Día das Letras Galegas de 2010 pa Uxío Novoneyra

jujel

O meu perfil
cartafoldomandeo@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Desmontando un tópico
GzNación publica un artigo sobre as balanzas fiscais, que desmonta o tópico da Galiza subsidiada pola "solidariedade" do Estado. Unha solidariedade que, temos comprobado, non atende a débedas históricas, catástrofes sen precedentes nin nada que se lle poña a tiro. Nin outro mito, o dos gobernos amigos, ten nada a ver cos números que arroxan os tributos cobrados en Galiza e a inversión estatal nesta nación.
Os cálculos están feitos por Xosé Díaz, que de números sabe un pouquiño. Cae coa forza da aritmética o mito da Galiza pobre e esmoleira, demóstrase que se acaso somos un país empobrecido e que iso ten unha solución moi clara: apostar polo noso, defender o noso e non pasar por menos que que se recoñeza o que é de noso.
"Segundo se recolle no estudo de Díaz, “todas as CCAAs teñen un Fondo de Suficiencia positivo agás os casos das Illes Balears e de Madrid”. Isto, polo explicado anteriormente, significaría que Madrid e as Baleares teñen menos competencias transferidas polo Goberno. “Así”, di o informe, “a identificación de CCAA pobre como aquela que precisa de Fundo de Suficiencia para completar os recursos cos que financiar as competencias e servizos transferidos (educación, sanidade, xustiza, servizos sociais, ...) remata nun auténtico desatino”. “Cataluña, que percibe en termos absolutos un Fondo de Suficiencia (2.392 M€) que equivale ao 75% do galego sería segundo esta teoría unha das máis pobres do Estado Español”.
Segundo estes datos, Galiza (3.207,7 de f. Suficiencia) sería menos pobre que Madrid (co que iso implica no 'reparto')" O debate está servido, os números cantan.
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Política nacional - No Cartafol dende o 07-05-2008 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Utilidades e enlaces
Sala Capitular do mosteiro de Sobrado dos Monxes, para ir facendo boca
Deixo varias utilidades de interese no apartado homónimo de enlaces. En primeiro lugar o dicionario de galego en liña de IrIndo, unha ferramenta de traballo fundamental para aprendermos a escribir e falar con corrección. En segundo lugar, e vencellado ao idioma, un repertorio de recursos lingüísticos en galego, por cortesía da delegación de normalización lingüística da Deputación da Coruña.
Por outra banda, dous enlaces ao apartado dedicado a organizacións sociais: a pontevedresa Asociación pola Defensa da Ría e mais a berciana Fala Ceibe.
Desde o Bierzo deixáronme enlace a unha interesante bitácora para coñecer detalles desa comarca, O Bierzo Ceibe. E decátome de que non teño enlace á miña columna blogueira do GzNación e tamén a incorporo ao repertorio. Tamén nesta categoría queda incluído o sindicador de contidos dos Blogs Nacionalistas Galegos, que reúne varias bitácoras de sesgo político transparente nun formato enteiramente en software libre e que irá medrando nos vindeiros días. A ver se me poño un día destes coas fotos de Sobrado...
Anotacións á marxe (3) - Categoría: Barrenando... - No Cartafol dende o 07-05-2008 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Odio a Lampedusa
Esta frasa, chea até os topes de retranca, é o título que escollín para o último artigo que mandei a GzNación. A estas horas, logo da xuntanza da Ministra co missi dominici Touriño e o Vicepresidente Quintana (pode dicirse vicepresidente se o presidente non existe?) o artigo xa me quedou reseso, mais a filosofía é a mesma. Non odio a Lampedusa, pois nada me fixo o novelista italiano, senón que me amola a sentenza célebre do seu libro máis coñecido. Ou a sentenza tampouco, amólanme os que queren vender que todo cambiou cando en realidade todo segue igual: os que se negan ás caladas a levar ENCE fóra da ría, as franquicias que hipotecan os acordos unánimes do Parlamento de Galiza ás comenencias da súa casa central. En fin, que son da opinión de Aymerich. Agardo que vos guste o artigo.
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Política nacional - No Cartafol dende o 07-05-2008 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha terra, un pobo, unha fala
Este verso dunha canción de Saraibas é o lema dun selo que na Illa de Man editaron sobre Galiza, dentro dunha serie de selos sobre as nacións celtas. Todos eles coa bandeira da respectiva nación, o nome e mais unha fraseciña, un verso apenas, sobre os idiomas nacionais. "Sen lingua non hai país" é a lenda escollida para o propio selo manxe, "un país que despreza a súa propia lingua non ten alma" sentencia o dedicado a Asturias. E como atinadamente deixou alguén nas Mil razóns para as Mil Primaveras citando a Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma". Todo un recado para os que piden bilingüismos harmónicos, tranquilos ou normais, bilingüismos dunha soa cara onde en realidade nada cambie e se manteña a perpetua diglosia e no que como moito se lle busque unha morte con dignidade ao galego. Unha terra, un pobo, unha fala.


Unha flor, un amor, unha alborada,
unha fonte, un río, unha praia,
unha estrela, un camiño, unha alma,
unha terra, un pobo e unha fala...

A maneira de busca-lo noso pan,
unha forma de bailar no noso chan,
muiñeiras, alalás ou foliadas,
unha terra, un pobo e unha fala...

Un viñedo, un carballo, unha gaita,
a morriña espallada polo mundo,
a muller que na casa está emigrada,
unha terra, un pobo e unha fala...

Castiñeiros, carballeiras, romerías,
eirexados, mosteiros, gandeiría,
rebordelas, corredoiras embruxadas,
unha terra, un pobo e unha fala...

O mareiro vento desta costa,
o batir das olas en Fisterra,
un ardente corazón que sinte e cala,
unha terra, un pobo e unha fala...

A maneira de busca-lo noso pan,
unha forma de bailar no noso chan,
muiñeiras, alalás ou foliadas,
unha terra un pobo e unha fala...

Castiñeiros, carballeiras, romerías,
eirexados, mosteiros, gandeiría
rebordelas, corredoiras embruxadas,
unha terra, un pobo e unha fala...

Unha terra un pobo e unha fala
...
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Galiza - No Cartafol dende o 03-05-2008 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Betanzos de cine
Non, non vou falar outra vez da película de terror do Alfonsetti, iso tocará se acaso cando haxa novidades no asunto. Falarei de cine, porque Abrígate volve a traer a Betanzos coma plató de cine. O argumento, unha arxentina de Bos Aires que retorna á terra dos seus devanceiros, Betanzos, onde perde ao seu amante e namora do seu fillo. Aparte do descobrimento (ou iso creo), para min, de Manuela Pal, a película de Continental que se estreará o 23 deste mes na Coruña deixa outra reflexión necesaria. Desde logo, se Betanzos é un plató de cine dubido moito que sexa grazas a, como xa teño dito, tortilleos absurdos e saídos de madre, senón máis ben ao patrimonio histórico e natural. O Casco Vello e a ría e ríos son os potenciais a explotar de xeito sustentábel, o resto circunloquios que non nos van levar a ningures e que por riba nos saen caros. Aí vos queda o tráiler da película para ir abrindo boca.


Anotacións á marxe (1) - Categoría: Betanzos - No Cartafol dende o 03-05-2008 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Contradicións no 2 de maio?
A maior potencia do mundo entrou a sangue e ferro para impór a civilización nun país atrasado, sometido aos dictados dun señor absoluto e inzado de cregos fundamentalistas onde a relixión imperaba por riba mesmo do sentido común. Os soldados, portadores da chama da civilización, tiveron que facer fronte á guerrilla planteada por campesiños analfabetos e clases populares urbanas desposeídas de toda esperanza alentados por cregos fundamentalistas que chamaban á guerra santa e á resistencia contra o invasor mentres os poderosos do réxime ou ben se ocultaban, ou ben apoiaban ao invasor ou ben formaban a carón dos que peleaban palmo a palmo de terreo contra a civilización que viña de fóra. E no medio, pobos que se creía xa desposeídos da súa memoria histórica rebuliron plantexando a súa propia batalla. A invasión, lembremos, contaba coa beizón inicial das clases dirixentes do propio invadido.

O parágrafo anterior é ambiguo a posta e hoxe será tal cal aplicábel á situación de Iraque, mais tamén ten unha identidade unívoca co levantamento que comezou tal día coma onte hai douscentos anos. E sen embargo chaman terroristas aos membros da resistencia iraquí, que aquí foron patriotas e beneméritos da Patria. Porque un día os nosos terroristas do Batallón Literario, das Xuntas Provinciais e da Xunta Superior de Galiza, cos ingleses de Sir John Moore, foron os primeiros en vencer a Napoleón.
Anotacións á marxe (1) - Categoría: Barrenando... - No Cartafol dende o 03-05-2008 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Concelleiro
A foto do Concello é miña, non vos digo a de fotos que tiven que sacar para conseguir o que quería!
Desde o sábado teño a enorme responsabilidade de representar a un importante sector do Pobo da Cidade de Betanzos. Exercer esa tarefa require unha abrumadora responsabilidade que non me arreda, e comprométome a facelo do mellor xeito que poida e saiba. Serei o concelleiro máis novo da actual Corporación e un dos máis novos dos que Betanzos tivo na democracia, mais este dato para min non é máis que unha anécdota. Ou sería unha anécdota de non ser que ilustra dous aspectos que xa resaltei o sábado na rolda de prensa: por unha banda amosa até que punto o BNG aposta e cre na mocidade galega, e pola outra esborralla o tópico da mocidade pasota e reacia ao compromiso. Poñerei todo o meu empeño e coñecementos en traballar pola nosa veciñanza e, obvio é dicilo, por facer que dentro de tres anos o BNG avance e a Alcaldía estea ao servizo das maiorías sociais, o contrario do que acontece agora mesmo. Non teño posesión da verdade absoluta e si moitas carencias, aínda que me comprometo a aprender día a día polo ben de Betanzos.

Coido que sobra dicir que agradezo a confianza que depositaron en min os meus compañeiros e compañeiras, que, co permiso de todos e todas, vou personalizar en Andrés Otero Botana, o amigo e compañeiro que me cede o testemuño da representación e ao que para sempre me une algo máis ca unha ideología común, e en Concepción Valladares, amiga e compañeira que me cedeu o posto que lle correspondía, que prometeu ser a miña sombra para que non me vaia polas ramas e coa que tamén compartín momentos moi ilusionantes. En Sito e Tita quero personalizar a miña gratitude pola confianza que militantes, simpatizantes e candidatos do BNG no pasado maio depositan en min, e prometo que farei canto estea na miña man para non defraudala. Agradezo tamén todas as felicitacións recibidas estes días, na rúa, na propia bitácora e mais no correo electrónico.

Folga que vos diga como vexo ao goberno municipal, pois abondan as críticas á súa xestión nesta bitácora. Se teño que resumir nunha palabra a miña opinión sobre o goberno en minoría do PP sería "incapacidade": incapacidade para ordenar o tráfico, incapacidade para xestionar as obras licitadas no anterior mandato municipal, incapacidade para aprobar un orzamento que permita ao Concello mellorar os seus servizos e emprender inversións propias, incapacidade para dialogar con outras Administracións, incapacidade para xestionar a Administración Municipal, incapacidade para dialogar cos grupos da oposición agás un, incapacidade para recoñecer erros propios, incapacidade para lanzar proxectos que redunden en beneficio da cidade, incapacidade para recoñecer os acertos e aportacións doutras Administracións, incapacidade para ilusionar a alguén alén da súa contorna de afiliados e simpatizantes, incapacidade para facer cumprir coa legalidade urbanística, … Xa sei que segundo a alcaldesa todo isto o digo porque me amola o éxito da festa da tortilla (todo canto fixeron nun ano), pero creo que tamén un exhabrupto coma ese é proba sucinta e suficiente do talante da Alcaldía.

A miña intención é manter aberto este punto de encontro virtual con todas e todos vós. Obviamente, se xa non tiña ultimamente moito tempo para el, canto menos agora, mais agardo que poidamos seguir a manter unha conversa e un debate animado nesta casa, sempre dentro dos estritos parámetros da educación e o respecto para a totalidade dos intervintes, por máis que confrontemos ou concordemos co que expoñan, deixando fóra o insulto, a insinuación maledicente ou os múltiples sinónimos e sucedáneos que teñen. Mais iso queda da vosa man, eu estarei orgulloso de poder manter aberto este Cartafol para as vosas anotacións e de ser o único concelleiro que ten unha canle coma esta aberta coa cidadanía e de someterme ao voso control de xeito case cotián. Hai trato?
Anotacións á marxe (9) - Categoría: Política municipal - No Cartafol dende o 28-04-2008 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Mil razóns polo galego para mil primaveras máis
porque tristemente esta é a realidade!Chegou isto de Bergantiños, convidando a reunir mil razóns para mil primaveras máis para o galego. Copio tal cal, poño a miña e déixovos a encarga de dar coa seguinte.

Sabemos que a nosa é unha lingua rica e útil, e por iso consideramos que, para aquel obxectivo que tan ben expresara Álvaro Cunqueiro de conseguirmos mil primaveras máis, nos será doado atoparmos mil razóns (e máis que haberá) para promocionarmos e defendermos a nosa lingua.

Por iso che pedimos que nos deas as túas. A idea é confeccionar unha listaxe de mil pequenas razóns (de todo tipo), e reenviármolas e facelas circular a través da rede, todo isto no ánimo de impulsar e mobilizar de cara á manifestación do día 18.

Por iso, dende aquí comezamos a listaxe das mil razóns. Envíanos as túas a bergantinhos@galizanova.org.

MIL RAZÓNS POLO GALEGO PARA MIL PRIMAVERAS MÁIS

1. Porque é a miña lingua.
2. Pola memoria dos devanceiros que nola cederon como legado.
3. Para gozarmos da poesía de Rosalía, Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro.
4. Porque eu nunca serei yo.
5. Porque nos permite comunicarnos con millóns de persoas sen dificultade
ningunha, dende o Brasil até Cabo Verde ou Portugal.
6. Porque me gusta e quero e me dá a gana.
7. Porque e parte da nosa identidade.
8. Porque é a voz dos avós.
9. (sigue ti-....)
Anotacións á marxe (3) - Categoría: Barrenando... - No Cartafol dende o 28-04-2008 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Enlaces, imaxes, categorías
Veríades xa que ampliei as categorías para concretar un pouco máis os temas que trato na bitácora. Levoume unha tarde chuviosa de domingo separar os vídeos das cancións e poesías, pero aí está, e metinme co tema dos libros, que era algo ao que lle tiña ganas desde o inicio pero o fora deixando por preguiza. O de "garitos e papeo" teño que mirar de abrilo con algo interesante, non con calquera cousa, igual que abrín o de libros coas Memorias dun neno labrego.
Aparte disto, incorporo coma enlaces o Betanzos al día do amigo Sof, do que xa me leeríades algo, e mais un par de webs da cidade que non sei a santo de que se me pasaron: a de Alfredo Erias e mais a do comercio revelación da tempada a xulgar polo que se lé estes días sobre el: o Desván de Andrea (terei que pasarme a ver se atopo algo interesante, aínda que polo que se lé non ha ser difícil).
Finalmente, para inventario de curiosidades engado algunhas pinturas máis que fun atopando sobre a nosa cidade á Pinacoteca Virtual que teño abandonada. Teño un bo feixe de fotos do Mosteiro de Sobrado, da época en que fixemos ruta polos mosteiros da redonda, pero creo que esas van quedar para un pouco máis adiante (outro día que choiva a chuzos ou algo así), aínda que non digo que sobre a marcha non me envelene e deixe cando menos unhas poucas hoxe. A ver como se me dá o conto!
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Da bitácora - No Cartafol dende o 28-04-2008 23:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Tímpano sur de Santa María do Azougue

Aínda que coma facilmente adiviñaredes as cores pouco teñen que ver coa policromía orixinal, a portada si que é a orixinal. Ben, máis ben é un plaxio dun tema máis vello: San Miguel pesa as ánimas o Día do Xuízo Final, os xustos van ao Paraíso e os pecadores sucumben. A escena está calcada punto por punto da mitoloxía exipcia, onde o monstro Sobek agardaba as ánimas dos pecadores que Osiris condena en presenza do deus dos mortos, o chacal Anubis. Unha escena do antigo Exipto nunha portada de transición entre o gótico e o románico. Que como é posíbel? Porque o cristianismo tomou moitas cousas doutros cultos anteriores. É un motivo que se dá en igrexas románicas, aínda que tampouco é que se repita en todas nin moito menos. Se cadra o feito de que onde hoxe está San Francisco estivese daquela a encomenda da Orde do Temple en Betanzos teña algo que ver. Ou non, se cadra simplemente Fernán Pérez de Andrade era un cachondo que pretendeu rirse de nós.
Anotacións á marxe (5) - Categoría: Betanzos - No Cartafol dende o 23-04-2008 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal






Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis