Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ECAR deixou de ser unha fábrica
nº 53 28/02/2017 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO (Xa fora publicado un ano antes en Radiovoz - A Mariña)



Mañá cumpriranse cinco anos do día escollido para o peche oficial de ECAR, precisamente o día de San Rosendo, patrón de Mondoñedo. As máquinas pararan o 24 de febreiro de 2012, o 28 secouse a suor.
ECAR puxérase en funcionamento hai 51 anos, producía aglomerado de partículas de madeira desde 1966. Inicialmente tiña unha capacidade de fabricación de 12.000 metros cúbicos anuais. A comezos do século XXI multiplicara por dez a súa produción, acadara facturacións que xiraban entorno aos 14 millóns de euros, tiña contratados 85 operarios e ao seu carón medraban pequenas empresas auxiliares, principalmente do sector do transporte de mercadorías por estrada e do metal.
O paso de chave foi no 2012, pero os problemas comezaran unha década antes por mor dun exceso de produción a nivel mundial de taboleiros de aglomerado de madeira e unha demanda que en lugar de aumentar, revía. Problemas para asinar o convenio colectivo, demoras no pago das nóminas e outros xeraron malestar entre os traballadores que realizaron paros ao longo de diferentes períodos. Esta situación mantívose ata o verán do ano 2005 no que Financiera Maderera, S.A. mercou ECAR para transformar a factoría nunha planta de fabricación de compoñentes de mobles.
O cambio de mans supuxo un alivio para os traballadores, as súas familias e para o conxunto da poboación, pero xa houbo quen daquela apuntaba que se trataba dunha estratexia empresarial para eliminar a competencia.
O xoves, 1 de marzo de 2012 Ecar deixou de ser unha fábrica. Un dez por cento dos sesenta e dous operarios que mantiña a factoría nos últimos tempos continuaron ao servizo da empresa en Mondoñedo durante uns meses para realizar tarefas de vixilancia, mantemento e labores diversas e outros -non todos- foron recolocados en factorías que FINSA ten en Rábade ou en Santiago.
Antes e despois do peche de ECAR houbo promesas de crear postos de traballo na contorna, pero a realidade non deixa ver que se producira unha reactivación económica real. No mes de xaneiro de 2015 apareceron titulares nos xornais da comarca informando sobre o uso das instalacións industriais de San Lázaro para a fabricación de “pellets”. Esta actividade xeraría arredor de 15 postos de traballo directos e dinamizaría a economía local e o tecido produtivo do municipio. Dous anos despois a produción redúcese ao tecido de arañeiras nas, cada vez máis, vellas naves do complexo fabril.
Afortunadamente, na actualidade, FINSA segue innovando e medrando, pero as instalacións de Mondoñedo están pechadas, só unha pequena parte está sendo empregada por unha empresa local.
Hoxe, a imaxe de San Rosendo que coroa o frontispicio da catedral mindoniense segue sen mans. Xa o dixera Francisco Mayán, o que fora director do Instituto de Mondoñedo e Cronista Oficial da cidade: “Mentres o patrón non teña mans, o avance non será posible”.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Un quinqué e outras cousas
nº 52 21/02/2017 RV-AM 28/12/2016 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO


Hai uns meses nunha comida familiar conteilles un chiste aos meus sobriños logo de escoitar outro no que un deles lle preguntara a un parente cántabro como se dicía “lo llené” en galego. A miña gracia preguntaba como se di en chinés “un perro con una luz en el culo”. Os meus sobriños teñen entre quince e trinta e cinco anos. Ningún dos presentes soubo dar resposta.
- “Un can cun quinqué no cu”, dixen. Moita graza non fixo, tamén teño que recoñecer que non sempre son bo contando chistes.
En boa medida non provocou risas porque descoñecían a palabra “quinqué”, un termo de uso moi frecuente entre a xeración anterior á súa.
Para os que non o saiban, un quinqué, segundo o Dicionario da Real Academia Galega é unha lámpada provista dun depósito de combustible e un tubo de vidro dentro do cal se produce a chama e tamén un aparello similar que funciona con electricidade.
En “Mondoñedo. Revista semanal ilustrada” que fundou, dirixiu e da que era propietario César González-Seco Romero, alá pola segunda metade da primeira década do século pasado aparecía unha publicidade que encabezaban unhas letras a gran tipo dicindo: “¡Gran Invento!. Lámparas ó quinqués de gas acetileno. Son los más prácticos construídos hasta hoy, produciendo ellos mismos el gas, para lo cual basta introducir en su interior y en dos compartimientos distintos, agua y carburo de calcio en la forma que se expresa en la instrucción que acompaña á (copio literalmente) cada uno de los aparatos. Es el alumbrado más potente y económico que hay, siendo su luz comparable á la eléctrica por su color blanco, y sin las oscilaciones del petróleo y del gas del alumbrado. Dichas lámparas son inexplosivas, pudiendo llevarse en la mano, colocarlas sobre una mesa o colgarlas. Las hay de diferentes tamaños, muy cómodas en su manejo y á precios sumamente económicos, así como también el carburo de calcio. En la Cedacería y Encuadernación de Adriano Gaute, calle de Méndez Nuñez, 35 (antes Fuente Vieja) Mondoñedo, darán la necesaria explicación para que se vea satisfecho el deseo de los compradores.
Nesta mesma publicación aparecían outros anuncios como o de “Legia VICTORIA, la mejor para lavados y fregados, en ultramarinos de José Rico Cigarrán” ou “Manuel Cortiñas, pintor y restaurador, se encarga de restaurar toda clase de retablos y efigies. Decorado de iglesias. Precios económicos. Prontitud y esmero”. Era habitual o anuncio de “LA DULCE ALIANZA. Confitería y repostería de Ricardo López”. E incluso publicidade da farmacia do pai de Álvaro Cunqueiro “HALA (parecen letras chinesas). Inhalador para la boca y la nariz propio para llevar en el bolsillo. ¡Gran éxito. Con este inhalador se cura rápidamente el catararro y la tos por rebeldes que sean. Comodidad, aseo y eficacia. De venta en la Farmacia Moderna de Joaquín C. Montenegro. No más tos”.
Se queremos mercar un quinqué, aínda que sexa eléctrico, debemos recorrer aos anticuarios, nunha moblería ou nunha tenda de decoración venderannos unha “lamparita”.
“Quinqué" ao igual que “ultramarinos” son termos en desuso, como “prontitud y esmero”. Se o que buscamos é un produto milagre sempre nos quedará a teletenda e para saber o que é unha “cedacería” é bo ter en conta que no obradoiro do músico da banda municipal, Adriano Gaute (oriúndo de Abadín), se facían peneiras.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Poema de amor
nº 51 14/02/2017 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO

En 1382, o escritor inglés, autor dos “Contos de Canterbury”, Geoffrey Cahucer publicou un poema titulado “O parlamento das aves” no que se menciona por primeira vez o Día de San Valentiño coma a festa dos namorados. O certo é que na Antiga Roma, xa se celebraba unha festa pagá adicada á fertilidade, a chamada “Lupercalia”. Esta festa foi prohibida polo Papa Gelasius I, quen instaurou o 14 de febreiro como conmemoración do San Valente.
Para demostrar amor, cariño, amizade ou afecto é bo calquera día e senón que llo pregunten a Alberto Bermúdez, o centrocampista da S.D. Mindoniense que no partido disputado o domingo, 27 de abril do 1997 no Manuel Anxo Cortizo ante o equipo local, o CD Lalín, e logo de ser expulsado polo colexiado, dirixiuse a el, abrazouno e bicouno. Esas mostras de afectividade tan pouco usuais entre futbolistas e colexiados levou a que Alberto fose entrevistado por José Ramón de la Morena no programa radiofónico “El Larguero”. Durante a entrevista o xornalista preguntoulle ao xogador: “¿Ahora que te has hecho famosillo, habrás recibido muchas ofertas, no?, ao que Bermúdez respondeu: “Trabajo en un supermercado y tengo ofertas todos los días”.
De historias de amor está o mundo cheo e esta terra nosa non podería ser menos. Din as linguas que Pedro V de Portugal estivo en Mondoñedo guiado polo amor que profesaba a Manuela Rey, a “Muller Lirio” e tamén que Afonso VII namorou dunha mindoniense. Froito dese amor, o rei outorgou á antiga Val de Brea o Foro de León mediante o cal se lle concede o título de cidade e o poder para organizar feiras. Así nolo contou Antón Meilán no Pregón das San Lucas do ano 2014.
E hai moitas historias de amor que están por vivir. Un bo lugar para enmarcalas nesta Mariña é o Paseo dos Namorados (Cervo), un sendeiro cuberto de vexetación zumegante de vida no que a música acuática sempre está disposta a poñer banda sonora ao camiño dos amantes.
Sendo hoxe o Día dos Namorados e tendo a orixe que ten, quixera compartir con vostedes o único poema de amor que teño composto:




Amar contra ninguén,
a favor do vento,
diante das sombras,
sumando días.
Apréciote, apréciasme, apreciámonos.
Continuar un camiño de melodías
un andar harmónico de ilusións
esperanzas,
soños.
Deséxote, deséxasme, desexámonos.
Construír sobre base firme
bico a bico como pedra a pedra,
caricia a caricia como paso a paso,
aperta a aperta como soño a soño,
canción a canción.
Quérote, quéresme, querémonos.
Estar sós estando con todos,
poñerse diante o mundo,
mirarse aos ollos
e dicir “si”.
Ámote, ámasme, amámonos.
Si, quero quererte, quero.
Quero quedarme ao teu carón nun movemento continuo.
Quero camiñar por riba das nubes e non quero quedarme só cando chova.
Quero sentir o son que impulsa o sangue que percorre o teu corpo.
Quero dar vida ao noso amor, vida.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.