Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

30 anos do telefilme “Novo de Parmuide”

nº 48 24/01/2017 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO




Dous anos antes de que o inesquecible Chano Piñeiro rodara “Sempre Xonxa” (1989); Mondoñedo, Lindín, Vilanova de Lourenzá e Vidán (Santiago) serviran de escenario natural para a gravación da primeira película de ficción que se fixo en Galicia no noso idioma. “Novo de Parmuide” (1987), unha produción de Galaxia Comunicación -compañía xerme da actual CTV-, foi o primeiro telefilme realizado en galego. Roberto Vidal Bolaño dirixiu este traballo que estaba baseado en textos do xenial Álvaro Cunqueiro.
Esta comedia de 56 minutos de duración (mediametraxe) contou cun elenco integrado por Susana Dans, Manuel Lourenzo (do Valadouro), Victor Mosqueira e Laura Ponte. Na figuración participaron moitos veciños das localidades onde foi gravado. En Lindín, na suposta eira de Novo fixeron de extras Mónica Rubal, Ángela e María del Mar Pardeiro, Antonio Ledo e Roberto Fernández, ademais do coro de nenas integrado por Marián Marian Salgueiro Castro, Mari Carmen Maseda Díaz e Ana Teijeiro. Na praza da Catedral de Mondoñedo, onde se tomaron escenas desde o faiado da casa de Carmiña Cunqueiro, xogaban Belén Bouso Barcia e as irmás Virginia e Soledad González. O mindoniense Ramón González Díaz exerceu como perruqueiro de rodaxe e o veciño de Lindín, Manuel Otero encargouse da carpintería.
Esta primeira experiencia dramática audiovisual, rexistrada en vídeo, foi o capítulo piloto da que sería tamén a primeira serie de ficción producida para a Televisión de Galicia. “Os outros feirantes” (1989), baseada no libro de semblanzas homónimo do escritor mindoniense, constaba de seis capítulos -ademais do xa mencionado piloto-: “Hermelina da Ponte”, “O Verdugo”, “A orella dereita de Antón de Leivas”, “Padín de Carracedo”, “Tristán García” e “Roque de Goás”.
Se no 2014 lembramos a eclosión do cine galego co 25 aniversario das estreas de “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental” e no 2016 vimos de celebrar o centenario da primeira película de ficción feita en Galicia (cinema mudo); non podemos deixar pasar que neste 2017 se cumpren 30 anos da gravación de “Novo de Parmuide”.
Cunqueiro e o audiovisual
No 2001 Cunqueiro provocaría que outra serie, desta volta “Terra de Miranda” producida por Voz Audiovisual para a TVG fora gravada en diferentes localizacións de Mondoñedo e a súa contorna ao longo das súas primeiras tempadas.
En vida, Cunqueiro fixo traballos específicos para o cine e a televisión, así o director Guerín Hill rodou en 1966 un documental titulado “Galicia” no que se facía un percorrido histórico polo noso pais. Nese mesmo ano, o mindoniense escribiu o guión de “Xantares”, un capítulo pertencente á serie de Televisión Española “Conozca usted España”.
Tampouco debemos esquecer que no 2011 Antón Dobao dirixiu a adpatación para a gran pantalla da novela cunqueiriana "Se o vello Sinbad volvese ás illas".
Estea ou non rematada neste ano a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, non debera faltar neste contedor cultural un lugar para lembrar a vinculación do autor do “Merlín e familia” co audiovisual, máis aló das súas experiencias radiofónicas.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 27-01-2017 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Unha alburgada: Donald Trump

nº 47 17/01/2017 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO




En contra do que anunciaba a canción, o vídeo non eliminou á estrela da radio, pero o GPS si aniquilou practicamente por completo o LORAN. Non, non se preocupen: o queixo non están en perigo, quen si o pode estar é Donald Trump.
O LORAN é un sistema de telecomunicacións que, mediante a triangulación, permite coñecer a posición exacta dun navío ou dunha aeronave, tanto ás estacións de terra coma ao propio barco ou avión.
Na década dos sesenta do pasado século entrou en funcionamento en Estaca de Bares unha destas estacións de terra do sistema Long Range Aid to Navigation que operaba en equipo con bases de telecomunicacións británicas e francesas para facilitar a navegación nunha ampla zona do Atlántico. As antenas de Estaca de Bares deixaron de funcionar no ano 1991, cadrando coa preparación da ofensiva americana no Golfo Pérsico. Sería este o motivo polo que a flota americana estivo a piques de turrar contra o faro A-853 de Fisterra? Esta pregunta ben daría para unha ampla investigación.
A compañía encargada da obra civil da base Bares foi Elizabeth Trump & Son, propiedade da familia de Donald Trump e na que o actual presidente electo norteamericano traballou na súa época de estudante. No verán de 1962, despois de terse detectado algúns movementos sospeitosos na conta de explotación da obra e como divertimento estival, Donald foi enviado a supervisar a pé de obra as evolucións dos traballos en Estaca de Bares. Non lle fixo falta estar moito tempo en Galicia para darse conta de que unha parte importante do ferro que se mercaba para facer os forxados das instalacións era desviado directamente a un chatarreiro. Chatarreiro e xefe de obra víanse tódolos sábados pola noite na Seiramar de Viveiro. Trump viu cos seus propios ollos como se facían os pagos no interior dunha pickup da súa compañía e como chatarreiro e xefe de obra baixaban cubalibres na barra para celebrar os seus tratos.
Pola megafonía escoitábase a voz de Paul Anka cantando Diana. Donald, que acaba de cumprir os 16 anos, achegouse a un banco dos que estaban arredor da pista e sentou ao carón dunhas rapazas.
-Are you Diana?, preguntou dirixíndose á única morena do grupo.
-No, my name is Marita. A moza respondeu ao tempo que o miraba fixamente aos ollos.
Marita, a única filla de Manolo da Chaparrachá de Area, era una mozona de 20 anos que destacaba entre as demais mulleres que estaban esa noite na Seiramar. Levaba un vestido con estampados psicodélicos, curto e entallado e o pelo longo rodeado cunha fita da mesma tea que o vestido, un estilo hippie que pouco tiña que co estilo das outras rapazas.
Marita viñera de Londres, onde residía cos seus pais a pasar o verán en Viveiro para facerlle compaña á súa avoa que enviuvara dous meses atrás. A pobre muller tiña dificultade para coller o sono, pero a neta disolvíalle na auga un preparado que facía que a Chaparrachá durmira durante horas dun tirón.
As amigas de Marita foron marchando ao tempo que a noite ía entrando e a conversa con Donald continuou en baile e risas e como quen non quere a cousa entraron no 600 do americano.
Despois daquela noite, Marita e Donald nunca máis se volveron ver. Donald voltou New York esa mesma semana e Marita regresou a Londres a comezos de setembro.
Marita agora é unha adorable señora, moi coñecida en Viveiro, foi a primeira profesora de inglés que houbo na zona.
Coma tódolos anos, en noiteboa, Marita ceou co seu fillo, nunca nada lle dixera, pero este 24 de decembro contoullo todo.
O fillo é actor e esta tempada representa a Hamlet no Teatro da comedia de Madrid. Neste momento está na T4 pasando os controis de seguridade para tomar un voo con escala en París e destino a Whasington.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 27-01-2017 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
De Mondoñedo tamén se fala en Bruxelas

nº 46 10/01/2017 RV-AM 28/12/2016 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO




O 7 e o 8 pasado mes de decembro celebráronse no Parlamento Europeo unhas xornadas tituladas “A situación da cultura galega” nas que participou unha delegación integrada por 65 persoas relacionadas coa cultura do noso país. Nunha mesa de traballo, con presencia de funcionarios da UE, na que se debateron e presentaron varias propostas e reivindicacións da nosa realidade cultural falouse de Mondoñedo.
No momento no que se trataron cuestións relacionadas coa literatura, a poeta Chus Pato realizou unha exposición centrándose na poesía, no seu discurso aludiu, entre outras cousas, á necesidade de celebrar un festival internacional de poesía e moitas outras accións entre as que cabe salientar o impulso dunha vila ou cidade literaria e propúxose a Mondoñedo como lugar ideal para este fin, tal e como me comentou o profesor e escritor Xabier Cordal, membro da comisión.
Desde hai tres anos, a cidade de Cunqueiro, Leiras, Noriega, Mayoral e outros moitos acolle a un festival poético-musical, “Mondoñedo É... Poesía”, que pode ser o punto de partida para o certame do que falou a poeta en Bruxelas, convoca os premios de poesía “Díaz Jácome” e “Leiras Pulpeiro” e o de creación “Mondoñedo10” ao tempo que celebra un elevado número de activades culturais, especialmente vinculadas ao ámbito literario. En diferentes foros, tense tratado a posibilidade de traballar para que Mondoñedo sexa considerada pola Unesco “Cidade creativa” e ben podería selo no apartado literario ao igual que o son na actualidade Barcelona , Granada, Bagdad (Iraq), Ljubljana (Eslovenia), Lviv (Ucrania), Montevideo (Uruguay) ou Óbidos (Portugal) e outras moitas en música, artesanía e artes populares, artes dixitais, deseño ou cine, ao longo do mundo.
Desde o pasado mes de xullo, Mondoñedo pertence, como socio fundador, á “Rede de Cidades e Territorios Creativos de España, isto supón un paso adiante neste camiño cara a un recoñecemento a nivel mundial que dunha vez por todas debéramos tomar en serio.
Ben é certo que as principais preocupacións dos mindonienses na actualidade son a creación de postos de traballo e fixar poboación para que a tendencia demográfica se inverta. Lonxe do que moitos podan pensar, proxectos relacionados coa cultura poden axudar a mellorar as condicións económicas e laborais dos mindonienses ao tempo que permiten manter e mellorar a calidade de vida.
A delegación que viaxou a Bruxelas estaba integrada por persoas dos diferentes eidos da cultura galega, como poden ser do ámbito musical a cantante Uxía Senlle xunto con Santi Cribeiro, Sergio Tannus e Isaac Palacín, o músico de jazz Abe Rábade e varios representantes da Asociación Músicos ao Vivo; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; Luís Avilés e César Souto, os directores do documental galego “Os días afogados”, nominado aos Premios Goya 2017; escritoras e escritores como Chus Pato, Xabier Cordal, Teresa Moure ou Oriana Méndez; membros da Asociación Galega de Editoras; persoas do ámbito teatral como a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, ou o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; representantes da danza como Ruth Balbís; da comunicación, como Camilo Franco ou María Yáñez; do circo, como Belem Brandido; creadores de videoarte e pintura como Alberto Ardid ou o colectivo Fiinda; membros de asociacións culturais como Senunpeso e Papaventos de Vedra, Xermolos de Guitiriz, de diferentes colectivos de Muimenta, da Chave das Noces de Castroverde; da Fundación Uxío Novoneyra, directivos da Sociedade Antropolóxica Galega e de Mariña Patrimonio e SOS Arte Rupestre Galega; así como xestores e críticos culturais e as deputadas de En Marea no Congreso do Estado español, Alexandra Fernández, e no Parlamento Galego, Ánxeles Cuña e Luca Chao.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 14-01-2017 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.