Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

SANTIAGO PERNAS, PINTOR E FOTÓGRAFO (Nº26 30/08/2016 RV-AM e LVG-AM)
Estes días atrás, visitando a uns amigos de Mondoñedo, puiden contemplar un cadro (paisaxe pintoresco) de Santiago Pernas Salazar que pertenceu á familia Cunqueiro e que foi restaurado por Juan Puchades. Este feito despertou interese en min por coñecer algo máis sobre a vida e a obra do citado pintor o cal me levou a saber que tal día coma hoxe, hai 65 anos, o 30 de agosto de 1951 finaba o fotógrafo e artista plástico mariñán Santiago Pernas.

Grazas ao impagable traballo investigador de Andrés García Doural sabemos que o pintor naceu en Viveiro o 3 de novembro de 1881 e que era fillo do capitán da Garda Civil José Pernas Díaz e de Ramona Salazar Martínez.

O ingreso dos seus irmáns, José e Jesualdo, no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo en situación de alumnado externo motivou o traslado da familia Pernas a Mondoñedo. Foi na cidade da Paula onde Santiago desenvolveu as súas capacidades coma debuxante e pintor, destacaba xa de mozo nas especialidades de paisaxismo e retrato. A súa vocación era clara, pero pouco rendible polo que decidiu formarse na arte da fotografía.

En 1900 trasládase a Madrid, onde comeza a traballar de aprendiz no estudio dun fotógrafo alemán no que se facían principalmente retratos a destacados persoeiros da sociedade madrileña ou que por alí pasaba.

Oito anos despois regresa a Mondoñedo e, logo de casar con Generosa Moirón Paz en 1910, abre o seu primeiro gabinete fotográfico, o “Modernista Pernas”, situado na rúa da Fonte.

A maior parte da súa vida familiar e profesional transcorreu no barrio dos Muíños de Arriba, nun inmoble que se derrubou para construír unha casa de nova planta dentro do proxecto “Muíños 2002”. Tal e como se recolle na bitácora en liña Miscelánea Mindoniense “Nesa vivenda naceron os seus fillos: Susana, Jaime, Jesualdo, José e Elvira e alí o fotógrafo desenvolve toda a súa arte pintando, dando clases de debuxo e fotografando a vida cotiá do seu momento”. Moitos dos decorados fotográficos empregados no estudo dos Muíños foron pintados polo propio Santiago e nese inmoble continuou o oficio de cámara o seu fillo, Pepe de Pernas.

Cando se estaba a proceder ao derrubamento da casa de Pernas vin desde debaixo da parra que adornaba a súa fachada miles de fotografías e negativos en celuloide e cristal tirados no chan polo medio dos escombros, afortunadamente tiven a lucidez e o vagar suficiente para ir ao Concello a comunicar a situación coa finalidade de que ese legado non se perdera.

A maior parte do material que se puido recuperar pasou a mans da fotógrafa Luísa Trigo que o dixitalizou, conservou, clasificou e expuxo ao público na fototeca integrada en Artesanía Os Muíños.

Segundo o portal cibor.org, no que se poden ver algunhas instantáneas de Santiago e Pepe, a colección Pernas consta de 300 placas de cristal de 15x10 cm. na súa maior parte fotos de estudo, de Santiago Pernas e case 3000 negativos en branco e negro de 35 mm., de José Pernas.

A paixón de Santiago Pernas pola pintura continua viva hoxe da man dunha das súas netas, Beatriz Fernández Pernas, residente en Gondomar (Pontevedra) quen traballa diferentes técnicas plásticas coma o pastel, acuarela e sobre todo o óleo sobre tea.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 31-08-2016 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
DE ARGOMOSO A RÍO (Nº25 23/08/2016 RV-AM e LVG-AM)
Do 7 ao 18 de setembro deste ano celebraranse en Río de Janeiro os XV Xogos Paralímpicos. Esta será a primeira ocasión na que o paratriatlón estea presente no programa oficial dunhas Paraolimpíadas. Entre os seleccionados para participar nesta modalidade deportiva que combina natación e carreira a pé e en bicicleta figura a galega Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 4 de marzo de 1988).

Susana preséntase no seu blog (susanarg.com) dicindo que naceu en Vigo “porque os meu pais tiñan o seu traballo nesta cidade, a pesar de que toda a miña familia é dunha vila chamada Mondoñedo”. Efectivamente, a parentela da paratriatleta procede de Argomoso, lugar co que nunca perderon vinculación e que visitan con moita frecuencia.

A deportista naceu, segundo as súas palabras, cunha “característica distinta que me fai especial”, trátase de albinismo oculocutáneo, unha condición xenética hereditaria que provoca ausencia de pigmento no pelo, pel e ollos, así como importantes problemas de visión, Susana ten dito que “eu vexo como unha cámara de fotos de moi mala calidade”. Por esta razón, a campioa de Europa e do Mundo de paratriatlón, competirá na clase PT5 xunto con outras deportistas que presentan deficiencia visual total ou parcial, todas elas deberán ir acompañadas dunha guía e disputar en tándem o tramo en bicicleta.

Susana Rodríguez, que acaba de rematar os estudos de Medicina na Universidade de Santiago e que posúe, desde hai uns anos, o título de Fisioterapeuta, é un exemplo de superación persoal, ela entende que “todos somos diferentes dalgún xeito e esas diferencias pode que nos pechen algunhas portas pero tamén abren outras”.

As finais de paratriatlón das Paraolimpíadas de Brasil celebraranse no Forte de Copacabana o domingo, 11 de setembro a partir das dez da mañá polo que cadrará coas festas dos Remedios, pero ese non será impedimento para que todo Mondoñedo e contorna estea pendente dos medios audiovisuais seguindo a Susana e apoiándoa como se merece.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 22-08-2016 23:57
# Ligazón permanente a este artigo
DOE NA ALMA (Nº24 16/08/2016 RV-AM e LVG-AM)
Foto de Pepa Losada (LVG-AM)
Desde o pasado domingo pola tarde non se me van da cabeza uns versos da canción “En un rincón del alma” nos que Alberto Cortez se pregunta entre estacatos “¿De qué sirve la vida si a un poco de alegría le sigue un gran dolor?”.
Mondoñedo celebraba esta pasada fin de semana unha edición redonda do seu Mercado Medieval e a traxedia e a dor quixo apoderarse de nós en forma de desgracia pola perda dunha picariña que o único que facía era o que tiña que facer: xogar e gozar na compaña dos seus.
Os Ledo de Valiñadares, unha familia exemplo de unión e boa harmonía, facían honra ao seu apelido reencontrándose unha vez máis, aproveitando o estío logo de pasar o ano en Asturias ou Cataluña.
En Valiñadares quedou un dos irmáns que ampliou e transformou a explotación agrícola e gandeira que os criou. Os outros, logo de aprender oficios en Mondoñedo, emigraron a outras cidades pero nunca se  esqueceron das súas orixes e souberon e saben transmitir a querencia polo terruño e o amor pola familia.
Todos cometemos imprudencias e, en ocasións, buscamos o risco, se cadra, innecesario. Vénseme á cabeza un recordo de hai moitos anos cando un día do Carmen, o cuarteto de gaiteiros Brisas do Masma fixo os pasarrúas polo Couto do Outeiro subidos na baca do Land Rover de meu pai, e non pasou nada, aínda que no percorrido se atoparan desniveis de mais do 40%. En ocasións hai accións que conducen á desgracia, pero a desgracia tamén sabe vir por sí mesma sen necesidade de chamala e cando vén, coma neste caso, a dor desgarradora pola perda dunha pícara que tiña toda a vida por diante apodérase dos seus e tamén dos máis.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 21-08-2016 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.