito. Unha novela para disfrutar, conmovedora, con sentido do humor, inesquecible que mostra o poder transformador da literatura.

Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 04-05-2010 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
LECTORIÑO e PEDRO E O LOBO
Comezou LECTORIÑO 2010 coa presentación dun proxecto da Banda De Vilagarcía interpretando e contando Pedro e o Lobo,unha coñecida obra musical que a compañada dun narrador fixo vibrar coa música aos numerosísimos nen@s e familiares presentes na presentación do Auditorio coa que remataba esta primeira xornado do Lectoriño.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 22-04-2010 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
UN INVENTO REVOLUCIONARIO
Podedes ver este vídeo informativo deste gran invento revolucionario:
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 11-04-2010 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
La Estraña desaparición de Esme Lennox - Maggie O'Farrell


A próxima reunión do club de lectura para comentar a interesante novela La extraña deseparición de Esme Lennox de Maggie O'Farrell, xoven autora escocesa, será o xoves 8 de abril no seminario 2, no segundo andar do Auditorio de Vilagarcía, ás 20.00.

Trátase dunha fermosa e inquietante historia na que vemos como as convencións sociais e as relacións familiares marcar o destino das persoas..coma o de Esme Lennox.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 31-03-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Nacín muller, este foi o meu destino, pero no meu contrato de nacemento non vén escrito que me vistan de rosa nada máis nacer ou que me furen as orellas para levar pendentes, que deba xogar necesariamente ás bonecas cando sexa unha nena e que teña que ver como o meu irmán sen querelo e sen certeza no seu resultado, faga unha carreira universitaria e pola contra eu deba convencer aos meus pais de que podo rematala e con éxito. Tampouco aparece por ningures que eu teña que poñer a mesa sempre, ou facer as camas nas que dormen outros na miña casa, ou que sexa a min a quen, por ser muller, me toca de por vida facer a compra e a comida ou fregar a louza. Non considero parte substancial das miñas ensinanzas que eu teña que aprender a tecer e a coser, aínda que son destrezas que non están mal como habilidades útiles para calquera persoa. Por ningures está que deba pasar o ferro e tender a roupa eu, namentres o meu pai ou o meu home, se é que algún quixer casar, len o xornal ou miran a televisión.




Non debo ser tampouco amante submisa e calada, debo negarme a calquera tipo de relación que implique violencia ou discriminación. Non serei nunca un obxecto posuído ou prostituído. Por iso será que me sinto pola miña condición de muller fondamente pacifista, tolerante e non violenta.
Non, non atopo tampouco ningunha cláusula pola que me vexa obrigada a asumir en solitario o feito de coidar dos meus futuros fillos ou fillas, se é que desexara compartir vida con alguén e ter descendencia, nin que me negue a posibilidade de procurar a miña independencia e buscar un traballo digno. As dúas posibilidades que esta vida me ofrece, son factibles e lexítimas, mesmo se as quero experimentar a un tempo. Por outra parte, non vexo ningunha conexión especial do meu sexo co feito de cobrar un salario distinto e máis baixo ao dun home que faga o mesmo traballo ca min; e está descartada, por completo, a letra pequena na que diga que ningún empresario vai escoller antes a un varón, polo feito de selo, que a min por ser muller. Nin sequera está contemplado que eu renuncie, se ese é o meu desexo, a calquera tipo de traballo: mineira, matemática, camioneira ou mecánica, eses que habitualmente ninguén asocia coa miña condición feminina porque só aparece escrito en libros e dicionarios en masculino.
Mais si que hai algo establecido á hora de nacer, unha consigna deste contrato que asina todo ser humano no seu nacemento: a de loitar porque os homes e as mulleres teñan as mesmas oportunidades, e a de defender a igualdade entre xéneros para que sexa lei, costume e norma e algo máis que boas palabras no papel, facela realidade nunha sociedade mellor e máis xusta. É por todo iso polo que hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día Internacional da Muller en todo o mundo.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DELICIOSO SUICIDIO EN GRUPO de ARTO PAASILINNA
Para a seguinte sesión do club de lectura de CasaEscola, escollimos como lectura unha obra do recoñecido autor finés Arto Paasilinna, "Delicisioso suicidio en grupo", unha mostra de maestría e fino sentido do humor deste escritor, unha novela que podedes ler en galego ou castelán xa que está editada en ambas linguas.

O día do encontro queda emprazado para o venres 5 de marzo, no Auditorio de Vilagarcía, ás 20.00.

Aquí podes ler unha entrevista que lle fixeron no diario El País

E na rede ademais circulan entre outras entradas interesantes e relacionadas co tema do libro
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 18-02-2010 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A ESCARDIA con HAITÍ
O CEIP A ESCARDIA realizará hoxe unha xornada de portas abertas coa venda de postres típicos de Entroido para recaudar fondos para Haití. Unha iniciativa loable e solidaria, ademais de didáctica e que procura implicar ao conxunto da Comunidade Escolar de Vilagarcía.
Nova en TV Salnés
tamén podemos ver esta nota de hoxe no Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 09-02-2010 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CHEO ABSOLUTO NO AUDITORIO CONTRA AS MENTIRAS SOBRE O GALEGO

Onte PROLINGUA Vilagarcía presentou o libro 55 mentiras sobre o galego, fíxoo á vez que en Cambados, Caldas de Reis ou no Grove e que outras 70 localidades de Galicia ou terras de lingua galega como O Bierzo ou San Martiño de Trebello (Cáceres) pero tamén do mundo ( Barcelona, Madrid, París, Londres e un longo etc...)
Os vilagarciáns alí presentes sabíanse partícipes dunha actividade histórica e respostaron coa mesma contundencia que días antes o fixeron os ensinantes, alumn@s e pais/nais cunha folga no Ensino contra as bases do Decreto do Plurilingüísmo da Xunta do PP.
Foi un acto que evidenciaba que o galego une a xentes de diversas idades, nen@s, adolescentes ou xubilados, persoas de ideoloxías diferentes, pero que sentimos o galego como un sinal da nosa identidade que non queremos perder e estamos dispostos a defendelo sen acritude, pero con firmeza; esa diversidade e á vez esa unánime defensa do noso idioma era algo que os organizadores desexaban que evento transmitise, máis alá de centrar as mensaxes no combate ás falacias que sobre o galego circulan.
A presentación correu a cargo de Cruz López, Héctor Silveiro, Xan Guíllén e Carlos Blanco. despois de ler un texto que PROLINGUA destinaba á introdución do acto. Lembrouse logo outro importante documento catalogable de histórico que se complementa co libro que se estaba a presentar; o importante documento que veu a luz o pasado 16 de xaneiro, asinado pola Academia Galega, outra ferramenta útil e eficaz no debate que se está a dar. Pasouse axiña a comentar os contidos e apartados do libro coordinado por Henrique Costas e editado por Laiovento que aborda moitos dos tópicos e moitas falacias habituais que sobre o galego se adoitan escoitar, procurando tocar os máis diversos ámbitos onde se producen, mesmo tendo moi en conta falsedades que amplificaron os medios de comunicación de fóra de Galicia recentemente.


Interviñeron no acto 7 "mentireiros" en dúas tandas. Na primeira falaron a escritora vilagarciá, Susana Sánchez Aríns, Vítor, un mariscador a flote da Illa, residente en Vilagarcía e Xaquín Chaves, o artista plástico. Na segunda dirixíronse a unha sala abarrotada Ramón Díaz "Raio", empresario emerxente e deseñador das camisolas Caramuxo, Pedro Montero investigador oceánográfico, Andrés o propietario da cafetería A Mariña e finalmente Serxio González xornalista do que podemos ler unha crónica que hoxe publica na Voz de Galicia. Nesta crónica non se citan algunhas das anécdotas curiosas que el mesmo utilizou na súa alocución cargada de ironías como a de que o galego conta cunha nova palabra, estraña simbiose do xaponés co galego, que naceu nunha viaxe ao Xapón (aló polos anos 90)na que certo emisario do goberno Fraga empregou por vez primeira a expresión "agaratiño".

Houbo ademais dúas intervencións moi especiais. A de Xabier Marqués, recoñecido director de curtas. Presentou para esta ocasión unha titulada "Boca a boca" que en formato de documental entrevista e con moito humor confeccionou coa colaboración de moitos espontáneos que foron os que responderon a unha serie de cuestións, máis ben despropósitos, hipotéticos que se poderían dar atentando contra sinais de identidade da nosa cultura: a bandeira, o himno, o pórtico da Gloria ou mesmo o galego.
O remate do acto correspondeulle ao grupo Borderline 79, un grupo de mozos que traballaron arreo para poñer esta nota musical. Xa ao comezo interpretaron o tema Lela, un texto de Castelao seguindo os arranxos realizados por Dulce Pontes,



e escolleron para o final unha versión do coñecido tema Miña terra galega coreada e acompañada de aplausos pola totalidade dos asistentes e deixando o estreo dunha nova versión musical feita polo grupo para a ocasión do poema de Celso Emilio "Deitado fronte ao mar" de novo moi aplaudida pola emotiva interpretación que fixeron. O numeroso público, unhas 250 persoas, estivo en todo momento moi atento e agradeceu a fluidez do acto, que a pesar da cantidade de elementos que o conformaron resulto áxil e moi ameno.



Finalmente os 55 libros que se puxeron á venda, esgotáronse en cuestión de minutos. Menos mal que as librarías de Vilagarcía teñen xa nos seus escaparates exemplares abondo!

Para quen queira saber como foron outras presentacións tanto en Galicia como polo mundo adiante consultar en PROLINGUA
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 06-02-2010 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal