Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cine de verán
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 73 01/08/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


O verán é praia, piscina e río; sesta á sombra dun castiñeiro, vagar e merenda no prado; volver ás orixes ou fuxir moi lonxe; e tamén é cine, cine de verán ao aire libre. Como presta!
Algunhas administracións e colectivos programan en época estival ciclos de cine en prazas que congregan diante da gran pantalla a centos de persoas desexosas de cubrir o seu tempo de ocio unha vez que a noite ten vencido ao día.
Nos veráns do ano 1999 ao 2001 tiven a sorte de proxectar películas nunha máquina Philips de 35 mm. con lámpada de xenon de 2000 wats. que o Concello de Mondoñedo mercara á empresa Sercine, de Salamanca, con motivo da celebración do centenario da chegada do cinematógrafo á Cidade da Paula. Ao longo do ano organizábanse pases en diferentes lugares e, coa chegada do verán, instalábase na Praza do Concello unha pantalla de 7x4 metros e todo o necesario para as proxeccións. Un día á semana, como mínimo, proxectábase algunha película.
As estrelas do celuloide estaban e están encantadas de pasearse polas pantallas das prazas das vilas para servir de inspiración aos soños de verán, iso si, pasada a canícula e chegada a noite xa se fai necesario unha chaqueta para poñer, aínda que só sexa, por encima dos ombreiros.
Teño mágoa de non ter proxectado ningunha “españolada” desas nas que se cita a Mondoñedo, como por exemplo no filme protagonizado por Fernando Esteso e Andrés Pajares e dirixido por Mariano Ozores “Padre no hay más que dos” (1982). Cara ao final da película un matrimonio de anciáns (Emilio Fornet e María Álvarez) visita a casa na que habitan os protagonistas xunto cunha nutrida prole de fillos con intención de mercala, algo que os cativos non queren que suceda. Para evitar que os compradores se interesen no inmoble provocan unha serie de sucesos como goteiras ou fallos eléctricos, o que leva a que Emilio Fornet escape dicindo: “Esta casa es como vivir en Mondoñedo”.
Sen lugar a dúbidas a película que me gustaría proxectar este verán é “El bar” (2017), de Álex de la Iglesia que está inspirada nun local de hostalaría do madrileño barrio de Malasaña chamado “Palentino”, un dos locais con máis carisma de Madrid. O mítico bar está rexentado por Casto e Lola; e resulta que Lola é Dolores López Rejes, natural de Mondoñedo e residente en Madrid desde a década dos setenta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.