Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Chegou a ilusión
Ilustración: Antón Caxoto
nº 57 04/04/2017
LVG-AM



A nova máis antiga que temos en relación ás primeiras proxeccións cinematográficas que se fixeron en Mondoñedo é unha breve nota que aparece na páxina 3 de “El Regional. Diario de Lugo” no seu número 10271 do día dous de maio de 1899: “Por llenos cuenta sus exhibiciones en Mondoñedo el cinematógrafo que había de presentarse al público en el Teatro-Circo de Lugo”.

Uns días antes, o 23 de abril, “La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo” recollía que: “Por haber hallado dificultades la empresa de alumbrado eléctrico para suministrar luz al Teatro-Circo, no podrán celebrarse las exhibiciones de un magnífico cinematógrafo, como intentaban los arrendatarios del coliseo”.

Destas dúas novas podemos deducir que a finais do mes de abril de 1899 a ilusión do cine chegou a Mondoñedo e que se isto foi debido a que o subministro eléctrico na Cidade da Paula era de maior calidade que o capitalino.

O 7 de maio “El Regional. Diario de Lugo” apunta que: “En el tren correo de anoche llegaron a esta capital los propietarios del cinematógrafo que ha de exhibirse en el Teatro-Circo. Mucho más perfeccionado este cinematógrafo que los que hasta el presente tuvo ocasión de ver el público lucense, añádase a esta circunstacia el aliciente de contar con una colección de cerca de doscientas vistas representando algunos sucesos tan recientes como el del entierro de Mr Faure, en París”.

Tres días despois “El Lucense. Diario católico de la tarde” anuncia que: “Hoy tendrá lugar en el Teatro-Circo la primera sesión del cinematógrafo, alternando con una de microfonógrafo”.

Daquela, as sesións de cine eran ben diferentes ao que hoxe estamos acostumados. Por exemplo, a inaugural do dez de maio no Teatro-Circo de Lugo comezou cunha sinfonía reproducida no microfonógrafo, de seguido proxectáronse dez cintas de temática relixiosa: “Entierro en Jerusalén”, “Procesión de Semana Santa (Sevilla)”, “Viaje de Jafa a Jerusalén (vista del monte Thabor)”, “Entrevista de napoleón con el Padre Santo (Roma), Nacimiento del Niño Jesús y adoración de los Santos Reyes”, “Domingo de Ramos, entrada de Jesús en Jerusalén”, “La coronación del Señor y camino del Calvario”, “Llegada del Señor al monte Calvario, donde le crucifican entre los dos ladrones”, “La Resurrección del Señor”, “Metamorfosis de Fausto y aparición de Margarita”. Rematado o primeiro pase había un intermedio con música de zarzuela, ópera e valses e remataba a función con outras dez películas de temática variada: “Llegada de un escuadrón, carga y pie a tierra contra el enemigo”, “Ascensión de Milá en su magnífico globo (Valencia), “La conserje incomodada y un cartero que sufre las consecuencias”, “El gran prestidigitador mister Hermán”, “Salida de una boda en la catedral de Barcelona”, “Gran montaña rusa sobre agua (San Sebastián), “Cabo de Peñas, un día de borrasca en el mar”, “Baños negros tagalos (Filipinas), “Desfile de la Guardia de Caballería (París)”, “Gran baile andaluz, en casa de Lagartijo (Córdoba)”. O espectáculo comezaba ás nove da noite e os prezos oscilaban entre os 50 céntimos e unha peseta.

En Lugo, o invento dos Lumiere estivo tres días, do 10 ao 13 de maio de 1899 e como reseñaba “El Regional”: “Asistiendo una regular concurrencia y siendo aplaudidos algunos de los cuadros exhibidos”.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
Mondoñedo na orixe do cinema de animación
Ilustración: Antón Caxotonº 56 28/03/2017
LVG-AM


A primeira serie de debuxos animados de produción española titulábase “Las aventuras de Mumú” e foi estreada nas pantallas de Televisión Española en novembro do ano 1967. Estaba rodada en cor, a pesar de que daquela a televisión pública estatal non tiña posibilidade de emitir con esta tecnoloxía. Desde TVE apuntábase que era importante empregar a cor nestas producións por dobre motivo, por unha banda porque axiña ían estar operativas as emisións en cor (aínda que tardarían 6 anos en adaptar a tecnoloxía) e tamén porque a serie podería ser vendida no estranxeiro.
“Las aventuras de Mumú” estivo en antena unha tempada, entre o outono de 1967 e a primavera de 1968. Lideraba o equipo de produción Enrique Nicanor, un xienense de pais ourensáns (de Castro Caldelas) que se formou en Cuba, Estados Unidos e Francia, el encargábase da dirección e o guión. Juan Tapia Ruano e Rafael Esteve deseñaban os decorados e Manuel Presa facía a montaxe. Todos eles contaban coa axuda do colombiano Fernando Laverde. A serie estaba realizada coa técnica “Stop motion” e cada episodio tiña unha duración que oscilaba entre os dez e os quince minutos.
A personaxe que daba nome á serie era un touro andaluz, culto e educado, chamado Mumú. O outro protagonista era Mondoñedo Sacachispas, un galego “cascarrabias”, afiador de profesión e inventor frustrado que sempre que se propón crear algo acada resultados diferentes aos seus propósitos, pero tamén útiles. O maior desexo de Mondoñedo Sacachispas era ser astronauta. Completaban o elenco de personaxes o toureiro Toño, un guitarrista consumado e amigo inseparable de Mumú; Lolita, a princesa que habita no castelo e que posúe a gran enciclopedia que herdou do seu pai, o rei e Picatodo, un paxaro que canta ópera. Pio, outro paxaro, Don Tontón e Chiquilín son outros monecos que forman parte das diferentes tramas.
Argumentos
No primeiro episodio Mumú tiña que ser toureado por Toño, pero no momento da corrida o touro comeza a disertar na praza sobre os dereitos humanos, ben, en realidade sobre os dereitos bovinos. As palabras de Mumú arrancan os aplausos do público e causan admiración no toureiro, Toño. Touro e toureiro fanse amigos e marchan da praza para recorrer o mundo na procura de aventuras. De vez en cando Toño lidia a Mumú, pero sen facerlle ningún mal.
Noutro episodio, este titulado “Sequía en el país de la Princesa”, Mumú e Mondoñedo tentan deseñar unha loción capilar para cubrir a calva do inventor galego. Nun descoido dos científicos, Tontón toma a beberaxe confundíndoa cunha horchata. Ao pouco tempo os efectos déixanse ver e Don Tontón aparece todo cuberto de flores. Os investigadores dánse conta de que a loción non consegue os efectos que procuraban, pero servirá para satisfacer os desexos da Princesa.
“El cohete de Mondoñedo Sacachispas” é o título doutra entrega na que o inventor galego ultima os preparativos dun novo invento: un foguete espacial co cal verá cumpridas as súas ansias de ser astronauta e viaxar á lúa. Cando Mondoñedo pon en funcionamento o aparato prodúcese unha gran explosión e o seu obxectivo faise fume, pero como non hai mal que por ben non veña, grazas aos seus estudos no campo da aeronáutica espacial consegue deseñar a roda de afiar.
Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Vizoso
Ilustración: Antón Caxotonº 55 21/03/2017
LVG-AM
ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Pouco antes de morrer, o biógrafo e amigo persoal de Pablo Picaso, o xornalista vilalbés Antonio Domínguez Olano deixou dito que o autor do Gernica, gran aficionado ao mundo do touro, animal moi presente na súa obra, descubriu que a primeira corrida de touros de España se celebrou en Mondoñedo . Eu non teño datos que podan corroborar ou desmentir tal descubrimento picasiano, tampouco ten tanta importancia, ou si?
O caso é que o cubista tiña gran paixón pola tauromaquia e sobre todo polo animal que sofre e morre para facer posible o espectáculo. Picaso, xa desde a súa etapa coruñesa, foi fixando na súa retina as formas, actitudes e posicións dos touros de lidia e plasmando con lapis ou pincel sobre diferentes soportes a súa recreación do animal bravo. Animal bravo? Resulta curioso referirse ao touro con este adxectivo cando ten criadores como o colombiano Santamarina de Mondoñedo.
Se hai algún animal que puidera ser representativo de Mondoñedo ese é o cabalo. Bestas dos montes da contorna baixan nas Quendas e nas San Lucas a celebrar as feiras que abren e pechan temporada anual. Os animais entran en Mondoñedo polos Muíños e tiran cara a vila pola rúa de Cunqueiro e isto leva pasando desde antes de que os Muíños tivera os muíños que hoxe non ten e antes de que Cunqueiro vencera a Méndez Núñez.
Nese camiño, asomando o fuciño por riba dunha porta de poxigo a medio abrir, estaba o pícaro Vizoso, recollendo cos seus ollos as formas, actitudes e posicións das bestas. Esas anotacións na materia gris encheron ducias de metros cadrados de papel de estraza que lle daba Claudino, o taberneiro. Tempo despois os cabalos de Vizoso chegaron aos carteis das San Lucas con variadas cores, diferentes formas, distintas actitudes, diversas posicións que conforman múltiples escenas.
O vindeiro sábado xuntarémonos para mirar os cabalos desde a porta de poxigo a medio abrir e falaremos de Vizoso e o mellor de todo é que el tamén estará con nós e, se cadra, tamén fala algo.
Non sei se na comida haberá mantel de papel ou se os panos de mesa serán de tea o que si teño seguro é que acabarán pintados
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [100]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.