|
|
|
|
Ultimo adeus ao poeta Ramiro Fonte |
|
En Pontedeume, a súa vila natal
Redacción . O poeta e intelectual galego Ramiro Fonte, que faleceu esta fin de semana no Hospital Bellvitge de Barcelona, onde se atopaba ingresado dende o pasado 23 de setembro, será soterrado hoxe en Pontedeume.
Licenciado en Filosofía e Letras e profesor de Lingua e Literatura Galegas, Ramiro Fonte foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo, en 1977. Nacido en Pontedeume en 1957, ademais de poeta cultivou a narración, o ensaio, a crítica e foi un estudoso da literatura galega.
Conta cunha importante obra narrativa, na que destacaba a súa triloxía ?Vidas de infancia? formada por ?Os meus ollos? (Xerais 2003), ?Os ollos da ponte? (Xerais 2004) e ?A ponte nos ollos? (Xerais 2007). A súa produción poética,recibiu importantes recoñecementos, entre os que se atopan o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica Española, o Premio Esquío e o Premio Miguel González Garcés.
Entre a súa obra poética atópanse 'As cidades da nada' (1983), 'Designium' (1984), 'Pensar na tempestade' (1986), 'Pasa un segredo' 1988, 'As lúas suburbanas' (1991), 'Adeus norte' (1991), 'Luz do mediodía' (1995), 'Persoas de amor' (1995), 'O cazador de libros' (1997), 'Mínima moralidade' (1998), Capitán Inverno (1999) e 'A rocha dous proscritos' (2001).
Ramiro Fonte era desde hai anos colaborador habitual de A Nosa Terra, onde mantivo unha columna aberta ás súas intensas inquedanzas culturais. Na actualidade, ademais, dirixía o instituto Cervantes de Lisboa.
Pesar do goberno galego
O Goberno galego manifestou este sábado as súas condolencias e a súa "consternación" pola morte de Ramiro Fonte, unha perda que cualificaron de "irreparable", tanto para as letras e a cultura galega como "a nivel persoal".
En senllos comunicados de prensa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lamentaron o falecemento do actual director do Instituto Cervantes de Lisboa.
Touriño destacou que as letras e a lingua galega "están de loito porque Galicia perde hoxe unha das voces máis lúcidas da literatura", ao tempo que trasmitiu á familia do escritor as súas condolencias persoais.
Pola súa banda, Ánxela Bugallo, que anunciou que asistirá aos actos fúnebres que terán lugar en Pontedeume (A Coruña), pobo natal de Fonte, eloxiou o seu papel como o "poeta e narrador" máis destacado dos últimos anos. |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|