boas e xenerosas


Unha escolma de artigos, entrevistas, estudos, novas, opinións, reportaxes... boas e xenerosas



GALEGO DE SEU(Web)


Colazo
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VOLVEREI
o máis cedo posíbel
Comentarios (1) - Categoría: autoodio/autoestima - Publicado o 30-01-2013 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
O códice que?
Xosé Manuel Pereiro

Nin o columnista máis despiadado e correúdo se resistiría a entrar no tema do roubo (ben, foi furto, que máis ten) do Liber Sancti Iacobi, o chamado Códice Calixtino polo costume medieval de atribuírllo a unha personalidade, antecedente da actual de encargarlle un prólogo. Así que eu tampouco me resisto, pero non para sumarme ao coro xeneralizado de lamentos. Non, non é que me alegre, por suposto, pero a) non sei de que nos estrañamos, b) non roubaron un libro, roubaron un obxecto orixinal, pero o libro queda, e –sobre todo– c) parece un pouco hipócrita lamentar o que Ramón Villares chama atinadamente "a partida de bautismo de Galicia como nación cultural en Europa", cando boa parte dos lamentantes se aplican a eliminar ou a ningunear, por pasiva ou por moi activa, os outros elementos que nos identifican como pobo.
O de que non sei por que nos estrañamos vai porque, igual que o libro patrocinado polo papa Calixto II, hai unha chea de tesouros máis ou menos a disposición de quen os queira, por falta de medios e por sobra de desidia. Aínda que a vida, e sobre todo o cine, nos ten demostrado que meténdolle ganas case sempre se pode roubar calquera cousa, o certo é que a inmensa maioría das subtraccións de obxectos artísticos fanse cando as medidas de seguridade son ben máis reducidas para o que gardan. E a Igrexa Católica, depositaria dunha chea de tesouros que son patrimonio de toda a sociedade, ten unha longa experiencia de fracasos á hora de gardalos, desde a venda feita por algúns párrocos, ata os espolios ao que son sometidas moitas igrexas desprotexidas. E outra igual de longa de pedir a colaboración da sociedade, pero non de corresponder a esa axuda. Parece lóxico que o Códice Calixtino estea onde estaba, e non alleado na Biblioteca Nacional de Madrid (onde tamén roubaron cousas hai ben pouco), pero sempre que teña unhas medidas de seguridade determinadas por expertos.
E roubáronnos un obxecto e non un libro porque, afortunadamente, como descubriu Gutenberg tres séculos despois e relatou maxistralmente Borges oito séculos máis tarde, un libro pódese facer eterno e repetir ata o infinito. Nese sentido, pódese reprobar que non esixiran máis por conservalo a todos os responsables da nosa cultura desde que teñen responsabilidades políticas, incluído ao actual, pero a este haille que agradecer o feito de que se teña traducido ao noso idioma de hoxe, e difundido. Ese é o seu maior –e polo que se ve, o único– seguro. O Códice Calixtino desapareceu, pero non o seu contido, que é o auténtico tesouro, sen desprezar ao outro. É máis, a ver se co rebumbio da perda do obxecto se difunde o seu valor sociocultural: a descrición da Compostela que estaba a nacer, o camiño transeuropeo que chegaba a ela e o feito de que no século XII xa había galegos (e navarros, e vascos, e casteláns, e leoneses), pero nin traza deses españois que segundo a historia que nos ensinaron, e agora parece que volve, parece que existían desde que a Adán e a Eva se lles acabou o aluguer do Paraíso. É dicir, a ver se se aproveita o ruído mediático do roubo para explicar por que temos que lamentar a súa perda, porque tal e como reaccionan algúns, parece que é unha mágoa que non estivera asegurado para cobrar o seguro e dedicar os cartos a algo útil, como carreteras. Que non teña que queimarse a Capela Real da catedral de Santiago para que teñamos que saber que os que están alí sepultados eran reis de Galicia.
E iso nos leva a c). Moito lamento por algo que –confiemos– se pode recuperar, cando hai moitos patrimonios en perigo, sobre todo polo propio desprezo de quen os tiña que gardar. Empezando polo idioma.
Faro de Vigo
Comentarios (1) - Categoría: Cultura - Publicado o 10-07-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Os físicos do CERN voltan a Primaria
A elite da ciencia galega conversará en videoconferencia con alumnos de Quintela e Rodeira
Defensa das asignaturas de ciencias en galego


Unha representación dos científicos máis reputados de Galicia, os físicos que traballan no Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), deixarán hoxe de lado os tópicos de investigadores fríos e regresarán ás aulas de centros escolares de toda Galicia para amosar a súa defensa do idioma galego. Nesta videoconferencia participarán os estudantes do CEIP Quintela, de Moaña e do IES Rodeira, de Cangas. Os dous centros foron galardonados recentemente co Premio á Innovación en Normalización Lingüística, polo seu traballo para vinvular o galego coas novas tecnoloxías.

FRAN G. SAS - MOAÑA A elite do mundo científico galego esta formada, en grande parte, polos oito científicos da comunidade que integran a plantilla do Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN) que conta, perto da cidade suiza de Xenebra, co maior acelerador de partículas do mundo. Pero mañá os científicos deixarán de lado por un momento a súa rutina para defender diante de escolares de toda Galicia a importancia do idioma galego. Trátase dunha videoconferencia simultánea con más de medio centenar de centros escolares de Primaria e Secundaria, entre eles o colexio moañés de Quintela e o IES Rodeira, de Cangas.
Ámbolos dous centros veñen de gañar o premio á innovación en normalización lingüística que outorga a Xunta de Galicia. Ademáis atópanse entre os premiados por segundo ano consecutivo por empregar as novas tecnoloxías para dinamizar o galego entre os máis xóvenes. Polo tanto ocuparán un lugar de honra na actividade que hoxe organiza a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e a Universidade de Santiago de Compostela.
A videoconferencia será esta mañá entre as 10.30 y as 11.30 horas, e o obxectivo da mesma é "demostrarlle aos pequenos que a educación en galego non é ningún impedimento para acadar as cotas profesionais máis altas. De feito, os mesmos científicos aseguran que falan en galego entre eles dentro do CERN", explica a coordinadora de dinamización lingüística do centro moañés, Belén Escariz.
Os físicos darán una conferencia e os alumnos participantes poderán facerlles calquera pregunta a través dun chat.
Contexto
Dende o colexio de Quintela explican que a sua campaña premiada, "En galego pola rede", serve para que os pequenos adquiran unha maior competencia en galego, aínda que aseguran que non é suficiente, nin moito menos. "O contexto no que se desenvolven os alumnos e castelanfalante case no 100% dos casos, e nalgún a transmisión do idioma xa se cortou hai varias xeracións", alerta Escariz.
Para incentivar o emprego do idioma propio de Galicia, o traballo premiado pasa por colaborar coa Galipedia incluíndo a biografía de persoeiros de Moaña como Xavier Blanco, Lito Portela ou Iván Costa, e trasladando o currículo da asignatura de Coñecemento do Medio á contorna máis próxima, empregando un blogue para subir textos sobre os ríos, a flora e a fauna de Moaña. Os alumnos tamén participan en intercambios con estudantes de zonas maioritariamente galegofalantes, como Taragoña (Rianxo) ou Vide (As Neves).
Faro de Vigo
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 05-11-2010 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
O ‘Lobo’ que cazou a Reboiras
O infiltrado Mikel Lejarza, coñecido como El Lobo, puxo en bandexa o asasinato do militante da UPG Moncho Reboiras hai 35 anos. Agora recibe unha medalla oficial

RODRI SUÁREZ 15/08/2010 - 20:00 h.

Ambas frases saíron do máximo referente institucional presente en cada acto de recoñecemento. Un falou dunha “reafirmación das conviccións profundas asentadas na democracia”. O outro dixo: “Oxalá puidesen estar aquí hoxe todas as televisións”. No primeiro estivo presente a prensa e importantes políticos. O segundo realizouse en secreto e só foi coñecido varios meses despois grazas a un periodista de investigación. O homenaxeado do primeiro está morto. O segundo segue vivo.

Xosé Ramón Reboiras foi un militante nacionalista que morreu abatido a tiros pola policía franquista en 1975. O seu recoñecemento oficial como vítima da ditadura xustificaba o primeiro acto e as palabras pronunciadas polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro. Foi hai un ano. E cinco meses despois, Mikel Lejarza –coñecido como El Lobo– recibía a Cruz do Mérito Militar con distintivo branco. El foi o espía infiltrado na ETA Político-Militar dos últimos anos do franquismo cuxa información acabou derivando na redada que lle custou a vida a Reboiras. Alguén podería dicir que se repara a vítima e se condecora o verdugo. Sería unha visión. Tamén caben outras.

Múltiples factores provocaron a operación contra a Unión do Pobo Galego (UPG) na que mataron o activista contra a ditadura de Franco, agonizante pero moi agresiva. Porén, o principal seica foi a delación de Lejarza, nome cuxa autenticidade incluso é posta en dúbida por algunhas fontes. Segundo conta o xornalista galego Xavier Navaza no seu estupendo libro Disparos, editado por Xerais en 1991, “a curta tempada que Lobo viviu en Galicia foi abonda para que, en agosto de 1975, morrese Reboiras e caesen presos unha boa chea de membros e simpatizantes da UPG”. Segundo apunta Navaza, “Lobo chegou ao país como emisario de ETA-pm para comprobar en directo as posibilidades de colaboración coa UPG. Foi acollido con certo receo por algúns upegallos, que se estrañaron do seu xorne fanfarrón e, en ocasións, arriscado, sen motivos que xustificasen a súa permanente valentía. Non lles gustaba nada a súa maneira de se presentar, tampouco que repetise constantemente para quen o quixese escoitar que nunca deixaba de levar o ferro (a pistola) a man, por se acaso, dicía”. Fontes do nacionalismo daquela época lembran a lixeireza coa que actuaban algúns dos emisarios vascos. “Tiñamos un piso franco no que se aloxaban eles. Nós tomabamos todas as precaucións do mundo, pero cando chegamos a buscalos non estaban. Alarmados, saímos na súa procura. Estaban de mariscada nunha taberna alí ao lado”.

Nunha época con bastantes diferenzas respecto á actual, a principal a falta de democracia e a terrible represión política, a ETA do tempo do ditadura quería estender a súa influencia a todo o Estado e sondar a posible colaboración con outras organizacións políticas que incluso puidesen pasar á actividade armada cunha táctica máis ou menos común. Iso provocou os seus contactos coa UPG, que tamén tiveron lugar en Madrid ou na Bretaña. O seu único e desgraciado froito foi a morte de Reboiras, ademais de moitos detidos e varios exiliados en Portugal.

Esa foi a colaboración do que chamaban Gorka dentro da cúpula etarra pero que cando se poñía en contacto coa policía franquista presentábase como El Lobo. Con ese mesmo nome estreouse unha película de acción protagonizada por Eduardo Noriega. De feito, en determinados foros mediáticos estatais existe certa fascinación por esta figura, na que el mesmo colabora. Hai dúas semanas, unha canle da TDT repuxo unha reportaxe na que o propio Lejarza acompañaba a dous xornalistas polas rúas dos seus anos de falsa militancia en ETA. Incluso ten participado en chats organizados por un periódico madrileño de corte conservador. Son actividades un tanto raras para alguén que tivo que recorrer á cirurxía para escapar da condena a morte que contra el ditaron os que foran os seus compañeiros. Ou máis ben os poucos que quedaron libres ou vivos, posto que o seu traballo facilitou, pasando el mesmo un grave risco persoal, a detención da cúpula etarra. Corría 1975. Franco aínda vivía. Pouco despois e entre enormes protestas no Estado e no exterior, asinaba as súas últimas penas de morte, algunha das cales acababa coa vida doutro galego, Xosé Humberto Baena.

Foi condecorado Lejarza a principios deste ano polo Ministerio de Defensa. A noticia ofreceuna en exclusiva o prestixioso periodista de investigación Fernando Rueda e logo foi recollida por outros medios. Celebrouse de forma clandestina, coas lóxicas medidas de seguridade e entre os méritos que se lle recoñecían estaban outras actividades de espionaxe xa realizadas en democracia. Pero a súa etapa dourada foi durante o franquismo. E está chea de dúbidas. Algúns, como o actual líder de Aralar, Patxi Zabaleta, afirman que foron as torturas e as presións as que o levaron a cambiarse de bando. Outros din que sempre foi un simpatizante da extrema dereita, malia que se movía en ambientes esquerdistas con dominio do éuscaro.

El –ou polo menos o que se deixou ver de forma mediática, sempre sen dar a cara– non dá pistas. Pero está orgulloso do seu sanguento traballo, cuxa exaltación duns anos a esta parte foi fundamental para que a condena á ETA actual tamén incluíse a da ETA do franquismo, no seu momento avalada dun ou outro xeito pola maioría do antifranquismo e da esquerda. Pero máis alá das opinións, das circunstancias de cada momento e das intencións políticas da actualidade, o certo é que, en Galicia, Moncho Reboiras foi asasinado, tal e como o corrobora a distinción oficial do Goberno. O militante caído da UPG é unha vítima dunha tiranía. Nese contexto, como se poden interpretar as palabras do Lobo nas que di ter “conciencia tranquila”? “Estas son as cousas que lle fan sentir feliz a un e pensar que tanto esforzo serviu para algo”, afirma sen rastro de autocrítica o suposto Lejarza nun deses chats aos que acudiu. Referirase ao tiroteo polas costas a Reboiras?



DISPAROS

Foi na rúa da Terra de Ferrol, un 12 de agosto de 1975. A policía foi a por el e intentou fuxir. “Ao botar a correr se fixeron uns disparos ao aire como advertencia”, dixo a versión oficial do réxime. Mentira, posto que a camisa do militante da UPG amosa os tres tiros mortais que recibiu. Desangrouse dentro do portal, coa porta pechada. Dende fóra, a policía disparou máis de cen veces. Co drama quedaba, segundo o lema dos seus partidarios, “unha semente de vitoria”. Moncho Reboiras foi “un exemplo de compromiso por un soño branco, azul e vermello”, sinala o seu irmán Manuel. El Lobo seguiu ouveando. En 1990, segundo publicaron o desaparecido diario abertzale Egin e o madrileño El País, foi detido en Irún acusado de extorsionar o dentista Pedro Ortiz facéndose pasar por etarra. Xa visitara o quirófano e tiña outra cara. Cara abondo. Logo, dous policías pagaron cinco millóns de pesetas (30.000 euros) para que o afectado retirase a demanda. Agora, Lejarza recibe unha medalla. Reboiras, un diploma oficial e flores na súa tumba.
Xornal de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: historia - Publicado o 18-08-2010 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Séchu Sende: ''Eu traballo día a día para que Galiza sexa soberana''
Entrevista

12/08/2010 - Olalla Tuñas

Debuxos de animais, o poder duns versos retranqueiros e directos, a denuncia verde e vermella e moita rebeldía é a materia prima de Animais, o último libro de Séchu Sende (Padrón, 1972). Utiliza unha voz calma e serena para falar do positivo das mudanzas e da maxia das palabras escritas quer con 'nh', quer con 'ñ'.

Nesta Galicia de ventre aberto fálame do reintegracionismo e da fauna do país. 'Un poema pode ser coma o ouveo dun lobo', escribe nun dos seus versos. O seu libro leva inscrito o berro do animal polos homes e máis polos seus.

Pregunta: Animais pode considerarse un álbum ilustrado que, valla a redundancia, está cheo de imaxes non só debuxadas. Eu quedo coa do toxo en flor xunta o guindastre. Vostede cal escolle?

Resposta: Eu identifícome con todos os animais que saen no libro. Éme moi difícil escoller un porque me dá a impresión de que cada un de nós podería ser un deses animais en situacións diferentes. O lobo subindo as escaleiras, o esquío ao lado do guindastre ou na lavandeira ao lado de Reganosa en Ferrol son como diferentes fotos da nosa propia vida. Somos animais.

P: A que se debe que desta volta decidira debuxar?

R: Basicamente porque sempre fun desas persoas que sacaba o rotulador nas aulas cando estudaba ou que na sobremesa se poñía a pintar sobre o mantel. Mais, hai tres anos, agasalloume a miña compañeira cun xogo de acuarelas e púxenme a pintar co pincel e máis co rotulador. Entón foi unha especie de terapia anti-estrés para poder expresarme doutra maneira a través das imaxes. Curiosamente foron saíndo ducias de animais cos que me identificaba. É unha cousa que eu tamén facía de pequeno e supoño que é como andar en bicicleta, que nunca se esquece.

P: No seu libro pódese establecer unha división entre animais da cidade e do monte, non é?

R: É complicado decidir quen ten maior grao de animalidade, un político que asina un papel, un construtor que destrúe unha contorna natural ou os propios animais que viven no noso medio ambiente. O titulo é ambiguo. A min o que me interesaba é que a xente que colla este libro na man se identifique cos animais que saen nel nesas diferentes situacións e máis que os vexa como protagonistas da historia do noso país. Son seres que están por aí agochados e que ás veces vemos esmagados na estrada, mais que decote saltan por diante do noso coche en forma de corzo con moitísima vitalidade. Basicamente, son vítimas da nosa propia forma de comportarnos coma humanos.

P: A súa obra é unha coordinación de diferentes vértices da sociedade: a lingua, a ecoloxía, os soños... Di que non podemos crer nos que afirman que as palabras non poden mudar o mundo. Vostede cre que é posible cambialo así?

R: Eu penso que si, que as palabras mudan o mundo e a literatura tamén. De feito, se creo que algo pode virar o mundo son as verbas, as ideas e as emocións que levamos dentro . O grao de transformación ou a capacidade de mudanza por metro cadrado dun vocablo é difícil de calcular. Mais o que está claro é que a literatura, o cine, as palabras que nós falamos durante unha comida ou unha reunión de colegas é precisamente o que cambia o mundo pouco a pouco e este libro é unha aportación máis.

Eu vexo esta obra como parte dun movemento social como pode ser unha camisola, unha chapa, ou un concerto onde se xunta a xente, onde a xente se relaciona, onde a xente fala e se emociona ao redor a un momento de comunicación. É unha peza máis dese crebacabezas e ten como vontade cambiar as cousas humildemente mais a intencion do libro é que cambie a emocions da xente, que aporte algunha nova idea. simplemente o tacto de ter o libro na man xa esta a cambiar algo.

P: Nun dos versos de Animais: 'Talvez se cumpra umha parte proporcional dos nossos sonhos/ se os sonhamos juntos' dá a entender que a única maneira de mudar as cousas é xuntármonos. Cal é o teu método para a 'produción social de soños'?

R: O reto máis grande á hora de escribir é implicar á xente no propio libro, que a xente se faga protagonista, que se sinta parte do que ten entre as mans, neste caso, un libro. Teño claro que os cambios socias se dan mediante procesos comunicativos nos que a xente xera discursos e se comporta de maneira social, nos que a comunidade comparte e é xenerosa. Esa produción social de futuro é obviamnete unha forma de cambiar a realidade.

Os soños non deixan de ser parte da realidade. A min hai algo que me interesa moito, que é o traballo da xente a nivel cotián. Como no día a día a xente vai traballando, non só activistas, senón xente que na súa vida diaria vai facendo pequenas cousas que fan que muden as súas inmediacións e o mundo. O país ou a sociedade cambian en rede a través de cousas pequenas e tendo a crenza de que cada un de nós pode facelo. Ás veces fáltanos esa confianza porque o sistema non fai máis que inxectaros pesimismo, desconfianza, soidade e fronte a iso temos que emerxer cada un e cada unha de nós formando parte dun colectivo.

P: Precisamente por iso do pesimismo e a soidade que inxecta o sistema lle quería preguntar. Nun dos poemas fala de que cae como unha tartaruga, esa caída é accidental ou inducida?

R: Din que a militancia ou a participación social ten diferentes fases. É como estar namorado, que pode ser un ciclo de tres anos ou catro. Eu na vida como activista social. tamén tiven ese tipo de fatigas, como pode ter calquera persoa e ese poema pois representa un episodio, é un poema... pódese dicir que intimista. Tamén non deixamos de ser fráxiles, débiles e vulnerables. Nun libro optimista tiña que haber espazo para o cansazo.

P: Eu acho que é un poema optimista, volves erguerte. Esa foto da que falas no poema, na que aparece o sinal de 'Perigo, tartarugas', tiráchela no Curdistán, non é?

R: Esa foto foi en Turquía, antes de chegar ao Curdistán, na Capadocia. É unha foto na que aparezo cun sinal na que hai unha tartaruga dentro dun triángulo de precaución. Despois de velo pasei tres dias conducindo o coche máis pendente das cunetas que da propia estrada até que vin unha tartaruga de terra e comprobei que era certo, que alí hai tartarugas como aquí corzos ou vacas a cruzar a estrada. Foi curioso, como estar a vivir un soño. Alomenos, foi máis facil de esquivala que un xabaril.

P: Que significou para vostede que Made in Galiza se publicara no Curdistán?

R: Sentín que como galego podía aportar moito ás comunidades e pobos que están moi lonxe. Foi toda unha sorpresa ver que había xente que a máis de 5000 quilómetros se identifica coa situación a nosa lingua porque eles viven unha posición semellante. A pesar de que polo meu choio, son profe de lingua, coñezo moitas realidades linguísticas de todo o mundo, ter este contacto directo co Curdistán foi moi emocionante. Vou ir, de feito, en novembro a Turquía. Van traducir o libro ao turco e fan a presentación na Feira do Libro a Estambul.

P: Escribe no seu libro '...independência está seqüestrada numha oraçom subordinada advebial/ de tempo'. Que propón para liberala?

R: Propoño compartir accións sociais, construír entre moita xente un proceso de comunicación, moita rebeldía, moito humor, empregar moito máis a retranca que a saudade e falar con persoas diferentes a nós e non sempre coa mesma xente. Moitas cousas.

P: O importante é que o ves como un fin posible cando escribes ao remate do libro a data na que se imprimeu: '.... anos antes da declaraçom de Galiza como república independente'.

R: Ese é o buraco para que cada lector e lectora cubra. Algúns poñerán alí 20 anos, outros porán alí 500 anos. Eu o certo é que non o cubrín. Teño que sentar un día e pensalo. Mais é algo que está aí, polo que eu especialmente traballo hoxe, no día a día, porque Galiza teña autogoberno, sexa soberana, sabendo que para que iso se cumpra ten que haber un proceso socio-creativo de comunicación e de transformación social que se ten que ir facendo dia a día.
Galiciaé
Comentarios (1) - Categoría: persoeiros - Publicado o 18-08-2010 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Sanxiao: ‘Usar o galego é un bo remedio contra a deslocalización’
César Lorenzo Gil . Francisco Sanxiao Otero (Compostela, 1966) é profesor de Economía Aplicada na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. É estudoso do impacto da lingua galega na nosa economía.

Pódese reducir a cifras a utilidade do galego?

A cultura é un recurso que pode servir para crear riqueza e desenvolvemento económico. Polo tanto pódense calcular os beneficios ou prexuízos que o uso ou a perda dunha parte do noso patrimonio inmaterial, neste caso o idioma, lle ocasionan á nosa economía. A ecuación é moi simple: se un país non utiliza eses recursos está a renunciar a crear riqueza.

Por que é unha fonte de riqueza?

Porque lle dá valor engadido ao noso sistema produtivo. Se usamos acotío o galego farémolo rendíbel porque as diferentes empresas terán que axeitarse á nosa cultura para poder vender; porque ese valor engadido que dá o galego non se pode reproducir noutro lugar. Por poñer un exemplo, se esiximos que nos atendan en galego no teléfono de atención ao cliente dun provedor de servizos, caso da enerxía ou a internet, por exemplo, estaremos obrigando a esas empresas a contratar galegos. Traballar en galego é un bo remedio para a deslocalización e o dumping social.

É común ouvirlles a algúns empresarios que o uso do galego pecha fronteiras.

Esa frase é unha inercia. Acéptase porque non se reflexiona sobre o que significa en realidade. A realidade é xustamente a contraria. Determinados produtos propiamente galegos seguro que terían maior mercado se fosen rotulados tamén en galego, caso das conservas ou os produtos agrícolas de calidade porque o mercado español identifica a Galiza con esa industria e prefírea á proveniente doutros lugares. Iso non significa poñer as etiquetas só en galego. Todos debemos defender o propio pero adaptarnos aos demais.
A Nosa Terra
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 29-06-2010 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
Daniel Rivero, director da tenda de IKEA d'A Coruña
Daniel Rivero (Montevideo, 1964), emigró con su familia a Suecia en 1979 a la ciudad de Moheda, muy cerca del lugar donde nació Ikea. En el 92 comenzó a trabajar en la multinacional de la decoración de bajo coste como carpintero. Poco después fue promovido a jefe de sección. En el 2005 llegó a Portugal como jefe de ventas, y, tras dirigir la tienda de Porto, en septiembre del año pasado, le ofrecieron el “reto” de dirigir la de A Coruña, que abrirá sus puertas el próximo 20 de julio. Casado y padre de dos hijos, asegura que aprenderá gallego “en breve”.

"...
Se dijo que estaban ultimando un catálogo con versión en gallego.

Por supuesto. Estamos trabajando en el catálogo, lo que parece una tarea fácil pero en realidad supone una carga de trabajo importante.

¿La página web será en gallego, tal y como se anunció inicialmente?

La página web local de la tienda de A Coruña, por cuestiones técnicas, no se puede hacer en dos idiomas, así que hemos optado por hacerla solo en gallego. Teníamos dos opciones, castellano y gallego, que para nosotros son equivalentes, y finalmente será íntegra en gallego. No se trata de una cuestión política ni mucho menos. Para las personas que no hablen gallego, como es mi caso, vamos a facilitar, dentro de la tienda, clases para que nuestros empleados lo aprendan. Y esto es único en la tienda coruñesa. Yo hablo portugués y, aunque el gallego es un idioma propio y específico con muchas raíces comunes con el portugués, quizás me resulte más fácil aprenderlo.

¿Y los gallego hablantes serán atendidos en su idioma en el servicio de atención telefónica ?

Por descontado. Cuando un cliente que hable gallego llame a Ikea le atenderán en ese idioma. Si nuestro personal que habla gallego por casualidad no estuviese presentes en ese momento en la tienda, se le tomará el número de teléfono y se le llamará con la mayor brevedad posible para atenderlo en su idioma. Estos servicios son nuestra responsabilidad.

¿Usted también va a aprender gallego, entonces?

Voy a empezar a tomar las clases en breve. Me esforzaré en aprenderlo. He visitado la zona de A Costa da Morte y A Mariña lucense y he tenido dificultades para entenderlo en algunas zonas, pero en otros lugares lo he entendido mejor. Yo soy comerciante y lo que pretendo, sobre todo, es comprender a las personas que me hablan, a los clientes, para poder comunicarme correctamente.
..."
Entrevista completa no Xornal de Galicia
Comentarios (1) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 29-06-2010 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Orgullosos do noso, orgullosos do galego (IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas)


IES Pedras Rubias - Salceda de Caselas (maio 2010). Este vídeo está realizado a través da técnica de "stop - motion", a través da animación gráfica de fotografías (fotogramas). Colabora García MC (Dios ke te Crew)
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-06-2010 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Puto Coke - Ga-a-l-ego


El Puto Coke concorre ao A Polo Ghit cun tema, “G-g-A-a-L-EGO”, que defende o uso da lingua, que, como dicía Afonso X O Sabio, era perfecta para a poesía e a música; para este tema conta coa produción de Bleis e a colaboración do
recoñecidísimo gaiteiro Anxo Lorenzo por cortesia de Zouma records, ademais das achegas de Wöyza e Dj. Fabián. O tema forma parte do novo maxi do MC, onde tamén figura o tema "Irmán", e que se pode descargar dende Licorkafe.com.
Vieiros
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 04-06-2010 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé H. Costas: ´Moitos galegos quererían ser madrileños´
Director de '55 mentiras sobre a lingua galega'

"É falaz invocar o bilingüismo para non querer falar unha das linguas oficiais e querer elixir para non ter contacto co galego porque mancha"


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o 5 de febreiro, simultanemente, en decenas de lugares do mundo, o libro ´55 mentiras sobre a lingua galega´, un estudio coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas co que os seus autores pretenden axudar a superar prexuízos e interpretacións subxectivas sobre o idioma de Galicia

ISABEL BUGALLAL | A CORUÑA -Por que presentan o libro en 55 sitios distintos a un tempo?

-Xa son máis de 70. Chámanos xente que se ofrece para presentar o libro, tanta que imos pechar a lista.Tiñamos o problema de ver onde o presentabamos, si na Coruña ou Vigo, onde estaba o ollo do furacán, queriamos combater a mentira alá onde a mentira se orixinara; despois pensamos nas sete cidades galegas e a alguén se lle ocorreu que por que non o faciamos en vinte localidades, pero hai xente de Prolingua por ahí fóra que dixo 'sería bonito facelo tamén aquí', e xa temos o sitio e a xente que o presentará mesmo en Madrid, Barcelona, Vitoria, Tubinga, Lisboa, Nova York, París, Londres, Copenague, Nablús... Para nós é unha alegría inmensa esta marea de fartura, porque a xente xa está farta de tanta mentira.

-Cal é a utilidade do libro?

-O libro nace simplemente para desmontar todas as falsedades que se foron vertendo sobre a lingua nos últimos tempos. Hai pouco nun programa na TVG sobre o famoso decreto unha profesora de Dereito saltou outra vez con ese bulo urbano de tres ao caldeiro (tres elevado ao cubo). Que me digan en que colexio, en que aula, que profesor, cando e onde, porque é falso. Son esas mentiras... Cando non poden criminalizar o galego ou recluilo tratan de ridiculizalo, é a estratexia do negacionismo. 'Iimos ridiculizar o galego, paletos: leiras magnéticas, tres ao caldeiro'... É mentira a imposición do galego, é mentira que o castelán corra calquera risco...

-Son mentiras con ideoloxía?

-Totalmente. É mentira tamén que non houbera conflito lingüístico até agora. Non, até agora houbo un conflito lingüístico enorme, o que pasa é que os galegofalantes teñen unha paciencia de boi secular. Había uns decretos para o ensino que non se estaban cumprindo e no momento en que unha administración decide que se cumpran, entón é cando se fala de imposición. En Vigo, só o 25% dos centros educativos cumprían o decreto do galego en 2008.

-O decreto, nun principio, foi acordado por todos os partidos.

-Foi consensuado por todos, mesmo polo PP, que despois se desmarcou, e é unha derivación lóxica do Plan de Normalización, que foi feito con Fraga de presidente e Feijóo de vicepresidente. Non ocurrera nada anormal até que non sei quen chamou a rebato desde Madrid e aquí puxéronse firmes e empezaron coas mentiras e difundíronse unha serie de historias para non durmir que aquí non as cre ninguén pero en Madrid, si. Teño amigos da alma en Madrid que dicían: 'como vos estades pasando en Galicia'. Como? 'Familias enteiras teñen que abandonar Galicia presionadas polo galego', dicía ABC. Vaia por Deus, home! Se nós non podemos facer vida normal en galego, si en Vigo, de 630 misas, só dúas son en galego. Si eu quero firmar unha hipoteca en galego cústame un mes e si a fago en castelán, un día. Calquera xestión en galego é un problema. Teño moi difícil vivir en galego, moi difícil, e unha persona que viva en castelán, non. Pero os que queremos vivir en galego, sobre todo nas urbes, estamos marcados: ou somos paletos ou somos do Bloque. Xa está ben, estamos fartos!

-Os prexuízos máis comúns?

-Que o galego non é útil, que non vale para nada, que está ben para falar na casa pero non para dar clase de Física ou para saír fóra de Galicia... Aquí, en Vigo, hai moita xente -médicos, enfermeiras...- que traballa en Portugal. Por que? Porque levan xa o idioma aprendido, e non collen salmantinos ou extremeños. En Petrobras, en Brasil, hai moitos enxeñeiros galegos. Iso de que non vale para nada... 'É que non é internacional'. Tampouco é o español: deixémonos de historias, a lingua científica e técnica é o inglés. Un holandés ten que renunciar á súa lingua, ou un danés, porque só a falan catro millóns de personas?

-Por que o desprezo ao galego?

-En 1960, só o 13% da sociedade galega falaba sempre en castelán. Con Franco esténdese o ensino obrigatorio e esténdense en español, como se extende o aparato administrativo do Estado. Iso foi decisivo para a produción de prexuízos, e ao mesmo tempo prodúcese un éxodo do campo ás cidades, sobre todo a Vigo e á Coruña, onde había unhas burguesías foráneas asimiladas. Era moi pouca xente, pero era a xente de prestixio. Hoxe hai xente que na Coruña ou Vigo fala castelán e na aldea o fai en galego; na cidade, non, por si o tildan de aldeán. Estes prexuízos, que tiñan que estar erradicados despois de trinta anos de Autonomía, aínda funcionan. Fallou algo.

-Que foi o que fallou?

-Que houbo unha política lingüística de baixa intensidade, que os decretos non se aplicaron no ensino, nin nos medios de comunicación, a pesar das subvencións. É máis, a presenza do galego nos medios de comunicación decreceu desde os primeiros anos da Autonomía. A imaxe do galego que se deu nos medios de comunicación autonómicos era folclorizante e asociada á senectude, non houbo unha politíca lingüística para captar novos falantes.

-No libro falan do síndrome Michael Jackson.

-Claro, facemos todo o posible por deixar de ser galegos porque asociamos ser galegos a unha serie de connotacións negativas. Michael Jackson, por máis que quería, non podía deixar de ser negro, e a moita xente, por máis que quere, o acento galego nótaselle sempre. É un complexo, moita xente querería ser madrileña, directamente.

-Bilingüismo, outra falaicia?

-O bilingüisimo só pertenece aos que falamos en galego habitualmente. A xente que fai canto do bilingüísmo utilízao de tapadeira. Os auténticos bilingües -ou trilingües, porque quen fala dous fala tres ou máis linguas- somos nós. O que é falacia é invocar o bilingüismo para non querer falar unha das linguas oficiais, querer ter a liberdade de elixir para non ter contacto co galego porque o galego mancha.
Xosé H. Costas: ´Moitos galegos quererían ser madrileños´. La Opinión A Coruña
Comentarios (2) - Categoría: normalización lingüística - Publicado o 07-05-2010 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal