Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Ter os cemiterios ben coidados é labor de todos
nº 86 31/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Sempre houbo interese colectivo por manter en boas condicións de uso, decoro e hixiene os cemiterios tanto por razóns de saúde pública como por respecto á memoria dos que neles repousan. Por estas datas as necrópoles aínda aparecen máis coidadas que de ordinario e tamén aumentan considerablemente as visitas aos recintos funerarios. Con relativa frecuencia visito o Cemiterio Municipal de Mondoñedo. Cada vez que chego ao aparcadoiro non podo evitar mirar para as letras negras que están pintadas na fachada ao carón da entrada, a primeira vez que me acheguei aló foi para levar as pranchas das letras que compoñen o rótulo. O recinto está perfectamente coidado e mellorado co paso do tempo, tanto pola labor que realizan nel os servizos municipais coma polo esmero que poñen os titulares dos nichos e panteóns que aínda non fan uso deles. Menos coidado está o Cemiterio Vello, un espazo no que tamén se conserva a memoria de moitos mindonienses e que alberga verdadeiras obras de arte tanto escultóricas coma literarias nas inscricións das lápidas. A superficie que ocupa está cercada por tres lados e no seu interior superpóñense tres alturas, pero desde hai tres lustros non cadra ben o uso como zona de ocio co respecto a un espazo da memoria. O Cemiterio histórico de Mondoñedo sufriu unha profunda remodelación nos primeiros anos deste milenio para convertelo nun parque, un lugar de recreo. A idea parecía boa, pero a execución da mesma non o foi e, ata o momento, nada se fixo -con éxito- para protexer un espazo tan singular. Derrubouse a portada principal de granito e madeira e cambiouse por dous enormes cubos de mármore cubertos cunha pranchas de ferro oxidado que parecen pagodas chinesas; derrubouse a sala de autopsias que fora construída un século antes con criterios científicos e gusto e o cambio foi por unhas escaleiras; fixéronse desaparecer as portas e con elas foise a posibilidade de pechar o recinto polas noites coma acontece noutros cemiterios históricos que hoxe teñen usos semellantes. E, aínda así, segue a conservar un en
canto especial. Aínda podemos ver esculturas coma a sedente feminina co seu rostro cuberto cun veo que transparenta con nitidez os detalles da face, ou o mausoleo de Pascual Veiga que foi realizado en mármore de Sasdónigas e costeado polas colectividades galegas en América, capelas neogóticas e panteóns esculpidos en cemento por mans ben formadas no manexo deste material e que non por ser un produto industrial deixaron de buscar a beleza artística nos seus acabados. Nin o tempo nin a acción humana foi quen de borrar a pegada do muro que separaba a terra dos cristiáns do campo dos que non comungaban. Podemos ler nalgunhas lápidas inscricións curiosas con epitafios ou poemas.
O Cemiterio vello de Mondoñedo está a pedir a berros que alguén lle bote unha man para que non se bote a perder. Os que alí descansan ben seguro que tamén o queren facer pola noite a porta pechada. Do mesmo xeito que somos quen de coidar o Cemiterio Municipal, tamén podemos facer entre todos un esforzo por manter en boas condicións o Cemiterio Vello.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.