|
|
|
|
| Boas festas! |
|
"as ondas do río devalaban lenes
levando as barcas soltas pró infindo do mar i a noite".
Esta bitácora deixará de se actualizar uns días, no que duran as festas de agosto, tras as que retomaremos o pulo habitual. O aviso xa chega logo de ver o espectáculo máis grande do mundo, despois de dúas edicións seguidiñas dos poéticos Caneiros, logo de descansar tras case quince días de troula. Con Joán Zorro subiremos ao barco para surcar o río. Boas festas a todas e todos!
Per ribeira do río
vi remar o navío,
e sabor hei da ribeira.
Per ribeira do alto
vi remar o barco,
e sabor hei da ribeira.
Vi remar o navío;
i vai o meu amigo,
e sabor hei da ribeira.
Vi remar o barco;
i vai o meu amado,
e sabor hei da ribeira.
I vai o meu amigo,
quer-me levar consigo,
e sabor hei da ribeira,
I vai o meu amado,
quer-me levar de grado,
e sabor hei da ribeira. |
|
|
|
|
| Cóntame do mar, ho! |
|
 Galiza é un país mariñeiro, con tantos quilómetros de costa coma o resto do Estado por xunto. Das nosas rías, desde tempos pretéritos, partiron todo tipo de navíos para preto e lonxe, desde aquelas febles barcas de coiro prerromanas até a Armada filipesca. O noso mar é unha parte esencial do noso eu colectivo coma pobo diferenciado, como nación. O mar aliméntanos física e espiritualmente, fonte nutricia dunha forma particular, nin peor nin mellor ca outras, tan só diferente, alento de lendas de aparecidos, relatos de naufraxios, medievais cantigas de amigo, represaliados, épica historia cotiá da nosa frota pesqueira, terra de mariños de renome xa antes dos tempos de Paio Gomes Chariño, o Almirante do Mar. Non en van, xa fumos chamados en tempos os fillos dos tronos, nos tiveron por raros por non espantarnos ao ver ao Sol deitarse no mar e por elixir emprazamentos imposíbeis para as nosas poboacións e buscar santos patróns que casaran coa adoración pagá que profesabamos polo mar. E é que Galiza ten nas veas auga salgada do Atlántico.
E sendo isto así, o maior encontro internacional sobre cultura marítima, a Festa Marítima Internacional de Brest, convidou a Galiza a amosar o seu patrimonio naval ao resto do mundo, a nosa identidade labrada en perfecta harmonía e simbiose cos cantís e areais que marcan a nosa costa. Galiza foi a primeira nación sen Estado que acudiu á cita bretona coma convidada de honra. E até alí foron as nosas dornas, gamelas, galeóns, bucetas e traíñas, e tamén unha nutrida representación da nosa cultura mariña e mariñeira. A exercer de embaixada da Galiza mariñeira, a amosarlle ao mundo, sen complexos, o noso ADN de pobo de mar.
Porque somos un pobo que vivimos No lombo do Atlántico. Por iso Vieiros dedica os seus relatos deste verán distraído a profundizar na identificación dos galegos e galegas co mar, co noso mar océano, co verdadeiro Mare Nostrum para esta nación netamente atlántica. Quédavos a ligazón para que botedes unha ollada, para relaxarse coa Memoria do Mar. |
|
|
|
|
| En lembranza de Nemo |
|
 Iso mesmo, nin máis nin menos, é o que rezan varias pracas situadas na illa de San Simón, algunha con relevo do Nautilus incluído. Contei alomenos tres o pasado sábado, nunha visita de algo menos de dúas horas, grazas ao programa divulgativo que desenvolve a Fundación Illa de San Simón, o organismo encargado de conservar o recinto, coa súa riqueza histórica e natural. En lembranza de Nemo, do Capitán Nemo, porque Jules Verne fixo pasar ao Nautilus pola ría de Vigo, entre os míticos restos dos galeóns de Rande. Alí, ao pé da ermida de San Simión está o vello mariño, cercado polas ondas, que grandes son. E tamén en San Simón está o pétreo recordo dos tres trobadores da ría de Vigo, exercendo de anfitrión Meendinho, que para iso están na súa illa.
Mais falabamos de Nemo, das pracas dedicadas ao Capitán Nemo en San Simón, unha illa rehabilitada no devalo do fraguismo, enchida de pracas de bronce e latón conmemorando a rehabilitación da illa e os seus edificios, co nome, en letras capitais, ben grande, ben visíbel, de Fraga Iribarne, que se rí desde o bronce das pantasmas de San Simón. Todas lembrando ao Capitán Nemo. Só unha de todas as pracas que se ven pola illa, a que conmemora o Ano da Memoria e a declaración da illa coma espazo da Memoria, discorda. E non pensedes mal. A praca, se mal lembro, comezaba con algo así como “A Nemo (ninguén en latín)”, para continuar falando de Nemo, Ninguén, os Ninguén que padeceron en San Simón. Porque a poética Illa de San Simón, a da ermida de Meendinho, foi un campo de concentración franquista. E Fraga Iribarne, e mais o seu conselleiro enredante un 23 de febreiro, non tivo reparo de ir emporcallar co seu nome o espazo de recordo para os homes (era cadea masculina) que padeceron tortura, prisión, fame e vexacións nesta illa do interior da ría de Vigo.
San Simón é un verxel, un paraíso que nada ten que envexar a unha illa caribeña nos días de sol do verán. E a convertiron no inferno, nun inferno no que morrer lentamente de fame ou tifo ou do que saír nunha quita nocturna, para amencer nunha gabia próxima, asasinado dun cobarde tiro por detrás. E logo de botar terra por riba de todo aquilo agardando sepultalo no esquecemento, tiveron a desfachatez, o xesto indigno, de inaugurar o complexo a golpe de gaiteirada, empanada e pracas de bronce co nome, ben grande, ben visíbel, dun daqueles que medrou a costa do sangue e o padecemento dos presos políticos de San Simón.
A historia da Illa de San Simón, primeiro lazareto e logo campo de concentración, é arrepiente. As exposicións armadas no interior dos seus edificios, unha sobre a historia da illa, outra sobre o campo de concentración con diarios e cartas dos que alí padeceron, sobrecolledoras. Pero ler o nome dun daqueles golpistas do 36 cachondeándose de quen padeceron en San Simón e furtándolles sequera un esquivo recordo, é sen lugar a dúbidas indignante. Armaron o inferno nun paraíso e aínda por riba quixeron rirse dos que alí condenaron. |
|
|
|
|
| Sedia-m'eu na ermida de San Simión |
|
 E xa que de San Simón vai a cousa, aproveito para deixar a célebre cantiga de Meendinho, única que se conserva deste trobador da ría de Vigo, homenaxeado xunto a Xohán de Cangas e Martím Codax co Día das Letras Galegas de 1998.
Sedia-m'eu na ermida de San Simión
[B 852 / V 438]
Sedia-m'eu na ermida de San Simión
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?
E cercaron-mi as ondas, que grandes son:
non hei i barqueiro, nen remador.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?
E cercaron-mi as ondas do alto mar:
non hei i barqueiro, nen sei remar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?
Non hei i barqueiro, nen remador:
morrerei eu fremosa no mar maior.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?
Non hei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei fremosa no alto mar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá? |
|
|
|
|
| Apaga Tele5 |
|
 A canle de televisión Telecinco adheriuse ao 'Manifesto pola lingua común', que o pasado 23 de Xuño presentou un grupo de intelectuais en Madrid.
A canle comparte as exixencias deste grupo de intelectuais, entre os que se encontran Mario Vargas Llosa, Fernando Savater ou Álvaro Pombo, que piden ao parlamento español que elabore unha normativa para fixar que o castelán sexa a lingua oficial de todo o territorio e a única 'que poida ser utilizada polos seus cidadáns'.
Telecinco é a primeira televisión que se adheriu a este manifesto. Ademais, Telecinco dixo no informativo do mediodía, que pon a disposición do colectivo que leva esta iniciativa, a súa canle de televisión para dar apoio a este proxecto.
Se eles se adhiren ao manifesto, nós desconectamos Telecinco.
Xuntos podemos!
Pásao Pásao Pásao Pásao Pásao Pásao Pásao Pásao
Apaga Tele5 |
|
|
|
|
| Balanzas de matute |
|
 Mandeille ao GzNación outro artigo sobre as balanzas fiscais, porque están a se dicir cousas que non son totalmente certas para xustificar o discurso da Galiza perpetuamente subsidiada. Chameille Balanzas de matute, agardo que vos guste. |
|
|
|
|
| Romance de cego: historia da lingua galega |
|
 IV
Neste extremo de occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia
en Romenia e en Provenza.
Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala,
e chamámoslle galego
pra poder diferenciala.
Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.
Os clérigos inda escriben
na antiga lingua romana,
pero o pobo non a entende,
pois xa queda ben lonxana.
V
Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomenza a ser escrita
por poetas e notarios.
Falan en lingua galega
reis,labregos e señores,
e os abades dos mosteiros
e os soldados e os doutores.
Unha grande poesía
cántase ó son das violas
polas prazas de Santiago,
por Toledo e por Lisboa.
Agres cántigas de escarño,
doces cántigas de amores
resplendían coma xemas
no cantar dos trobadores.
VI
Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.
Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa língua cantaba
con extremos de dozura.
Martín Codax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Miño.
Pero Meogo trobaba
do cervo que á auga volvía
con tan belidos dicires
que os sentidos suspendía.
VII
A luz máis bela de Europa
resplendía en Compostela
como en terras de Occitania
de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban,
e as fazañas dos troianos.
E ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados.
Mais despois tempos viñeron
que Galicia esmorecía,
porque nobres e señores
cometeron felonía.
A Quenlla |
|
|
|
|
| Collepasso |
|
 Quería escribir sobre a irmandade que, parece ser, imos establecer coa localidade apuliana de Collepasso, no sur de Italia. E digo quería porque boa parte do que ía dicir xa o dixo Leoplus, ao que coñecín vía El Pasatiempo e que aproveito para enlazar. Resulta que o evento de irmandade, anunciado a bombo e platillo por ese magnífico gabinete de prensa en que ficou reducido o noso Concello é pouco máis que unha solicitude para poder optar a un programa europeo. Isto é, que máis unha vez, de momento non hai nada en firme. Cousa que fica clara, como ben di o amigo Sof lendo a mesma nota saída da Comunna di Collepasso. Unha proba máis de que o goberno Faraldo pretende vender nso xornais unha actividade que non é tal e que deforman e manipulan o alcance real dos feitos para ter un bo titular de prensa.
Leoplus dá nun detalle que penso é moi significativo, e é que outra vez o goberno de María Faraldo se marca como referentes para Betanzos municipios que nada teñen a ver co noso. Algo que cuestionei cando falamos de Albarracín como brúxula do proxecto rehabilitador que o PP afirma que ten para o noso Centro Histórico, e do que, por certo, nada se sabe a día de hoxe agás o de reintroducir vehículos e preferir a demolición dos edificios antigos á súa rehabilitación.
“ Betanzos, Orvieto noso” cantaba Manuel María nun soneto dedicado á espantosa torre do Campo, ese “falo impúdico” que afea a vista da nosa cidade desde calquera recanto. Precisamente eu creo que o modelo ben podía ser ese Orvieto do que nos falou o poeta da Terra Chá, porque cos seus vinte mil habitantes, o seu centro histórico medieval pulcramente conservado e para desfrute das persoas e non dos coches algo máis se pode semellar ao que se pretende que sexa a nosa Betanzos. E porque, ademais, con Orvieto compartimos outra característica común, un sector vitivinícola en desenvolvemento (por certo, cuns viños ben bos!). Moito máis do que nos pode unir a Collepasso, con todos os meus respectos.
Cousa a parte sería xa o acto formal de irmandade, que supoño sería decisión plenaria e non cousa da iluminación transitoria e seudomesiánica da alcaldesa. Aínda que iso, con todo, xa sería outro conto. O problema aquí é o modelo a seguir, e o enfoque a darlle. E xa falamos deso hai un tempiño. |
|
|
|
|
| Dobre discurso! |
|

|
|
|
|
|
| Galiza, 2098 |
|
En 2098 os coches non voan, os humanos seguen a ter a mesma forma que temos hoxe e ningunha profecía cumpriuse, desas que agoiraban a fin do mundo, o holocausto nuclear e todas esas outras cousas. Ben, para ser correctos, unha desas profecías si que se cumpriu: extinguiuse o galego. Se cadra Vargas Llosa, Sabater e a caterva de lingüicidas tivo algo que ver. Cando menos, para pensar. Sempre en Galiza, sempre en galego!
|
|
|
|
|
|
|
|
|