|
|
|
|
| ''UNHA TREBOADA DE PARO E DESEMPREGO'', UN ARTIGO DE TERESA TÁBOAS, COORDENADORA DO BNG |
|
 Polo seu interese, hoxe Día da Clase Obreira Galega, reproducimos o artigo de Teresa Táboas, deputada polo BNG no Parlamento de Galiza e, publicado este días en Xornal.com.
"Unha treboada de paro e desemprego".
Un artigo de Teresa Táboas, coordenadora do BNG.
Cando xa se cumpriu o cabodano das últimas eleccións nas que o P&P voltou para gobernar o noso país, non sei por que estraño xogo mental o que me vén á cabeza, é aquela canción dun grupo chamado Celtas Cortos, e que dicía: “cuéntame un cuento y verás qué contento, me moy a la cama y tengo un lindo sueño”. Será quizais porque o que temos ante nós non é máis que un goberno contacontos. Fixérono durante a campaña, utilizando dun xeito maxistral en tódolos seus actos e intervencións, a difamación e ausencia de escrúpulos cando faltaban á verdade.
Lembro agora, por exemplo, aquela foto que lle tiraron o 11 de febreiro do ano 2009 ao daquela candidato á Presidencia da Xunta. Imaxe ridícula donde as haxa, tal e como se fora Moisés amosando os dez mandamentos diante de Monte Pío, portaba un contrato cos cidadáns que pasado o tempo descubrimos que era precario, pero que el defendía como nídio, transparente e concreto, para loitar contra o que el calificou redundantemente coma unha treboada de paro e desemprego, eso si, ateiagado dunha retórica demagóxica con frases tales como: “a sociedade pídenos que lle solucionemos os seus problemas, non que pelexemos entre nós”, dícia o señor Núñez Feijóo mestre en crealos, e reivindicando a necesidade de que a clase política recuperara a falta de credibilidade. Chegaron ao poder montados nunha máquina construída de mentiras e continuaron a facelo despois de tomar posesión dos seus cargos, tanto o que preside o goberno coma todos os que o compoñen, e fano alí no Parlamento, no espazo arquitectónico donde reside a vontade de todolos cidadáns galegos que aquel domingo de marzo foron a votar, e que debería ser sagrado.
Onde están as promesas de rebaixar impostos, de nomear en tres meses no Parlamento por maioría cualificada o director da Radio Televisión de Galicia, de facer en tres meses un Plan de residuos sólidos ou dicir que ía poñer a mocidade nun primeiro plano, seguramente se refería ao primeiro lugar nas longas ringleiras do paro. De resolver a crise en 45 días e as súas respectivas noites. Onde quedou aquela promesa feita no Parlamento de aprobar en seis meses as Diretrices de Ordenación do Territorio ou o Plan do Litoral? Pois todo ficou nun irresponsábel conto cuxo único fin era chegar ao poder e despois manterse nel.
O contrato cos galegos finiquitado e aquela treboada da que falaba o señor Núñez Feijóo agora xa está convertida nun devastador furacán pola ineficaz xestión do seu goberno. Unha profunda crise nun sistema que o seu partido continúa a defender a ultranza aínda vendo as súas consecuencias. Onde están as mudanzas feitas por este goberno despóis dun ano, onde están as alternativas?
Acredito que non están porque nunca o Partido Popular tivo intención de transformar nada, alén de destruír os alicerces do que se estaba a construír, pero ademais fano con xenreira e con moita présa co fin de esvaecer calquera pegada que puidera quedar de outro modelo, que comezaba a iniciar fondas transformacións no medio rural, nos servizos sociais, nas políticas de vivenda, na aposta e orgullo pola nosa cultura. Iso é toda a sua contribución despois dun ano, non máis.
Máis aló de iso o único que ollamos son centos de empresas que pecharon este ano, ou as case 300 mulleres e homes que no noso país ingresan cada día nas listas do paro como unha cifra máis. Por desgracia, un conto tráxico. A volta da dereita ao goberno da Galiza semella ser o cumprimento daquela profecía Maya que anunciaba o tempo da humillación : Virán a ensinar o medo. Virán a capar o sol. |
|
|
|
|
| MANIFESTACIÓN NA CORUÑA POLO DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA: ‘O EMPREGO, OS SALARIOS E AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE LOITANDO’ |
|
 Este ano están convocadas pola CIG diferentes manifestacións nas sete cidades do país baixo o lema "O emprego, os salarios e as pensións deféndese loitando"
A manifestación na Coruña está convocada para as 20:00 horas na Praza da Palloza
As manifestacións convocadas para hoxe mércores nas sete cidades do país queren erguer a voz diante das alternativas que se están a barallar por parte dos goberno de Galiza e do Estado para “atallar” a crise económica a conta dun sacrificio enorme por parte da maioría social, a clase traballadora, mentres que aqueles que a provocaron van saír da crise sen que esta case non os teña afectado.
Emprego, salarios e reforma das pensións son algúns dos aspectos en que a CIG centrará as mobilizacións de hoxe 10 de Marzo. Xunto a isto e alén de presentar as súas alternativas, a central sindical galega denunciará as políticas que se están a seguir por parte dos gobernos, tanto central como galego, "coa complicidade das centrais sindicais estatais". Así o explicou Suso Seixo, secretario xeral, en declaracións á prensa.
Seixo lembrou que ao comezo da crise, a CIG xa adiantaba que a saída podía darse por dúas vías, incidindo aínda máis en medidas neoliberais ou apostando por un modelo socioeconómico máis solidario, xusto e democrático. Lamentabelmente, o primeiro "é o modelo que se está a seguir por parte dos gobernos, coa connivencia das centrais sindicais estatais. Non hai máis que ver o que está a ocorrer coa reforma laboral e co pacto salarial a nivel de Estado, que constitúe na práctica un recorte de salario para os próximos 3 anos".
O secretario xeral da CIG denunciou que a crise económica viu motivada polo fomento dunha economía especulativa que "xerou enorme lucro para os oligarcas e especuladores nos mercados financeiros". Porén, a idea que se está a transmitir é que a saída da mesma "está na reforma laboral e no recorte de salarios". Por iso, afirmou que a CIG é profundamente crítica “co que se está a facer e hai que se mobilizar porque de darse algún tipo de reforma no mercado laboral, tería que ser para acabar cos altos índices de temporalidade e de precariedade e nunca para abaratar o despedimento".
Alternativas
Fronte a isto, a CIG aposta por unha política de mellora do poder adquisitivo dos salarios, porque entende que unha das causas fundamentais da crise económica está en que "nos últimos anos os salarios perderon peso no PIB e os traballadores e traballadoras moito poder adquisitivo". Segundo Seixo, entre mentres, incrementáronse os beneficios empresariais, que foron destinados, nunha grande parte, a especular nos mercados financeiros, no canto de se destinaren a crear ou potenciar o tecido produtivo.
A CIG tamén aposta por incrementar o gasto público, fronte o recorte anunciado, para investir en servizos públicos, servizos de asistencia social, I+D ou apoiar o tecido produtivo.
O papel da Xunta de Galiza
Suso Seixo denunciou que o goberno galego non pode adoptar a actitude de non facer nada tentando que sexa o goberno central quen presente todas as alternativas. Seixo considera “tremendamente criticábel” o que está a facer a Xunta en todo o que ten a ver cos servizos públicos e cos servizos de asistencia social, fundamentais para a calidade de vida dos galegos e galegas, mais tamén para a xeración de emprego.
A mobilización de hoxe na Coruña está axendada para as 20:00 horas na Praza da Palloza. |
|
|
|
|
| O BNG DEMANDA DA XUNTA DE GALIZA A ORGANIZACIÓN DUN CONCERTO DO XACOBEO 2010 EN SANTA CRISTINA |
|
 A Xunta de Feijóo está a programar diversos concertos enmarcados no Xacobeo, entre eles o da MTV, e Oleiros segue sen aparecer como concello onde se programe un concerto do Xacobeo. Oleiros está, por tanto, excluído por parte da Xunta dos concertos do Xacobeo deste ano.
O BNG de Oleiros apresentou unha iniciativa no seu día no Parlamento de Galiza demandando se a Xunta organizaría o grande concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina do mesmo modo que nos dous xacobeos precedentes, logo de ter sido apresentada a programación do Xacobeo 2010 por parte do goberno da Xunta. A iniciativa do BNG ten a súa orixe no feito de o noso concello ter sido excluído desa programación por parte da Xunta. A pergunta parlamentar realizada no seu día polo BNG non foi respondida aínda pola Xunta, e o noso concello continúa estando excluído dos concertos do Xacobeo.
O concello de Oleiros foi protagonista nos dous últimos xacobeos de dous concertos dos máis multitudinarios da historia de Galiza. O primeiro deles contou con Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, e o segundo dos concertos con Carlinhos Brown e Orishas, entre outros destacados intérpretes. Máis de 100.000 persoas asistiron a cada un dos concertos, segundo estimacións de diferentes fontes, conseguíndose deste xeito que unha grande cantidade de persoas se achegasen ao concello de Oleiros desde diversos puntos da xeografía galega e internacional, cun excelente comportamento do público asistente que foi envexábel para calquera outro concerto de carácter internacional.
O concello de Oleiros e a comarca da Coruña no seu conxunto beneficiáronse dos concertos antes referidos quer na promoción turística quer nos beneficios xerados para a hostelaría. Por este motivo o conxunto da corporación do Concello de Oleiros así como a poboación deste concello non poden nin poderían entender que non se realizase un concerto destas características coa experiencia dos eventos realizados. Téndomos a capacidade para acollermos un grande concerto no noso concello, nomeadamente en Santa Cristina, no verán de 2010, cun elenco de artistas de relevancia tanto de Galiza como internacionais, que garanta unha afluencia masiva de asistentes a este concerto, esta sería unha ocasión que non deberíamos desaproveitar para promocionarmos o turismo quer a nível local e comarcal, quer a nível galego e internacional.
Así as cousas, non se entende, por tanto, que o concello de Oleiros fique marxinado por parte da Xunta como localidade para se desenvolver un grande concerto do Xacobeo 2010. Por todo isto, o BNG demandará de novo cales son as causas de que Oleiros se marxine canto aos concertos do Xacobeo e exixirá un compromiso por parte da Xunta para a realización dun concerto do Xacobeo 2010 no noso concello.
|
|
|
|
|
| O BNG CONGRATÚLASE DE QUE FINALMENTE O CONCELLO DISPOÑA OS LOCAIS DE ENSAIO DEMANDADOS DESDE HAI ANOS POLO BNG |
|
 O BNG de Oleiros congratúlase de que o goberno local logo de varios anos de demandas do BNG decida finalmente xestionar o material para os locais de ensaio que foi disponibilizado xa hai varios anos grazas ás xestións do BNG
O goberno local anunciaba esta semana a apertura dos locais de ensaio demandados polo BNG de Oleiros en diferentes ocasións con insistencia desde xa varios anos. O BNG congratúlase de que finalmente se dispoñan estes locais para ensaiaren os grupos de música, mais lamentamos que esta medida sexa tomada con varios anos de atraso.
O BNG xa realizou hai varios anos as xestións oportunas, nada menos que en 2006, para que os grupos de música contasen co material necesario para estes locais, sen que o goberno local se dignase a facilitar o espazo correspondente para tal fin.
O material oferecido no seu día pola Dirección Xeral de Xuventude, dirixida naquel momento polo nacionalista Rubén Cela, doárase ao Concello de Oleiros para que este a utilizase en locais habilitados para os grupos de música ensaiaren. Despois de todo este tempo, finalmente, o goberno local anunciou este semana que serán abertos cando estea construída a nova escola municipal de danza.
Entre o material facilitado no seu día pola anterior Dirección Xeral de Xuventude, dirixida polo BNG, atópase material de microfonía e amplificación cuxo valor ascendía no momento da cesión a un total de case 12.000€. Este material estivo gardado durante moito tempo almacenado nos sotos do auditorio de Mera e só poderá utilizarse cando estea construída a nova escola de música.
Con todo, malia un percurso de inactividade de case uns 5 anos respeito da apertura de locais de ensaio para grupos de música, o BNG de Oleiros alégrase que despois de termos demandado a apertura destes locais con insistencia esta iniciativa vexa finalmente a luz.
A seguir facilitamos unha pequena escolma de ligazóns relacionadas coa doazón e a demanda dos locais de ensaio por parte do BNG, demandas que se remontan ao ano 2006 e que se repetiron ao longo dos anos debido á demora do concello en facilitar estes locais:
-Xuventude [Programa de Xuventude] (9-11-2006)
-O Concello de Oleiros incumpre un convenio coa Xunta de Galiza (09/02/2007)
-Oleiros, beneficiado pola estancia do BNG na Xunta e na Deputación (03/4/2007)
-Locais de ensaio: existe o material, existen grupos, mais non hai locais. (25/09/2007)
-Os Sivaritas Goliardos gravarán a súa primeira maqueta e haberá locais de ensaio grazas a unha iniciativa do BNG na Xunta de Galiza (06/11/2007)
-O goberno local segue sen locais de ensaio (11/09/2008)
-Para cando os locais de ensaio? (24/08/2009)
|
|
|
|
|
| EVA CASTRO: ‘ESTA XUNTA METEUME NUNHA LISTA NEGRA’ |
|
 Reproducimos polo seu interese a entrevista publicada hoxe no Xornal.com á deportista internacional oleirense Eva Castro.
Eva Castro: “Esta Xunta meteume nunha lista negra”
"É moi grave que dean cartos a David Meca, que foi suspendido por dopaxe".
A ciclista de mountain-bike Eva Castro conta con varias medallas estatais e internacionais, entre eles un bronce europeo. Malia os seus éxitos, o Xacobeo retiroulle un apoio de 12.000 euros anuais sen os que non pode competir e que si recibiu nos últimos tres anos.
Por que non ten agora axudas?
O Xacobeo díxome que xa non tiña previsto facer patrocinios individuais e que falara coa Dirección Xeral para o Deporte. Falei con eles pero sigo agardando. Sen eses 12.000 euros, eu non podo competir.
Pero a Xunta si pagou a David Meca por un acto.
Iso paréceme moi grave. Hai moitos deportistas galegos de elite sen axudas e é moi grave que se lle dean cartos a deportistas non galegos, incluso a algúns como David Meca, que foi suspendido por dopaxe. Eu estou fastidiada, pero outros moitos tamén o están.
Continúa vostede adestrando?
Claro, por se acaso. Estou buscando axudas pero coa crise, é normal que as achegas das empresas non sexan tantas como antes. Sen os cartos que recibía do Xacobeo terei que renunciar, é así de triste, pero é o que hai. E estamos falando de 12.000 euros, non dun millón.
O Xacobeo di que antes non se aplicaban criterios obxectivos e que non se tiñan en conta os resultados para dar axudas.
É indignante que digan isto. Eu recibín cartos do Xacobeo e obtiven resultados; non estou pedindo por pedir. A min tamén me deron esa explicación e doeume moito. Se cadra había algún deportista que recibía axudas da Xunta e rascaba a barriga, pero eu?
Di a oposición que vostede está nunha lista negra, cre que é certo?
A min tacháronme. Estou nunha lista negra, segurísimo.
Por que?
Non sei, supoño que basta que me axudasen outros antes, a política funciona así, pero se me axudan, eu terei que ser agradecida. Logo dixen nunha entrevista que igual tiña que colgar a bici por falta de axudas, pero eu non me metín con ninguén.
Cre que iso foi suficiente para que a marxinasen?
Eu non lle faltei a ninguén nin nunca tiven problema con ningún partido político. O que teño claro é que agora non teño nada que perder e que antes de todo, son persoa. Vou coa verdade por diante porque non lle fixen mal a ninguén. |
|
|
|
|
| O BNG DE OLEIROS NON COINCIDE CO GOBERNO LOCAL NO EXPEDIENTE DA ESCOLA DE MÚSICA |
|
 Onte martes celebrouse unha Comisión Informativa en que se deu conta das conclusións do expediente de investigación do goberno local a respeito da Escola Municipal de Música de Oleiros. O BNG, na demanda de transparencia e do exercicio da legalidade por parte do concello e para que os intereses dos veciños e veciñas estean sempre por diante dos intereses das empresas que prestan os servizos, motivou a apertura dese expediente e con cuxas conclusións difire:
O informe xurídico é substancialmente correcto mais omite o esencial, que é a coincidencia do obxecto social co posto de funcionario. Sendo certo que a prohibición de contratar un funcionario non se extende a calquera Administración dita prohibición si afecta cando exista coincidencia entre o obxecto de prestación de contrato e o seu posto de funcionario, aínda que as Administracións sexan diferentes.
1.- A Escola de Música, aínda sendo de titularidade municipal, depende da Consellaría de Educación (onde prestan servizos os funcionarios), non só respeito da súa creación senón tamén respecto do seu réxime de funcionamento. Así o estabelece a Orde de 11 de marzo de 1993 (de condicións de creación e funcionamento das escolas de música e danza).
2.- Existe relación directa entre a Escola de Música (obxecto de contrato) e os Conservatorios de Música (onde prestan servizos os funcionarios), na medida en que moito alumnado da Escola de Música pode acceder aos Conservatorios.
3.- O Decreto 39/1994, de 17 de febreiro declara de interese público a actividade realizada por funcionarios en escolas de música, aos efectos de aplicación de réxime de incompatibilidades, mais só se dita prestación en ditas Escolas se fai en réxime de contratación laboral, mais non cando, como é o caso, se fai en réxime de contratación administrativa por medio de persoa xurídica interposta.
Conclusión : os exemplos postos pola secretaria-interventora no seu informe non son de aplicación. Neste caso non é que o concello de Oleiros non poida mercar periódicos nun quiosco propriedade do cónxugue dun funcionario da Xunta. Neste caso o fundamental, o trascendente, é que o goberno local adxudicou un contrato para a xestión dunha escola de música a unha empresa propriedade dun funcionario que presta servizos como profesor de música noutra Administración (Consellaría de Educación), si, mais da cal depende educativamente dita Escola de Música e que, ademsis, o proprio funcionario pode ter relación directa co alumnado ao cal a súa empresa impartiu docencia.
*A Empresa concesionaria da xestión da Escola Municipal de Música de Oleiros ten aberto un expediente pola Consellaría de Educación sen resolver. |
|
|
|
|
| A URBANIZACIÓN DE ICARIA PRECISA DUN NOVO ASFALTADO |
|
 A urbanización de Icaria, unha das máis importantes do noso concello, tanto polo número de vivendas como pola coexistencia da función residencial e a industrial, precisa dun novo asfaltado xa que nas rúas interiores desta urbanización hai zonas con numerosas fochancas, sendo algunhas delas de grande profundidade.
O goberno local debe acometer con carácter de urxencia a reparación destes buratos na citada urbanización e, posteriormente, realizar o correspondente asfaltado da zona.
Resulta lamentábel que o goberno local, a través da policía local que patrulla as diferentes zonas do concello, non tome nota de asuntos como este para cando menos subsanar aqueles problemas máis urxentes, pois moitos vehículos que circulan por estas rúas, ademais dos veciños e veciñas da zona, atópanse na actualidade coa dificultade de eludiren os furados que apresentan as vías de comunicación da urbanización de Icaria.
|
|
|
|
|
| O BNG DE OLEIROS PROPORÁ AO PLENO A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE ROSA DÍEZ COMO 'PERSONA NON GRATA' |
|
 Diante das descualificacións realizadas por Rosa Díez a respeito do xentilicio “galego” engadindo ela “no sentido máis pexorativo do termo”, o BNG de Oleiros proporá ao goberno local e ao Pleno Municipal unha declaración institucional en que se considere Rosa Díez “persona non grata” neste concello por ter realizado publicamente este tipo de declaracións e por non ter pedido desculpas senón reafirmarse nos seus comentarios. Esta iniciativa debe estenderse a calquera persoa que descualifique os galegos e as galegas polo simple feito de o sermos.
Os oleirenses e oleirensas, como galegos e galegas que somos, non podemos pasar por alto calquera ofensa á nosa identidade galega, pois, independentemente da opción política que cada galego ou galega teña, estamos unidos/as por un sentimento de pertenza a esta terra chamada Galiza. Por iso, o BNG proporá que esta declaración de “persona non grata” para Rosa Díez sexa mantida até non se retractar publicamente das declaracións contra os galegos e galegas que realizou na pasada semana, pois, ademais, xa non é a primeira vez que realiza declaracións contra a identidade galega.
Non é de recibo que unha representante pública se manifeste dunha maneira tan despectiva contra a identidade dun pobo, e que, lonxe de se retractar das súas declaracións, teña manifestado a posteriori que as persoas que a censuran por tales declaracións non teñen sentido do humor, ou que están “acomplexadas” ou que son “perturbados nacionalistas” por criticaren a súa actitude. A falta de respeito para cos pobos e as súas peculiaridades como tales pobos da señora Díez evidencian o seu escaso nivel humano e intelectual e a arrogancia de tales declaracións descualifica a propria persoa que as emite. Polas razóns aducidas, por tanto, o BNG apresentará unha declaración institucional polo rexistro para compartir co resto dos grupos municipais un rexeitamento unánime de tales declaracións. |
|
|
|
|
| O BNG DE OLEIROS XA PROPUXO HAI 8 ANOS A PEONALIZACIÓN DA CANTEIRA DE PERILLO |
|
 O BNG de Oleiros alégrase de que o goberno local logo de 8 anos da proposta realizada polo BNG feita a través dunha iniciativa para a inclusión no Orzamento Municipal, como tamén en proposta fóra do referido orzamento, para a peonalización do centro histórico de Perillo, finalmente o goberno teña acometido esta peonalización do centro histórico de Perillo, como demandabamos desde hai xa 8 anos.
O BNG de Oleiros congratúlase tamén de que o goberno local teña acometido propostas do BNG como a pista de skate, a oficina estábel de Turismo en Santa Cristina ou que tivese continuado con iniciativas levadas a cabo polo BNG: música na rúa, ordenanza das terrazas, xestión dos pavillóns deportivos, ou as campañas de normalización lingüística.
Agardamos que outras propostas razoábeis e que benefician o conxunto do concello como a rede wi-fi, o servizo de aluguer de bicicletas ou o tanatorio público sexan tamén tidas en conta para a súa execución, mais esperamos que os veciños e veciñas non teñan que agardar 8 anos só para que o alcalde poida presumir da idea e autoría destas iniciativas.
A zona do centro histórico de Perillo, así como outras zonas como o centro histórico de Santa Cruz ou mesmo Xoez en Mera ou outros centros históricos deberían tamén ter unha zona de peonalización e de protección.
|
|
|
|
|
| O ALCALDE DE OLEIROS OFRECE Á XUNTA TERREOS QUE NON TEN |
|
 Diante da polémica suscitada polo ofrecemento do alcalde de Oleiros á Consellaría de Educación duns terreos que non son propriedade do Concello o BNG quer aclarar o seguinte:
1) Os terreos dos que fala o alcalde e que foron ofrecidos xa á Consellaría seguen a ser a día de hoxe propriedade da Fundación Tenreiro.
2) A Consellaría non pode executar a construción de ningún edificio público sen contar coa cesión de terreos municipais por parte do Pleno do Concello tal e como aconteceu por exemplo cos terreos para a construción do Centro de Día nas Galeras, cesión efectuada hai tamén dous anos e cuxa construción se atopa practicamente rematada. Outros terreos tamén cedidos polo Pleno foron os do Centro de Saúde de Oleiros á Consellaría de Sanidade.
3) O feito de ofertar terreos que non son aínda municipais constitúe unha irresponsabilidade do alcalde ademais dunha falta de respeito á entidade proprietaria e aos veciños e veciñas de Oleiros, por mentir para eludir a propria irresponsabilidade e incompetencia do goberno local.
4) A Fundación Tenreiro non pode autorizar unha permuta tal e como lle ofreceu o alcalde no seu momento nin unha cesión gratuita sen a preceptiva autorización da Xunta de Galiza ao padroado desta Fundación, polo que en calquera dos supostos tanto a Xunta de Galiza como o goberno local máis unha vez volven pecar dun reiterado defeito: a falta de diálogo e de capacidade de negociación polo ben do interese común, neste caso un novo colexio no concello de Oleiros. O goberno local, mentindo e culpabilizando terceiros e a Xunta de Galiza obstruindo como está a facer en asuntos tan importantes para o concello como o proprio Plan Xeral.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|