Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

"La Ciri", romántica e leda
Ilustración Antón Caxotonº 63 23/05/2017
LVG-AM

Ilustarción: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Estes días pasados tiven que ir a unha pasarela de moda que se celebraba no sur de Mondoforte. Durante o desfile, funme entretendo improvisando melodías sobre as bases musicais que servían de colchón ao espectáculo ata o momento no que escoitei unha voz melodiosa e sensual cantando unha canción tecno-pop. Nun primeiro momento pensei que era un disco, pero ao pouco as luces dirixíronse ao inicio da pasarela e alí estaba a fonte da voz: unha mulleriña ben feitiña, voluptuosa, poderosa que desprendía romanticismo e sensualidade por cada poro da súa pel. Foi xusto nese intre cando se me veu á cabeza o recordo de La Ciri.
Arrepíame escoitar ou ler no español o artigo determinado singular diante do nome propio, esa linguaxe “chónica” que cada vez se está estendendo máis, pero neste caso ten que ir.
La Ciri era unha cancionista de aires folclóricos do Madrid dos últimos anos do franquismo que cantaba igual que falaba, a berros.
Coñecín a La Ciri nunha noite de bohemia madrileña compartida co amigo, escritor e xornalista Antonio Díaz-Cañabate. Debeu ser aló por mediados dos anos 70 do século pasado. Estabamos a cear, sendo xa case hora de almorzar, nun restaurante da rúa Príncipe, de nome “Los Burgaleses” e apareceu ela. Viña de actuar nun garito daquela zona. Antonio, que era moi botado para diante, ao vela entrar pola porta do comedor convidouna a compartir mesa, comida e conversa con nós. Tiña aspecto pálido, a súa vida folgada non lle debía permitir ver moito a luz do día.
Nun momento da conversa, Antonio comentoulle á cantante que eu era galego. Foi entón cando a súa cara se lle iluminou e axiña dixo: “¡Pues yo también soy gallega, y tan gallega, como que soy del mismo Mondoñedo, donde los pájaros cantan la Alborada de Veiga, el mejor músico de Galicia y de sus alrededores!. ¡Y don Pacual Veiga nació en Mondoñedo, como yo!
Pouco antes do amencer abandonamos os tres o restaurante e collemos camiño cara a praza de Santa Ana. Ao pouco de chegar, La Ciri escoitou un asubío, axiña nos mandou calar: “¡Callaos, que vamos a oír la alborada de los pájaros. No será la de Veiga, porque estos gorriones madrileños no la saben, pero de todos modos será muy bonita, porque ningún pájaro, aunque sea un gorrión, canta mal!
Sentada nun banco da praza de Santa Ana, extasiada e iluminada polas primeiras raiolas do día, La Ciri contounos que os paxaros cantan nos amenceres e nos anoiteceres: “En los anocheceres es un canto de despedida, los pájaros tienen miedo a la noche. La alborada, escucha que delicia, es el saludo alegre al día que llega, a la luz que avanza, a los colores que vuelven a relucir. ¡Ay si yo pudiera cantar como estos pájaros la alborada del amanecer!
Debo confesar que La Ciri pareceume unha “choni” moi “cursi”, pero despois de escoitala falar así do canto dos paxaros, debo confesar que sigo pensando que é unha “cursi”, pero unha “cursi” con estilo.
De ter seguido hoxe no mundo da canción, La Ciri sería unha boa respresentante de España no festival da canción de Eurovisión.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
As Letras Galegas na Mariña
Ilustración: Antón Caxotonº 62 16/05/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Mañá, 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas. Esta festa ten unha relación moi directa coa comarca de A Mariña. Sen ir máis lonxe, un dos seus promotores foi un mariñán de Lourenzá, Francisco Fernández del Riego. O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o 17 de maio de cada ano "Día das Letras Galegas" como data para "recoller o latexo material da actividade intelectual galega". Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Academia debería establecer, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual”.
Ao longo dos cincuenta e cinco días de celebración que levamos ata o momento, houbo moitos autores homenaxeados vinculados a esta comarca, comezando por Eduardo Pondal (1965) quen tiña méritos dabondo para tal recoñecemento, pero que sen dúbida a iniciativa de Pascual Veiga de pedirlle unha letra para o Himno galego non desmereceu.
No ano 1969, o Poeta da Montaña, Antonio Noriega Varela foi o escollido. Un mindoniense, mestre en Foz, quen pasou os últimos anos da súa vida en Viveiro.
O xornalista, narrador e dramaturgo Antón Vilar Ponte, nado en Viveiro e que exerceu como farmacéutico en Foz onde editou un xornal foi homenaxeado en 1977.
Manuel Leiras Pulpeiro, natural de Mondoñedo, o médico dos pobres, autor de Cantares Gallegos recibiu o recoñecemento en 1983. Tres anos máis tarde (1986) o abadinense Aquilino Iglesias Alvariño, formado espiritual e humanísticamente no Seminario de Mondoñedo, onde tivo contacto cos intelectuais mariñáns, foi o escollido. O xenial Álvaro Cunqueiro recibiu honras no Día das Letras Galegas de 1991. En Guitiriz naceu Xosé María Díaz Castro, homenaxeado no 2014. Este poeta, autor de Nimbos, estudou nas aulas do Seminario de Mondoñedo durante cinco anos, tempo no que publicou artigos en xornais mindonienses.
Ánxel Fole ou Luís Pimentel e Manuel María tiveron, ao igual que o escritor homenaxeado nesta edición, moita relación coa Mariña. O autor de Ilustrísima quixo que o bispo da súa novela se formara no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo e foi Carlos quen lle presentou a Álvaro Cunqueiro a Amancio Prada, desa conxunción naceu “A dama e o cabaleiro”. Ben coñecidas son as “Lerias” que Casares e Cunqueiro mantiñan e grazas a elas sabemos, entre outras cousas, que Alvarito xogaba aos indios e vaqueiros facendo de ventrílocuo. Cando avanzaba cun soldado falaba en castelán e se a acción consistía en lanzar unha frecha co arco dun “Cheyén” expresábase en galego. Foron estas aventuras unhas das primeiras creacións do xenial fabulador mindoniense.
Ben seguro que a nómina se irá completando co paso dos anos e á espera está o recoñecemento a outros escritores e escritoras mariñás.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Un maio longo
Ilustración: Antón Caxotonº 61 09/05/2017
LVG-AM

Texto: Fran Bouso
Ilustración: Antón Caxoto


Maio é o mes das letras. Este maio no que estamos é un maio longo. Maio, polo xeral, conta con 31 días coma xaneiro ou marzo, pero o maio do 17 é un maio máis longo porque dura 33 días. Comezou o luns, 1 con “Mondoñedo é poesía” e rematará o venres, 33 sendo poesía cantada en Mondoñedo con “No bico un cantar”.

Maio longo, maio longo, / fuches curto para min: / veu contigo a miña dicha, / volveu contigo a fuxir. A Rosalía, maio facíaselle curto.

Un ano máis, e xa van catro edicións, Mondoñedo é Poesía foi “poema cantado entre todos”, isto podería telo dito Luz Galocha . Eva Veiga fixo o silencio bailando coas palabras sementando sentimentos nos regos labrados por Ana Vila nunha terra abonada pola sabedoría de Baixeras e a dozura de Tamara.

Trioliro, os regueifeiros, provocaron as gargalladas coas súas improvisacións rimadas. Non saben escribir nin ler, precisan “repentizar”, así mo fixeron saber antes de “escomezar”. Meteron ao numeroso público no peto, entre eles a Antón Caxoto que os debuxou a todos ao tempo que Josiño, Caruncho e Bieito os cantaban.

Manolo Rivas tentou dar resposta á pregunta de Reigosa, o presentador: “Para que serve a poesía?”. Eu non o sei. Tampouco sei para que serve a deda pequena do pé dereito, pero non quero prescindir dela. Se cadra, algo axuda a equilibrar, a procurar o equilibrio nun mundo de extremos, como o mar equilibra o clima. Hai respostas que unicamente se poden contestar cun “boh” hiperpolisémico. Marta Dacosta, ademais de recitar os seus versos, fíxonos a crónica do acontecido no exterior. A reporteira comunicou que “hai futuro”, que a mocidade mindoniense está subindo polo camiño axeitado polo lírico monte e desde o cumio cantoulles “Amodiño”. Antón Fortes púxolle acento canario a un poema que lembraba outro poema neo que ulía a trovadorismo ou a trobadorismo e Ferradáns Ferradás, Miriam palpounos co seu tacto cos ollos pechados.

Abriu e pechou o festival poético-musical celebrado no auditorio “Pascual Veiga”, Paloma Suanzes sen máis compaña que a súa guitarra cargada con pilas novas para acompañar a voz nunha segunda volta cara os comezos, aqueles tempos de “Feitizo” que, sen dúbida, volverán cheos de éxito.

Encetamos o mes das letras con “Mondoñedo é poesía” e pecharémolo en Mondoñedo coa poesía cantada de “No bico un cantar”. Nenos e nenas de toda Galiza chegan ao carón da Paula para convertérense en pícaros que cantan os versos de Leiras Pulpeiro, Iglesia Alvariño, Noriega Varela, Cunqueiro Mora, Díaz Jácome e tamén a Rosalía co ánimo de contentala e facer deste maio un maio longo.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.