Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Miguel Anxo Murado, o pregoeiro
nº 84 17/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Xeógrafo e historiador, especialista en arqueoloxía de formación, con necesidade case innata de contar historias ou, mellor aínda que contalas, escribilas. Miguel Anxo Murado é un escritor que, ao igual que Cunqueiro, cultiva con grande habilidade tódolos xéneros literarios tanto escritos coma audiovisuais. No xornalismo é un 4x4 capaz de avanzar con seguridade por terreos tan dispares coma a dirección, o reporteirismo de guerra, a análise internacional para medios de aquí e acolá coma La Voz de Galicia, xornais e cadeas de radio españolas e tamén internacionais como a RT rusa, Al Jazeera, a BBC, The New York Times ou The Guardian. Vivíu cinco anos en Palestina no tempo da Segunda Intifada. Bota de menos os tempos nos que existían as corresponsalías, pero segue gozando de ser correspondente. Desde hoxe o seu currículum engade un ítem: Pregoeiro das feiras e festas máis antigas de Galiza, As San Lucas do seu familiar Mondoñedo. O parentesco mindoniense vénlle a través da súa avoa paterna. Naceu en Lugo o día despois do grande das Quendas nun tempo, 1965, no que as feiras da primavera mindoniense durmían. Coñece ben as terras da Paula tanto polas súas visitas desde Meira ou Lugo nos tempos da infancia e mocidade coma polas historias que os seus devanceiros lle contaron desde pícaro. «Siento un amor infantil por la ciudad de Mondoñedo. Infantil porque lo contraje en la infancia, cuando mis padres nos llevaban a As San Lucas», así comeza un artigo titulado Mondoñedo de la imaginación, publicado hai agora dous anos neste mesmo xornal no que recorda o Pazo de San Sidro -onde casaron os seus pais-, hoxe BIC e outrora propiedade da súa familia, «Visitarlo era como adentrarse en una novela gótica inglesa».
O seu amplo coñecemento e capacidade investigadora permítelle tratar temas que aconteceron antes de que nacera como se os tivese vivido, sabe ler e escoitar sen inventar o pasado. Fala do péndulo da democracia mentres trata de buscar o equilibrio. Mira dúas Galicias desde moito antes de que unha caixa as pintara con dúas velas, unha azul e outra verde e, aínda así ten outra idea do país. Miguel coñece a Leiras Pulpeiro, a Cunqueiro... Este último, un escritor que non cría no bilingüismo». Murado non ten complexos coas linguas, emprega o código e a variante diafásica máis axeitada aos seus receptores e non pon barreiras para ser entendido. Como bo comunicador sempre quere chegar a cantos máis receptores lle sexa posible. Teño entendido que é capaz de defenderse en cinco idiomas nos cales nunca oculta o seu acento galego.

O pregón

Hoxe Murado seguro que nos sorprenderá gratamente falando dos tempos nos que
Mondoñedo era unha potencia no téxtil ou do cura adiantado aos seus tempos que foi amoestado pola Inquisición por explicarlle aos seus parroquianos que a comuñón é tan doce coma comer unha filloa. Hoxe, Miguel Anxo Murado pregoa As San Lucas, hoxe é un bo día para cantar ao unísono: Vivan As San Lucas! Viva Mondoñedo!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
Que pasa por riba da nosa cabeza?
nº 83 10/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Todos sabemos, o que nos pasa pola cabeza, incluso existen ferramentas para coñecer, con máis ou menos cociña e fiabilidade, o que pensamos de xeito colectivo. Pero somos conscientes do que circula por riba de nós? En ocasións, obxectos voadores non identificados. A primeira vez que se rexistrou documentalmente un fenómeno UFO na provincia de Lugo foi o 2 de abril de 1969 preto de Becerreá. Na Bibioteca Central do Exército do Aire custodian un documento -xa desclasificado- no que se recollen as declaracións dunha persoa que avistou unha “nave espacial tripulada de forma circular” cun diámetro que rondaba os dous metros e “totalmente iluminada cunha luz fantástica”.
Avistamentos no ceo, ovnis? Nos últimos meses de 1995 e nos primeiros do ano seguinte produciuse unha vaga de avistamentos en diferentes puntos do noroeste peninsular, algúns por Cospeito, Castroverde, Vilalba, Sarria, Ribadeo, Xermade, Guitiriz, Samos e Monforte. Nas Terras de Lemos tiveron a ocasión de seguir en directo, a través dunha televisión local que funcionaba por aqueles anos, un OVNI. Aconteceu o 15 de febreiro de 1996. Ao tempo que Canal 55 TV emitía a programación local en directo, un veciño chamou á emisora para alertar da presencia de obxectos voadores non identificados. Pasados uns minutos das once da noite, un cámara saíu ao exterior da sede da televisión e con
seguiu seguir, durante máis de dúas horas, as evolucións de dous estraños obxectos voadores. Esa noite na televisión monfortina recibiron máis de 200 chamadas telefónicas interesándose pola procedencia das aeronaves. Un día antes, aproximadamente á mesma hora, algúns veciños xa apreciaran imaxes semellantes arredor do outeiro de San Vicente do Pino.

Unha bóla de lume sobre Mondoñedo

O 7 de marzo de 1996, un señor que circulaba no seu automóbil pola estrada de Vilalba divisou sobre Mondoñedo “unha bóla de lume de gran tamaño que voaba de leste a oeste”, ao pouco tempo tamén foi testemuña do paso de dous cazas militares que seguían a mesma ruta. Máis recentemente, houbo xente que viu e gravou en vídeo obxectos voadores non identificados en Ribadeo, no 2009 e en Viveiro, un ano despois. Vinte anos antes do acontecido en Becerreá e catro anos despois do primeiro fenómeno UFO do que temos constancia en Galiza, na noite do día grande das feiras das San Lucas de 1949, un veciño de Lindín viuse sorprendido no camiño de regreso á súa casa por dous seres moi altos con chapeus de forma cónica que, ao velo, viráronse dun xeito un tanto estraño pois, segundo comentou no seu día “parecía que estaban xunguidos polos ombreiros”. Así o narrou no suplemento “Los domingos de La Voz” do 18 de outubro de 2009 o xornalista Gabriel G. Enríquez. Acontecería realmente ou foi un feito que exclusivamente pasou na cabeza do home de Lindín?
O que me queda claro de todo isto, sen necesidade de botar man de sondaxes nin doutras ferramentas demoscópicas, é que ata aos extraterrestres lles gustar gozar -sen dúbida algunha- das feiras e festas das San Lucas de Mondoñedo.
Comentarios (0) - Categoría: Música - Publicado o 29-11-2017 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
O Cancioneiro das San Lucas de Mondoñedo

nº 82 03/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Chegou outubro e con el dúas grandes citas festivas na provincia, primeiro o San Froilán e arredor do 18 as San Lucas de Mondoñedo. As feiras e as festas sempre tiveron a súa banda sonora, para esta ocasión non escollo unha actual, voume aos anos setenta do pasado século. En outubro de 1970 celebrouse a primeira edición do Cancioneiro das San Lucas, un festival da canción galega que tivo continuidade ata o 73 e que volveu a convocarse por quinta e (que eu saiba) última vez no 1986.
Los Trovadores de Mondoñedo Na primeira edición acadou o primeiro premio dotado con 10.000 pesetas o grupo “Cantigas”, de Ourense; os mindonienses Irma, Lalo e David -que se farían chamar “Los Trovadores de Mondoñedo”- obtiveron as 5.000 pesetas do segundo; José Enríquez Fernández, da Coruña, fíxose co terceiro premio e 3.500 pesetas e o cuarto premio e 2.000 pesetas recaeu en Miguel Enríquez, tamén de A Coruña. Este festival celebrouse no Salón de Actos do Seminario “Santa Catarina”. A segunda edición do certamen, celebrado en 1971, contaba con dúas modalidades de participación: “Canción novas” para temas inéditos e “Cancións vellas” no que se valoraba a calidade interpretativa de cancións xa coñecidas. “Los Trovadores de Mondoñedo” co tema titulado “O meu corazón”, musicado por Uxío Gar
cía Amor sobre unha letra do poeta santiagués Victoriano Taibo. “Rosiña”, de Antón de Santiago e Ramiro Cartelle fíxose coas 25.000 pesetas ao quedar segundos na modalidade de “Cancións novas”.
Los Apaches, de Foz, e Jei Noguerol, de Viveiro Os premiados na categoría de “Cancións vellas” -por esta orde- foron:“Los Trovadores de Mondoñedo”; Xoán Rubia, de Mugardos; Ramiro Cartelle, de A Coruña e Enri
que Fernández Carou, de Rianxo. “Los Apaches”, de Foz; Jei Noguerol, de Viveiro e un grupo de Bretoña foron outros dos participantes ademais do dúo local formado por Rosa López Rejes e Fernando do Redondelo. Os gañadores da terceira edición foron “Folk 72”, de Lugo coa canción “Fuxan os ventos”, título que lles deu nome a partir daquel momento; segundos quedaron “Verbas xeitosas”, da Coruña co tema “Nunca marcharei” e o terceiro premio foi para Ramiro Cartelle e Antón de Santiago que interpretaron “Falareite de amores”. A praza da Catedral foi o lugar escollido para a celebración.
Chis, de Lourenzá, e Nós, de Mondoñedo No 1986, o primeiro premio foi para “Chis”, de Lourenzá coa canción “Lonxe de ti”; o segundo, para “Nos”, de Mondoñedo por “Cantas veces te chorei” e o terceiro concedéronllo a Miguel Rivas, de Lugo, que interpretou “Poetas, cantantes e bardos”. José Manuel Orriols foi o encargado de presentar o festival que contou cun xurado integrado por Manuel Araújo, Xosé Díaz Jácome, Uxío García Amor e Félix Villares, que actuou como secretario. Neste momento hai moitos grupos e solistas amadores creando cancións, na Mariña e en toda Galicia, e un gran escenario para dalas a coñecer poderían ser as nosas festas máis antigas populares, As feiras e festas das San Lucas en Mondoñedo.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.