Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Mondoñedo, capital estatal do malabarismo
Ilustración: Antón Caxotonº 60 02/05/2017
LVG-AM


Iliustración: Antón Caxoto

Texto: Fran Bouso


Xa se achegaba a fin do milenio e polos corpos de mozas e mozos mindonienses corría o sangue fervendo. Alentados por Loira, O Ilusionista e baixo a coordinación de Magú Puchades, daquela responsable da Oficina de Información Xuvenil, iniciaron unha Xoldra que pervive hoxe dando froitos en diferentes estacións.

Os tempos mudaban, aínda que só fose polos díxitos dos calendarios e había necesidade de abrir as mentes sen que fose preciso empregar brosas nin lousas.

Entre o 30 de abril e o 3 de maio do 98 do século XX chegaron a Mondoñedo en carromatos con formas de autocaravanas e Volkswagen Kombi sen trucar -ou si, quen sabe? Que é a I.T.V.?- xentes de acolá.

Malabaristas, contorsionistas, saltimbanquis, paiasos, acróbatas, trapecistas e outros artistas viñeron a Mondoñedo procedentes de Francia, Cuba, Gran Bretaña, Bélxica, Madrid, Asturias, Cataluña e diferentes puntos de Galiza para pasear polas clericais rúas as súas rastas e roupas con infindos remendos de tódalas cores do arco da vella e demostrar que eran quen de abraiar a pícaros, adultos e anciáns coas súas ben diversas habilidades.

Ao espectáculo do novo circo non lle faltou a música, algunha dela da comarca como era o caso dos Diglósicos e Porco Jones (Mondoñedo) ou Skornabois (Lourenzá), tamén Chouteira (coa líder mariñá Ugia Pedreira) ou Dhais (con Kin Fariña, quen máis tarde formaría parte dos insustituibles Berrogüetto). Galas presentadas polo xenial Serxio Pazos e adobadas polo bo saber facer da xente da Nasa (que daquela tiña a súa sede -ben apagada- pretiño da carballeira de San Lourenzo, en Compostela). Xe Freyre e Carlos Negro foron os encargados de explicarnos no programa de man de que ía todo aquelo, mentres que Alicia Puchades e Antón Caxoto ilustraban as súas páxinas.

E todo isto mesturado coas feiras e festas das Quendas que, daquela, chegaban á súa XV edición.

Desde entón, Mondoñedo púxose ao carón de Madrid, Granada, Sabadell, Beasaín, Llanes, Córdoba ou Alcorcón, Mieres ou Huesca, todas elas cidades nas que se ten celebrado este encontro de malabaristas.

Neses días Mondoñedo tamén lle fixo un “guiño” a Valencia coa queima dun ninot malabarista, obra do escultor Juan Bautista Puchades Quilis.

Un exército pacifista formado por rapaces e rapazas como Mazúa, Flipy, Gil, Almu, Mer, Bea, Alicita, Ramón, Justi, Koa, Lois, Miriam, Socri, Josiña, Marcos, Ledo, Ramón e outros moitos que contaron coa axuda do malabarista focego Kalím.

O evento estivo organizado pola asociación xuvenil Xoldra e contou coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo, así como co patrocinio dun elevado número de empresas tanto da contorna coma doutros puntos de Galiza (destaca a participación de locais de hostalaría de Compostela) e tamén de Pamplona, Madrid ou Barcelona.

Cando se estaba achegando o momento da inauguración do encontro algún membro da organización preguntouse en voz alta: “De cansazo tamén se pode morrer”?
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
Trafico con poesía
Ilustración: Antón Caxotonº 59 25/04/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



O vindeiro un de maio o panel luminoso da DXT instalado pouco antes do desvío da A6 cara a costa á altura de Begonte deixará de anunciar o corte da A8 por mor da néboa para reflectir poesía. Camiñas sobre as pedras. / Escoitas música falada. / Excítaste e pensas. / Que é? / Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.
A LU-124 estará perfectamente asfaltada cunha alfombra vermella para indicar o camiño que conduce ás prazas, rúas e auditorio “Pascual Veiga” no que as palabras bailarán ao ritmo que marca o seu acento. Segue o camiño. Que é poesía?, preguntas / mentres te apoias na barra / e saboreas un petisco de empanada de pito. // Que é poesía? / Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.
Os indicadores da N-634 trocarán os topónimos por poemas que levan nomes de lugar no seu interior. Coa base harmoniosa do barullo da xente e o rincho dos cabalos soa unha voz. / E logo que é?/ Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.
O aquelarre vespertino de poetas e cantores percorrerá diferentes lugares máxicos e transgresores como fan no Monfadal pola noite de San Xoán as meigas do val da Mariña. E percorrerán un camiño que os leve ao auditorio do home que fixo que espertara o día, logo de untar os seus corpos con touciño. Mirarán con Cunqueiro o Bosque de Silva. Beberán con Leiras a auga máxica da fonte de San Xoán. Deixarán aparcadas as vasoiras de xibarda na praza de Jaime Cabot. E ás sete en punto, logo de xuntarse coas meigas chegadas doutras partes, iniciarán o reparto das moscas e das pulgas para todo o ano.
Aínda que sexa serán primaveral e non noite de invernía, se é preciso iremos a Cesuras na procura dunha rapaza máis feiticeira que as froliñas que nascen na primaveira.
Pase miña señora, e tamén a abrula e o fero acivro e a margarida sinxela e os toxos bravos, pasen todos e senten uns ao carón dos outros; a peta non está botada nesta Frouxeira. Non nos imos queixar e menos cobrar contas vellas.
Agora non digan que non foron avisados. Xa o saben. O vindeiro luns, 1 de maio celebrarase a cuarta edición de Mondoñedo é Poesía, un festival no que participarán, ademais dos gañadores da última edición dos premios “Leiras Pulpeiro” e “Díaz Jácome”, Eva Veiga, Manuel Rivas, Ana Vila, Xavier R. Baixeiras, Antón de Guizán, teremos regueifa con Trioliro e a poesía feita canción de Paloma Suanzes. Nas rúas e prazas soarán os versos de Marina Oural, Carmen Lage, Carmen R. Lage, África Sánchez e Eva García, entre outros. E nesta cuarta edición lembraremos a Don Eduardo Lence-Santar y Guitián, que tamén foi poeta ademais de Cronista oficial de Mondoñedo.
Nos últimos anos, nas feiras e festas das Quendas o normal é traficar con poesía.
Enlace a La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
Plorans por Pacheco
Ilustración: Antón Caxotonº 58 18/04/2017
LVG-AM


Se hai algunha melodía que identifique a Semana Santa mindoniense esa é o Plorans, por ser facilmente recoñecible a súa beleza contrapuntística e por estar dotada esta obra dun misterio de exclusividade relacionado coas últimas vontades do seu autor, José Pacheco. Dise que, por desexo expreso do compositor, unicamente pode ser interpretado na Semana Santa de Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.

A letra do coñecido Motete da Soidade está en latín: Plorans ploravit in nocte, / et lacrimae eius in maxillis eius: / non est qui consoletur eam / ex onmibus caris ejus: / omnes amici ejus spreverunt eam / e facti sunt ei inimici. Que, no noso idioma, podería ser algo así como: Chora amarga na noite e as bágoas corren polas súas meixelas, non hai quen a console. Os seus amigos falláronlle e volvéronse inimigos.

José Basanta Fernández Pacheco asinou máis de 300 composicións entre as que atopamos un Miserere escrito en 1805, dous Stabat Mater, dous Te Deum, varios salmos e motetes. É autor dunhas 150 panxoliñas, das cales 29 teñen texto en galego. Unha delas fíxose moi popular nos últimos anos por estar incluida no disco “A irmandade das estrelas”, do vigués Carlos Núñez, trátase da festiva “Panxoliña para o nadal de 1829”.

Pacheco foi discípulo de Santavalla, o seu predecesor no cargo de mestre de capela da SICB da Asunción de Mondoñedo e alumno de Melchor López en Compostela de quen seguro que herdou o interese polas panxoliñas e o gusto pola música popular galega.

Outro gran músico mindoniense, Pascual Veiga, iniciouse na solfa e na práctica instrumental, en concreto no órgano, da man de José Pacheco. Unha tarde, despois de saír da catedral Pacheco dirixíase á súa casa e escoitou a uns pícaros cantar mentres xogaban preto do Seminario. De entre tódalas voces tiples que se oían, había unha que destacaba. Era a do neno Pascual Manuel Francisco Veiga Iglesias. José dirixiuse a el e preguntoulle se lle gustaría formar parte do coro da capela musical da catedral. O pícaro Veiga respondeu afirmativamente, pero sempre coa condición de que o seu pai o aceptara.

O profesor, mestre de capela e organista José Basanta Fernández Pacheco naceu en Mondoñedo o 15 de decembro de 1784 e vivíu ata o 23 de marzo de 1865. A súa biografía está recollida nun estudo de Indalecio Varela Lezano publicado pola Imprenta da Deputación Provincial de Lugo en 1897.

O pasado venres, un ano máis, tivemos a sorte de escoitar o Plorans de Pacheco na procesión da Soidade, o coro mindoniense que leva o nome do seu autor interpretouno acompañado por un grupo instrumental da Escola de Música “O Pallarego” e actuou como solista o tenor Fabián Pardo, unha voz privilexiada nun home que ten gusto para a interpretación e seguridade na execución.

Independentemente da maior ou menor implicación coas crenzas relixiosas, a semana de paixón ten para os mindonienses un sabor especial, a mexillóns, claro!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [100]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.