Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Novela do Lionel

nº 87 07/11/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Estamos rodeados de especies invasoras, algunhas que fixemos nosas e que nos fan a nós e outras que queren acabar con nosoutros e que o acadarán se non somos quen de eliminalas antes.

Lionel Rexes, (París, 1971) mistura en A raíña das velutinas (Xerais, 2017) varias historias aparentemente inconexas, pero que co avance do discurso van gardando unha profunda relación entre si. Suceden nun espazo chamado Tres Vales que non aparece en ningún tratado de toponimia e aínda así recoñecemos perfectamente. Se en Europa tódolos camiños levan a Santiago desde o medievo, na novela gañadora do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey (2016) parten e chegan a un establecemento de turismo rural chamado Casa da Penela onde, coa escusa de participar nunhas xornadas que procuran a luz da verdade do sucedido despois do 36, conviven uns personaxes con outros que teñen encomendada a misión de erradicar unha praga.

Para procurar a fin da invasión póñense en práctica diferentes metodoloxías, desde a iniciativa individual e aparentemente improvisada dun labrego que se vale dos seus coñecementos adquiridos ao longo da vida cos cales fai pedagoxía e ferramentas de uso cotiá, ata a intervención aparatosa e supostamente organizada dun grupo uniformado que con tinturas fílmicas máis que buscar o seu obxectivo parece que procuran o titular nos mass media.

Na historia retrátanse personaxes sacados da realidade actual e histórica debidamente caracterizados para a interpretación do seu papel na novela. De entre todos hai un, un empresario poliédrico con certas calidades paranormais que ao fin do primeiro terzo da lectura advirte da necesidade de decapitar á véspora soberana e anuncia que o difícil non é acabar coa vida da raíña, “o máis complexo é fuxir do enxame encirrado”. Lendo esas pasaxes véuseme á cabeza un mindoniense de Lindín que a fins do XIX quería suicidarse e alguén o convenceu para que aproveitara a ocasión. Ao final non morreu, matárono.

Lionel rematou A raíña das velutinas polas San Lucas do ano pasado e este ano xa se podía mercar na feira máis antiga de Galiza que tamén aparece narrada coa baixada das greas de cabalos cara o Campo dos Paxariños. A estas alturas a novela do Lionel xa anda invadindo medio mundo -hai noticia de que chegou ata Buenos Aires- e tamén sabemos que será presentada no Grove do Salnés o vindeiro 24 de novembro, pouco despois volverá a vestir as galas para facer o mesmo ao carón do Grove, desta volta do de Mondoñedo -disto xa darán información ao seu debido tempo-.

Lionel naceu en Paris porque os seus país foron emigrantes na capital gala, formouse en Madrid no Maxisterio e sempre estivo presente no Alfoz do Castrodouro onde reside na actualidade. A raíña das velutinas é o seu último traballo publicado, Ditos e refrás do Valadouro (SEVA, 2013) o anterior. Recibiu os premios Lonxa Literaria (2011), Minicontos de Outono (2011) e obtivo un segundo accésit do premio Modesto R. Figueiredo (2015). Ademais gusta de argallar iniciativas culturais como a Ponte Literaria e creou e mantén a bitácora Vasoiras da Xibarda na que nos relata, ademais doutros moitos asuntos relacionados coa literatura e a cultura, como foi a xestación da súa novela.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.