|
|
|
|
|
|
| CAB ARZÚA - A. P. CAMBRE: 75 - 73 |
|
Encontro correspondente á xornada 10 da primeira sénior de baloncesto masculino disputado no polideportivo municipal do Cruceiro.
Nove encontros precisou o CAB Arzúa para acadar a primeira vitoria da temporada, e fixoo con unha tripla de Manu Rodríguez cando só faltaba un segundo para o remate do choque.
Unha vez máis os arzuáns estiveron a piques de regalar un encontro que chegaron a dominar ata por 21 puntos durante o terceiro cuarto. Pero de novo o cuarto final pasou factura ao equipo que dirixe David Cao.
Certo é que o baixón físico arzuán estaba de novo xustificado. Nesta ocasión o técnico arzuán contou con Diego, do cadro filial, para completar un cinco inicial integrado xunto a Manu, David Castro, Guillermo e Carlos Trías. As baixas de David Llorente, Richi Rey e Alberto Camba deixaron ao equipo con tan só dous reservas, o capitán David Fernández, que pese á lesión que está a atravesar tivo que xogar durante unhes minutos, e o propio técnico David Cao, que de novo tivo que vestir de curto.
A primeira vitoria ten o mérito engadido de ser acadada diante dunha Agrupación Polideportiva Cambre, terceiro clasificado, que levaba unha xeira de cinco vitorias consecutivas.
Certo é que o equipo que dirixe o ex técnico arzuán Diego Fernández tamén contou con baixas, entre elas a de Gonzalo Vázquez. O escolta coruñés, que a temporada pasada deixou unha inmellorable impresión como debutante na categoría vestindo a camiseta arzuana, non puído actuar por lesión. Gonzalo pasa por ser un dos xogadores máis determinantes da competición, resultando sorprendente que continúe militando nunha categoría que lle está a quedar pequena.
O equipo de Arzúa reanudará a competición para o doce de xaneiro, cando reciba no Cruceiro ó Tui. Será a xornada 11 de competición, aínda que o décimo encontro que disputen os arzuáns.
Por último desde o CAB Arzúa queremos desexar a todos un FELIZ NADAL. |
|
|
|
|
| FELICIDADES Ó C.O.B. E SORTE Ó XUVEN |
|
Desde o CAB Arzúa facemos públicas as nosas felicitacións ó Club Ourense Baloncesto – Augas de Sousas por ter acadado o ascenso á liga LEB ORO, competición na que ata agora Galicia só contaba co Breogán Leite Río como único representante.
Ó mesmo tempo aproveitamos para felicitar a varios clubs máis que veñen de acadar extraordinarios éxitos, nun fin de semana difícil de esquecer para o deporte galego.
Empezando polo Coinasa Liceo da Coruña, de novo Campión de Europa de hoquei a patíns tras vencer ó F. C. Barcelona, e continuando por 4 equipos máis, que saibamos, que este fin de semana acadaron o ascenso ás máximas categorías nacionais, tal é o caso do Deportivo da Coruña en Fútbol, o Cangas Frigoríficos do Morrazo en balonmán masculino, o Mecalia Atlético Guardés en balonmán feminino e o Arteal Santiago en tenis de mesa feminino, sen esquecer o ascenso do Club Deportivo Ourense á segunda división B de fútbol.
Por suposto, e aínda que con semanas tarde, felicitar ó Casino Sociedade Deportiva Arzúa polo título na segunda categoría autonómica e o seu correspondente ascenso á primeira división autonómica.
Só nos queda desexar moita sorte ós equipos galegos que continúan en liza, sendo especialmente importante o vindeiro fin de semana para o Celta de fútbol e para o Xuven de Cambados de baloncesto.
|
|
|
|
|
| SARRIA - TGM ARZÚA: 51 - 57 |
|
Tan só unha semana lle durou ó TGM Arzúa a súa condición de líder. A derrota en Sarria deixa ós arzuáns en segunda posición con 12 vitorias en 17 xornadas, as mesmas que o BCA Universidade e unha menos que o de novo líder Porriño Grupo Pescanova.
Pouco menos que medio equipo presentou o TGM Arzúa en Sarria, e para iso forzando a recuperación de David Llorente e Pablo Barreiro, con molestias físicas que non aconsellaban a disputa do choque. Ademais Diego Fernández puído contar con David Cao, Gonzalo, Jorge e Navarro, en total seis efectivos.
Un cúmulo de circunstancias que puideron ser decisivas na derrota dun equipo arzuán, máximo anotador da categoría, que chebaba á xornada 17 con unha media de anotación de case 77 puntos, e que en Sarría só foi quen de anotar 51. Lembremos que o pasado sábado diante do BCA Universidade os arzuáns sumaban máis puntos ó descanso (57) que os que sumaron no encontro de Sarria.
Deste xeito os arzuáns non coñecerán esta temporada a vitoria diante dun equipo de Sarria que xa gañara na ida en Arzúa, aínda que se da a circunstancia que en ambos encontros o equipo que dirixe Diego Fernández estivo seriamente "tocado" polas baixas, xa que na ida faltaran Llorente e Óscar, e no encontro de este pasado sábado foron baixa Manu, David Fernández, Óscar e os lesionados David Castro e Kike Ramos.
O vindeiro sábado os arzuáns recibirán no municipal do Cruceiro ó Reale Thebes da Estrada, décimo clasificado con 7 vitorias. O encontro, correspondente á xornada 18, disputarase a partir das 18.00 horas.
Para entón Diego Fernández recuperará a boa parte dos seus efectivos para medirse a un equipo estradense a quen o actual líder lle cortou unha xeira de tres vitorias consecutivas, ante rivais da entidade de Peleteiro, Campus Ourense e Sarria.
No encontro de ida disputado en pista estradense impuxéronse os de Arzúa por 8 puntos de diferencia (77-85). |
|
|
|
|
| TUI SETA - CAB ARZUA: 68 - 74. |
|
A primeira división sénior de baloncesto masculino iniciou con relativa sorpresa no polideportivo municipal de Tui onde o TGM Arzúa acadou a vitoria nun encontro que dominou no marcardor desde que Pablo Barreiro anotou a primeira canastra do partido.
Cando apenas se levaban catro minutos disputados os arzuáns xa dominaban con unha renda de dez puntos (1 – 11), circunstancia que foi decisiva para que os de Diego Fernández chegaran por diante ó final do primeiro cuarto (13-21) e tamén ó descanso (32-39).
As diferencias manteríanse durante o terceiro cuarto (46-53), pese a que os de Diego Fernández xa empezaban a amosar unha pésima porcentaxe no lanzamento (2 de 9 en tiros de 2 e 0 de 5 en tiros de tres durante este terceiro intervalo).
Sería no cuarto final cando os tudenses puxeron contra ás cordas ós arzuáns, situándose a un só punto na recta final do choque (63-64), aínda que sen chegar a situarse por diante no electrónico en ningún momento.
Unha providencial tripla de David Fernández nese momento daba alas a un equipo arzuán que volvía a entrar no minuto final con sete puntos de marxe (65-72). Os arzuáns respondían á presión tudense rematando o choque con un extraordinario 7 de 8 desde a liña de tiros libres (5 de David Llorente e 2 de David Fernández).
ANOTADORES:
TUI SETA: 68 (13+19+14+22): D. Rodríguez (15), Gómez (2), Mouriño (10), M. Rodríguez (13), M. A. Sanromán (2), c. i., Durán (4), Rocha (5), Domínguez (13), Marchena (4).
TGM ARZÚA: 74 (21+18+14+21): David Llorente (16), Manu (4), David Castro (8), Óscar (12), Pablo (13), c. i., Gonzalo (3), Jorge (10), David Cao (-), David Fernández (8).
Arbitraron Blanco e Rivadulla. Sinalaron 30 faltas ó equipo local e 19 ó visitante. Sen eliminados.
OUTROS NÚMEROS DO ENCONTRO:
TGM ARZÚA:
28 de 39 (72%) en tiros libres (David Llorente 7/8, Óscar 6/9, Pablo 5/8, …), 17 de 36 (47%) en tiros de 2, e 4 de 21 (19%) en tiros de tres.
40 Rebotes (17 ofensivos): Óscar 11, Pablo 9, …
13 Recuperacións: David Llorente 4, David Fernández e Pablo 3, …
11 asistencias: Manu 5, David Llorente 4,…
30 faltas recibidas: Óscar 9, David Llorente 7, Pablo 4, …
14 balóns perdidos: Manu e David Llorente 3, …
19 faltas cometidas: Manu e Gonzalo 4, …
VALORANCIÓNS: David Llorente 21, Pablo Barreiro 20, Óscar González 19. Total equipo: 85
Os tudenses fixeron 10 puntos desde a liña de tiros libres e 4 triplas (2 delas de Mouriño).
OUTROS RESULTADOS DA XORNADA:
Non empezou ben a competición para os equipos punteiros da pasada edición de liga. Á derrota do Tui Seta (2º clasificado a temporada pasada), hai que engadir que Noia (4º clasificado) perdía en propia pista diante do Canterias de Porriño (64-69) e a do Peleteiro (5º) na polideportiva de Riazor diante do Basquet Coruña (66-54). Non foi así o caso do Santo Domingo de Betanzos (3º) que se impuxo na súa visita á pista do Rosalía santiagués (64-76). Campus Ourense regresa á categoría con vitoria (56-52 diante do Estudiantes lugués), Sarria impúxose 55-50 ó Reale Thebes A Estrada, mentres que o Recimil ferrolán gañou por doce puntos ó Club Baloncesto Xove (65-53).
PRÓXIMA XORNADA.
TGM ARZÚA debutará como local recibindo a visita o vindeiro sábado ó Club Baloncesto Noia, en encontro previsto para as 18.00 horas no polideportivo municipal do Cruceiro.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|