|
|
|
|
John Rutherford, académico honorario da Real Academia Galega |
|
EFE. O hispanista inglés John Rutherford, tradutor e divulgador da literatura española e galega no seu país, ingresa este sábado como académico honorario na Real Academia Galega (RAG), despois de medio século de vinculación profesional e afectiva a Galicia.
Profesor da Universidade de Oxford, tradutor ao inglés do Quijote ou La Regenta, de Castelao ou Méndez Ferrín, Rutherford pronuncia un discurso no que recorda a súa chegada a Galicia en 1958, concretamente a Ribadeo, nun intercambio cultural, o que cambiou a súa vida porque, ademais de espertar a súa paixón pola cultura popular, coñeceu á súa muller.
Desde entón, a súa vida foi "unha peregrinaxe laica cara a unha comprensión do fascinante misterio que atopei na cultura galega", que trata de descifrar no seu discurso de entrada na RAG, titulado "Ou fermoso sorriso de Daniel", que fai referencia ao enigmático sorriso dunha figura do profeta no Pórtico da Gloria da catedral compostelá.
Viaxeiro infatigable e amante do camiño de Santiago, John Rutherford comentou que desde que chegou a Galicia sentiu auténtica fascinación pola súa cultura e, máis concretamente, polo seu sentido do humor e o especial xeito de entender a vida dos galegos.
Retranca
En Galicia "hai unha cultura popular moi profunda e un xeito de pensar que eu descoñecía" cando descubriu a costa de Lugo, que lle fixo quedar prendado da "finísima ironía", unha retranca "que non atopara en ningún sitio e difícil de entender para un inglés".
No seu país, "o sarcasmo é fácil, enseguida daste conta do que che queren contar", pero enfrontarse á retranca resulta "máis complicado, porque é máis intelixente, cústache saber o que che queren dicir, ou se che queren dicir algo", comenta Rutherford nun perfecto galego cun lixeirísimo deixe inglés.
En Galicia descubriu "o gusto de falar por falar" e que conversar é "un xogo". "Os ingleses somos máis pragmáticos", incluso no emprego da linguaxe, aclara.
Décadas envorcado na divulgación da cultura galega, Rutherford admite, con todo, que en Galicia non está suficientemente valorada a súa propia cultura, e móstrase como un firme defensor do idioma galego, "a expresión da identidade dun pobo que non pode perderse, temos que facer todo o que podamos" para evitalo.
Polo bilingüismo
Ás voces que claman contra o bilingüismo na escola, John Ruterford replícalles que estudar dous idiomas, o galego e o español, enriquece, e que non é incompatible con aprender inglés. "Nós os galegos", di Rutherford, "podemos ser perfectamente trilingües, eu falo os tres idiomas, e non é difícil".
Rutherford acepta a honra como representante dos estudos galegos no Reino Unido e pide á RAG que lle encarguen algún traballo e así "me permítan realizar algunha contribución activa ao labor desta importante institución", no que se pensa envorcar xa que está xubilado como profesor, aínda que segue á fronte do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford. |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|