boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

'Un longo e tortuoso camiño: Adaptación, crise e cambio no BNG (1982-2008)'
XOSÉ RAMÓN QUINTANA, PREMIO RAMÓN PIÑEIRO 2008
"Anxo Quintana é un político esponxa, moi intuitivo, e ten moi clara a fórmula da supervivencia"

O historiador ourensán fíxose co certame de ensaio con 'Un longo e tortuoso camiño: Adaptación, crise e cambio no BNG (1982-2008)'.

26 anos de Bloque Nacionalista Galego préstanse para unha análise da súa evolución: xa dende a Transición, onde hai que buscar as orixes ideolóxicas e organizativas da fronte, até a súa chegada ás institucións autonómicas, pasando polos anos de crecemento electoral, cuns resultados máximos a finais dos noventa. O xurado, formado por Luis Alonso Girgado, María López Sández, Rosa María Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, valorou "a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente da formación nacionalista"; así mesmo, salientou o importante corpus documental empregado polo historiador ourensán.

26 anos de adaptación e cambio, que trouxeron momentos de crise e un imprescindíbel cambio na cultura política da organización e dos seus militantes. Duverger afirmou que os partidos sofren profundamente a pegada das súas orixes. E xa Paramio indicara que no proceso de transformación dun partido cara ao centro, cada novo paso debe ser coidadosamente contrapesado para non defraudar a militancia. As posíbeis compensacións poden ser de dous tipos: o primeiro e máis elemental é facer un alarde de retórica revolucionaria. O segundo tipo de compensación que se pode ofrecer á base militante é un incremento do peso do partido na escena política".

-Podemos entender as leas internas no BNG pola non adaptación da cultura política dos militantes, ou pola distinta velocidade en que se produce esta adaptación?
+Hoxe en día hai unha disfunción entre a cultura política que o nacionalismo tivo durante moitos anos e o feito de que o BNG se configure como "partido de goberno". Trátase dunha disonancia cognitiva que ten que ver coa inadecuación entre esa cultura política aínda presente nun indeterminado número de afiliados e achegados -baseada en marcos interpretativos resistencialistas, esencialistas e rupturistas- e a práctica política que o BNG viña adoptando nos últimos anos. Se até o momento esa cultura política tiña unha función de consumo interno que servía de cemento identitario e de compensación aos cambios estratéxicos operados, a partir da chegada ao goberno revelaríase como claramente disfuncional e como unha pexa para o proxecto de Anxo Quintana. A maior parte das críticas que o BNG recibe dende o nacionalismo veñen por aí.

-Dicía Cunqueiro: "O home precisa, como bebe auga, beber soños" Que queda no BNG dese pasado de loita?
+Queda a mitificación da loita social como a gran panca para transformar a realidade, aínda recentemente escoitamos este discurso nalgún ex líder do BNG. Nas democracias desenvolvidas e asentadas, a mobilización social ten uns claros límites, e máis en Galicia, onde nunca houbo grandes e contínuas mobilizacións sociais. Mentres que a outra vía, a vía máis lenta, e a única vía posíbel para finalmente levar a cabo cambios, e é a única que finalmente ten continuidade; vímolo no Prestige, por exemplo.

-Dende a Transición podemos distinguir claramente dúas pólas no nacionalismo galego: a nacional-popular de UPG e BNG e a posibilista de POG, UG e EG. Parece que a UPG triunfou, porque impuxo as súas estruturas partidarias e siglas, pero en cambio tivo que asumir as propostas programáticas dos posibilistas. Un triunfo moral?
+Un triunfo, ademais, non recoñecido, sobre todo debido ás características deste cambio dentro do BNG. É un cambio discreto, nunca renunciando teoricamente a nada, pero deixando nun segundo plano, no faiado, aqueles elementos que son máis estrepitosos. Cambiouse sen aceptar que se cambiaba en moitas cousas.

-A partir de mediados dos oitenta, con Beiras como líder, o BNG estrutúrase como unha coalición de partidos, un pacto entre a UPG, que controla o aparato e actúa como ama de chaves, e o propio Beiras, cun gran liderado simbólico. Hai loita interna por gañar posicións?
+Prodúcese o que tecnicamente se chama 'configuración dunha coalición dominante' (Panebianco) entre a UPG e Beiras onde hai un reparto tácito de roles. Produciríase un reparto de roles: ao segundo adxudícaselle unha función de liderado case carismático e de representación externa da nova faciana do nacionalismo, no entanto a primeira seguiría a actuar en todo momento como a columna vertebral da organización, controlándoa con man de ferro, quer con luva de seda, quer sen ela. E non hai aparentemente grandes conflitos: Beiras e UPG cando se entendían estaban encantados de coñecerse. O obxectivo do resto dos partidos eran que a UPG repartise os incentivos selectivos: postos no partido, cargos institucionais. Pero ninguén plantexou seriamente nos anos noventa, dende logo Beiras non o fixo, unha revolución interna para restarlle influencia á UPG.

-E chega o 2001...
+Si, é un gran shock no BNG e o catalizador da crise e dos cambios posteriores. O resultado destes comicios supuxo un duro golpe ás desmesuradas expectativas do nacionalismo. Fai que a UPG comece a cambiar de perspectiva, entendendo que cedera de máis, que as cousas se podían ir das mans. Hai unha fuxida cara adiante na que a UPG cuestiona a Beiras, Beiras trata de reaccionar, e hai un intento de recompoñer todo de novo. E nesa crise emerxe a figura de Anxo Quintana, que é un político novo, no sentido de idade e tamén en canto ao seu pragmatismo.

-Quen é Anxo Quintana? Cal é a súa ideoloxía? Até que punto súa estratexia, que parece bastante visíbel, sobre todo unha vez que chega ao goberno, é premeditada? Por quen está influída?
+En política as cousas son unha complicada mestura de planificación e improvisación. Anxo Quintana non é un ideólogo nin un intelectual en sentido estrito, pero iso non quere dicir que non teña ideas. É un "político esponxa", moi intuitivo, nada dogmático e ten bastante clara cal é a fórmula da supervivencia política do nacionalismo. Eu non falaría de ideoloxía, senón de antena para intuír por onde van os tiros. É a gran novidade. Outra cousa é que se comparta ou non este nacionalismo centrado, fortemente institucional, que se trata de homologar a CiU.

-Cando Beiras é apartado no poder no BNG, en que medida foi responsábel a actitude acomodaticia que mantivo durante anos, o feito de non preocuparse con gañar poder dentro do partido, e limitarse a manter o seu liderado simbólico?
+Eu a Beiras defínoo como un liderado adaptativo, que non é transformador internamente. Pensaba que a súa posición era incuestionábel. No canto de aproveitar a súa lexitimidade nos momentos de expansión electoral para facer valer a súa ascendencia e liderado e tecer unha rede de apoios interiores e exteriores coa que desputar a hexemonía á UPG, establecendo unha renovación da coalición dominante, Beiras adoptou unha pauta de "líder individualista" coa que acomodarse politicamente. Este acomodo consistía en asegurarse unha posición privilexiada -e supostamente intocable- na coalición dominante coa UPG. É certo que tampouco os outros grupos fan intentos serios de competir coa UPG. A UPG foi absolutamente determinante no BNG, e ségueo sendo hoxendía, aínda que xa non é o mesmo. Non é que estea dividida, pero hai sensibilidades moi diferentes: non é o mesmo Bautista Álvarez, que por iso se retirou, que Paco Rodríguez, ou Jorquera: son sensibilidades diferentes. A UPG está nese impasse, no que cambia sen cambiar, ou cambia sen dicilo.

-En que medida podemos seguir considerando á UPG como un partido-secta, na terminoloxía da Ciencia Política de Pannella, como o era nos seus inicios?
+Eu non lle chamaría partido-secta. Eu diría que é o pai da criatura; o BNG é fillo da UPG. Como pai, ten que ter os seus réditos. É a comezos dos anos setenta cando formula a necesidade do que chamaba fronte de liberación nacional, cuxa primeira concreción foi a AN-PG, que fracasou, entre outros motivos, polo sectarismo da UPG. Sentíndose autolexitimada pola propia traxectoria histórica, a súa actuación no nacionalismo galego guiaríase por unha peculiar versión autóctona da concepción leninista do partido. Daquela, a UPG pénsase como unha vangarda que actúa como gardán das esenzas transformadoras do nacionalismo e que sería quen de establecer, en derradeira instancia, os límites do proxecto nacionalista. Ao mesmo tempo, o BNG convértese en principal fonte de recursos de poder e estatus material e simbólico para os seus membros máis relevantes.

-Quintana dende o goberno debilita a imaxe do BNG, preséntao cun perfil máis baixo?
+Quedan algúns floco no proceso de adaptación do BNG: a diferencia entre o que fai ou di Quintana dende o goberno, e o que fan ou din algúns deputados e militantes. E ás veces fai ruído unha cousa coa outra.

-O BNG leva anos mantendo ou mellorando os seus resultando nas vilas e concellos pequenos, pero sufrindo grandes descensos nas zonas urbanas. Que lle pasa ao BNG nas cidades?
+No BNG tenden a explicalo baseándose en factores esóxenos, e non tanto nas debilidades ou insuficiencias internas. Perdeuse un electorado nas cidades, iso está claro; a idea de que un electorado é teu é discutíbel: responde a distintos estímulos en cada momento. Quizais haxa que relacionalo cunha excesiva polifonía dentro do BNG e coa recuperación electoral do Partido Socialista en Galicia, que non é manco. Tamén é certo que a figura de Beiras foi moi carismática, e Quintana non ten tanto carisma nos ambientes urbanos, pero súpleo cun traballo de base na zona rural, coa xente do común. Pero está claro que o BNG ten un handicap moi importante nas cidades, mentres non o solucione, o BNG vai ter un límite de voto moi claro.
'Un longo e tortuoso camiño: Adaptación, crise e cambio no BNG (1982-2008)'
Comentarios (0) - Categoría: nacionalismo galego - Publicado o 05-01-2009 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0