Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un ano máis
Antón Caxoto
nº 44 27/12/2016 RV-AM 28/12/2016 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Ao longo do ano que vai rematar fomos quen de darlle unha volta ao cine, sentados no Principal Cinema ou no Pacheco e tendo como especial centro de interese nesta materia ao veciño Victoriano López García, con el démoslle voltas ao idioma na grande pantalla. Tamén xogamos coas letras, galegas por suposto coas que compuxemos, na imprenta, palabras de agasallo.

Recuperamos a Manuela Rey, a actriz que moi noviña deixou as súas terras para percorrer unha esquina da pel de touro e acabar axiña, no mellor da vida e con éxito, en Lisboa coa admiración de moitos. Da man de Antonio Reigosa, fixemos festa para espallar os aires do Masma e xuntalos cos do Texo nunha polafía ben feita na casa por xente da casa.

Lembramos a Manolo Araújo nunha homenaxe que queda para o recordo e que nunca máis se poderá repetir porque un dos que a fixo posible xa non está aquí, Arcadio Mon. Música, teatro, poesía, lembranzas e amizade pasaron polo escenario do auditorio “Pascual Veiga” para dicir ao unísono: Araújo, ti vales moito, sabémolo e dicímoscho! Tamén nos lembramos de Lodeiro Piñeiroa, de Kike, de Lombardero e doutros moitos que lle puxeron melodía ao Val do Brea e incluso ao Barcelona.

Xogamos á billarda no “Aberto da Tarta de Mondoñedo”, pensamos e rímonos cos monicreques, probamos os tomates da Letizia, retratamos a Santiago Pernas Salazar, viaxamos de Argomoso a Río con Susana Rodríguez Gacio e non faltou tempo para ir dar un “chapuzón” á Rapadoira baixo a sempre vixiante mirada do Xico.

Fomos de feira en feira cos Cabanela, desde as Quendas co “Mondoñedo É... Poesía” ata as San Lucas do premio “Mondoñedo10” e Voces da Paula e iso que atopamos cortada a autovía no Fiouco ben veces.

Falamos de árbores que nunca deberan desaparecer, ou polo menos non desa forma; de auga que é de todos, túa tamén e da Cova do Rei Cintolo da mán do Rei das Tartas.

Visitamos festas e exposicións e lembramos tempos nos que houbo o que xa non hai, pero iso non quere dicir que non poda haber algo mellor que non impedirá que sigamos a lembrar o que xa foi e non volverá, coma este ano que remata.

Agardamos e desexamos, para o vindeiro ano, unión e ilusión para que xunto co ánimo e a imaxinación poidamos seguir sendo como somos. Nin mellores, nin peores ca ninguén. Simplemente unha miguiña diferentes por aquelo de ser de onde somos e sentirnos orgullosos de que así sexa. No nome de Antón Caxoto e no meu propio, boas festas e bo ano 2017!!!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 27-12-2016 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Fermín viaxa a Leningrado
Antón Caxoto
nº 42 13/12/2016 RV-AM LVG-AM día ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Hai uns anos, o meu veciño Fermín de Arias estaba canso de estar en Mondoñedo. Entroulle a fame por coñecer mundo. Colleu un globo terráqueo que tiña no escritorio onde habitualmente facía os traballos do instituto, fíxoo xirar, pechou os ollos e parou o avance colocando o seu furabolos sobre a esfera. Abriu os ollos e mirou o que poñía ao carón da súa pegada: Leningrado.
Non o dubidou nin un segundo. Foise á cociña onde estaban Azucena e Manuel, os seus pais e contoulles que tiña a necesidade de ir a Leningrado. Despois de darlle moitas voltas, os pais non viron outra solución máis que darlle algúns cartos e prepararlle a maleta para que cumprira o seu desexo.
Á mañá seguinte, ben cedo agarrou os bártulos e colleu camiño cara Os Remedios, chegou a xunto de Rubiños e pediulle un billete para Leningrado.
-Ai filliño (unha expresión tamén moi empregada polo Porriño) eu non che sei onde queda iso! Se queres véndoche un billete para Lugo e alí xa amañarás.
Subiuse a un coche da Empresa Ribadeo ou de IASA (xa non lembro moi ben, en todo caso dalgunha das que foron absorbidas pola británica ARRIVA en primeira ou segunda instancia) e logo de percorrer boa parte das localidades da Chaira chegou a Lugo. Baixou do ómnibus e dirixiuse a unha das moitas xanelas que había daquela na descoidada estación de Autobuses capitalina.
-Déame un billete para Leningrado.
Ao encargado do despacho de billetes quedáronselle os ollos coma pratos, se fose hoxe igual non os abría tanto pois a empresa para a que traballaba, na actualidade, dispón de servizos de liña regular en países do leste e outros lugares do mundo. O bo do home vendeulle un billete para Madrid e rematou a conversa cun "e logo alí xa te amañarás".
Non foi curta a viaxe pola N-VI con varias paradas en lugares concertados onde o café subía unhas pesetas se se vía que o cliente proviña dun autobús.
E chegou a Madrid.
E agora que fago? -Pensou Fermín que levaba unha bágoa no ollo dereito e a punta do fuciño colorada-. Vou para a estación de tren, métome no metro, tiro cara o aeroporto...
O caso é que botou a andar e foi dar á estación de Chamartín ao cabo dunhas horas.
-Un billete para Leningrado -pedíu nun despacho de Renfe-
-Nuestros servicios alcanzan hasta París -contestou con voz de máquina un home de bigote que portaba un elegante uniforme-.
-Déamelo luego. Dixo o meu veciño.
Foise de alí sen que ninguen lle dixera aquelo de "e logo alí xa te amañarás", pero chegado a París amañouse ben. Non tardou en ir en autobús desde a estación de tren ao aeroporto, onde conseguiu billete para o seu destino non sen antes decatarse que ía cara San Petesburgo e non para Leningrado, pois ese topónimo xa era historia.
Chegou a San Petesburgo ou a Leningrado, se queremos que o seu propósito fose acadado ao cento por cento e estivo alí unha semana, dúas, tres, un mes... e cando se cansou baixou a unha axencia de viaxes que había na esquina da rúa onde se atopaba o hostal no que se hospedaba e pediu un billete para Os Muíños, ao que unha elegante señorita de melena rechamante respondeu: Para os de Arriba ou para os de Abaixo?.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 20-12-2016 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Zully Moreno, a actriz do Monfadal
Antón Caxoto
nº 43 20/12/2016 LVG-AM día ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



A «Rita Hayworth arxentina» era neta de Ferreales do Monfadal. tal e como o relata, nun dos seus artigos publicados en «Destino», Álvaro Cunqueiro.

Son varias as referencias, incluso orais, que non dubidan en afirmar que Zully Moreno, a «Rita Hayworth arxentina» era neta de Ferreales do Monfadal. Así o relata, nun dos seus artigos publicados en Destino, Álvaro Cunqueiro: «La madre de esta Zully era de una aldea cercana a Mondoñedo, de una familia que llaman los Ferreales. La aldea se llama Monfadal, que puede significar Montefatal o Monte de Hadas. Zully debe ser abreviatura familiar de Zulema, porque una de las primas de la artista, que yo conozco, una morochita, se llama así...». Relata Cunqueiro que se proxectou en Mondoñedo -supoño que no Cine Pacheco ou no Principal Cinema- unha película protagonizada por Zully: «Bajó, naturalmente, todo Monfadal a la ciudad a ver a la niña, y al frente el abuelo Ferreal. Pero el asunto de la película era una tristísima peripecia en los bajos fondos bonaerenses, y la bella Zully andaba en la mala vida, amando y llorando y cantando tangos y milongas, aunque creo recordar que todo terminaba bien y la niña se enmendaba en el matrimonio. Pese al final feliz, el Ferreal viejo se sintío ofendido...».Juan Soto, Cronista oficial da provincia de Lugo, escribe nun artigo titulado «Rescate del tiempo ido»: «La madre de Zully era de Mondoñedo, de la familia de los Ferreales, en Monfadal, un barrio de la parroquia de O Carme. Pero nunca se vio que mostrase interés por conocer el lugar de sus orígenes. Peor para ella. En Argentina la consideraban poco menos que una gloria nacional. Guapa sí era. Y mucho». Equivócase o cronista ao afirmar que a actriz non se interesara por coñecer Mondoñedo. Tal e como me comentaron algúns parentes, Zulema Esther González Borbón (ou Bordón, como aparece nalgúns escritos), visitou as terras de procedencia da súa nai na década dos setenta do pasado século.
Pero como é posible que sexa parente dos Ferreales e que non leve o apelido “Díaz” coma eles?Segue a ser un misterio. A pesar de buscar e de pedir axuda para tentar resolver a conexión, aínda non se deu esclarecido. Zulema tiña un irmán, Alberto Óscar González, un home de negocios relacionados co espectáculo, o teatro o cine e a televisión e o seu segundo apelido (supostamente Borbón) nunca aparece en ningún documento público. Ben é certo que, por influencia italiana, os arxentinos só empregaban de maneira oficial un só apelido, polo que é doado que para rodearse dun halo de maior “glamour” a actriz se vestise cun segundo tan singular. Tamén puidera ser que Cunqueiro non estivese no certo e que en lugar de ser mindoniense a nai de Zully, o de Mondoñedo fose o pai. Eu non o creo porque seguindo aparecen referencias na prensa galega do século pasado nas que se vincula a Zully Moreno con Tui (Pontevedra) por ser natural desta localidade o seu pai.

Zulema Esther G. Enrique Moreno Borbón

O número 86 da publicación semanal “Ídolos del cine” está adicado integramente a Zulema Esther González Enrique Moreno Borbón (aquí aparecen máis apelidos) na que sería a súa biografía máis “pomposa”. Na revista das estrelas do celuloide escriben que Zully procede dunha familia burguesa de emigrantes españois donos dun café e que despois de rematar os estudos de bacharelato comeza a traballar como modelo ata que vai pasando por unha serie de aventuras que a levan ao mundo do cine. Ben difire esta historia doutras que posiblemente estean máis apegadas á realidade.Zully Moreno naceu en Villa Ballester, provincia de Bos Aires o 17 de outubro de 1920. Era filla de emigrantes galegos residentes en Arxentina e irmá de dous varóns, un deles finado con poucos anos de vida. Cando Zulema tiña dez anos, morreu o seu pai, situación que a obrigou a buscar traballo para axudar á economía familiar. Sendo unha pícara, comezou a traballar de costureira e ao cumprir os 18 anos presentouse a un casting mediante o cal accedeu a un papel secundario no filme “Cándida”, de Luis Bayón Herrera. Ese sería o inicio dunha gloriosa carreira profesional que a levaría a rodar arredor de corenta películas e varias obras de teatro. O seu primeiro papel protagonista chegoulle con “Stella” (1943).Aos 27 anos, casou co director de cine Luis César Amadori e tiveron un fillo, Luis Amadori. Consagrouse protagonizando títulos como “Dios se lo pague” ou Nacha Regules, de Arturo de Córdova e tamén traballou baixo as ordes de Mario Soffici en “La Gata”; de Carlos Hugo Christensen, en “La trampa”; de Carlos Schlieper, en “Cosas de mujer”; de Ernesto Arancibia, en “La mujer de las camelias” ou de Lucas Demare, en “Nunca te diré adiós”. Era peronista, polo que tralo golpe de Estado que derrocou a Perón, viuse obrigada a exiliarse, primeiro a México, onde filmou tres películas e máis tarde a España. “Madrugada”, “Una Gran señora” e “Un trono para Cristi” son as películas nas que traballou en España.Ao morrer o seu marido, Zulema faise cargo da administración do “Teatro Maipo”, da súa propiedade e da produtora “Argentina Sono Film” e deixou o seu traballo como actriz. Morreu aos 79 anos, o 25 de decembro de 1999 en Bos Aires logo de padecer Alzhéimer nos últimos anos da súa vida.

O irmao

Zully e Alberto, os dous irmáns sempre estiveron moi apegados. Alberto encargouse da xestións das empresas de Zulema cando apareceron os primeiros síntomas do Alzheímer. Alberto Óscar González, ademais de gustarlles as vedettes -estivo casado con dúas: Susana Brunetti e Mimí Pons- foi un empresario de éxito e o creador de “Canal Satelital” a primeira plataforma de televisión que emitiu vía satélite no cono sur americano.


Algunhas películas de Zully

































Artigo na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 20-12-2016 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.