 A Portavoz Municipal do BNG, Fina Quintáns, apresentou esta mañán polo rexistro do concello a moción do BNG comarcal para a mellora do transporte metropolitano. Reproducímola abaixo:
MOCIÓN
Exposición de Motivos
Moitos son os problemas de mobilidade na área metropolitana da Coruña, problemas que non só poden ser resoltos coa construción de novos viais. O BNG ten claro que os problemas de mobilidade só se resolverán o día en que as infraestruturas proxectadas remataren, o día en que se fixer unha planificación urbanística axeitada (e deste xeito tamén se planificaren axeitadamente as novas vías) e, por suposto, se realizarmos un Plano director de transporte público.
Para o BNG facer unha aposta polo transporte público é fundamental se ansiarmos pórlle fin ao problema. Apostarmos por liñas de autobuses cun número elevado do servizo, pola construción dunha estación intermodal, pola organización do transporte dos camiños de ferro para viaxeiros e viaxeiras, pola posta en funcionamento de aparcadoiros disuasorios nas conexións das grandes vías de comunicación etc. todo isto equivale a apostarmos por unha notábel mellora non só da mobilidade da populación urbana, mais tamén da calidade de vida.
É por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte
ACORDO
1. Solicitar á Xunta de Galiza:
- A urxente creación da Area Metropolitana da Coruña, con competencias en materia de transporte e mobilidade.
- A colaboración cos municipios da comarca para a criazón imediata dun ente metropolitano de transporte.
- A implantación de liñas de transporte metropolitano por estrada con billete único.
- Posta en funcionamento do transporte marítimo pola ría interconectado co tren e co autobús.
- Planificación do Carril Bus e de taxi na Área Metropolitana da Coruña.
- Conexión dos paseos marítimos e posta en marcha de alugueres de bicicletas comarcais.
- A eliminación da portaxe na AG-55 entre A Coruña, Arteixo e Carballo.
- A implantación de nós de enlace: aparcadoiros nas áreas de descanso das autoestradas e nos apeadoiros do tren, na conexión da Vía Artabra coa AP-9, na conexión da A-6 coa 3ª Rolda e co polígono de Ledoño, entre outros.
2. Solicitar do Goberno español:
- A execución dunha Estación intermodal na Coruña.
- O estabelecimento imediato de servizos ferroviarios de proximidade entre A Coruña-Betanzos-Ferrol e A Coruña-Betanzos-Oza dos Ríos.
- A implantación de novas frecuencias na liña ferroviaria A Coruña-Santiago adaptados ás necesidades dos utentes.
- A eliminación da portaxe na AP-9 entre Guísamo e A Coruña.
Pódese descarregar o texto da moción do BNG referida ao transporte na nosa comarca aquí.
|