Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Mondoñedo: crónica dun centenario
nº 85 24/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Xa pasaron, xa son historia As San Lucas do 2017 que veñen de sumar un ano máis aos 860 de celebración ininterrompida. Foron seis días de feiras e festas que arrancaban coa baixada das greas de cabalos dos montes da contorna e o pregón de Miguel Anxo Murado e que encheron de ledicia o outono mindoniense. Tiveron este ano, como vén sendo habitual, un programa diverso e ambicioso dirixido a tódolos públicos grazas ao esforzo da comisión organizadora encabezada por Miguel Souto. No seo das San Lucas deste ano fíxose unha lembranza á homenaxe que cen anos atrás lle renderan a Pascual Veiga. Foi merecida daquela e segue a selo hoxe. Comezaron os actos ao carón da casa natal do músico, onde tivo lugar a recepción aos membros da coral Cántigas da Terra da Coruña, entidade que participou nos actos do 22 e 23 de outubro de 1917 e que fixeron o mesmo o pasado domingo.

Na memoria de Pascual Veiga

Na rúa Pascual Veiga -outrora dos Templarios-, ao carón do Seminario “Santa Catarina”, o Cronista oficial de Mondoñedo lía o texto titulado “Á enxebre coleutividá Cántigas da Terra” que fora repartido entre os asistentes da homenaxe do 17 do pasado século. Unha alumna do IES San Rosendo, Carmen Souto Pavón, recitou o poema de Manuel Leiras Pulpeiro adicado a Veiga, “Xa Galicia non é xibardal aspro”. Acto seguido, os participantes na homenaxe desprazáronse ao Cemiterio Vello para depositar no mausoleo de Veiga dous adornos vexetais, ao igual que se fixera un século atrás. O martes 23 de outubro de 1917 sobre a mesma lápida depositáronse dúas coroas de flores, unha agasallo de Cántigas e outra que puxo o concello de Mondoñedo, daquela dirixiron discursos aos asistentes o presidente de Cántigas, Eladio Rodríguez; o alcal
de de Mondoñedo, Ramón Martínez G. de Ínsua e Lois Peña Novo. César González Seco lera un texto de adhesión enviado polo médico José Rodríguez Martínez, vello amigo de Veiga. A petición dos asistentes tamén falou o xuíz coruñés destinado en Mondoñedo, Fernando Pérez Fontán. O pasado domingo interviron a alcaldesa de Mondoñedo e Antonio Reigosa, ademais de Moncho do Orzán, arquiveiro de Cántigas da Terra. O profesor e dramaturgo Francisco Piñeiro, membro do Colectivo Mondoñedo É..., entidade organizadora dos actos xunto coa Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo, recitou un poema de 150 versos titulado “Un fato de rapaces” composto por Eladio Rodríguez, presidente de Cántigas hai cen anos. Pasado o mediodía, a comitiva desprazouse ata o Auditorio Pascual Veiga para lembrar que cen anos atrás se constituíra en Mondoñedo a sección local das Irmandades da Fala. Daquela Eduardo Lence Santar e Guitián, Dodolino Trigo Paz, Antonio Maseda Bouso, José Mª Rego González, Jorge González-Redondo e Serrano, José Polo Folgueira, José Ramón López Díaz e Antonio Ferreiro Lamas compuxeran a directiva, tal e como nos lembrou Antonio Reigosa, membro do Colectivo Mondoñedo É...

«O Nobel da literatura galega»

Como continuidade ao acto, fíxose entrega do premio de creación artística Mondoñedo10 que este ano escolleu, a criterio do xurado, o mellor poemario publicado en Galiza e en galego nos dez últimos anos. O galardón foille outorgado á obra «Hordas de escritura», de Chus Pato. Pato dixo que o Mondoñedo10 era o “Nobel da literatura galega”, aí queda iso. Agora toca repor folgos e desexar poder vivir As San Lucas do vindeiro ano.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.