|
|
|
|
Ourense estrea un super interactivo |
|
O GRUPO CUEVAS ESPALLARÁ A FRANQUÍA
Europa Press . Os clientes de 'Aquí é' calcularán automaticamente as calorías da compra, pagarán tres euros menos se levan o carriño da casa e non abonarán o peso das bolsas de plástico da carne.
O Grupo Cuevas abrirá o próximo mércores na cidade de Ourense un supermercado de nova xeración que pretende facer a vida "máis doada" ao consumidor. O xerente da empresa, Manuel Rodríguez de la Fuente, presentou este proxecto, xunto a expertos da Universidade de Vigo, que colaboraron na súa posta en marcha.
A nova liña de supermercados, coa marca 'Aquí é', é un novo concepto de supermercado. Ademais de ter diferentes liñas de produtos habituais, a súa entrada contará cunha pantalla táctil onde o consumidor poderá imprimir un menú diario elaborado por expertos en nutrición da Universidade de Vigo.
Rodríguez de la Fuente explicou que o consumidor poderá acceder a el e imprimilo gratuitamente ou se o desexa, poderá comprar "os ingredientes que necesite segundo o número de comensais para o que o elaborará", coas indicacións para preparalo e a achega enerxética que contén.
Non se cobrará o peso dos envoltorios
Unha terceira opción ante a falta de tempo será que o consumidor poida comprar o menú directamente cos seus tres pratos por un prezo diario de 7,95 euros. Segundo garantiu o xerente do Grupo Covas, trátase dun menú elaborado "a base de produtos naturais que non leva aditivos nin conservantes", polo que terá unha vida limitada "de cinco ou seis días".
Ademais, contou que a nova visión de supermercado ofertará aos clientes "dez garantías" sobre os que se asentarán os os seus piares básicos. Entre elas, citou que se un cliente atopa un produto caducado a empresa se "autopenalizará" regalando o consumidor "dous produtos coa data correcta".
Etiquetas con RFID
Así mesmo, o establecemento contará con diversas caixas pero cunha "cola única" para evitar "a sensación de que nos poñemos na cola que máis tarda e haberá maior rapidez". Rodríguez de la Fuente quixo destacar que a etiquetaxe co prezo dos produtos será "exacta" e estará conectado a un "ordenador central por radiofrecuencia" a través dunha etiqueta electrónica para evitar "que haxa dous prezos diferentes". Por outro lado, o envoltorio dos alimentos como a carne non se cobrará ao consumidor e "se o plástico que leva a carne pesa dous gramos ese peso non se cobrará no prezo final".
Pagarán por levar bolsas e carriño
Por outro lado, a empresa conta con "toda a maquinaria necesaria de baixo consumo" procedente de Holanda e Gran Bretaña para "preservar o medio". Neste sentido, Rodríguez de la Fuente manifestou as bolsas da compra serán "biodegradables" e que se un cliente "chega cun carriño ou as súas propias bolsas a empresa lle aboará tres euros" pola súa "responsabilidade ambiental".
O xerente do Grupo Cuevas explicou que esta nova visión de supermercado responde ás "necesidades" que o consumidor ten na actualidade pola "falta de tempo ou a distancia que separa o seu traballo do domicilio familiar". Os estudios nos que se basearon para a súa posta en marcha apuntan a que as necesidades actuais neste sentido, son a "saúde, a rapidez e o sabor dos alimentos".
Máis de vinte empregados indefinidos
'Aquí é' ocupará 1.000 metros cadrados de superficie e 22 empregados con contrato indefinido, segundo a empresa. Trátase dun proxecto empresarial de referencia, que será implantado noutros lugares de Galicia e pretende facer especial fincapé na correcta alimentación e nutrición.
O estabelecemento, que estará situado á altura do número 30 da rúa Doutor Fleming da capital das Burgas, abrirá as súas portas este mércores día 29, ás 12.30 horas, e terá horario ininterrompido de 09.30 a 21.30 horas, de luns a sábado. |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|