BNG. MEIRA


Espazo do BNG Meira


Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego



RSS to JavaScript


Anuncio electoral do BNG das Eleccións ao Parlamento Europeo from BNG on Vimeo.






MEIRA
 CATEGORÍAS
 Ligazóns
 POST DESTACADOS
 buscas algo?
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 FOTOBLOGOTECA

Problemas coa auga en Meira
O BNG INFORMA:
O pasado mes de agosto produciuse unha forte diminución do nivel de auga nos depósitos do Concello de Meira, reducíndose o caudal nas vivendas con pisos altos e naquelas que se atopan na parte alta do concello.
A situación máis grave deuse na segunda semana do mes de setembro, cando houbo casas que quedaron sen auga durante catro días.
Despois deste suceso, o pasado venres 9 de setembro, e nesa situación real de vivendas e locais comerciais con carencia de auga, procedeuse por parte do Concello á limpeza do paseo arborado, con auga da traída, situación ben rechamante, tendo en conta a seca que estamos a sufrir con carácter xeral e os problemas sinalados na subministración de vivendas e locais comerciais.

POR ESTE MOTIVO O BNG LEVA AO PLENO DO CONCELLO DE MEIRA AS SEGUINTES PREGUNTAS:
1.Cales foron as medidas de aforro que puxo en marcha o Concello de Meira no consumo de auga?
2.Porque non se informou publicamente aos veciños da situación e dos motivos das carencias de auga que se produciron na subministración de auga potable do Concello?
3.Cal foi o motivo da limpeza do paseo existente na praza?
4.Por que non se lle deu prioridade ao mantemento do servizo público de subministración de auga para os veciños e veciñas afectados?
5.Considera esta alcaldía que o prioritario é lavar unha beirarrúa e como consecuencia deixar sen ese servizo público aos veciños e veciñas usuarios do servizo?

O BNG DE MEIRA QUERE POÑERSE Á DISPOSICIÓN DOS VICIÑOS PARA TENTAR RESOLVER PROBLEMAS E DÚBIDAS.
CONTACTA CON NÓS A TRAVÉS DOS TELÉFONOS 628007526 (Xosé Salgado), 660059569 (Raquel Abraira), 625966551 (Felipe Nieto). TAMÉN PODES PÓRTE EN CONTACTO A TRAVÉS DA INTERNET: www.facebook.com/bngmeira ou www.blogoteca.com/bngmeira
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 20-09-2011 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Meira ó revés.
Unha vez sacados á luz os que serán os equipos que disputarán o partido electoral en Meira podemos descubrir que algúns tentan por tódolos medios coller o manual de xogo e rachalo. Vale todo. O criterio e a valía persoal sitúanse coma as derradeiras das características. Todo por unha presa de votos. Apúntase cara persoas concretas para conseguir o voto das súas extensas familias sen ningún tipo de recato.

Tanto me dá que o PSOE propuxera a Antonio de Dios como candidato coma que este mesmo aceptara tal aventura. Como pode ser candidato dun partido que se di “socialista” un señor que pide o voto para a dereita máis rancia e que fai do clientelismo a súa forma de gobernar?? É unha persoa que usa o favor persoal para acaparar apoios. É que o PSOE non mira a quen pon de candidato ou é que lle dá igual con tal de ter un alcalde máis?? Polo que respecta ó candidato en cuestión podo dicir outro tanto. É que ten pensado deixar de lado a política personalista para adicarse a ofrecer políticas sociais de integración?? Vai usar o centro de día para beneficiar ás persoas dependentes que non teñen quen quede con eles durante a xornada laboral?? Sabe realmente ó que significa ser de esquerdas ou é que se arrima a uns ou a outros segundo lle chove??

Pola parte do PP hai outras tantas incoherencias. Un grupo político que fai catro anos lle deu o seu voto no pleno de investidura ó PSOE no caso máis grave de transfuguismo de todo un partido. Un grupo que demostrou neste mandato que non sabe ser oposición. Tendo a lista máis votada non foi quen de levar a pleno ningunha proposta que beneficiara a Meira e ó seu concello. Aínda nos quedan dúbidas de que o que buscan NON é mellorar Meira?? Teñen algo que ofrecernos a tódolos meiregos e meiregas??

Por recordar un exemplo claro de non fai moito: Calquera destas dúas opcións anteriores van procurar facer máis vivendas de promoción pública en Meira para os meiregos e meiregas ou, como opción máis probable, directamente non han nin intentar facer máis??

Con respecto á lista independente só debo dicir que non hai que ter ningunha dúbida de que o espacio da esquerda está defendido sempre que o BNG estea presente. O BNG é unha forza asemblearia na que a opinión de tódolos seus integrantes é respectada e tida en conta. É unha forza na que só teñen cabida as políticas que beneficien á comunidade. Temos na lista todo un grupo de persoas que teñen demostrado dun xeito ou doutro a súa valía á fronte de proxectos que repercutiron beneficiosamente no conxunto de Meira. Tivemos o exemplo da Asociación Xuvenil Meira, da mellor tempada recordada nunha instalación municipal coma é a piscina e agora coa Asociación M de Meira. Durante os seus 3 anos de vida, esta asociación leva investido en Meira proporcionalmente moito máis ca ningunha outra das institucións do concello. Cun número de socios cativo e aos que se lles pide una achega simbólica anual conseguimos facer actividades por un volume 20 veces maior co recibido e nunca cara os caprichos dos propios directivos senón sempre cara o conxunto da asociación e do concello de Meira.

O certo é que non tódalas Políticas son iguais nin tampouco os políticos e políticas. Unhas perseguen a igualdade de oportunidades para todos e todas e outras buscan só o beneficio persoal dos amigos e arrimados.
Comentarios (1) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 22-04-2011 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Aquí está o BNG...de Meira!!!
Xa temos pechada a candidatura do BNG de Meira ás eleccións locais. Cunha lista con moitas mulleres, o BNG é a excepción no concello de Meira onde as listas do PP e do PSOE van cargadas de homes. Levamos representados unha ampla variedade de sectores de Meira.
Esta é a nosa candidatura:
1.María Consuelo Vega Moirón (Portavoz local)
2.Felipe Nieto Pérez (Activista cultural)
3.Xosé Anxo Salgado Agrelo (Activista cultural)
...4.Ermitas Rodríguez Gómez (Gandeira e traballadora nunha empresa de xestión agraria)
5.Fátima Docio Rodríguez (Responsable da oficina de Extensión agraria)
6.Félix Paz Castañal (Profesor de matemáticas)
7.Raquel Abraira Sobrado (Veciña da Valiña e traballadora da Deputación)
8.Nadia Gutiérrez González (Traballadora de hostalaría)
9.María Xosefa Abraira Riopedre (Gandeira de Irimia)

Suplentes
1.Manolo Fernández Rodríguez (Propetario da casa de turismo rural "A Xira")
2.Xoán Carlos Aguiar Redondas (Traballador do PAC de Meira)
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 17-04-2011 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O BNG rexistra no Parlamento perto de 14.000 sinaturas para reclamar a supresión do canon da Lei de Augas
Unha delegación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, entregou esta mañá no rexistro do Parlamento de Galiza preto de 14.000 sinaturas en demanda da derrogación da Lei de Augas.

O portavoz nacional estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, a portavoz parlamentar de Medio Ambiente, Isabel Sánchez; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rubén Cela, candidato á alcaldía de Santiago; Adolfo Muíños, concelleiro do BNG e candidato á alcaldía de Rianxo; Matías da Torre, portavoz municipal de Silleda; Anabel Gulías, candidata á alcaldía de Forcarei; Raquel López Doce, portavoz municipal e tenenta de alcalde da Estrada; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; Francisco da Silva, candidato á alcaldía das Pontes; Gonzalo Castro, portavoz municipal e candidato á alcaldía de Ordes; Xosé María Pérez, portavoz municipal de Frades; Fernando Herrero, portavoz en Soutomaior; Xoán Blanco, portavoz en Vila de Cruces, e Martiño Noriega, alcalde de Teo.

Na rolda de prensa posterior á entrega de sinaturas, Guillerme instou ao goberno da Xunta a “retirar a lei para que non quede dúbida ningunha”, logo de que o conselleiro Agustín Hernández asegurase que mentres el estivese no cargo non se ía facer efectivo o cobro do canon.


O líder nacionalista afirmou que “non ten sentido que o PP aprobe unha lei e logo fagan afirmacións do tenor de que mentres eu sexa conselleiro non se aplicará. Por que alcaldes do PP sacan bandos ou notas de prensa dicindo que están contra a lei de Augas? Como se pode estar en contra de algo que agora o PP di que non existe na realidade?”

“Existe un clamor social contra a Lei de Augas. Hai unha forma moi sinxela de resolver as inquedanzas da xente. Simplesmente o goberno ten que suprimir o canon. Con suprimilo, arreglan”, enfatizou.

Tal e como indicou o líder do BNG, “o que sucede é que o PP balbucea excusas de mal pagador porque acusa o golpe da campaña informativa que o BNG está a desenvolver por todos os concellos do país, con máis de duascentas charlas até este momento”.

“Nós seguiremos explicando o que supón esta lei”, continuou Guillerme, “e o PP ten unha ocasión de ouro de suprimir este canon inxusto” e indicou que “se trata dunha lei cun afán fondamente recadatorio que non pretende racionalizar o consumo nin ten en conta que o subministro público non existe en moitas zonas do país e a lei grava pozos privados e traídas veciñais”.

Guillerme lembrou que a única consecuencia evidente da lei será que “o prezo da factura aumentará de xeito considerábel para os consumidores e, pola contra, os grandes consumidores quedan como estaban”, tal e como apuntou o portavoz nacional, “a Xunta pretende cobrar pola auga dos pozos”.

Iniciativas do BNG

A portavoz de Medio Ambiente do grupo parlamentar do BNG, Isabel Sánchez, explicou o labor parlamentar feito ao respeito deste tema e anunciou que o Bloque vai presentar tamén unha proposición non de lei e unha proposición de lei para a modificación da norma da Xunta.

“Rexeitamos a Lei de Augas porque supón a creación dun imposto directo”, continuou a deputada, “o PP aproba en solitario a Lei de Augas e logo o conselleiro Agustín Hernández di que se nega a a aplicar o canon despois de levar meses dicindo que o BNG mentía ao dicir que se ía ter que pagar polas captacións propias”.

“Minten unha vez máis” afirmou a deputada, “e poñen novas excusas até que pasen as eleccións municipais”.

A campaña informativa do BNG vai continuar ao longo dos vindeiros meses con máis charlas e recollida de sinaturas. Cómpre salientar que, até o momento, celebráronse 200 charlas ás que asistiron preto de 8000 persoas.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 17-02-2011 15:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FERNANDO BLANCO AFIRMA EN MEIRA QUE O PP “INTRODUCE UN NOVO IMPOSTO PARA TODAS E TODOS OS GALEGOS COA LEI DE AUGAS”
María Vega e Fernando BlancoO deputado lucense no Parlamento Galego, o nacionalista Fernando Blanco, participou na tarde do venres 17 de decembro, xunto á portavoz do BNG en Meira, María Vega, nun acto público que se desenvolveu na casa da cultura de Meira. Este acto público, organizado en Meira polo BNG e que contou cunha abundante participación cidadá, incluso procedente de diversos núcleos do rural meirego, tivo como motivo fundamental explicar aos veciños e veciñas do concello as implicacións que vai ter a recente aprobación da nova Lei de Augas, unha lei que o PP en solitario aprobou no Parlamento Galego e que debido ao afán recadador da Xunta de Galiza fará que todas e todos os galegos teñamos que pagar un novo imposto sobre a auga.

O deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Fernando Blanco, advertiu que “o PP aprobou esta lei en solitario e pola porta de atrás porque é unha clarísima suba de impostos que afecta a todos os galegos e galegas e, de feito, vai cobrarlles aos veciños e veciñas pola auga das súas traídas e dos seus pozos particulares que fixeron cos seus cartos”. Fernando Blanco avisou de que “a lei é tan agresiva que todo o mundo vai ter que instalar contadores homologados ou senón en seis meses o canon da auga cobraráselle segundo unha estimación, en función da cantidade de auga que teñan concedida ou calculando o consumo medio dunha vivenda”. Esta lei de Augas obriga tamén ao pago do canon da auga aos titulares de traídas colectivas e comunais, como pode ser o caso das traídas veciñais ou as que se realizan en moitas parroquias en común entre todos os veciños.

Fernando Blanco foi moi crítico con este novo imposto que introduce o PP na Xunta de Galiza xa que “vai supoñer que o actual canon de abastecemento, para todos os usuarios que teñen abastecemento e saneamento xestionado pola Xunta, se multiplique por tres” pasando dos 100 euros ao ano para unha vivenda tipo de catro membros. Ademais, Fernando Blanco fixo fincapé en que esta lei non exime a ninguén do pagamento do canon “porque o PP eliminou as exencións que antes beneficiaban aos núcleos rurais, co que non se libran nin os núcleos de menos de 2.000 habitantes que até agora non pagaban, nin os de menos de 500 habitantes que excluía a lei de 1993”. Neste sentido, o deputado do BNG no Parlamento Galego lembrou que a formación nacionalista, “para defender o noso rural, tentamos introducir unha emenda á lei na que se pedía eximir o pagamento do canon a todos os núcleos inferiores a 2.500 habitantes, pero o PP rexeitouna demostrando que detrás desta lei o único que hai é un afán recadador por parte da Xunta de Galiza”. Fernando Blanco afirmou que a lei é “tremendamente inxusta porque é un novo imposto directo, que non ten en conta as rendas das familias, e porque ademais non distingue entre rural e urbano, gravando igualmente o uso de augas procedentes de captacións privadas ou propias como de captacións procedentes da rede pública”.

O deputado do BNG no Parlamento criticou que, ademais, a lei de augas “é unha lei elaborada de costas aos concellos e de costas á veciñanza, ás agochadas, e calculando a súa aplicación para que non lle supoña un problema electoral ao PP”, pola contra “desde o BNG levamos a cabo actos públicos coma este, de información á cidadanía, para que en todos os concellos e parroquias a xente coñeza as graves consecuencias económicas que a lei de augas vai ter no seu recibo da auga".
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 20-12-2010 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Acto Público pola Lei de Augas en Meira o venres ás 5 na Casa da Cultura
Fernando Blanco, deputado do BNG no Parlamento GalegoA Casa da Cultura de Meira acollerá venres 17 de decembro ás 5 da tarde un acto público informativo, coa participación de Fernando Blanco, deputado do BNG no Parlamento Galego, e María Vega, portavoz do BNG de Meira, para explicar a Lei de Augas que aprobou en solitario o PP, unha lei que encobre unha clarísima suba de impostos porque vai cobrar pola auga á xente que teña pozos propios ou traídas particulares.

O PP aprobou esta lei en solitario porque é unha clarísima suba de impostos que afecta a todos os galegos e galegas e, de feito, vai cobrarlles aos veciños e veciñas pola auga das súas traídas e dos seus pozos particulares que fixeron cos seus cartos. A lei é tan agresiva que todo o mundo vai ter que instalar contadores homologados ou senón en seis meses o canon da auga cobraráselle segundo unha estimación, en función da cantidade de auga que teñan concedida ou calculando o consumo medio dunha vivenda. Esta lei de Augas obriga tamén ao pago do canon da auga aos titulares de traídas colectivas e comunais, como pode ser o caso das traídas veciñais ou as que se realizan en moitas parroquias en común entre todos os veciños.

Por iso, para clarexar todas as dúbidas que se poidan plantexar ao respecto da Lei de Augas, convidamos aos veciños e veciñas de Meira a participar neste acto público o venres ás 5 da tarde na Casa da Cultura.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 16-12-2010 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Galiza só sairá da crise con máis autogoberno e outro modelo económico
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou hoxe que “Galiza só sairá da crise económica se se dota de máis autogoberno e cambia o modelo económico”.

Guillerme participou esta mañá nun almorzo informativo organizado polo Fórum Europa-Tribuna Galicia, ao que asistiu unha ampla representación do mundo económico e social galego -desde o presidende de Caixa Galicia, Mauro Varela, até o secretario nacional de CC OO de Galiza, Xosé María Sánchez Aguión-, así como representantes orgánicos e institucionais do BNG.

Tras unha afectuosa presentación por parte do cabeza de lista do BNG á cidade da Coruña, Xosé Manuel Carril, o líder nacionalista encetou a súa intervención advertindo de que ““atrapados nunha dupla dependencia -do Estado e da Unión Europea- e cun degrao de autogoberno máis que limitado, estamos a cruzar como País perigosas liñas vermellas”.
Así, denunciou que “Galiza padece unha profunda crise fronte á que o Goberno central adopta medidas erradas, cando non directamente contrarias aos nosos intereses, mentres o Goberno galego simplemente non adopta ningunha”.

Guillerme Vázquez salientou que “é público que non compartimos as medidas adoptadas polo Sr. Zapatero para atallar a crise; é notorio que non compartimos a pasividade, a resignación e a impotencia do Goberno do Sr. Feijóo fronte a mesma”

“Fronte á resignación e a impotencia, apostamos pola demanda firme e por formular propostas en positivo”

Neste sentido, subliñou que “fronte á opción da resignación, da impotencia, sempre estéril, o BNG aposta pola opción da demanda firme, da afirmación dos nosos dereitos e da formulación de propostas en positivo”.

Máis autogoberno para saír da crise: coa política unitaria e centralista Galiza leva séculos no furgón de cola do Estado

A este respeito, o portavoz nacional do BNG propuxo para saír da crise “cambiar profundamente o actual modelo económico e, xa que logo, social”. “Apostar por un modelo produtivo fronte ao especulativo; por economías autocentradas, polo equilibrio territorial, por un modelo social máis xusto” explicou.

De igual xeito, considerou imprescindíbel para Galiza “avanzar no autogoberno”. “De entrada, -afirmou- a través dun Novo Estatuto de Nación; dun Estatuto de Primeira, porque o autogoberno é máis necesario se cabe nun mundo globalizado, onde as decisións se toman cada vez máis lonxe de nós e en moitas ocasións en contra dos nosos intereses”. “Nese contexto -salientou- é imprescindíbel ter espazos de decisión propios, (....), con máis autogoberno, porque con esa política unitaria e centralista Galiza leva séculos no furgón de cola do Estado”

“Hai que pór os medios para garantir que o crédito chegue ás empresas”

Como medidas concretas para o primeiro, para o cambio do modelo económico, o portavoz nacional do BNG defendeu que “hai que pór os medios para garantir o acceso ao crédito ás empresas, o principal problema ao que se enfrontan as PEMES, e non o mercado laboral”.

Igualmente Guillerme propuxo recortar os gastos improdutivos, “a empezar polo gasto militar retirando as tropas de Afganistán, ou recortando gastos na Administración, suprimindo Deputacións ou Ministerios con competencias transferidas en exclusiva ás comunidades autónomas”.

“É inaceitábel demandar que se conxelen pensións que xa son de subsistencia”

Pola contra, o portavoz nacional do BNG asegurou que “é simplemente inaceptábel pedir sacrificios á maioría da sociedade para garantir as ganancias da minoría, para nada disposta a facer o menor sacrificio”. Igualmente dixo que “é inaceptábel conxelar pensións, xa de subsistencia, e ao tempo subir os prezos de produtos básicos como a luz ou o gas”.

“O Goberno de Feijóo limítase a botar balóns fóra pero non adopta ningunha medida para reducir o paro en Galiza”

En canto á actuación do Goberno do PP na Xunta de Galiza, Guillerme denunciou que “a parte de aplicar o programa ideolóxico da dereita máis neocon, non tomou ningunha medida para combater a crise e o paro en Galiza, limitándose a botar balóns fóra e dicir que toda a culpa é de Zapatero”.

Neste sentido, Guillerme advertiu de que “non é posíbel facer o exercicio de defender a política de redución do déficit como panacea, como fai o Goberno de Feijóo, aceptando ao mesmo temo un modelo de financiamento inxusto e insuficiente, renunciando a conseguir máis competencias, e ao mesmo tempo queixarse da falla de recursos para atender as necesidades sociais básicas”.

“Señor José Blanco, déixese de propaganda en Galiza”

Por outra parte, Guillerme Vázquez tamén se referiu aos Orzamentos do Estado para Galiza e ás infraestruturas pendentes de realizar en Galiza por parte do Goberno Central.

Con respeito a isto último, o portavoz nacional do BNG asegurou que “non hai máis que ver a crise de nervios en que está sumido o ministro de Fomento para decatármonos de até que punto atinamos cando denunciamos como fraudulento o Acordo do Obradoiro, tan fraudulento como o Plan Galicia do Goberno Aznar.”

Por iso, Guillerme demandoulle a José Blanco que “xa está ben de propaganda, xa está ben de supostas ideas creativas que consisten en ampliar os períodos de concesión das infraestruturas ás empresas privadas, xa está ben, en definitiva, de falar de licitacións de obras cando estas logo non se orzamentan e moito menos se executan”.

Como exemplo, denunciou que “o AVE chegará a Galiza 30 anos despois de que chegase a Andalucía”. “Esa é a realidade; esa é a verdade”, advertiu.

E en canto aos orzamentos do Estado 2011, Guillerme Vázquez afirmou que “son inasumíbeis para o BNG porque son antisociais -ou sexa cargan o custo da crise sobre a maioría social e non sobre os máis poderosos- e porque reducen en 500 millóns de euros o investimento absoluto no noso País”.

“Ningún deputado galego do PSOE ou do PP votou no Congreso contra o Decreto do Carbón”

Guillerme Vázquez tamén aproveitou a ocasión para denunciar o dobre xogo de PP e PSOE que en Galiza votan unha cousa e en Madrid a contraria, aínda que sexa prexudicial para o noso país.

Así, puxo como exemplo, o decreto do carbón hoxe en vigor “que favorece os intereses doutras zonas do Estado e pon en perigo miles de emprego no noso País”. Neste sentido, denunciou que “ante unha iniciativa do BNG que demandaba no Congreso dos Deputados a modificación do Decreto do Carbón, por ser lesivo para Galiza, non contamos nin co apoio do PSOE nin do PP”. “Reitero: ningún deputado galego do PSOE ou do PP votou no Congreso contra o Decreto do Carbón!”, advertiu.

Pola contra, subliñou que “só o BNG é coherente e é coherente porque só serve os intereses de Galiza”.

Nese sentido, Guillerme criticou que “os deputados galegos de PP e PSOE non representan o País, representan só o aparato central dos seus respectivos partidos, e por iso non son útiles para Galiza, convértense nun lastre para o noso desenvolvemento”.

“O BNG está coa Galiza que non se resigna, coa esperanza”

Guillerme Vázquez concluíu subliñando que “o BNG está activo socialmente, cóbado con cóbado coa Galiza que se move e coa Galiza que non se resigna, cos miles de galegas e galegos que este ano encheron as rúas do País para defender a lingua, para defender os servizos públicos e para defender os seus dereitos laborais e sociais”. “O BNG aposta por construír a esperanza”, subliñou.

E rematou mostrando a súa confianza en que “na próxima cita electoral, nas eleccións de Maio de 2011, esa Galiza que non se resigna e que se move lle virará as costas ao programa da inacción e a impotencia que encarna o PP do Sr. Feijóo”.

Na quenda de preguntas do público produciuse un animado debate de 45 minutos no que Guillerme respondeu a 11 cuestións tais como as perspectivas do BNG ante as vindeiras eleccións municipais; a avaliación do Goberno Bipartito na Xunta; as conexións ferroviarias de cercanías; o problema do paro na Galiza ou a situación dos sectores produtivos galegos.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 15-10-2010 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Parlamento Europeo admite a denuncia do BNG contra a piscifactoría en Touriñán
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ven de admitir a denuncia presentada polo BNG contra a autorización da Xunta de Galiza para construír unha piscifactoría en Cabo Touriñán.

O pasado mes de marzo o BNG presentou unha denuncia dirixida á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo na que alertaba da gravidade da construción dunha planta acuícola neste espazo protexido da Rede Natura con “Hábitats prioritarios”.

A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, salientou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela que “deste xeito Bruxelas recoñece que existen indicios de que o Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza está vulnerando a normativa europea”.

A partir de agora a Comisión Europea iniciará unha investigación preliminar sobre os feitos denunciados que nos próximos meses podería desembocar na paralización do proxecto do Partido Popular para Cabo Touriñán.

“O Goberno do Partido Popular está ao servizo duns poucos, non ao servizo dos intereses xerais de Galiza”

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou que “este caso é unha mostra de que o Goberno do PP ten unha política de depredación do territorio e dos espazos costeiros. “Unha política negativa para Galiza -dixo- porque ao final está baseada non no interese xeral senón para os intereses privados duns poucos, e dunha multinacional acuícola en particular ”.

Vázquez asegurou que “esperamos denuncia serva para salvar o cabo Touriñán e como BNG daremos a batalla por preservar eses espazo natural singular”.

Por último, o líder nacionalista subliñou que “isto non significa que o BNG estea en contra do desenvolvemento da acuicultura en Galiza, senón que defendemos que haino que facer dende a ordenación do espazo costeiro, contando cos concellos e confrarías e organizacións ambientalistas e dende o respecto ao medioambiente”.

“O que non pode ser a Xunta de Galiza, como está a facer o Goberno de Feijóo, é ser a correa de transmisión dos intereses particulares, ten que estar ao servizo deste país”.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 07-09-2010 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os gandeiros galegos deixaron de ingresar 200 ME dende que goberna o PP
O portavoz nacional do BNG advírtelle a Feijóo de que “os problemas do país non se solucionan pedindo ao Apóstol”

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Agricultura, Gandeiría e Montes do grupo parlamentar, Tereixa Paz, veñen de denunciar en rolda de prensa a situación pola que están a pasar os gandeiros galegos e a desidia do goberno de Núñez Feijóo que levou a que “dende que goberna o PP, os gandeiros galegos deixaron de ingresar 200 millóns de euros”.

Tal e como asegurou na súa intervención o portavoz nacional, o executivo galego “non puxo en marcha nin unha soa medida para conseguir que, cando menos, o prezo do leite sexa semellante na Galiza ao de outras Comunidades Autónomas ou outros países europeos”.

Así, tal e como exemplificou o líder nacionalista, en xullo deste ano, a media europea do prezo do leite era de 32 céntimos e na Galiza só acadaba os 27,5 céntimos, namentres “o goberno galego non adopta nin unha soa medida para que o prezo sexa semellante”.

“Ante esta situación, a Xunta de Galiza non pode seguir sen asumir ningunha responsabilidade” e advertíulle a Núñez Feijóo de que “os problemas non se solucionan pedindo ao Apóstol. Ten que preocuparse polo que pasa, pola despoboación absoluta do rural. Os gandeiros están desamparados”.

Guillerme Vázquez afirmou que as industrias lácteas son “responsábeis da situación pero, se actúan así é porque o goberno galego estállelo permitindo” e aconselloulle ao Conselleiro Samuel Juárez e a Núñez Feijóo “que se poñan as botas de campo e empecen a tomar medidas máis alá de laiarse. Menos irritación e máis facer”, concluíu.

Peche de 1.200 explotacións

A portavoz de Agricultura, Gandeiría e Montes do grupo parlamentar nacionalista, Tereixa Paz, expuxo na súa intervención a situación pola que está a pasar o sector lácteo no noso país que xa provocou o peche de 1.200 explotacións .

“Despois de 18 meses, podemos dicir que ésta non é unha situación conxuntural, senón crónica e, mentres en outros lugares se recuperaron os prezos do ano 2008, na Galiza o leite está a pagarse 10 céntimos por debaixo”, afirmou Tereixa Paz.

A deputada nacionalista lembrou que “a Xunta ten instrumentos para actuar e facer que esta situación sexa máis igualitaria. Ademáis de culpar á lexislación da situación do sector , o goberno debe porse á fronte para que Galiza recupere o liderado perdido”.

Ausencia do Executivo

Entre as actuacións que podería levar adiante o Executivo galego, Paz lembrou a defensa do BNG da necesidade de levar adiante axudas directas, a negociación a través da Mesa do Leite, ou a penalización ás firmas comerciais que practican o dumping.

Pola súa banda, o portavoz nacional afirmou que “desde logo, o goberno galego debe facer algo máis que non facer nada. Pode preguntarlle ao señor Sarkozy ou a outros presidentes que é o que fixeron para conseguir que o prezo do leite sexa distinto”.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 07-09-2010 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O BNG rexeita a Lei de Administración Pública por abrir a porta á privatización de servizos esenciais
Alfredo Suárez Canal cualifica de “oportunidade perdida” a nova Lei porque non mellora as prestacións dos servizos públicos

Santiago de Compostela,27 agosto, 2010 . O portavoz de administración pública do g.p do BNG, Alfredo Suárez Canal fixou hoxe a posición do BNG sobre o anteproxecto da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e Sector Público de Galiza e afirmou que esta lei “é unha oportunidade perdida” na mellora dos servizos públicos xa que “abre a porta á privatización de servizos esenciais”

Suárez Canal avanzou que o BNG presentará “unha emenda á totalidade” cando o texto sexa remitido á Cámara galega para a súa tramitación.
Para o deputado do BNG, o anteproxecto aprobado, no último Consello da Xunta, “non significa un paso adiante” na mellora de prestacións de servizos aos cidadáns e non racionaliza o sector público galego , “incluídas as deputacións”.

A Lei de Administración pública non axilizará os trámites

Suárez Canal criticou que este texto nos aspire a cambios tan necesarios como: a regulación dos procedementos e tempos de tramitación das subvencións e axudas, asegurar aos cidadáns e as empresas que a relación coa administración sexa máis áxil nos proceso e prazos, concesión para investimentos, investigación ou autorización nos procesos sancionadores e de recursos”.

Na lei tampouco se contempla- dixo Suárez Canal –a implantación dun servizo de resposta inmediata no primeiro contacto coa administración na creación de empresas, rexistros ou consultas axilizando as ferramentas informáticas “ como se fixo na anterior lexislatura coa tramitación electrónica dos trámites”.

Neste sentido, avogou pola axilización dos procesos, iniciada na lexislatura pasada, “para que moita da tramitación coa administración sexa máis eficaz a través das aplicacións informáticas.”

Esta lei non evita as duplicidades

Suárez Canal tamén se referiu “á transparencia” nos procesos de selección de persoal do sector público galego e na de creación de organismos e pediu que esta lei complete o decreto posto en marcha, antes da chegada do PP ao Goberno galego, na procura dunha vía para evitar duplicidades como está a acontecer coas fundacións públicas sanitarias, desenvolvemento comarcal ou deputacións.

Alfredo Suárez Canal manifestou que “non é de recibo” que este texto non aborde as redundancias de competencias como as das deputacións que seguen a ser unha “carga para o erario público”.
A lei non garante a transparencia na contratación de persoal

O deputado nacionalista reiterou a importancia dunha regulación do sector público galego nos procesos de creación de organismos e a garantía dun mecanismo que evite a privatización das axencias ou entes públicos así como a mellora na contratación de persoal nos organismos públicos co nomeamento de tribunais que aseguren a “obxectividade e transparencia”
Finalmente, Suárez Canal avanzou que na tramitación parlamentaria, o BNG presentará unha “emenda á totalidade”, se o texto non inclúe aspectos que o melloren.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 28-08-2010 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
BNG vai apresentar un texto articulado de Novo Estatuto que incluirá a palabra nación
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a formación nacionalista vai presentar un texto articulado de Novo Estatuto no Parlamento Galego que incluirá a palabra nación.

“Imos tomar a iniciativa e facemos un emprazamento ás demais forzas políticas para que non obstaculicen o avanzo do autogoberno do noso País. O emprazamento facémosllo especialmente ao presidente do Goberno galego”, afirmou o líder do BNG durante unha comparecencia informativa no transcurso da cal avaliou a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut.

“Coñecendo o fallo, pero faltando por coñecer na súa literalidade os fundamentos xurídicos”, dixo, “o que é evidente é que a sentenza do Tribunal Constitucional anula varios artigos do Estatut, todos eles, na nosa opinión, importantes sobre a previsión da organización da Xustiza e poñendo límites á oficialidade plena do catalán, pasando por eliminar competencias exclusivas sobre caixas de aforro”.

“Para o BNG é unha sentenza negativa que fixa teitos competenciais restritivos e que impide claramente o avanzo na configuración do que nós cremos que é a realidade deste Estado, unha realidade plurinacional, plurilingüística e pluricultural”, afirmou.

“A sentenza do TC para nós é simplemente inaceptábel, estamos falando dun texto estatutario que é froito dun acordo político, aprobado polo Parlament de Cataluña, polas Cortes do Estado e en referéndum popular”, sinalou. “Non cremos que sexa minimamente razoábel que despois de todo este proceso, de expresar a vontade popular, sexa un Tribunal o que veña a constituírse en terceira Cámara lexislativa e acabe decidindo o que é legal e o que non”, dixo o portavoz nacional.

“O TC NON ESTÁ PARA ISO”

“Fronte as voces que din que para iso está o Tribunal Constitucional, nós afirmamos que non está para iso”. Así, puxo como exemplo unha hipotética reforma da Constitución” e perguntouse se nese caso tería algún papel que desempeñar o TC. “Quen definiría os límites desa reforma? Pois exclusivamente as forzas políticas e as cámaras representativas. Desde logo ninguén pode imaxinar que o TC fose considerar inconstitucional unha eventual reforma da Constitución logo de que o pobo soberano se pronunciase en referendo”, respondeu.

“Cabería na cabeza de alguén que feita esa reforma un tribunal viñese determinar se é constitucional ou legal? Non cabería na cabeza de ninguén. Entón por que para un Estatuto si cabe esa intervención?”, cuestionou retoricamente. “Os estatutos son tamén parte da arquitectura constitucional do Estado e, polo tanto, nós negamos a capacidade dese Tribunal para xulgar sobre leis que forman parte do bloque de constitucionalidade”, engadiu.

“Para o BNG esta situación prodúcese nun contexto no que o Tribunal Constitucional é exclusivamente a ramificación xudicial do PP e do PSOE, é un tribunal partidario, político e bipartidizado”, dixo. “É un Tribunal deslexitimado e, polo tanto, dita unha sentenza política; preocúpalle máis a sacrosanta indisolubilidade da nación española que o pacto político”, afirmou.

Neste sentido, sinalou que a sentenza “materializa o acordo do PP e do PSOE, que os leva a efectivizar un retroceso tamén estatutario, un retroceso económico, social e democrático”.

O PARIPÉ DE PP E PSOE

Diante disto, cualificou de “paripé” a análise da sentenza feita tanto polo PP como polo PSOE. “Non é de recibo que se limiten a analizar quen gaña; o problema non é valorar se gaña o PP ou o PSOE, o problema é que aquí perde a democracia e a convivencia”. Así, dixo que “era o señor Zapatero quen dicía que aceptaría o Estatuto que o Parlament de Cataluña elaborase e hai que recordar tamén que foi o PP o que introduciu o recurso de inconstitucionalidade contra este Estatut”.

AUTOGOBERNO, DIGNIDADE E DEBATE PARA UN NOVO ESTATUTO

O líder do BNG afirmou que “os pobos teñen dereito a ter capacidade de autogoberno, a facer verdade ese Estado que eles din descentralizado”.

Así, valorou “moi positivamente a dignidade coa que están a reaccionar as forzas políticas e a sociedade catalá e oxalá que no noso País tivésemos a mesma resposta das forzas políticas que representan os cidadáns de Galiza”. “Esta dignidade lévaos a non aceptar que o centralismo lles marque o futuro para o seu país”, dixo.

O BNG segue demandando un Estatuto de Nación para Galiza e un Estatuto de primeira e non acepta os límites impostos por PP e PSOE, partidos que non dubidan en utilizar o TC ao servizo da súa estratexia de recentralización, afirmou.

“En calquera caso, seguimos dispostos a dar o debate político, cremos que necesitamos un Novo Estatuto de Nación, e emprazamos ás demais forzas políticas a non impedir este debate”, afirmou. “Era Núñez Feijóo quen dicía que estaba esperando esta sentenza para propoñer a reanudación deste debate, a nós tampouco se nos escapa que foi o PP quen impediu a reforma, baseándose nunha cuestión de que non figurase o termo nación no Estatuto”, “pois ben, agora resulta que das poucas cousas que o Tribunal Constitucional non rexeita é que figure o termo nación”, lembrou.

Así, anunciou que o BNG presentará “un texto articulado que nos pareza adecuado ao que necesita este País, non nos imos poñer límites a nós mesmos, a nós non nos vai condicionar esta sentenza”.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 29-06-2010 15:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, realizou o pasado xoves 11 de xuño unha visita a Sarria, enmarcada no programa destinado a coñecer de primeira man o labor transformador do nacionalismo como forza de goberno no ámbito municipal. Alí sinalou que “unha das cousas nas que somos especialistas os galegos é na produción láctea, por iso require o apoio decidido dos gobernos; hai que controlar os mercados e hai que garantir un mínimo de prezos para que a xente do agro poida subsistir dignamente”.
“Estamos nun contexto de crise económica que, no caso galego, se vén acentuando dende o punto de vista da creación de emprego coa destrución dos nosos sectores produtivos básicos; en concreto, o sector lácteo segue pasando por unha situación absolutamente preocupante”, afirmou.
O líder do BNG destacou que “é unha evidencia que se seguen pechando explotacións, neste ano pasado aproximadamente outras 1.000 explotacións desapareceron e todo isto está ocorrendo coa falta de apoio do Goberno central e do Goberno da Xunta e, por suposto, cunha política da UE que non cuestionan nin o Goberno central nin o Goberno de Núñez Feijóo”.
“No caso galego parécenos absolutamente alarmante que a actual Xunta de Galiza non teña ningunha política de apoio ao sector lácteo e non defenda ningunha posición para intentar cambiar esta situación”, dixo. “En definitiva, o Goberno galego nin está nin se lle espera”.
Conversando co titular da explotación láctea
“Polo tanto, un emprego no medio rural e no sector produtivo é tan importante como en calquera outro sector e seguir afirmando, como afirman os gobernos, que van desenvolver o medio rural sen que haxa base produtiva, pois, que nolo expliquen; é imposíbel desenvolver o medio rural, é imposíbel fixar poboación e é imposíbel que non haxa unha caída de poboación se non hai no que traballar”, afirmou Guillerme Vázquez.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 12-06-2010 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
“O CONCURSO PARA O BAR-RESTAURANTE DO MUÍÑO DO PARQUE PERMITE MONTAR UN MCDONALDS”
“A experiencia profesional e o proxecto de explotación só se valora cun máximo de 10 puntos dun total de 50, co que gañará o concurso aquel empresario que se comprometa a poñer máis diñeiro, sen valorar as potencialidades de xestión”.

Ao priorizar o anticipo da renda ou os investimentos en mobiliario estáselle dando vantaxe a empresarios con certo poder económico.

Esta mañá, o BNG de Meira fixo pública a súa análise sobre as condicións propostas polo goberno municipal e que rexerán o contrato de arrendamento do bar-restaurante do muíño restaurado, situado no Parque da localidade. O BNG foi enormemente crítico cos criterios seleccionados no prego de condicións xa que “os dous criterios que máis puntúan responden a investimentos económicos, concretamente o poder anticipar a renda e máis os investimentos en mobiliario, co que lle está a dar vantaxe a empresarios locais e tamén foráneos con certo poder económico”.

O BNG de Meira, expresou moi graficamente o seu desacordo co sistema de puntuación estabelecido polo goberno municipal de TEGA, “ao primar criterios económicos e darlle tan pouca puntuación á experiencia profesional e ao proxecto de explotación podería ser perfectamente posíbel montar un McDonald's”. Neste sentido, o Bng de Meira explicou que “a experiencia profesional e o proxecto de explotación só se valora con 10 puntos dun total de 50, co que gañará o concurso aquel empresario que se comprometa a poñer máis diñeiro, sen valorar as potencialidades de xestión”.

O BNG en Meira afondou nos criterios de puntuación estabelecidos para o arrendamento do bar-restaurante e explicou que, dun total de 50 puntos, de xeito directo pódense acadar 40 puntos en base a requisitos unicamente económicos:

-adquirir o compromiso de adiantar a renda durante o período que dure o contrato (10 anos) puntúa un máximo de 20 puntos.

-facer investimentos en mobiliario puntúa un máximo de 10 puntos

-contratar persoas empadroadas en Meira, máximo de 10 puntos (2 puntos por persoa empadroada).

Segundo estas contas, o Bng de Meira reafirmouse explicando que “queda claro que priman os intereses económicos por riba de garantir unha boa xestión, que poida ofrecer aos visitantes de Meira e do contorno no que se sitúa o estabelecemento, o parque municipal, unha alternativa de hostalería que ademais de ser rendíbel economicamente sexa tamén un atractivo gastronómico e turístico”.

Pola súa banda, o responsábel local do BNG de Meira, Xose Salgado, preguntouse como é posíbel que un dos criterios que puntúa sexa realizar investimentos en mobiliario e por que se necesita este mobiliario “cando a Consellaría de Innovación e Industria da anterior Xunta de Galiza, estando dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, outorgou unha subvención de 140.000 euros para equipamento e mobiliario do bar-restaurante do Muíño”.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 09-06-2010 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Visita de Ana Miranda e Antón Bao a Meira
Antón Bao, María Vega e Ana Miranda
Onte visitáronnos dous referentes do BNG en Lugo e en Bruxelas, Antón Bao e Ana Miranda. A nosa portavoz María Vega falou do que ó BNG de Meira lle parece que se tería que ter feito neste concello para que a crise fose máis levadeira. Entre os tres deron unha charla informativa das medidas que o BNG considera que serían oportunas contra o modelo que o goberno do Estado (PSOE) e de Galiza (PP) intentan por tódolos medios impoñer que, según dixo Bao, "...son básicamente o mesmo, xa que, aínda que o PP agora se opón, é simplemente por estratexia política. Si lles tocara agora mesmo ter responsabilidades de goberno, xa anunciaron que terían feito o mesmo." Despois da charla abriuse un debate no que tódolos asistentes (40 persoas) puideron facerlles aos oradores as preguntas que creron oportunas. Preguntouse pola central que se quere instalar no río Eo na Ribeira de Piquín coa que estamos totalmente en contra. Preguntouse pola lingua e o decreto galegófobo do que se comentou que se interpoñerá recurso contra o mesmo por vulnerar a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias. Tratáronse tamén outros temas do eido económico. Máis adiante seguiremos realizando este tipo de actos con máis representantes do BNG.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 14-05-2010 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Acto público do BNG de Meira

O vindeiro xoves 13 de maio visitarán Meira o Vicepresidente da Deputación Provincial e a Representante do BNG no Parlamento Europeo. Veñen a falar das Propostas do BNG contra a crise económica.

ESTADES TODOS CONVIDADOS.
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 11-05-2010 01:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O BNG de Meira móllase pola Ribeira de Piquín
O pasado sábado 8 de maio o BNG de Meira acudíu á chamada dos nosos compañeiros da Ribeira de Piquín. Tratábase de defender o símbolo máis representativo da Ribeira: O Río EO.
Unha empresa do sector enerxético quere facer unha presa para desviar o cauce e levalo río abaixo ata o pobo de Mende onde producirá a electricidade.
Dita construción botaría literalmente aos pescadores do río xa que, ese 10 por cento que é o caudal ecolóxico, non serviría para soster unha poboación piscícola destacable e moito menos para asegurar a subida do salmón. Convertiríao nun regato durante casi todo o ano polo que tamén quedaría sin atractivo para toda aquela xente que ven velo. Por poñer un exemplo, todos os que coñecemos algo a zona, podemos imaxinar como quedaría unha área recreativa como é "A Retorta".
Mentres tanto a empresa concesionaria pretende sacar beneficios sin deixar nada a cambio. Xa teñen a maquinaria de publicidade funcionando e tratan de convencer aos viciños de que todos van beneficiarse. Alguén cre que cando o río EO pase prácticamente seco han vir os pescadores? E os turistas que o queren ver? Evidentemente a resposta está clara: Todo isto desaparecerá. E logo, que beneficio vai deixar? Se cadra uns poucos menús do día mentres se constrúe? E o futuro? Unha instalación desas aténdea como moito unha persoa cando avería. O resto do tempo é un equipo informática quen a atende de maneira autónoma. E eses postos de traballo que andan prometendo, onde están logo?
Mentiras todas estas, sen dúbida, para confundir aos viciños e esperar a que o proxecto vaia pasando trámites para logo sacar partido eles e só eles.
Sen embargo, no BNG, non estamos dispostos a pórllelo doado. En cada manifestacion, en cada acto, alí estaremos para inchar ben os nosos pulmóns e poder berrar con máis forza se cabe: O RIO EO, QUERÉMOLO CHEO!!!
Comentarios (0) - Categoría: Aberto a todos - Publicado o 11-05-2010 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis