Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Tamén en Internet
Ilustración Antón Caxoto
Serie: Mondoñedo de cine
nº 75 15/08/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Desde o inicio deste verán vimos tratando no Outeiro de Mondoforte cuestións relacionadas co cinema e o audiovisual de Mondoñedo adiantándonos ao recoñecemento que o Grupo fotocinematográfico Fonmiñá fará o vindeiro mes de setembro na XXXIX Semana Internacional do Cine de Autor de Lugo (SICA) ao gran renovador do cine español, o mindoniense Victoriano López García. Aínda quedan asuntos sobre os que escribir nesta travesía que nos levará ata que finalice a estación.

Falamos de Victoriano, o señor do cine; de Zully moreno, a Rita Hayworth arxentina e tamén do seu irmán; de Luís Cayón, que foi guionista, actor e case director; non esquecemos a Cunqueiro nin a Xe Freyre e tampouco aos que hoxe seguen a traballar no audiovisual e teñen o futuro por diante como é o caso de Ruth Chao, Miguel García ou Xián Freire. Ademais dos profesionais, debemos deixar constancia da encomiable labor que realizan algúns mindonienses divulgando vídeos de temática local a través das redes sociais e das diferentes plataformas de internet. Un dos pioneiros foi, o recentemente finado, Jesús Calleja. “Midonium.es – el portal de todos los mindonienses” e “Mondoñedo.net” son outros exemplos neste sentido. Unha das pezas de temática mindoniense máis vistas nos últimos tempos a través da rede é o videoclip da canción de Carmen R. Lage “Sempre Mondoñedo”.

Pola rede circula o documental “Martín, o home paxaro”, de Inés Uhía no que se recollen imaxes rodadas en Mondoñedo durante a celebración do Campionato de España de voo libre do ano 1979. Ademais das alas delta e os homes paxaro, aparecen planos do val tomados desde o Padornelo e da zona de aterraxe situada nas instalacións deportivas de “Viñas da Veiga”. Nas tomas recoñécense a algúns mindonienses entre os que está Carlos Folgueira, “O Rei das Tartas”, un popular reposteiro que ten sido convidado a moitos programas de televisión, entre os máis destacados está o “Un, dos, tres”.

Parece interesante o convenio asinado entre a Universidad a Distancia de Madrid e a Rey Juan Carlos co concello de Mondoñedo mediante o cal promoven o grupo de investigación “Proxecto Retinae” a través do cal pretenden investigar as posibilidades das novas tecnoloxías audiovisuais como a imaxe en 360º, a realidade aumentada ou a virtual misturado todo isto coas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados coa finalidade de crear produtos audiovisuais e multimedia que sirvan para a promoción da localidade.

A primeira retransmisión vía streaming realizada desde Mondoñedo tivo lugar o 15 de marzo de 2014 con motivo da XXV concentración mototurística “Ruta N-634” a través da desaparecida páxina web www.motomondonedo.com.



Enlace ao artigo na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 21-08-2017 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
Hai futuro
Ilustración: Antón Caxoto
Serie: Mondoñedo de cine
nº 74 08/08/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso




O audiovisual mindoniense gravou un rico pasado, pasa o presente con xeito e proxéctase cara o futuro. Aquí traio tres exemplos:

A realizadora e produtora Ruth Chao naceu en Mondoñedo no ano 1976. No seu haber ten a produción dos programas de televisión “Cazador de palabras” (2009) e “Bo Proveito” (2005) , das series de ficción “Avenida de América” (2002) e “Fíos” (2001), dos documentais “Radiografía dun autor de tebeos” (2010) e “Pluto: The Last Frontier” (2015) que tamén dirixiu. Como directora, asinou o documental “Is anybody out there?” (2015) do que ademais é coguionista xunto con Alphonse de la Puente e codirixiu, con Javier Silva, “2050” (2006), premio ao mellor documental na V edición dos Mestre Mateo. O seu último traballo titúlase “Life in outer space” (2016). Ruth é socia fundadora, xunto con Alphonse de la Puente, da produtora e distribuidora “Somadrome” que traballa no mercado internacional para as principais plataformas de emisión entre as que cabe destacar Discovery Channel, BBC, Foxtel, Aljazeera, Movistar+ ou TVE. As producións de “Somadrome” tratan contidos de actualidade, ciencia e coñecemento da natureza.



Os inicios do mindoniense Miguel García Fernández (1984) no audiovisual son como produtor executivo de “Contect@2” (2006), curtametraxe que narra unha relación amorosa a través de internet. Nese mesmo ano produce “Sin Plomo”, peza que obtén 32 nominacións en diversos festivais coas que acada 11 premios ademais de vender os dereitos de emisión a diferentes medios. É produtor executivo da curta “Houston”, realizada en colaboración co Festival de Cans e traballou como produtor, guionista e codirector do documental “Ferro ardendo”, unha peza que leva á pantalla as vivencias das rapas das bestas. “Pantin Classic” (2009), unha produción sobre o campionato do mundo de surf celebrado na comarca de Ferrolterra e “Paixón por Ferrol” (2010), unha ollada diferente da Semana Santa ferrolá son outros dous dos seus traballos como coprodutor e director. No 2011 realizou o documental “Lugnasad” que versa sobre a festa celta de Bretoña (A Pastoriza). Voltou á ficción con “Mr Smith and Mrs Wesson” (2012), unha curtametraxe de acción. “Pastoriza, un mar verde” e “Mercado medieval de Alfoz” son dous traballos nos que se implicou ao longo do 2013. Xunto con Álvaro Liste encárgase da realización de “As San Lucas. 860 anos de feira”, sobre as feiras máis antigas de Galiza.


Compostelán de nacemento, pero de pais mindonienses, Xián Freire (1987) é Técnico Superior en Son e Graduado en Comunicación Audiovisual. Traballou en filmes como “O bonito crime do carabineiro” (2009) e “Emilia Pardo Bazán, la condesa rebelde” (2011).
Colaborou na realización das curtametraxes “Vento Ferido” (2015) baseada na obra de Carlos Casares e “Luscofusco” (2016). Na actualizade está a preparar a adaptación á linguaxe audiovisual da novela “Cando o gato mira de esguello”.

Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
Cine de verán
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 73 01/08/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


O verán é praia, piscina e río; sesta á sombra dun castiñeiro, vagar e merenda no prado; volver ás orixes ou fuxir moi lonxe; e tamén é cine, cine de verán ao aire libre. Como presta!
Algunhas administracións e colectivos programan en época estival ciclos de cine en prazas que congregan diante da gran pantalla a centos de persoas desexosas de cubrir o seu tempo de ocio unha vez que a noite ten vencido ao día.
Nos veráns do ano 1999 ao 2001 tiven a sorte de proxectar películas nunha máquina Philips de 35 mm. con lámpada de xenon de 2000 wats. que o Concello de Mondoñedo mercara á empresa Sercine, de Salamanca, con motivo da celebración do centenario da chegada do cinematógrafo á Cidade da Paula. Ao longo do ano organizábanse pases en diferentes lugares e, coa chegada do verán, instalábase na Praza do Concello unha pantalla de 7x4 metros e todo o necesario para as proxeccións. Un día á semana, como mínimo, proxectábase algunha película.
As estrelas do celuloide estaban e están encantadas de pasearse polas pantallas das prazas das vilas para servir de inspiración aos soños de verán, iso si, pasada a canícula e chegada a noite xa se fai necesario unha chaqueta para poñer, aínda que só sexa, por encima dos ombreiros.
Teño mágoa de non ter proxectado ningunha “españolada” desas nas que se cita a Mondoñedo, como por exemplo no filme protagonizado por Fernando Esteso e Andrés Pajares e dirixido por Mariano Ozores “Padre no hay más que dos” (1982). Cara ao final da película un matrimonio de anciáns (Emilio Fornet e María Álvarez) visita a casa na que habitan os protagonistas xunto cunha nutrida prole de fillos con intención de mercala, algo que os cativos non queren que suceda. Para evitar que os compradores se interesen no inmoble provocan unha serie de sucesos como goteiras ou fallos eléctricos, o que leva a que Emilio Fornet escape dicindo: “Esta casa es como vivir en Mondoñedo”.
Sen lugar a dúbidas a película que me gustaría proxectar este verán é “El bar” (2017), de Álex de la Iglesia que está inspirada nun local de hostalaría do madrileño barrio de Malasaña chamado “Palentino”, un dos locais con máis carisma de Madrid. O mítico bar está rexentado por Casto e Lola; e resulta que Lola é Dolores López Rejes, natural de Mondoñedo e residente en Madrid desde a década dos setenta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.