Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O pasadizo da Urraca
O sábado pasado volvín a Tui. “Mediorresidira” alí, como fago sempre, case un ano ao inicio deste milenio e estando na máis meridional cidade con representación en Cortes do Antigo Reino de Galiza lembreime dunha “tapería” (petiscaría -se cadra-) á que me gustaba moito ir por ser un lugar moi acolledor e cunha carta non moi ampla pero algo diferente e exquisita: “O pasadizo da Urraca”.

Aínda se me ven á boca o sabor do queixo fundido con froitas de tempada acompañado de diferentes variades de pan (de noces, de pasas...), que xa non teñen na carta e que, polo tanto non puiden degustar na miña última -que agardo que non sexa a derradeira- visita ao local.

Cambio de donos e mudou de nome en dúas ocasións desde que non ía. Chámanlle “La de Manu” (menos mal que dan ben de comer, porque polo nome non iría), pero a xente segue a coñecer o local pola denominación que tivo nas súas orixes, boa proba é que cando me estaba achegando ao lugar pregunteille a un señor polo “Pasadizo da Urraca” e non dubidou e dicirme que estaba “ao outro lado da ponte elevada que se ve alí ao fondo”.

Se a memoria non me falla ou non está deformada, a comezos deste século, no “Pasadizo da Urraca” poñían uns manteis de papel nos que se podía ler a lenda que falaba dun paso que había -se cadra hai ou non houbo nin hai- por debaixo do leito do Miño ao seu paso por Tui e que empregou a Raíña Urraca para fuxir cando foi asediada. Creo recordar que me deran un exemplar noviño do trinque e que o gardara, pero tan ben o gardei que non sei onde o puxen. Que pena!.

Pero como non tiven a ocasión de remirar o pano de papel, botei man da rede para buscar a lenda e atopeime con isto: “Asediada polo conde de Traba e Tareixa de Portugal, a raíña fuxiu supostamente por un pasadizo que a levou até as ribeiras do rio Tea exiliándose a León, onde comezou as negociacións co bispo Diego Xelmírez” feitos estes narrados na “Historia Compostelana”. E o lugar de asedio foi o Castelo de Sobroso (Mondariz). Outra pena!

Son lendas e como lendas que son poden ser ou non ser, ou ser aquí ou acolá...

O certo é que, unha década despois aínda non me esquecín do nome do local, do sabor dos seus petiscos, nin dos bos momentos que teño pasado alí algunha que outra noite de sábado.

Algo parecido pode pasar co Mariscal Pardo de Cela agora que parece que apareceu o seu “Testamento”, pero por moito que cambie o coñecemento dos feitos históricos , calquera mindoniense que atopes polo Barrio dos Muíños seguirache a contar a “Lenda da Ponte do Pasatempo” tal e como a sabemos.

Fran Bouso

Cando se escribe algo que teña que ver con lendas, aínda que só sexa de esguello, hai que mandarllo ao noso experto en tradición oral. Así o fixen e Antonio Reigosa contestou o seguinte:

Xa ves que empeño en borrar o pasado da memoria. Nin coa boa sona do que alí se comía foron quen de respectar o antigo nome os de Tui.
A Mondoñedo viríalle moi ben unha representación popular, nos días do Mercado Medieval. Por alí anda Paco Piñeiro que sería quen de facelo moi
ben.
Desde a Ponte do Pasatempo unha representación andante ata o corazón da praza grande, diante da catedral. Alí sería o desenlace, non como di a
lenda, ou non necesariamente, senón sempre coa esperanza de poder chegar a tempo para salvarlle o pescozo ao Mariscal. A emoción estaría aí.
Poderiamos resucitar a Pardo de Cela, polo menos para rexenerarnos, que boa falta nos fai.
Un ano destes habería que poñerse a reanimar Mondoñedo.
As lendas son a memoria máis fiel, ou, polo menos, as que máis reconfortan.
A ver quen se anima! Contade comigo para carrexar auga e outras intendencias.

Antonio Reigosa

Por alusións:

Contareiche a verdade. A historia vén dende o ano pasado. Querían que fixese unha obra pero cando se acordaron eu xa tiña toda a axenda do ano cuberta. Este ano propuxéronme que fixera algo e eu comenteilles a idea de facer unha obra adaptada ó lugar, sen modificar a estrutura do mercado para representar na clausura do evento. Quedaron moi ilusionados pero aviseinos de que mo comunicaran con moito tempo de antelación a resposta final. NON ME DIXERON NADA e, moi ó meu pesar, a estas alturas xa temos máis que completo o ano. Unha vez máis a cousa quedará no aire.

Paco Piñeiro
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2013 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
Falando cos veciños
Ía frío en Mondoñedo o día despois de Reis, pero esa noite non xeara. Como xa remataban as vacacións de Nadal e para ir entrando na dinámica de horarios canónicos decidín erguerme cedo. Ás sete e media da mañá xa estaba na rúa e o certo é que, de quitado o operario que conducía a máquina que limpa as rúas, eu era o único habitante visible, algo que me resultou preocupante posto que acababa de ler na edición dixital de La Voz de Galicia que Mondoñedo perdera 116 habitantes -censados- no último ano e case dez mil no último século -pensei eu ao tempo que lía os datos-.
Din un par de voltas polo centro ata que abriu o Central, o máis madrugador dos locais de hostalería, de sacado “El Peregrino” -que todo o mundo coñece como “O Fuxitivo”-. Entrei e Donald deixou de ler a prensa para facerme un café con leite grande e ben quente que acompañei cunhas “madalenas”.
Despois de almorzar vin que xa había luz na sucursal do que outrora fora o Banco Pastor -xa sei que segue sendo de nome, pero xa non é o que era- e pasei por alí a amañar uns papeis. Nos postos que outrora ocuparan Manolo do Panadeiro, Eulogio do Carballés ou Chus a do Licho non había ninguén coñecido, e seguro estou que de Mondoñedo non era ningún, nin sequera -e diso tiven nova a posteriori- residen aquí. Digo isto do Pastor, pero o mesmo acontece cos demais bancos e o mesmo sucede cos traballadores das oficinas públicas que hai en Mondoñedo e o mesmo sucede coa maior parte do profesorado do Instituto e o mesmo sucede co...
Fun dando un paseo ata o pé da Igrexa dos Remedios, onde me atopei cuns amigos, Toñito da Carnicería e Germán, o municipal, cos que estiven botando unha “parrafada” antes de coller cara abaixo de novo.
Ao pasar o Porriño, xa vin a Luis de Fermo con Javier da Mecánica diante da casa de Puchades e dixen para min: “teño leria para rato”, e así foi.
-Pero logo non se traballa hoxe?-Me dixo Luis. Non deixou que rematara a miña resposta cando xa me estaba explicando que morrera Juaquín Milán del Bosch e que había que facerlle unha homenaxe a Ricardo Pedreira ao tempo que me empuxaba escaleiras arriba pola casa de Alicita Villamarín. Cando me din conta da situación xa estabamos sentados á mesa Xosé Ruiz Leivas, José Chao, Puchades, Alicita, Luís e eu, pouco despois chegaría a Sanluqueira do ano pasado, Ester Otero. Antes de que me dera tempo a abrir a boca xa me tiñan encargado presentar a homenaxe, escribir un texto para esta edición do xornal “Mondoñedo” -”pouca cousa: un par de folios, ou tres...”- e dar a coñecer aos medios de comunicación a celebración da homenaxe a Ricardo Pedreira e os pormenores dos actos.
Sooume o teléfono e foi a miña salvación para darme despegado de Fermo, que xa me quería levar ao Concello para falar con Orlando, o Alcalde sobre este asunto.
Ao saír á rúa atopeime con Isidro, o xastre. Comenteille o da homenaxe a Ricardo Pedreira e enseguida me dixo: “Sonche moi boa xente, eh!. Eu aprendín o oficio co pai, que tamén se chamaba Ricardo, un home que estivera emigrado en Cuba, alí traballaba nunha gran empresa, algo así como El Corte Inglés de aquí. Un home moi intelixente e esa intelixencia tamén a herdaron os seus fillos. Sonche moi listos, tanto Ricardo coma os irmaos: Gilberto, que morreu, que estaba en Madrid no Ministerio de Educación; Manolo, que tivo durante moitos anos un cargo moi importante en Central Lechera Asturiana...”. “Pois paréceme moi ben” -me dixo Isidro- “Paréceme moi ben que se lle faga unha homenaxe a este home, porque el leva feito moito por Mondoñedo. Eu tamén tiña que ir á reunión esa, pero tiven xente na tenda e non me foi posible. Agora quedei con Luís de Fermo para ir falar con Orlando deste tema”.
Xa que Isidro tiña apuro, seguín pola rúa abaixo e entrei na “Alianza” a comer un par de cañas acompañadas dun vaso de auga da billa. Alí estaba Pablo da Confitería co que empecei a falar. Despois de darlle a volta a varios temas saíu o da Homenaxe a Ricardo. “Recordo eu -dicíame Pablo- cando nos xuntamos aquí mesmo [na Confi] para comprar os terreos para o campo de fútbol [o Viñas da Veiga]” (...) “Eles [por Ricardo e Manolo Pedreira] non estaban porque claro, vivían en Oviedo, pero tan axiña como tiveron noticia do asunto puxeron cento cincuenta mil pesetas enriba da mesa, que para aqueles tempos eran moitos cartos. Meu primo [por Florentino] tamén puxera cincuenta mil pesetas e quen máis e quen menos, tivera máis ou tivera menos foi poñendo algo: ninguén menos de mil pesetas. Digo esto porque por aquela época na Coruña fixeran algo parecido para mercar os terreos de Riazor e os bares da zona daban a cen e a duascentas pesetas (...).
Tamén me falou moi ben Pablo de Gilberto, o irmao maior dos Pedreira: “Daquela que se puxo en marcha o comedor escolar do Grupo, estabamos na asociación de pais Puchades e máis eu, e non había “menaxe” nin ningún tipo de material para darlle de comer aos pícaros e chamamos a Gilberto, que estaba no Ministerio de Educación e non tardou en vir material para o colexio de Mondoñedo. Fíxate ben: había catro cortafiambres para repartir por toda España e unha desa máquinas veu parar a Mondoñedo”.
Xa se ía achegando a hora de xantar e collín camiño cara Os Muíños, por diante da Biblioteca cruceime con Marisa de Benito a quen saudei, pero non me debeu escoitar que non me contestou: vai maior a muller.
Desde o alto das escaleiras da praza da Catedral vin a José Luís de Fortunato falando cun home a carón dun coche e decidín ir saudalo e comentarlle o da homenaxe a Ricardo. Cando me ía achegando, vin como os dous interlocutores que tiña no meu campo de visión remataban a conversa. José Luís camiñou cara min e o outro meteuse no coche. Logo das pertinentes felicitacións polo ano novo, dinlle a nova e inmediatamente interrompeume para volver falar co home que se acababa de subir ao coche. Enseguida entendín a situación: “Pues menos mal que me lo comentas porque acababa de fijar una cita con ese señor precisamente para el sábado 26 y ya aproveché el momento para cambiar la fecha, porque yo al homenaje de Ricardo Pedreira no puedo faltar, es un MINDONIENSE”.
Seguín camiñando e pensando e dándolle voltas ao que me foron contando de Ricardo Pedreira e da súa familia e, sobre todo ao que dixo José Luís de Fortunato: un MINDONIENSE. É que ser un mindoniense non che é calquera cousa, pero un MINDONIENSE...
Nos tempos nos que estamos, nos que imperan os mercados, o capital e por tanto a lei da oferta e a demanda, ser mindoniense da moito valor, porque como xa dicía ao inicio deste relato: Cada vez somos menos, pero bos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2013 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.