Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Árbores e Esperanza
Ao final sempre se ve unha luz09/06/2007

Ao pé da canle do río Valiñadares que movía os muiños da “Muiñeira” , o de Arcediano, o de “Veiga” e que aínda move o de Edelmiro, a medio camiño entre os Muiños de Arriba e os de Abaixo, pouco despois de pasar un pontigo había unha moreira. Eu non sei se era o derradeiro vestixio vivo daquel intento de por a funcionar en Mondoñedo séculos atrás unha industria da seda, se cadra si. En todo caso era unha árbore. Unha árbore que medrou en perpendicular e que nos permitía aos nenos e non tan nenos pasar dunha beira á outra da canle e que, aínda por riba, chegado o seu tempo era xenerosa dando froito.
Un día unha meiga que come filloas verdes con serra e brosa na man encargouse de tirarnos aquela ponte natural que medrara a capricho, aquela fonte de moras, aquela parte da historia.
O Día das Eleccíons, a Esperanza lembroume que lle berrara mentras a estaba cortando, incluso chamei á Policía ou á Garda Civil, xa non lembro (ou a memoria quere diversificar responsabilidades) e non sei se era que como non pronunciaba ben nin o “R” ni o “Z” , os meus berros non serviron para nada e tampouco a chamada de auxilio.
A Esperanza é o último que se perde, pasaba todos os días por diante da miña casa cun balón na man. Agora está na Coruña, igual que eu tamén estou fóra de Mondoñedo, ou non.

Subindo pola rúa San Roque, pouco despois de pasar a capela do santo que lle da nome á rúa, á altura do desvío do Camiño do Mouro había uns castiñeiros e no outono enchían toda rúa de follas e de ourizos e de castañas e tamén de alimañas. Un día, despois de comer iamos rúa arriba César, o seu pai que estaba de baixa porque tiña unha perna mala e eu camiño da Alcántara. Iamos á escola. E César que é moi curioso e que lle gosta tocar todo, viu algo dourado e metálico no chan e con sonido de voz mocosa díxolle ao seu pai “papá, unha ferradura” ao tempo que botaba a man para coller aquel tesouro, pero o metal cobrou vida e resultou ser un escáncer. Alí había todo tipo de bichos e en lugar de tentar limpar as follas de vez en cando para que os bichos non foran tantos decidiron cortar as árbores (a idea do Presidente Norteamericano para rematar cos incencios forestais non era orixinal). Acabaron co problema de raiz, pero claro o muro caeu. Aínda se pode ver hoxe.

Se en lugar de subir, baixamos, diante da casa de Maruxa das Cabras, onde vivía “Espinete”, había outra árbore que daba medo, parecía que tiña esculpida no seu talo unha cara terrorífica. Para min que non gozaba de moi boa saude, pero aínda así víase verde todos os anos, tamén o cortaron e tamén caeu o muro. Aínda se pode ver hoxe.

O mundo occidental pasou ao século XXI pola caída dun muro, o de Berlín. Un muro que separaba, pero non é preciso que caian todos os muros, porque algúns serven para protexer camiños que unen e se caen os muros, eses camiños deixan de cumplir a súa misión e pasan a desempeñar o traballo contrario.

O Día das Eleccións a Esperanza voltou a Mondoñedo, as árbores das que falo non voltarán (¿ou si?) pero non deixemos perder máis.
Comentarios (0) - Categoría: Artigos doutro tempo - Publicado o 10-12-2008 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
O son da Mariña
12/10/2004

Seguro non estou pero teño entendido que nalgúnha ocasión se ten interpretado na Capela Real de Madrid o célebre “Motete da soedade” do mestre de capela mindoniense Pacheco, a obra coñecida popularmente coma o “Plorans”. Tamén creo ter escoitado nalgunha ocasión (ou soñado) a Alborada Galega de Pascual Veiga partindo dos instrumentos dun grupo de corda subido nunha barca no lago das Covas do Drac, en Mallorca e incluso toquei o pasodoble “El Obrero” de Castañeda polas rúas de Oviedo nunha cabalgata de Reis Magos. Pero había tempo que non tiña noticia de ningún acontecemento semellante en latitudes tan afastadas.
O pasado sábado paseando pola televisión ollei anacos dunha reportaxe sobre a “Joven Orquesta Nacional de España” a “JONDE” e pareceume recoñecer a un tropa, unha violín ou viola e un contrabaixo, todos eles pertencentes á “Orquestra Municipal de Xove”, que ven de presentar o seu terceiro traballo discográfico.
Xa tivera noticia fai anos da participación de varios músicos de A Mariña na “Xoven Orquestra de Galicia”, a “XOGA”, entre eles os meus amigos Rubén e Manuel Leivas.
Enterado estou dos concertos que ofreceu a nova Orquestra da Escola Municipal de Música “O Pallarego” de Mondoñedo en diferentes puntos de Galicia ó longo deste ano.
Tamén sei da incorporación á Escola de Altos Estudios Musicais de A Coruña da máis brillante violín mindoniense dos últimos tempos, Keka. E todo esto éncheme de ledicia e esperanza.
A todos e todas eles e elas, ás súas familias, amigos e, como non ós seus mestres capitaneados por Xan Carballal os meus máis sinceiros parabéns.
¡Que bonito sería que a Escola e a Banda de Música de Ribadeo recuperasen a vitalidade que tiñan cando estaban dirixidas por Hernán Naval Parapar (q.e.d.) coa chegada do novo director!.
Comentarios (0) - Categoría: Artigos doutro tempo - Publicado o 10-12-2008 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Ao meu pai. Grazas.
Manuel Bouso, Fran Bouso e o Gen comendo azucarillos
12/12/2008

O pasado día doce de novembro publicaba nesta mesma sección de A Mariña-El progreso un artigo titulado "Traballando en morte" que falaba do Rei das Tartas de Mondoñedo, era a primeira vez que trataba da “morte” nun texto de prensa. O pasado día doce de novembro morreu meu pai. Casualidades da vida.
Estaba dando un paseo xunto coa miña nai, como adoitaban facer a diario despois de comer e mantendo unha conversa sobre os froitos do outono cun veciño de San Lázaro, caeu fulminado ao carón da súa muller.
As asistencias sanitarias do 061 chegaron de inmediato, tamén o fixo o persoal de garda do PAC de Mondoñedo e puxeron en marcha tódolos medios humanos e materiais ao seu dispor no momento para tentar reanimalo –operación que se prolongou durante máis de vinte minutos-, a pesar de todo o empeño non conseguiron facer nada, de tódolos xeitos grazas a todos, vecinos incluídos.
Eu estaba lonxe, por razóns de traballo e recibín a chamada de meu irmán dándome a mala nova: "vente vindo para a casa" -me dixo-. "Quen foi?" -preguntei-. Non o podía crer, pensara que fora un accidente de tráfico, estaba tan ben… se ata se subía aos frutais para recollerlle a froita aos amigos.
No camiño a Mondoñedo, que durou máis de dúas horas, vin lembrando momentos agradables vividos co meu pai e o sorriso víñaseme á cara por momentos. Aínda non o cría.
Estes días ando remexendo entre papeis e atopo cousas bonitas como un texto que escribiu o seu amigo Cándido Chantres no cal narra a odisea de ámbolos dous na procura do gañador dun premio de 50 millóns de pesetas no Sorteo do Neno do ano 1985 polos montes da Fraga Vella un día de forte nevada, Chantres describe ao meu pai así: “Hombre nacido para el negocio, tabernero, tanto vendía vino en el mostrador como llevaba a domicilio toda clase de mercancia, lo mismo vendía fruta que la compraba para exportar al País Vasco o Asturias para la producción de sidra (…)”.
Morreu dun xeito elegante e feliz. Descansa en paz papá.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2008 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.