 Para a portavoz nacionalista, Fina Quintáns, “esta iniciativa do nacionalismo, a través da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, xerará actividade económica e facilitará a creación de emprego no concello”
O BNG de Oleiros define o Plan Sectorial de Vivenda da Xunta de Galiza como “unha grande oportunidade” para o concello por canto permitirá aos veciños e veciñas disporen de 592 vivendas protexidas a prezos accesíbeis, e implica un cuantioso investimento de perto de 24,5 millóns de euros ao longo da vixencia do plan sectorial que se desenvolverá entre 2009-2017.
A portavoz nacionalista, Fina Quintáns, saudou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que contribuirá a Oleiros con novos equipamentos e zonas verdes, “creando espazos públicos de calidade dos que tanto precisamos neste concello”, explicou, “ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise en que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Oleiros”.
A portavoz nacionalista tamén valorou as bolsas de solo seleccionadas, por canto apostan pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. “Pensamos que as bolsas elixidas acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na situación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como para as necesitadas”, explicou. Fina Quintáns salientou ademais que “a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 150.000 m2 de zonas verdes e 40.000 m2 dotacionais en que se poderán situar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais dos que tanto precisa Oleiros”.
O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera tamén esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar os concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise. |