boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O galego foi lingua administrativa no país entre os séculos XIII e XV
«Na nosa Lyngoage galega» estuda o uso e a consolidación do idioma durante ese período de tempo

Un estudo multidisciplinar sinala o seu emprego común na escrita desde comezos da Idade Media


Autor: Camilo Franco
Fecha de publicación: 23/3/2008

O galego atravesou a Idade Media non só como lingua poética ou como lingua oral; o galego foi, tras as primeiras décadas do século XIII, a lingua escrita e administrativa de Galicia, segundo explica un volume publicado polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega, e editado por Ana Isabel Boullón.

Na nosa lyngoage galega estuda a maneira en que o galego se converteu en lingua escrita predominante durante a Idade Media, ao tempo que o proceso de substitución do latín polas linguas romances estaba acontecendo no resto de Europa.

Segundo a súa editora, unha das novidades deste volume é que estuda ese proceso: «É un dos primeiros libros monográficos que abordan o tema desde unha perspectiva multidisciplinar, isto é, non só lingüística, senón tamén histórica, xurídica, paleográfica; e non só desde a perspectiva única do galego, senón encadrándoo dentro do contexto peninsular e europeo, e tamén desde a perspectiva do paso do latín ao romance».

As catro orientacións nas que se estrutura o volume repasan primeiro o contexto histórico, logo se estuda o paso do latín ao romance, a escrita romance na Península e, finalmente, se delimitan os aspectos particulares da emerxencia do romance como lingua en Galicia.

Segundo a coordinadora do simposio celebrado no 2005 e que deu lugar a este volume, hai que explicar que na Idade Media o galego non foi un idioma exclusivamente oral. Ana Boullón deixa claro que «sería necesario insistir en que na Idade Media a lingua normal de relación era o galego, non só no ámbito oral, senón tamén no escrito».

Explica tamén a integrante do ILG que a nosa lírica medieval «dátase de principios do século XIII, pero o emprego instrumental, o uso do galego nas escrituras (testamentos, vendas, doazóns), comeza timidamente nas primeiras décadas do XIII e xeneralízase a partir de 1255, antes que en Portugal». A investigadora sinala que ata finais do século XV «a grande maioría dos textos xurídicos estarían escritos en galego», permanecendo algúns en latín e en castelán aqueles que tiñan procedencia da monarquía.


A investigación das variacións da linguaxe nos escritos notariais

O volume está dedicado a Ramón Lourenzo, quen contribúe nel cun estudo sobre o uso do galego polos notarios da época. Tomando como punto de partida dezaseis documentos procedentes do mosteiro de Montederramo, escritos por diferentes mans pero co selo do mesmo notario, entre os anos 1257 e 1264, pódese entender como o galego vai consolidándose como lingua administrativa e como nas variacións dos autores se perciben as dúbidas dunha lingua aínda non por completo sistematizada.

Segundo Ana Boullón, o paso do latín ao romance foi considerablemente rápido e «que partiu, en última instancia, dunha renovación xurídica que comezou na Universidade de Boloña, polo que a Galicia chegou despois de atravesar unha boa parte de Europa».

Como naquela altura non se lexislaba nos mesmos termos que no presente sobre as linguas, o que se deu, segundo a profesora, «foi unha praxe que se estendeu rapidamente a partir dun momento dado. E neses séculos da Idade Media o galego ocupaba todos os ámbitos da vida pública». No volume tamén se repasa a relación entre lingua lírica e administrativa e a aparición da prosa en galego nesa mesma altura.
O galego foi lingua administrativa no país entre os séculos XIII e XV
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 23-03-2008 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 grac#blgtk08#ias
Comentario por panda manga toybox en peluche (05-09-2013 10:35)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0