|
|
|
|
Premios Nacionais da Cultura Galega |
|
Un paso adiante na normalización da nosa cultura coa 1ª edición duns galardóns esperados
As culturas precisan recoñecer adecuadamente as persoas que contribúen coas súas creacións e a súa actividade a fortalecelas e difundilas. A Consellaría de Cultura crea este ano os Premios Nacionais da Cultura Galega, cos que pretende aplaudir publicamente o esforzo e o mérito dos que traballan no ámbito da cultura para facer posible coas súas achegas que Galiza se escoite no mundo.
Os Premios Nacionais da Cultura constitúense como unha ferramenta para visibilizar diante da sociedade o traballo de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega pola súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial. A intención da Consellaría de Cultura é que estes premios sexan un novo paso adiante de cara á normalización da cultura galega, co obxectivo de que se convirtan na súa gran festa.
Os dez premiados
A selección dos premiados respondeu a un proceso aberto e participativo, resultado do envío por parte da Consellaría de máis de 5.000 cartas a asociacións, entidades e concellos para convidar a participar nos Premios coa proposta de candidaturas. Participaron as institucións, entidades culturais e profesionais relacionadas coas actividades artísticas, culturais e patrimoniais obxecto de cada premio. Recibíronse máis de 200 propostas, que se sumaron ás enunciadas polos propios membros do xurado. Entre todas elas escolléronse aos dez gañadores de 2008:
* Premio Nacional de Arquitectura e Espazos Públicos: Manuel Gallego Jorreto, pola súa linguaxe sintética e innovadora e pola coherencia da súa obra.
* Premio Nacional de Artes Escénicas: Manuel Lourenzo, por ser pai do teatro independente galego e destacar como actor, director e dramaturgo.
* Premio Nacional de Artes Visuais: Francisco Leiro, pola súa forza creativa, que parte dunha tradición e dunha iconografía vinculadas a Galicia e que proxecta a través de novas linguaxes e soportes.
* Premio Nacional de Cine e Audiovisual: Margarita Ledo Andión, pola súa achega a cultura como cineasta, investigadora, profesora, promotora e divulgadora.
* Premio Nacional de Cultura Tradicional e de Base: Museo do Pobo Galego, por ser un centro que puxo en valor o patrimonio cultural galego, promovendo o seu estudo, proxección e divulgación.
* Premio Nacional de Iniciativa Cultural: Laboratorio de Formas, por continuar a estela do Seminario de Estudos Galegos e polo carácter de identidade e modernidade que lle imprimiron os seus creadores.
* Premio Nacional de Literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín, pola calidade da súa obra, que o converte nun referente fundamental da literatura galega na segunda metade do século XX e nun escritor recoñecido a nivel internacional.
* Premio Nacional de Música: Mercedes Peón, pola súa calidade como intérprete e creadora dunha nova linguaxe musical que sitúa a música galega nun lugar de vangarda.
* Premio Nacional de Patrimonio Cultural: Remodelación urbana de Pontevedra, polo alcance na rehabilitación e revitalización do centro histórico de Pontevedra a partir dunha visión global da cidade.
* Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica: Francisco Díaz-Fierros, pola súa contribución á historia da ciencia en Galicia e pola súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica.
O xurado
Cada un dos galardóns está dotado con 15.000 euros. Todos os premios foron adxudicados por un xurado único, formado por 15 profesionais de recoñecido prestixio e representativos de cada sector da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios. Son os seguintes:
* María Xosé Agra Romero: Catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de Santiago.
* Rosario Álvarez Blanco: Catedrática de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e directora do Instituto da Lingua Galega.
* Xosé Ramón Barreiro Fernández: Catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago e presidente da Real Academia Galega.
* Xosé Luís Barreiro Rivas: Profesor e director do Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago.
* María Bouzas: Actriz, presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
* Xosé Manuel Buxán Bran: Profesor de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
* Domingo Docampo Amoedo: Catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións da Universidade de Vigo.
* María Isabel Fraga Vila: Profesora de Bioloxía Vexetal e directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago.
* Celestino García Braña: Arquitecto, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.
* Felipe Senén López Gómez: Museólogo e xestor cultural da Deputación da Coruña.
* Ana Romaní Blanco: Escritora e xornalista, directora do programa Diario cultural da Radio Galega.
* John Rutherford: Profesor do Queen?s College da Universidade de Oxford e presidente da Cátedra de Estudos Galegos desta universidade.
* Xurxo Souto: Músico e escritor, director de programas da Radio Galega.
* Laura Tato Fontaíña: Profesora da Facultade de Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña.
* Ramón Villares Paz: Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega.
O galardón
Cada ano a Consellaría de Cultura e Deporte encargará a un artista diferente a confección do galardón, co obxectivo de recoñecer a importancia e variedade dos creadores plásticos galegos. Para a primeira edición o elixido foi o escultor ourensán Ignacio Basallo, un dos artistas nos que se sustenta a renovación plástica galega a partir da década dos oitenta. A súa traxectoria estivo marcada pola súa participación nas iniciativas de Atlántica, desde onde desenvolveu unha traxectoria con personalidade propia que o situou como un dos escultores galegos máis recoñecidos dentro e fóra do país.
Ignacio Basallo ideou "unha escultura de 32 centímetros de alto, formada por dez pauciños de madeira de castiñeiro tallados a machada e mais a cepillo, cinguidos por un anel de 1 centímetro de ancho que suxeita fortemente todas as madeiras". No anel figura a inscrición "Premio Nacional da Cultura 2008".
En canto á simboloxía da peza, o escultor sinala que "no número está o contido. Simbolizo con cada pauciño cada unha das categorías. Sós, son independentes, pero xuntos xa son outro termo: cultura galega". Tamén destaca a presenza reiterada do número dez, que se repite secuencialmente: dez pauciños, dez aneis, dez pezas.
http://www.premiosnacionaisdaculturagalega.org |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|