Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Francisco Otero, o rexicida frustrado
Ilustración: Antón Caxotonº 54 15/03/2017
LVG-AM
ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO
Texto: Fran Bouso


O 14 de marzo de 1860 naceu en Lindín (Mondoñedo), Francisco Otero González, un rapaz de escasas capacidades intelectuais que non soportaba o fracaso, soberbio e con tendencias suicidas que o 30 de decembro de 1879, intentou -sen éxito- asasinar ao rei, Afonso XII, e á raíña, María Cristina de Habsburgo-Lorena, un mes despois da voda real. Cento seis días máis tarde, o 14 de abril de 1880 foi axustizado a garrote vil. Cando menos resulta chocante a data, pois precisamente un 14 de abril, pero de 1931(51 anos máis tarde) foi proclamada a Segunda República Española.

De terse materializado o rexicidio, é moi posible que se creara unha situación que propiciara un alzamento republicano por non haber naquel momento herdeiro varón.

Con 15 ou 16 anos Francisco Otero marchou para Madrid en busca de fortuna baixo o amparo dun parente, algúns xornais din que un tío que, en todo caso sería político. Iniciouse no negocio da pastelería e logo de pasar por dous ou tres obradoiros como pinche, estableceuse pola súa conta en réxime de arrendamento (grazas á axuda económica do seu parente, un tal Francisco Seijas Arribas que traballaba como porteiro no Ministerio de Gracia y Justicia) nunha docería da rúa Milaneses, número 2. Da noite para a mañá, o día 3 de decembro, alterou por completo os seus hábitos de vida, abandonou o negocio -que non debía funcionar moi ben- e comezou a frecuentar tabernas en ambientes nocturnos da Cava Baixa nos que ten comentado as súas intencións suicidas e, parece ser que algúns coñecidos o empuxaron a preparar o rexicidio: “se te vas matar, faino matando e enchéndote de gloria”.

Non era o primeiro atentado ao que sobrevivira o monarca Afonso XII, en outubro de 1879, o anarquista catalán Juan Oliva Moncusí xa o procurara.

O atentado

Os feitos aconteceron pasadas as cinco da tarde do xa mencionado 30 de decembro de 1879. Ao volver o rei de dar un paseo polo Retiro, acompañado da raíña María Cristina de Habsburgo-Lorena, nun coche de cabalos modelo faetón que guiaba o propio monarca, Francisco Otero saíu de detrás dunha das garitas de pedra da porta de Infantes, achegouse á carruaxe apoiando o seu brazo no garda-barros do vehículo e disparou unha pistola de dous canos que era do sistema Lefaucheux. Na primeira detonación, o aire caldeado polo proxectil foi sentido polo rei quen, instintivamente agachou a cabeza e levou a man ao pescozo. Nese momento a raíña, soltando un agudo berro, abrazouse ao seu marido pensando que estaba ferido. Estes movementos reflexos impediron que o segundo proxectil os alcanzara, a pesar de pasarlle a bala á raíña a escasos milímetros da súa fronte. Os monarcas saíron ilesos e o cocheiro, que non ía guiando nese momento e que se acomodaba no asento posterior da carruaxe sufriu queimaduras no pelo a causa dun dos disparos.

Instantes despois Otero foi atrapado polos sentinelas de Palacio, axentes da orde pública e particulares que se atopaban nas inmediacións para presenciar a chegada dos monarcas. Inmediatamente foi posto a disposición xudicial e trasladado á prevención do distrito, situado na rúa Balién.

Os xornais madrileños da época: “La Correspondencia”, “La Gaceta Universal”, “Los Debates”, “Diario Español”, “El Imparcial” e “El liberal” axiña levaron ás súas páxinas os feitos acontecidos dando detalles minuciosos de como sucedeu a tentativa de rexicidio.

Os tabloides madrileños cadraban na descrición de Francisco Otero, un mozo duns 18-20 anos, baixo de estatura, imberbe, pel de cor branca que vestía pantalón escuro, chaqueta castaña, gorra negra de seda, gravata grana, camisa sucia moi arrugada e chaleco negro solto.

Durante as horas posteriores ao rexicidio frustrado foron detidos Antonio Pérez Cobos, pasteleiro de profesión e Antonio García, augardenteiro de 35 anos de idade, supostamente como instigadores do intento de asasinato. Estes individuos adoitaban frecuentar as mesmas tabernas que Otero. Pouco despois quedaron en liberdade por non aparecer cargos contra eles, así o recolle o xornal “La Ilustración Española y Americana”.

Debido á morte -acontecida o mesmo día do atentado- do dramaturgo, académico e político López de Ayala, a parella real tiña previsto pasar a noite en Palacio, en sinal de dó. Pero, despois dos feitos e como mostra de normalidade, a familia real asistiu noite á ópera onde foron recibidos con grandes ovacións.

A Familia “dos Castillo”

O rexicida frustrado era fillo de José Otero Alonso, natural de Lindín e de Josefa González, nacida en Santa Marta de Meilán (Riotorto) no ano 1832. O pai de Otero falecera a mediados de outubro de 1979 aos 50 anos de idade, era un home enfermo que padecía ataques de epilepsia.
Francisco tivo sete irmáns, tres morreran, dous deles debido a accidentes epilépticos. Unha irmá chamada Luisa Otero (bautizada o 22 de setembro de 1854) tamén residía en Madrid, curiosamente fora criada -antes do antentado- na casa do xeneral Martínez Campos. José Otero González, residiu en Madrid, ata o 13 de outubro de 1880 que foi trasladado a Lugo por indocumentado. Os outros irmáns, que no momento do atentado vivían en Lindín, eran Ricardo, de 13 anos e Remedios, de 7.


A familia Otero González tiña casa no barrio do Castro, en Lindín. Na actualidade a edificación non existe como tal, foi mercada pola familia coñecida como os “Do Valadouro” e de dúas casas fixeron unha. Eran coñecidos polo alcume de “Os de Castillo”, poisiblemente por herdanza dun antepasado de José, así está recollido en varios xornais galegos da época.


O Xuízo

Ás once e cuarto da mañá do 7 de febreiro de 1880 iniciouse no xulgado de Palacio a vista do xuizo contra Francisco Otero González acusado por delito de rexicidio frustrado.

Tanto a defensa coma a acusación cadraron en que Otero non tiña ideas nin opinións políticas, non pertencía a ningunha asociación e que non gardaba rancor persoal ao monarca nin á institución real, unicamente sentía en relación a isto que “La provincia de Lugo sea la menos atendida de España”, tamén aclarou que a discriminación á súa terra non foi o motivo que o levou a cometer o delito.

A causa constaba de 608 folios, 102 pregos da defensa e 36 da acusación.


A primeira petición que formulou a defensa consistiu na declaración de Francisco Otero exento de responsabilidade criminal acolléndose ao punto primeiro do artigo oitavo do Código Penal vixente na época que fora aprobado un ano antes.

A desfensa, exercida polo avogado Francisco Martínez Fresneda, tentou demostrar que o seu defendido era “imbecil”, é dicir, que tiña as súas facultades mentais mermadas. Para isto valeuse da peritaxe dos expertos alienistas (médicos especializados no estudo e curación de enfermidades mentais) José Esquerdo e Ramón Félix Capdevila. Actuaba como procurador Constantino Rodero.

O fiscal da causa, González de Tejada contaba, ademais, coa peritaxe dos médicos forenses (non especializados nos problemas da mente) Joaquín Sicilia y Gallego e Mariano Esteban Arredondo.

Durante o período de instrución, Otero fixo declaracións autoinculpatorias porque “deseaba morir”, pero no transcurso da vista oral declarou que “ mi intención no fue la de quitar la vida al rey, si no la de dar un gran escándalo para que me mataran los centinelas que que no me encontraba con valor para suicidarme y temía quedar imposibilitado y no muerto”.

O fiscal argumentou, co apoio dos forense da súa parte, que Francisco Otero non era imbécil nin estaba tolo porque era “capaz de discurrir”. Fresneda despois de escoitar isto dirixiuse ao tribunal argumentando que se o fiscal fose a un manicomio, ben seguro que trasladaría a tódolos internos ao presidio, “puesto que discurren”.

O 10 de febreiro ditouse a sentenza que o condenou a morte. Alfonso XII solicitara o indulto, pero o Consello de Ministros presidido por Antonio Cánovas del Castilo negouse a concedelo. Un dos que foron recibidos en audiencia polo Rei Afonso XII e a súa familia para pedir clemencia foi o deputado en Cortes por Mondoñedo, Cándido Martínez.

A arma

Semanas antes do atentado errado, Otero estivo en Aranjuez e Todelo buscando traballo e tentando sacar da cabeza a idea do suicidio, pero regresou a Madrid sen que as súas intencións desen froito.

Durante a estanza en Toledo mercou un revólver que, días despois, cambiou no rastro madrileño por unha pistola (pagando 14 reais máis). Mentres probaba a nova arma nun descampado da zona de San Jerónimo, feriu unha mula, motivo polo cal foi detido e posto a disposición xudicial. A arma foille intervida.

Cando quedou en liberdade ou ben recuperou a pistola que lle fora intervida ou ben mercou outra, en todo caso tiña no seu poder unha pistola do sistema Lefachoux de 15 mm. dobre cano coa que cometeu o atentado.


Últimos momentos de Otero

Desde a unha e media ás dúas e media da madrugada, o desventurado Otero gozou dun profundo sono e máis durmiría de non ser por que se aproximaba xa a hora de que se fose preparando para oír misa e recibir a sagrada comuñón.
Despois de axeonllarse ante o altar breves momentos, sentouse no escano e comezou a ler no libro de oración.
O capelán de honra de Palacio, D. Jaime Cardona, oficiou a misa, que foi oída con maior recollemento polo sentenciado que, en varias ocasións, axeonllouse sen erguer a vista do devocionario.
Rematada a cerimonia, o antes mencionado Sr. Cardona administroulle a comuñón e despois de rezar o reo uns cinco minutos, volveuse a sentar no sillón.
Os capeláns das cárceres da Vila celebraron despois tres misas.
Ás cinco, convidado Otero por un irmán a que tomase algún alimento, contestou:
No me apetece más que café.
Unha vez servido, Otero tomouno demostrando en todo ese tempo gran fortaleza de ánimo e resignación cristiá.
Ata as sete da mañá escoitou as exhortacións do sacerdote que o auxiliaba. A esa hora, un irmán da Caridade e Paz achegouse ao reo para indicarlle que chegaba o momento e que debía vestir o hábito.
Otero non mostrou a menor alteración no seu xesto e con relativa enteireza e completa submisión, deixouse vestir o traxe dos axustizados.
Serían as sete e cuarto cando se presentou na capela o executor da xustiza.

Ave María Purísima, dixo, e axeonllándose diante de Otero continuou:
¿Me perdonas? Soy el encargado por la ley para cumplir la sentencia.
Si – constestou o reo.
Daquela o verdugo abrazouno, quitoulle o grillón e colocoulle as esposas sen que Otero mostrara resistencia. Volveuse a sentar e así quedou dirixindo unhas veces a mirada cara o cadro da Virxen e outras aos presentes, pero sen pronunciar unha soa palabra, ata que avisado ás oito menos cuarto de que a hora chegara dixo:

Vamos.
A comitiva fúnebre arrincou despois de os outros presos cantaran a “Salve” para despedir ao seu compañeiro de cadea.
Otero baixou a escaleira do cárcere axudado polo sacerdote da prisión de mulleres, Sr. Arnaez e por outro cura e metérono no coche ca cadea.
O carro arrancou en dirección ao patíbulo ás oito en punto.
Durante o traxecto, Otero foi escoitando as exhortacións dos cregos que o acompañaban.
Cando chegou a triste comitiva ao sitio do suplicio, Otero foi baixado do coche auxiliado polos curas e os irmáns da Caridade e Paz.
Xa no banquiño e co terrible aparato colocado na gorxa, dirixiuse ao executor da xustiza e díxolle:
Tenga Vd. pulso para no hacerme sufrir.
Finalmente, o desventurado Francisco Otero González, que o día da súa execución cumpría 21 anos e un mes espiou o seu crime ás nove menos vinte da mañá.

A concorrencia que invadiu a rúa e as inmediacións das táboas foi numerosísima.

Rematada a execución, unha multitude de persoas aglomeráronse arredor do patíbulo formando tal empeño en permanecer naquel sitio que o piquete de cabalería tivo que facer gran resistencia para conter ao público. Afortunadamente non aconteceron desgrazas, aínda que si houbo algunhas persoas que sufriron leves contusións.

Durante todo o día, e especialmente ás seis da tarde, a campa de Gardas estivo ateigada.
A dita hora os individuos da irmandade da Caridade e Paz retiraron do terrible aparato o cadáver do rexicida para verificar o seu soterramento.
De seguido a confraría púxose en marcha seguida por numeroso público cara o cemiterio de San Martín, onde tivo lugar o enterro.

Otero na literatura

A historia de Francisco Otero, ademais de encher xornais de toda España e media Europa, serviulle de inspiración a Benito Pérez Galdós para crear o personaxe de Mariano na novela “La Desheredada”.

O dramaturgo Carlos Arniches, en 1887 -moito antes de empezar a colleitar éxitos nos teatros-, escribiu unha biografía de Afonso XII titulada “Cartilla y cuaderno de lectura. Trazos de un reinado” na que se relatan os atentados de Oliva e Otero. Esta peza foi mercada polo Ministerio de Fomento para repartir polas escolas para o seu uso como cartilla de aprendizaxe da lectura, dise que o rei Afonxo XIII aprendeu a ler nela.
Arniches describía a Otero como un ser malévolo e escuro. Luisa Otero e o seu marido, sendo coñecedores da existencia deste libriño e non estando de acordo co que alí se dicía sobre seu irmán, acudiron a entrevistarse con Arniches quen accedeu a modificar o texto en edicións posteriores, e así o fixo. Entre os parentes de Otero e Arniches quedou unha amizade que se prolongou no tempo. Esta anécdota esta recollida nunha entrevista concedida por Carlos Arniches a “El caballero audaz” e publicada na serie terceira da colección “Lo que sé por mi”.
Antes de converterse nun dramaturgo de soa na capital, Arniches viviu algún tempo na casa da irmá e o cuñado de Francisco Otero. As fillas de Luisa Otero inspiraron ao escritor no momento de compoñer o sainete “Las Estrellas” (1904).
Enlace ao texto (parte publicada) na edición dixital de La Voz de Galicia - A Mariña
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
ECAR deixou de ser unha fábrica
nº 53 28/02/2017 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO (Xa fora publicado un ano antes en Radiovoz - A Mariña)



Mañá cumpriranse cinco anos do día escollido para o peche oficial de ECAR, precisamente o día de San Rosendo, patrón de Mondoñedo. As máquinas pararan o 24 de febreiro de 2012, o 28 secouse a suor.
ECAR puxérase en funcionamento hai 51 anos, producía aglomerado de partículas de madeira desde 1966. Inicialmente tiña unha capacidade de fabricación de 12.000 metros cúbicos anuais. A comezos do século XXI multiplicara por dez a súa produción, acadara facturacións que xiraban entorno aos 14 millóns de euros, tiña contratados 85 operarios e ao seu carón medraban pequenas empresas auxiliares, principalmente do sector do transporte de mercadorías por estrada e do metal.
O paso de chave foi no 2012, pero os problemas comezaran unha década antes por mor dun exceso de produción a nivel mundial de taboleiros de aglomerado de madeira e unha demanda que en lugar de aumentar, revía. Problemas para asinar o convenio colectivo, demoras no pago das nóminas e outros xeraron malestar entre os traballadores que realizaron paros ao longo de diferentes períodos. Esta situación mantívose ata o verán do ano 2005 no que Financiera Maderera, S.A. mercou ECAR para transformar a factoría nunha planta de fabricación de compoñentes de mobles.
O cambio de mans supuxo un alivio para os traballadores, as súas familias e para o conxunto da poboación, pero xa houbo quen daquela apuntaba que se trataba dunha estratexia empresarial para eliminar a competencia.
O xoves, 1 de marzo de 2012 Ecar deixou de ser unha fábrica. Un dez por cento dos sesenta e dous operarios que mantiña a factoría nos últimos tempos continuaron ao servizo da empresa en Mondoñedo durante uns meses para realizar tarefas de vixilancia, mantemento e labores diversas e outros -non todos- foron recolocados en factorías que FINSA ten en Rábade ou en Santiago.
Antes e despois do peche de ECAR houbo promesas de crear postos de traballo na contorna, pero a realidade non deixa ver que se producira unha reactivación económica real. No mes de xaneiro de 2015 apareceron titulares nos xornais da comarca informando sobre o uso das instalacións industriais de San Lázaro para a fabricación de “pellets”. Esta actividade xeraría arredor de 15 postos de traballo directos e dinamizaría a economía local e o tecido produtivo do municipio. Dous anos despois a produción redúcese ao tecido de arañeiras nas, cada vez máis, vellas naves do complexo fabril.
Afortunadamente, na actualidade, FINSA segue innovando e medrando, pero as instalacións de Mondoñedo están pechadas, só unha pequena parte está sendo empregada por unha empresa local.
Hoxe, a imaxe de San Rosendo que coroa o frontispicio da catedral mindoniense segue sen mans. Xa o dixera Francisco Mayán, o que fora director do Instituto de Mondoñedo e Cronista Oficial da cidade: “Mentres o patrón non teña mans, o avance non será posible”.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Un quinqué e outras cousas
nº 52 21/02/2017 RV-AM 28/12/2016 LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO


Hai uns meses nunha comida familiar conteilles un chiste aos meus sobriños logo de escoitar outro no que un deles lle preguntara a un parente cántabro como se dicía “lo llené” en galego. A miña gracia preguntaba como se di en chinés “un perro con una luz en el culo”. Os meus sobriños teñen entre quince e trinta e cinco anos. Ningún dos presentes soubo dar resposta.
- “Un can cun quinqué no cu”, dixen. Moita graza non fixo, tamén teño que recoñecer que non sempre son bo contando chistes.
En boa medida non provocou risas porque descoñecían a palabra “quinqué”, un termo de uso moi frecuente entre a xeración anterior á súa.
Para os que non o saiban, un quinqué, segundo o Dicionario da Real Academia Galega é unha lámpada provista dun depósito de combustible e un tubo de vidro dentro do cal se produce a chama e tamén un aparello similar que funciona con electricidade.
En “Mondoñedo. Revista semanal ilustrada” que fundou, dirixiu e da que era propietario César González-Seco Romero, alá pola segunda metade da primeira década do século pasado aparecía unha publicidade que encabezaban unhas letras a gran tipo dicindo: “¡Gran Invento!. Lámparas ó quinqués de gas acetileno. Son los más prácticos construídos hasta hoy, produciendo ellos mismos el gas, para lo cual basta introducir en su interior y en dos compartimientos distintos, agua y carburo de calcio en la forma que se expresa en la instrucción que acompaña á (copio literalmente) cada uno de los aparatos. Es el alumbrado más potente y económico que hay, siendo su luz comparable á la eléctrica por su color blanco, y sin las oscilaciones del petróleo y del gas del alumbrado. Dichas lámparas son inexplosivas, pudiendo llevarse en la mano, colocarlas sobre una mesa o colgarlas. Las hay de diferentes tamaños, muy cómodas en su manejo y á precios sumamente económicos, así como también el carburo de calcio. En la Cedacería y Encuadernación de Adriano Gaute, calle de Méndez Nuñez, 35 (antes Fuente Vieja) Mondoñedo, darán la necesaria explicación para que se vea satisfecho el deseo de los compradores.
Nesta mesma publicación aparecían outros anuncios como o de “Legia VICTORIA, la mejor para lavados y fregados, en ultramarinos de José Rico Cigarrán” ou “Manuel Cortiñas, pintor y restaurador, se encarga de restaurar toda clase de retablos y efigies. Decorado de iglesias. Precios económicos. Prontitud y esmero”. Era habitual o anuncio de “LA DULCE ALIANZA. Confitería y repostería de Ricardo López”. E incluso publicidade da farmacia do pai de Álvaro Cunqueiro “HALA (parecen letras chinesas). Inhalador para la boca y la nariz propio para llevar en el bolsillo. ¡Gran éxito. Con este inhalador se cura rápidamente el catararro y la tos por rebeldes que sean. Comodidad, aseo y eficacia. De venta en la Farmacia Moderna de Joaquín C. Montenegro. No más tos”.
Se queremos mercar un quinqué, aínda que sexa eléctrico, debemos recorrer aos anticuarios, nunha moblería ou nunha tenda de decoración venderannos unha “lamparita”.
“Quinqué" ao igual que “ultramarinos” son termos en desuso, como “prontitud y esmero”. Se o que buscamos é un produto milagre sempre nos quedará a teletenda e para saber o que é unha “cedacería” é bo ter en conta que no obradoiro do músico da banda municipal, Adriano Gaute (oriúndo de Abadín), se facían peneiras.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.