boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mensaxe enviada ao presidente da Xunta por parte do Consello Científico do ILG
"Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia,

O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acordou dirixirse a vostede para lle manifestar a súa preocupación polas medidas adoptadas e polas declaracións realizadas nas últimas semanas polos distintos membros do goberno galego verbo da lingua propia de Galicia. Estas actuacións supoñen un serio retroceso na extensión do coñecemento do galego e na súa implantación na sociedade, na administración e no ensino, e ademais están a producir un dano gravísimo ao prestixio social da lingua galega, socavando todas as actuacións de normalización anteriores e poñendo en cuestión as futuras, ao difundir desde as máis altas instancias as falsas ideas de que o galego é lingua só dunha parte da cidadanía e de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelanfalantes.

Por outra parte, resulta contraditorio que este retroceso se produza nun momento en que existe un interese crecente pola nosa lingua en ámbitos académicos e científicos de numerosos países e nas administracións europeas. Aínda non hai moito o Consello de Europa chamaba a atención sobre a insatisfactoria situación do galego no ensino, a discriminación que sofren os galegofalantes no sistema xudicial e a situación de marxinación nas empresas que prestan servizos públicos en Galicia. Todos os estudos de carácter sociolingüístico inciden sobre a situación de inferioridade e retroceso que está a sufrir a lingua galega.

O goberno galego, cumprindo a lexislación vixente, ten o deber de promover a lingua galega en todos os ámbitos da sociedade, e ten tamén a responsabilidade de contribuír a xerar un clima positivo cara a ela, desfacendo os vellos prexuízos que aínda se manteñen vixentes e impulsando as súas potencialidades tanto para o desenvolvemento dunha sociedade máis libre e máis xusta coma para a proxección de Galicia cara ao exterior.

A lingua é un ben compartido por toda a sociedade. É por iso responsabilidade de todos, e en primeiro lugar da Xunta de Galicia, impedir que se converta en motivo de conflito. A lingua galega, lonxe de ser unha limitación, é un activo fundamental para Galicia e ten sen dúbida grandes posibilidades de futuro, na Europa multilingüe e na sociedade aberta que estamos a construír.

Consello Científico do Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela"

Instituto da Lingua Galega
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 28-06-2009 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por ici (06-09-2013 10:52)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0