jujel


Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego



O meu perfil
cartafoldomandeo[arroba]yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Control do goberno
Na disposición de asuntos na orde do día dunha sesión plenaria do Concello, o control ao goberno local por parte dos grupos da oposición está, sobre todo, no último punto de todas as reunións no punto denominado un tanto arcaicamente "rogos e preguntas". Nese punto a oposición formula as iniciativas que estima procedentes para coñecer motivos ou obxectivos das accións que persegue o goberno local, á marxe de que nalgún punto anterior pretendera forzar a dar explicacións ao goberno no medio dalgún debate. Por regla xeral, cando menos no Concello de Betanzos, as preguntas fanse nun pleno e o goberno local respóstaas no seguinte, dando lectura o señor secretario da contestación redactada polo goberno local (iso sempre que o goberno decida non respostalas inmediatamente despois de que sexan formuladas, algo practicamente inédito no actual mandato).
Esta introducción serve para entender o seguinte diálogo establecido entre pregunta e resposta nunha destas iniciativas de control ao goberno local de PP e CxB formulada polo BNG.

Pregunta (pleno de xaneiro de 2010): "Ao longo destes anos de mandato o goberno local de PP e CxB fixo diversas contratacións de persoal empregando mecanismos que o BNG cuestionou. Cantas persoas que prestan servizos e cobran retribucións do Concello non figuran na Relación de Postos de Traballo?"
Resposta (pleno de febreiro de 2010, onte): "Las personas que trabajan para el Ayuntamiento están en la RPT o contratadas por medio de una empresa".

Responde o goberno local á pregunta? Non. Así coas cinco preguntas dos 32 plenos ordinarios que van neste mandato. Acontece o mesmo coa documentación que os grupos da oposición (do PSOE falo do que comentan, mais do BNG falo con coñecemento de causa) solicitan por rexistro segundo os dereitos que a lexislación concede. Claridade e transparencia? Desde logo, non.

Reflexión que se suscita do anterior diálogo (á marxe de que nos impidan coñecer os datos que precisamos para cumprir co cometido que nos encomendou sabiamente a veciñanza): "A min que raio me importa que teñas unha bicicleta se eu pregunteiche o teu nome!".
Anotacións á marxe (1) - Categoría: Política municipal - No Cartafol dende o 24-02-2010 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Galiza ten dereito


Galiza ten dereito a contar cun sistema financeiro propio, artellado por caixas de aforro galegas que estean ao servizo dos intereses do país. Institucións e entidades de moi variado tipo e orientacións asinaron este manifesto, impulsado, ao igual que a lei de caixas que recorre por unha cuestión política o goberno Zapatero, polo BNG. Hoxe o Concello de Betanzos pode ser unha desas institucións.
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Política nacional - No Cartafol dende o 23-02-2010 16:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Orgullos@s do galego


Supoño que quen non queira ver máis alá do que a primeira vista se ve seguirá a teimar en moer na mesma todo o tempo, e que esta toma de partido rotunda de Susana Seivane, Luis Tosar, Belén Regueira, Martiño Rivas, María Castro e Antón Reixa, primeiras figuras do panorama cultural galego, non ten nada que ver coa artillería de calibre groso que día si e día tamén disparan desde o gabinete da Xunta de Galiza. Supoño que haberá quen queira reducir a súa aposta pública polo idioma propio nun momento tan delicado para el coma o actual a unha miope coordenada política, dicindo que son nacionalistas e "¡que se les va a hacer!".
Mais sendo conscientes de que "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma" como dicía Castelao, é de agradecer o seu compromiso coa lingua cando hai un goberno emperrado e empeñado en sacala das escolas. "Prohibistes o galego nas escolas...", recordan, non?

Anotacións á marxe (3) - Categoría: Galiza - No Cartafol dende o 22-02-2010 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Máis ensimismamento
Outra mostra máis do ensimismamento da cultura galega, e vai con sarcasmo, para pasmo e desgusto do conselleiro de ¿cultura? da Xunta de Galiza, o aínda non dimitido Roberto Varela. Na gala de entrega dos Goya, a festa estatal do cinema, triunfa un filme galego, levándose unha boa colleita de bustos do pintor de Fuentedetodos. Un galego recolle o galardón ao mellor actor protagonista. O galego sobe ao estrado, agradece o recoñecemento e pasa a dedicalo. E dedícao en galego ao pai e a nai e aos compañeiros e compañeiras do sufrido gremio en Galiza, novamente coñecedor de favoritos, apestados e listas varias. Luis Tosar deulle unha lección a Núñez Feijóo, alí presente a can de Roberto Varela, de que o galego é unha lingua que serve para relacionarse co mundo, que se pode falar mesmo no corazón do pequeno imperio sen que treman os alicerces do Palacio Real e que poden entendelo se queren.
Desde logo, parabéns a Vaca Films polos merecidos galardóns, polo traballo realizado e por demostrar a forza da cultura galega, lonxe do que algúns pretenden vender. Parabéns tamén, como non, a Luis Tosar polo premio e gratitude fonda polo seu compromiso con Galiza e a súa identidade nacional. Luis Tosar demostrou que el tamén quere galego. A ver cando o quere o goberno!


Anotacións á marxe (8) - Categoría: Vídeos - No Cartafol dende o 16-02-2010 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Cosmopolitas
Non nos entenden, non. Cerellando na rede na procura de algo que agora non ven ao caso atopei este vídeo que vos deixo. Aparece unha xenial representación dunha cultura "acomplexada", "ensimismada" e "que limita" en palabras do responsábel gobernamental de promocionala, difundila e espallala aos catro ventos. Palabras, obviamente, que nin comparto nin tolero nun individuo que cobra polo contrario ao que solta pola boca, e polas que, obviamente, comparto unha exixencia de desculpa e dimisión.
Pero deixemos a Roberto Varela e os seus complexos no seu cosmopaletismo. Porque a cultura galega, desde os tempos da Xeración Nós, sabe o que quere: sermos universais desde o particular. Non precisamos calzarnos a bota do inglés para darlle de couces ao idioma propio nin renegarmos do propio.
O vídeo precisamente dá unha boa mostra do cosmopolitismo da cultura galega, sen renunciar á súa identidade. Está rodado na Feira do Libro de La Habana (a que o PP criticou por uns mojitos pero que constitúe unha pasarela cultural de primeira magnitude). Unha orquestra galega composta por intérpretes de medio mundo, A Filharmonía, interpreta unha peza de alcance universal dun compositor español. Até aquí mesmo Roberto Varela incluiría o número nese Xacobeo Classic que sona a todo menos a galego. O distinto, a achega galega á cultura universal incorporando a nosa cosmovisión ao concerto mundial é o acento galego. Neste vídeo do Concierto de Aranjuez a guitarra que o mestre Rodrigo concebiu para a súa composición é substituída por unha gaita, amosando a versatilidade dun instrumento nado nunha cultura "ensimismada" e limitada. Sen renunciarmos a quen somos. O outro non é cosmopolitismo, é outra cousa!


Anotacións á marxe (0) - Categoría: Vídeos - No Cartafol dende o 08-02-2010 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
De que hai medo?
Mandeille ao 'Betanzos e a súa comarca' un artigo para a columna que o BNG ten todos os meses. Dediqueilla á moción que presentamos sobre a fiscalización externa do asunto do Alfonsetti e á reacción tan bochornosa que tiveron desde o goberno municipal de PP e CxB. A tese que defendo é a de que se todo está moi ben feito, como sosteñen, non hai por que temer unha fiscalización externa. Chameille por iso "De que hai medo?". Xa me diredes algo.
Anotacións á marxe (0) - Categoría: Política municipal - No Cartafol dende o 05-02-2010 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A guerra dos avós


Nun ciclo organizado pola A.C. Eira Vella de Betanzos arredor da memoria histórica proxectouse este filme, que recolle a memoria do que aconteceu nunha pequena vila mariñeira das Rías Baixas, Moaña, aínda que podería ser perfectamente o acontecido en calquera outro concello de Galiza.
Un mozo (máis concretamente o propio director do filme, Óscar Galansky) invítanos a acompañalo na súa investigación do acontecido na súa vila, Moaña, durante a Guerra Civil. Nunha imaxinaria viaxe no tempo trasládase a Moaña tal e como debía ser o 18 de xullo de 1936. O mozo coñecerá cómo o golpe triunfa no pobo e o alcalde é sustituido mentres nas rúas manda a Falanxe, a cal leva a cabo unha política represora. Aqueles feitos marcaron os moañeses, que aínda hoxe conservan medos e rencores.
Con só 20 anos, Óscar Galansky dirixiu e presentou este documental con partes ficcionadas que mostra episodios acaídos en Moaña durante os primeiros momentos da Guerra Civil e que son representativos no ámbito galego, nas fases do alzamento militar e a inmediata represión.
Un documental metade en formato clásico e metade ficcionado sobre aqueles días de xullo de 1936 que deixa, unha vez máis, quen era quen naquela altura e axuda a manter viva a memoria dos que tiveron que aturar aquela longa noite de pedra da que falaba Celso Emilio.
Anotacións á marxe (3) - Categoría: Vídeos - No Cartafol dende o 28-01-2010 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Dime de que presumes...
De todas as tribos que poboan a dereita, unha das que máis poderosamente me chama a atención é a dos fariseos. Fariseos na dereita hainos de sempre, como aqueles que se opuñan á legalización do divorcio e logo se divorciaron en masa (como dicía Alfonso Guerra, creron que era unha obriga) ou como aqueles que se opuñan á lei do aborto mentres mandaban ás fillas a Londres a facer o propio. O que moita xente non cre é que poida haber fariseos tamén nas marcas brancas da dereita. E hainos.
No xornal 'Betanzos e a súa comarca' do pasado mes de decembro os dirixentes de CxB escribían marabillas sobre o grande paso para o pluralismo e a participación veciñal que era a celebración dun pleno infantil. Á marxe da valoración positiva do evento aínda que por cuestións distintas ás expostas polos ceporbés, non deixa de ser choqueiro que fale de pluralismo quen traballa arreo para furtalo. Xa falei antes nesta casa da visión mesiánica que teñen estes suxeitos da política municipal, como se estiveran redimindo á cidade e fundando o Consistorio, e tamén da pretensión que tiveron no seu día de erixirse en representantes únicos da cidadanía. O resto eramos a peaxe a pagar aos partidos políticos, simplemente.
Ben, pois todo isto ven a conto porque tiven que escribir unha carta ao director do xornal para expresar o noso malestar. Porque tanto falar de pluralismo e resulta que deixaron de lado nese pleno infantil á oposición, que representa practicamente á metade da sociedade betanceira. E cando menos ao BNG non nos convidaron a tal evento. Falar de pluralismo é unha tomadura de pelo. Había unha máxima clásica que dicía "son dono dos meus silenzos e escravo das miñas palabras". Aos fariseos estalles a pasar iso mesmo. Retratados.
Anotacións á marxe (7) - Categoría: Política municipal - No Cartafol dende o 10-01-2010 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Bauleando
Os betanceiros sempre fomos parte dunha saga de soñadores. Só así se explican biografías como a de Juan de Betanzos, inxenios coma o Globo e fantasías coma o Pasatempo ou os pentagramas de Carlos López. O que nunca foramos até a data, e mesmo nos levou a plantarnos diante de reis e gobernantes cando así o estimamos, era paganos de delirios de grandeza. A nosa historia, desde a xesta que din dá nome ao Valdoncel até o “betanceiros, que queredes?” pasando polo noso protagonismo na Revolución Irmandiña, vai mais ben no sentido contrario: pór couto aos desmadres dos gobernantes do momento e frear dispendios de todo tipo e especia. Cando menos até o momento.
Desde hai dous anos estamos a pagar os delirios de grandeza da primeira rexedora da historia da nosa cidade. E non lle dá precisamente por erguer unha biblioteca coma a de Alexandría ou un auditorio colosal, investimentos desproporcionados pero investimentos á fin de contas, senón polo dispendio en disparates pasaxeiros. Unha destas ideas de bombeiro da nosa rexedora foi a de importar os baúis dun mercado italiano para o mercado galego de Betanzos. Dado que no PasaTiempo xa diron unha volta sobre isto, transitarei por outros carreiros menos comúns.
Dicía na presentación oficial dos artiluxios o corresponsal consular honorario de Italia en A Coruña que era a primeira vez que algunha cidade de fóra de Italia importaba os baúis do mercado veronés. Normal… a fin de contas, que raio fai un mercado italiano fóra de Italia? Dicía a Faraldo que o invento era para "dignificar" o mercado tradicional. Acaso é indigno? Non abonda cun mantemento axeitado das mesas e parasois que o Concello distribuíu en empréstito a todas e todos os vendedores para harmonizar a presentación dos produtos?
Cando incluíron este disparate dos baúis no último orzamento que foi capaz de facer o goberno local (aló polo ano 2008), xustificaron a partida de 78.000€ dicindo que os baúis habían de quedar no Campo cando estiveran pechados, pois poderían usarse de bancos. Vistos os artiluxios que plantaron no Cantón Grande para o mercado de Nadal quedan dúas opcións: ou Faraldo quere traer xigantes para que alguén poida usar aqueles caixóns de bancos ou comprou por catálogo os baúis e non tiña a máis remota idea do que estaba comprando a tan económico prezo (dous baúis, 78.000€).
Pero hai máis aínda: Faraldo xustificou a adquisición destes dous artiluxios cunha subvención da Consellaría de Innovación e Industria porque o seu destino ía ser o mercado agrario tradicional (recordemos que segundo a dereita precisa ser “dignificado”, aínda que vendo o feito máis ben pretenden allealo). Agora resulta que vai facer un uso distinto ao que debera facer, pois elucubra en usalos para a Feira Franca (onde por certo a ver quen os identifica). Tería que devolver daquela a subvención recibida por usala para un destino distinto ao que foi concedida. Outra actuación irresponsábel no tocante ao goberno dos cartos de todas e todos, dito sexa de paso.
Total, que temos dous baúis veroneses con cuxo coste calquera particular compraba varios coches, ou cos que se podían amañar varios rotos (e que de seguro máis nos prestaban a todas e todos investidos dese xeito). Que non saben que raio facer con eles nin como integralos no Campo (o seu presunto destino) nin como repartilos entre os vendedores da praza e que aínda con todo e con iso Faraldo ameaza con seguir a destragar cartos públicos en máis caixóns sen uso nin destino coñecido. Moito me temo que haberá que seguir bauleando.
Anotacións á marxe (7) - Categoría: Política municipal - No Cartafol dende o 04-01-2010 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Nadal con liberdade
Carlos Megía Godoy canta unha panxoliña moi pouco convencional, convidándonos a pensar por un intre, nestas datas, na outra cara do Nadal.


Cuando desempaques tus regalos
Niño de lujosa vecindad
Piensa en tantos niños que no saben
Lo que es la Navidad.
Piensa en el chamaco limpiabotas
Que su Nochebuena pasará
En una banqueta dura y fría
Del atrio de catedral.
Feliz Navidad, Feliz Navidad
En Justicia y Libertad;
Feliz Navidad, un mundo mejor
Sin miseria ni opresión.

Esa metralleta de juguete
Que te trajo este año santaclós
Es el aguinaldo cariñoso
Que el tío Sam te mandó
Hoy necesitamos más escuelas,
Más cultura, más educación...

Anotacións á marxe (1) - Categoría: Música e poesía - No Cartafol dende o 26-12-2009 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis