Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A señora do cabalo, Maicarmen, estraperlista
nº 81 26/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Os que a coñeceron ben, cando falan dela non tardan en dicir e repetir a palabra “boa”. Chamar, chamábase Maria del Carmen, pero todos a coñeciamos por Maicarmen. Polo que me contaron non tivo unha vida doada, pero sempre soubo tirar cara diante, fora cal fora a situación. O seu marido era enfermo, por épocas -nos meses máis fríos do ano-, inválido. Ela tivo que buscar a forma de gañar a vida, porque ademais dun compañeiro doente, tiña fillos que manter. Meteuse no estraperlo. Polas alforxas do seu cabalo pasaban a Raia quilos e quilos de café, arroz e fariña, tamén aceite, mistos e ata teas para facer roupa. Maicarmen, muller previsora, sabía que habían chegar tempos peores nos que xa non tería forzas para baixar unha e ata dúas veces por semana a Portugal e por iso pagou o Censo. Maicarmen era respectada polos Gardiñas e pola Garda Civil. Das veces que lle deron o alto, soubo convencer aos axentes da lei dun e doutro lado da fronteira para que lle permitiran seguir co seu negocio, ela contáballes a súa situación e deixáballes caer algún paquete de café ou arroz, incluso tabaco. Maicarmen era respectada aquí e acolá. Ata salvou vidas naqueles momentos nos que deste lado da fronteira non había ou escaseaba a penicilina. Efectivamente, os tempos nos que o corpo xa no valía para pasar horas e horas, día e noite da cabalo do cabalo, mollada ou enxoita, con vento frío ou caendo os paxaros mortos chegaron. Por sorte, foi tempo despois da xubilación e Maicarmen xa tiña a súa paga para valerse e valer aos seus. Maicarmen tamén era xenerosa. Cando chegaba a pensión sempre había algo para repartir entre os seus e os seus eran moitos porque seus eran todos.
Sempre que a vin ía subida no cabalo, un animal moi alto -se cadra pasaba do metro e medio de alzada- , a pata dianteira dereita era negra como o resto do seu corpo e as outras tres brancas do xeonllo para abaixo, tiña pelo ata por riba dos cascos. Ela, alí arriba, parecía un xoguete.

Morreu con 102 anos

Catro ou cinco anos despois de empezar a recibir a paga empezáronlle unhas dores que cada vez ían a máis, chegando incluso a facerlle perder o coñecemento. Consultou con varios médicos do lugar, cada un ofrecía un diagnóstico diferente e un tratamento que non facía efecto. Un doutor de Santiago, que pasaba algún tempo polos veráns nun pazo das Rodrigas, díxolle que tiña cancro, anuncioulle que lle quedaba pouco de vida e receitoulle morfina nas doses que quixera para que fose levando os insoportables tormentos. Daquela Maicarmen andaba polos 70 anos. Maicarmen morreu con 102 anos, sen cancro e drogadicta por prescrición médica.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Cines en Mondoñedo

Serie: Mondoñedo de cine
nº 80 19/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Caxoto, Yumita e eu pasamos o verán nos cines para poder contarlles unha historia do cine e o audiovisual en Mondoñedo alimentándonos exclusivamente de flocos. Eles dous xa tiñan ganas de que chegara este momento: o remate desta serie, que cadra coa fin da estación de estío e coa celebración da XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Percorremos moitas salas ao longo da provincia, ben moitas non porque xa non quedan. Monforte, a capital, Viveiro e Ribadeo son os únicos concellos nos que a día de hoxe continúan a exhibirse películas en salas comerciais, pero tamén pasamos polo “Cinema Palleiriso” de Chantada e por todos cantos lugares proxectaron películas, moitas delas ao aire libre.
Dous locais En Mondoñedo funcionaron dous locais como cines comerciais: o Salón-Teatro do Casino que albergou as proxeccións ambulantes que chegaron á cidade a fins do século XIX e tamén o “Cine Galicia”, dos empresarios García e Lombardía (na segunda década do século XX) e “Principal Cinema” que puxo a funcionar o empresario Telófilo Arias en 1924 e que axiña pasaría a rexentar Justo Gómez. A mediados do século pasado (1942, segundo fontes orais ou 1946 segundo o Inventario de cines do Ministerio de Cultura de 2016), Ángel Castañal converteu o salón de actos da Sociedade de Obreiros no “Cine Pacheco”. Esta sala estivo en funcionamento ata o 28 de novembro de 1964. Cinco anos despois tamén pasaría a chave de maneira definitiva o “Principal Cinema”. Despois do peche das salas comerciais, a maxia do cine continuou en Mondoñedo en lugares como o Seminario, o Instituto, os baixos da Praza de Abastos e tamén en proxeccións ao aire libre. A mediados da década dos oitenta, pouco despois de constituírse legalmente a asociación cultural “Leiras Pulpeiro”, que contaba cunha sección de cine coordinada por Víctor Vila, púxose en marcha un cineforum que estivo activo entre o ano 1985 e 1987. Pasaban películas alternativas de temáticas que xeraban debate. A fornecedora era unha distribuidora santanderina e entre os títulos que se proxectaron están “Face to Face” (1976), de Ingmar Bergman; “Janis, The way she was” (1974), un documental sobre a cantante; “Uccelacci e uccelini” (1966) e “Il Decameron” (1971), de Pier Paolo Pasolini. Os pases tiñan lugar no salón do Instituto “San Rosendo” e empregábase un proxector deste centro que non estaba en moi boas condicións (en ocasións fallaba a imaxe ou o son), debido a estes problemas técnicos e ante a imposibilidade de reparar a máquina ou facerse con outra deixouse esmorecer esta iniciativa que contou con bastantes seguidores. Que pasará co cine en Mondoñedo? O tempo o dirá. Polo de agora estamos á espera de que se inicie a rodaxe de “Arima” prevista para o vindeiro mes de novembro. O Outeiro de Mondoforte continuará, se non hai novidade, con outras historias.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
A Semana de Cine de Autor e Mondoñedo
Serie: Mondoñedo de cine
nº 79 12/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo vén cargada de actividades que se desenvolverán en diferentes lugares da Cidade das Murallas entre o luns, 18 e o sábado, 23 de setembro. O Auditorio “Gustavo Freire” acollerá o Ciclo Infantil tódolos días, a sección denominada O Mellor do Ano” e a Sección Oficial. La tortuga roja, Ribbit, Los superhéroes, ORM en el reino de las nieves, La vida de Calabacín e Albert son as películas escollidas para o goce dos mais novos. Ao entender do Grupo Fonocinematográfico “Fonmiñá”, entidade organizadora da SICA, “O Mellor do Ano” son estas sete películas: Migas de pan, Psiconautas. Los niños olvidados, Maria (y los demás), Las inocentes, Sólo el fin del mundo e Un hombre llamado Ove. Serán proxectadas na Sección oficial A foresta das almas perdidas, Encadenados, Bajo la rosa, Días y noches en el área, Zoe e Llueven vacas. O cine adicado á gastronomía conta cun apartado denominado “E para comer... Lugo”. Os filmes relacionados coa comida pasaranse na Biblioteca Provincial de Lugo ás sete e media da tarde ao igual que o Ciclo cárceres que, como non podía ser doutro xeito, terá lugar no Vello Cárcere. Estas dúas seccións e a denominada Arte de Cine, celebra
ranse de martes a venres. As películas que tratan diferentes disciplinas artísticas pasaranse no Museo Provincial de Lugo ás sete da tarde. Se non hai quen o impida, o Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL) acollerá de martes a sábado ás seis da tarde a sección Grandes Historias que conta cos seguintes títulos: Te quiero, hermano; Una lucha contra el tiempo; Mujer (es) mujer; O tempo futuro e Shoots fron Abbyssinia. As curtametraxes proxectaranse no Vicerreitorado da Universidade de luns a venres ás sete da tarde e o cine galego farase un oco na Deputación de luns a xoves unha hora antes con títulos como Pelerinaxes, Esquece Monelos e Historias de un viejo camionero, entre outros. Como levamos anunciando desde o inicio do verán, a XXXIX edición da SICA está adicada ao mindoniense Victoriano López García. Con tal motivo, o venres, 22 de setembro ás seis da tarde presentarase, no salón de actos da Deputación, un libro no que se recolle o máis amplo estudo realizado ata o momento sobre o gran renovador do cine español e un repaso pola historia cinematográfica e audiovisual de Mondoñedo. Acto seguido, pasarase a cinta Una cubana en España, produción na que participou López García. E como dixo a semana pasada Dani de la Torre en Monforte ao rematar a roda
xe da súa segunda longametraxe de ficción, “La sombra de la ley”: “Vémonos nos cines”.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-11-2017 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.