|
|
|
|
O idioma galego, un plus engadido |
|
LUIS MANUEL GARCÍA MAÑÁ
(Xefe superior da Policía Nacional en Galicia)
TIVERON que pasar varios séculos para que, sobre a terra que pisamos, se construíra unha lingua propia, lingua que non nos prestou ninguén, transformándose no idioma dos nosos devanceiros, os mesmos que con frecuencia foran cualificados como criaturas atrasadas por só falar galego. Daquela o noso idioma era rexeitado polo centralismo e pola Administración.
Dende hai uns anos, Galicia ofrece deseñadores de moda, sobranceiros empresarios, deportistas olímpicos, investigadores e científicos senlleiros, creadores, artistas, escritores, cine, gastronomía, turismo e un sen fin de produtos, todos con denominación de orixe galega. As institucións decatáronse de que o idioma galego ten un valor singular, un plus engadido, xa que nos aproxima ao cidadán que se sinte mais confiado con quen fala coma o pobo.
Tamén as forzas e corpos de seguridade van espertando da longa noite que escurece a expresión natural de Galicia. Xa non constitúe un demérito o seu uso, como aconteceu no pasado. Pola contra, máis do oitenta por cento dos policías comprenden e falan o galego, aínda que non pasa o mesmo coa escrita, na que imos avanzando lentamente e queda dabondo por facer.
Mais está agromando un tempo novo se temos en conta que o mesmo DNI electrónico xa se expide cos enunciados bilingües. As comisarías fornécense con tradutores informáticos de castelán a galego mercé á Secretaría Xeral de Política Lingüística e son cada día máis os funcionarios que utilizan a escrita nos seus informes, peritaxes e demais documentos policiais.
Queda moito camiño por andar. Temos vimbios e comezamos a elaborar o cesto no que dar acougo ao legado da fala que recibimos dos que nos precederon; principiamos a sentir a autoestima da nosa cultura sentimental a través do uso da lingua, a mellor ferramenta das que dispomos para atinxir a confianza dos cidadáns xunto ao traballo cotián.
O Corpo Nacional de Policía, desde a Xefatura Superior de Galicia, compromete a súa vocación de servizo á cidadanía respectando a normativa constitucional do bilingüismo, mais tamén aposta pola realidade dunha Galicia que conta cunha lingua de seu como o elemento máis afoutado da propia identidade.
Porén non esquecemos o que os cidadáns agardan fundamentalmente de nós. Hoxe estamos a cumprir os obxectivos que nos foron sinalados polo Ministerio de Interior no que atinxe ao control das infraccións penais, á recapitalización de recursos humanos e á recuperación e creación de novas infraestruturas policiais. Sabemos que Galicia non ten cancelas contra a delincuencia que nos chega de fóra e que a nosa terra non é unha illa afastada do mundo. Malia ao devandito, as forzas de seguridade non lle imos pór doado o traballo aos inimigos dos cidadáns, e loitaremos, canto sexa preciso, para que ninguén poida pensar que o exercicio do delito ten aquí terra estercada e que o clima lles vai sentar ben. Diso nada. |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|