|
|
|
|
Cinco viños galegos, entre os mellor valorados do mundo na revista 'The Wine Advocate' |
|
Entran no club dos 90 puntos Parker
Cinco viños, pertencentes a catro adegas galegas, O Pecado e Algueira, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; A Trabe, da Demominación Monterrei; e os Rías Baixas Goliardo Loureira e Goliardo Caíño, situáronse entre os mellor valorados do mundo, de acordo coa avaliación feita pola revista especializada The Wine Advocate. Tras unha cata celebrada esta semana, a coñecida e influente revista estadounidense outorgoulle cualificacións que van de 'excelente' a 'extraordinario' a estes viños galegos.
A noticia foi acollida con xúbilo no sector vitivinícola, xa que posiblemente daralle unha proxección a estes viños que dificilmente poderían ter acadado tras unha forte campaña de promoción. Así o entende, por exemplo, Fernando González, de Adegas Algueira, quen non dubidou en sinalar que ademais dunha boa noticia para a Ribeira Sacra, "o é tamén para toda Galicia", indicou.
A marca Algueira, en concreto, procede da parroquia de Doade, no municipio de Sober. Trátase dun mencía con once meses de crianza en carballo francés. O editor da revista The Wine Advocate, o influente Robert Parker, deulle 95 puntos sobre os 100 posibles e unha cualificación de excelente.
En terras de Doade está igualmente a Adega Guímaro, con Pedro Rodríguez á fronte. A ela pertence a marca O Pecado, un mencia crianza que pasou nove meses en barricas de carballo francés e cuxas uvas proceden das viñas máis vellas da Ribeira Sacra. Neste caso, a puntuación foi de 98 e o recoñecemento do viño como 'extraordinario'.
Entre os seleccionados está un Monterrei, A Trabe, un tinto de crianza ecolóxico que elabora José Luís Mateo a partir de variedades de mencía, merenzao, verdello tinto, zamarrica e tinto serodio. Recibiu 97 puntos.
Pecha a lista de recoñecementos para os viños galegos a Adega Forjas, do Salnés, con dúas crianzas elaborados a partir de uvas de caíño e loureiro, que obtiveron 90 e 93 puntos, respectivamente.
Frescura e elegancia
Os crianzas galegos elixidos que pasan a formar parte do exclusivo club dos 90 puntos Parker non encaixan, en principio, na clásica definición de viños do "gusto" do afamado crítico estadounidense. Aínda que non son tan estruturados como os doutras zonas, para o adegueiro Fernando González trátase de viños que teñen frescura e elegancia e que son máis fáciles de beber. |
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|