|
|
|
|
A afección puxo nota á actuación do equipo cun ¡¡aupa Xacobeo!! |
|
VOLTA A ESPAÑA: FELIZ REGRESO DO XACOBEO GALICIA
[ 22/09/2008 ] Madrid celebrou o triunfo de Alberto Contador (Astana) na sesenta e tres edición da Volta a España. Neste fin de festa deportivo en que se converteu a última etapa da Volta nos últimos anos, o ciclismo galego tamén tivo moito que celebrar porque o equipo Xacobeo Galicia lograba na súa segunda participación mellorar, con fartura, a xa magnífica actuación da pasada tempada: cuarto na xeral individual (Ezequiel Mosquera), quinto por equipos e un triunfo de etapa (David García). Son datos que resumen unha destacada actuación que o público, alá por onde a carreira discorría, sintetizou na expresión: ¡¡Aupa Xacobeo!!
Escenario habitual de fin de volta desde 1987, o madrileño Paseo de la Castellana volveu abarrotarse de público para render homenaxe aos cento trinta e un sobreviventes e, en especial, para celebrar o triunfo dun corredor local, Alberto Contador. Un triunfo que chegaba envolvido nun certo halo de lenda porque o ciclista de Pinto sumou en dous anos ao seu palmarés as tres grandes probas do calendario internacional, algo que só outros catro corredores conseguiran ata agora e ningún español.
O Xacobeo Galicia tiña tamén moito que celebrar, como llo recordou o público ao longo das últimas etapas con mostras constantes de simpatía, ánimo e admiración. Debía celebrar, en primeiro lugar, unha formulación valente encamiñada desde o principio a superar os logros da edición anterior, que xa foran moitos para un equipo que se move nos limiares da súa andaina deportiva
Eran motivos de celebración tamén o feito de ser con Caisse d'Epargne, Ag2r e Astana un dos catro equipos que concluíu a Volta con todos os corredores e a mentalidade grande mostrada na loita polas vitorias de etapa. O equipo máis que a escapada pola escapada, que é tamén moi loable, atreveuse a perseguir a fuga selectiva, coa mente posta na vitoria final, e así chegou a David García, en Ponferrada, e puido chegar tamén a de David Herrero en Las Rozas.
Pero, se cadra, o público recoñeceu dun modo especial a determinación mostrada por Ezequiel Mosquera, non tanto por estar un día tras outro en primeira liña, senón por desafiar aos máis grandes, e en particular ao poderoso equipo Astana, con ataques na alta montaña. Foi o único ciclista que retou a Contador, facéndoo por partida dobre, no porto da Rabassa e no de Fontes de Inverno.
A unión de todos estes feitos xerou unha corrente de simpatía cara ao equipo Xacobeo Galicia, traducida en constantes berros de ¡¡aupa Xacobeo!!, alí por onde se pasaba.
A última etapa pechouse co triunfo ao sprint do danés Matti Breschel. A tres quilómetros de meta produciuse unha caída na que se viu involucrado David Herrero, aínda que o contratempo non lle causou lesións de consideración. Os ciclistas cambiábanse e duchábanse no autocar do equipo. Fóra agardábaos un bo número de afeccionados, que querían un autógrafo ou facerse unha foto con eles. Aos poucos cada un foise marchando cara aos seus puntos de orixe, porque levaban practicamente un mes fóra de casa e as competicións para algúns continúan esta mesma semana en Francia e a primeiros de outubro en México, antes de pechar a tempada.
Declaracións de ciclistas do Xacobeo Galicia ao remate da Volta
Ezequiel Mosquera
"Remato a Volta cunha impresión moi positiva. Ao final da cronoescalada de Navacerrada tiña un sabor un pouco agridoce porque estaba con opcións de podio e non o conseguín. Sastre soubo aguantar e non fallou. Pero cando vin a clasificación e a xente que había por diante e a que había por detrás pensei que era como para estar contento", comentou.
"O quinto posto do ano pasado, o disputar unha xa unha carreira de tres semanas, permitiume chegar este ano á Volta con máis confianza nas miñas posibilidades e permitiume concentrarme máis na preparación da mesma. Das accións de carreira que recordo con máis satisfacción son os días na montaña en que decidín ir ao ataque, precisamente por ese maior coñecemento que tiña da carreira e de min mesmo neste tipo de probas. Non está nada decidido pero espero poder chegar a un acordo para quedarme no Xacobeo Galicia, porque ese é o meu desexo", engadiu Ezequiel Mosquera.
David García
"Obxectivo cumprido no persoal e a nivel de equipo. cumprimos con fartura e o propio Álvaro Pino díxonos que asinase este resultado antes de empezar a Volta. A vitoria na etapa de Ponferrada deume unha gran satisfacción, pero sobre todo permitiume soltar a tensión acumulada, foi como unha liberación. Viña coa dúbida de como ía responder a esta carreira tan longa e marcho co convencemento de que me van este tipo de carreiras, que son un fondista. Dicíaa aos compañeiros que me faltaba unha semana de carreira. Pero esta semana correrei en Francia e espero ter opcións de disputar", sinalou o gañador da décimo quinta etapa.
Serafín Martínez
"Acabo cansado. Viña con dúbidas sobre como ía aguantar as tres semanas de carreira, pero puiden superalo. Houbo días que houbo que regular, levantar un pouco o pé e noutros buscar as escapadas, cousa que unhas veces consegues e outras non. O equipo estivo sobresaliente. Ao final non puidemos conseguir o podio, pero viñamos coa idea de repetir a actuación do ano pasado e superámola con nota".
Carlos Castaño
"O equipo chegou nun momento de forma inmellorable á Volta e con moi boa mentalización. Por iso puidéronse conseguir os obxectivos que nos marcamos de inicio. Eu tiven algúns problemiñas físicos, pero están superados. Sobre a continuidade no equipo, hai que ver un pouco como se constrúe para o ano que vén, pero eu estou contento con Álvaro Pino, que é un grandísimo director".
David Herrero
"Voume co recordo de que estiven a piques de gañar unha etapa e de que o equipo fixo unha gran Volta, polo que acabo cun bo sabor de boca. Teño algunha outra oferta pero a miña primeira opción é o Xacobeo Galicia, porque estou moi a gusto no equipo, cos directores deportivos e con todos os técnicos e auxiliares".
Gustavo C. Veloso
"Acabo cunha moi boa impresión. Viña con certas dúbidas por tratarse dunha carreira de tres semanas e saio convencido de que vallo para isto. Podes ter un día malo, pero te recuperas e non pasa nada. Se seica, faltoume coller unha fuga, pero estou contento. Acabo a Volta moito máis enteiro que o ano pasado".
Gustavo Domínguez
"Subimos un banzo de calidade. Tratamos en plano de igualdade cos mellores equipos do mundo. A experiencia do ano pasado permitiume enfocar mellor a Volta e superala con menos dificultade, a pesar dalgúns problemiñas de saúde que tiven a metade de carreira. O ano pasado saín co aliciente de que a Volta empezaba en Galicia, pero na montaña paseino mal. Este ano non pasei apuros para superala, fóra da etapa de Suances, coa choiva e o frío. Esta Volta, para o meu gusto, tamén foi máis bonita que a pasada, que tivo o colorido das etapas de Galicia, pero logo ofreceu uns percorridos menos atractivos. Que conten comigo para ser un dos nove que vai disputar a Volta, xa é importante, e que ao final che digan que queren seguir contando contigo, é moi gratificante, sobre todo cando é este o equipo no que queres estar". |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|