Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un Goya para un mindoniense
Na IV edición dos premios Goya (os Óscar do cine español) recibiu o Goya de honra en recoñecemento a toda unha vida adicada ao cine o mindoniense Victoriano López García.
Enxeneiro Industrial de formación, Victoriano ingresou na Subcomisión Reguladora da Cinematrografía en marzo de 1940 co cargo de xefe de sección de materias primas e laboratorios. Cando se disolveu esta subcomisión, pasou ao Servizo de Ordenación Económica da Cinematografía, sendo designado subxefe do servizo e xefe da sección de industria tal e como se publica no B.O.E. do 12 de xuño de 1952. Tempo máis tarde desempeñou o cargo de xefe de créditos e secretario técnico do Instituto Nacional de Cinematografía, xefe de mercados cinematográficos e de subvencións.
Ao inicio dos anos corenta do pasado século inicia a súa labor como docente nun curso de cine organizado pola Escola Especial de Enxeñeiros de Madrid e a finais desa década fundou e dirixiu o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas (I.I.E.C.), que posteriormente se pasaría a chamar Escola Oficial de Cinematografía. Foi profesor de destacados directores como Luís Garcia Berlanga, José Luís Borau, Juan Antonio Bardem, Carlos Saura, entre outros.
Tivo tempo tamén para fundar e dirixir a revista “Cine experimental”, coa cal editou onde números no ano 1945.
“Técnica del cine sonoro, en color y relieve”, “Lecciones sobre cinematografía”, “La industria y la producción de películas”, “La industria cinematográfica española”, “Electroacústica”, “Acústica” ou “Chequeo al cine español” son algúns dos tratados que publicou o mindoniense.
No ano 1999 celebrouse en Mondoñedo o primeiro centenario da chegada do cinematógrafo á cidade -lembremos que a primeira proxección cinematográfica que se organizou na provincia de Lugo tivo lugar en Mondoñedo- e con tal motivo rendeuselle unha merecida homenaxe na súa cidade natal a quen tanto fixera polo cine español, por aquel entón colocouse na súa casa unha placa de mármore que recorda en letras vermellas que “D. Victoriano López García naceu en Mondoñedo o 23 de marzo de 1910”.

Fran Bouso




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2012 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Fraga e o "Merlín"
Cando organizamos a primeira lectura pública da obra de Cunqueiro en Mondoñedo aló polo ano 2001, decidimos convidar a Manuel Fraga ao acto. Por aquel entón ostentaba a presidencia da Xunta de Galicia e ademais fora amigo persoal do escritor mindoniense. Non dubidou en aceptar e nada, nin a neve que caeu na Xesta aquel 28 de febreiro, lle impediu chegar ata o consistorio mindoniense para participar na lectura do “Merlín e familia”, peza escollida para a ocasión. “Que chamen ao helicóptero se é necesario” -dixo Don Manuel ante a imposibilidade de continuar camiño pola nacional 634 en automóbil. Finalmente non foi necesaria a aeronave para desprazar ata Mondoñedo ao Presidente da Xunta, unha máquina quitaneves arranxou o problema e a comitiva oficial foi quen de continuar camiño polas curvas que traen ao val.
Primeiro foi a visita ao Cemiterio Vello de Mondoñedo para deixar ante a tumba do escritor un ramo de flores e despois un breve paseo levounos ata a Casa do Concello.
Unha vez sentados no Salón de Plenos, os asistentes levaron unha sorpresa: En lugar de iniciar Fraga a lectura do “Merlín”, foi Carmiña Cunqueiro -irmá do escritor- a encargada.
-Vai asistir algunha persoa da familia? -preguntaron días antes desde Protocolo de Presidencia.
-Si, a irmá de Cunqueiro -respondín eu.
-Entón será mellor que sexa ela que inicie a lectura da obra.
-Sen problema.
Canto lle comentei ao resto da organización o detalle preguntáronme cal podería ser o motivo do cambio. Eu collín o exemplar do “Merlín” que levaba na man e cunha voz de pronuncia pouco clara comecei a ler o texto: “Tal e como agora eu vou, vello i anugallado, perdido cos anos o lentor da moza fantasía...”

Fran Bouso
Comentarios (0) - Categoría: Anecdotario mindoniense - Publicado o 25-01-2012 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
O futuro de ECAR
Mondoñedo, 24 de xaneiro de 2012

Na reunión celebrada esta tarde no consistorio de Mondoñedo na que participaron o Conselleiro de Industria, Javier Guerra; membros do comité de empresa de ECAR-FINSA e representantes da corporación municipal puxéronse sobre a mesa varias alternativas ante o peche da factoría mindoniense. En palabras do alcalde de Mondoñedo, Orlando González “O conselleiro foi claro e non creou falsas expectativas, algo que é moi de agradecer”.
 
O Conselleiro informou sobre as xestións realizadas perante FINSA para evitar o peche da fábrica logo de varias reunións e deixou claro que non hai marcha atrás, que é unha decisión meditada, que non se trata de que busquen axudas económicas por parte da administración senón que a decisión do peche é unha estratexia empresarial. A pesar da dura realidade o Conselleiro comprometeuse a mediar coa Consellería de Traballo para intentar que o ERE de ECAR deixe de ser de extinción para converterse nun de suspensión.

Entre as alternativas que se propuxeron destaca a posibilidade de que os empregados da factoría se organicen nunha cooperativa ou fórmula similar para continuar coa xestión da empresa para o cal a consellería poría medios técnicos e económicos, con axudas que poderían alcanzar o 50% das inversións. Este apoio non se reduce unicamente aos traballadores da factoría senón que se algún outro emprendedor dedice iniciar algún tipo de actividade industrial na zona tamén se podería beneficiar delas.

Os obreiros de ECAR fixaron para mañá unha asemblea xeral de traballadores na que tratarán, entre outros temas a posibilidade de autoxestionar a fábrica.

Tamén se decidiu a creación dunha comisión integrada polo alcalde de Mondoñedo, portavoces municipais e técnicos da Consellería para facer un seguimento da situación e buscar medidas compensadoras ante a perda de tantos postos de traballo. Esta comisión reunirase o vindeiro luns na Casa do Concello de Mondoñedo ás doce do mediodía.

Polo que respecta a outras alternativas compensadoras para a zona, como por exemplo a de creación dunha residencia de anciáns en Mondoñedo o conselleiro informou que non están dentro das súas competencias, pero que a comisión que se vai crear pode contemplar esta iniciativa igual que calquera outra que poda xurdir.

Antes do inicio da reunión, centenares de mindonienses así como veciños de localidades próximas entre os que destacaba un grupo de traballadores da empresa Hermida de Lourenzá congregáronse ás portas da Casa do Concello de Mondoñedo en sinal de apoio aos traballadores de ECAR e para mostrar unión ante a problemática laboral na comarca.
 
 
FRAN BOUSO
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2012 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.